E para rematar as reportaxes sobre deportes olímpicos, o alumnado de 6º de Primaria achéganos ao skateboarding ou monopatinaxe. Este deporte debutou nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 celebrados en 2021 e repetirá en París 2024. No video cóntanvos como xurdiu este deporte, que posúe unha linguaxe propia e que hai unha deportista coruñesa que compite a nivel internacional entre outras moitas cousas. Non o perdades!
Good-bye Chloe!
Esta semana, entre apertas e bágoas, despedimos a Chloe, a nosa auxiliar de conversa neoyorquina que nos acompañou durante todo o curso. Os alumnos/as fixéronlle debuxos, escribíronlle tarxetas, asináronlle unha camiseta e sacaron as últimas fotos de recordo con ela.
Dende toda a comunidade educativa, querémoslle agradecer o seu traballo no noso cole e desexámoslle que teña boa viaxe de volta e que pase un bo verán. As portas do noso centro sempre estarán abertas para ela.
FONDO LIBROS 24/25
Aberto o prazo ata o 21 de xuño.
O luns 20 de maio, publicouse no DOG a orde do 7 de maio de 2024 que regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o alumnado (código do procedemento ED330B e ED330G). Esta orde contempla dúas modalidades de gratuidade dos libros de texto:
a. Participación no fondo solidario de libros de texto, no noso centro para o alumnado que o vindeiro curso estude 3º e 4º de Educación Primaria (asignaranse os libros por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar). Tamén para o alumnado que vaia cursar 1º de ESO no instituto.
b. Axudas para mercar os libros de texto nos cursos de 1º e 2º (240 € para rendas per cápitas iguais ou inferiores a 6.000 € e 160 € para rendas entre 6.000 e 10.000 €).
Ademais refírese ás axudas para adquirir material escolar para toda a educación primaria, serán 75 € para rendas iguais ou inferiores a 6.000€ e 60 € para as rendas entre 6.000 e 10.000 €.
SOLICITUDES:
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario (anexo I) dispoñible na aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros/) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente poderanse presentar presencialmente no colexio (alumnado de 6º no instituto). Cada familia presentará unha única solicitude para todas as modalidades (fondo, axudas e material) e para todos os fillos e deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumno/a.
PRAZOS:
O prazo para presentar as solicitudes rematará o día 21 de xuño de 2024. As listaxes provisionais poderán consultarse no centro o mércores 26 de xuño, e as listaxes definitivas o luns 1 de xullo.
A entrega de vales e libros será dende o día 2 ata o día 5 de xullo.
DOCUMENTACIÓN:
·Anexo I (solicitude) e Anexo II (comprobación de datos dos membros computables das unidade familiar a 31 de decembro de 2022. No caso de opoñerse a esta consulta deberán entregar outra documentación complementaria)
·Copia do libro de familia ou documento acreditativo do número de membros computables. En caso de separación deberán achegar sentencia xudicial ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia
·Calquera outra documentación acreditativa de situacións concretas: discapacidade, violencia de xénero, acollemento...
CÁLCULO DA RENDA PER CÁPITA: A renda per cápita é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do 2022 entre o número de membros computables. Hai que sumaras rendas de cada un dos membros computables da familia; se presentaron declaración, sumarase o recadro 435 máis o 460, se non se presentou teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
VISITA DO ALFAREIRO
Como cada curso, entre os actos programados para as Letras Galegas, contamos coa visita dun alfareiro de Buño para o alumnado de 6º de Infantil e 4º de Primaria. Quedamos abraiados vendo a axilidade que ten para moldear, dar forma, cortar, pintar... E para rematar nós mesmos podemos facer algo coa boliña de barro que nos deu. Que divertido!
TEATRO PARA AS FAMILIAS
Hoxe tivo lugar no centro a última representación para as familias, dentro do ciclo de teatro do mes de maio deste curso. As obras representadas esta tarde polo alumnado do Club de Teatro de 3º de Primaria foron: "A Ratiña Presumida" e "Mago de Oz". Fixérono xenial. Parabéns alumnado e profe encargada!
Deportes Olímpicos: Hockey Herba
O hockey sobre herba é un deporte que forma parte do programa olímpico oficial dende Londres 1908, pero houbo que agardar ata Moscú 1980 para ver unha competición feminina. Este é só un dos datos que nos relatan os alumnos/as de 5º de Primaria no seguinte video.
LETRAS GALEGAS
Na semana das Letras Galegas organizamos un montón de actividades, enfocadas sobre todo a promover o uso da nosa lingua e dar a coñecer a figura de LUISA VILLALTA, a autora homenaxeada deste ano.
Dende o concurso de chapas ao das Letras, actividades on line, a visita do alfareiro, teatro... e para rematar, o acto da Romaría das Letras coa entrega de premios ou o baile do Pesiño de Leilía.
MERCADILLO DE LIBROS SOLIDARIO
Durante os martes do mes de maio o Equipo de Biblioteca organiza o Mercado de Libros Solidario Contamos cun bo número de exemplares para quen queira levalos para a casa a cambio de deixar algún alimento que será doado para Servizos Sociais do Concello e finalmente para as familias que o necesiten. Agradecemos a súa colaboración.
SEMANA DO TEATRO
Na semana da Letras Galegas organizamos a SEMANA DO TEATRO. Queremos amosar á Comunidade Educativa o noso traballo que levamos preparando ao longo dos recreos de todo o curso. Moito talento observamos por aquí e de seguro que contamos entre nós con algún actor ou actriz do futuro.
Ao longo da semana pola mañá representación das obras do Club de Teatro para mestres e alumnado do colexio: "A Ratiña Presumida", "Mago de Oz", "Zongalo Quirico" e "Unha Clase imposible"; e na tarde de hoxe, martes, segunda obra para as familias, nesta ocasión o alumnado de 4º de Primaria que representou "Zongalo Quirico".
Parabéns para o alumnado e o profesorado implicado!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »