Os bosques

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O século XXI debe ser o século da igualdade da muller. Contribuamos a que o sexa.   António Guterres

No noso centro levamos a cabo varias actividades para lembrar e reivindicar a igualdade entre homes e mulleres.

Coma cada curso, a ANPA organizou unha actividade na que participou todo o alumnado que quixo, escribindo o nome das mulleres da súa familia nunha folla, que despois formou parte dalgunha das tan necesarias árbores para a nosa vida, en relación co noso proxecto de centro do actual curso "Os bosques".  

 

SEGUIMOS ANTROIDANDO

Rematada a semana dos mandados, na que cumprimos fielmente co que o señor Antroido, este ano a señora Árbore, nos indicou; chegou o día grande!

     

 

E aló imos todos; caracois, paxaros, árbores, xoaniñas, píntegas, escornabois, raposos... Todo unha fraga do CEIP plurilingüe de Sigüeiro, a desfilar polo pobo e xuntarnos cos nosos compañeiros e compañeiras dos outros colexios do concello. 

   

      

De volta ao cole, a comer filloas, orellas...! E a xogar, que ben o pasamos!!!

 

GRAZAS a todos e todas os que nos axudaron para poder celebrar o antroido dunha maneira tan divertida: a papás e mamás que puxeron música en vivo coa gaita e pandeireta e que nos fixeron filloas alí mesmo no cole (todo un luxo), á ANPA que nos acompañou no desfile portándonos a pancarta, ao concello que nos brindou a súa axuda a través dos membros de protección civil... Sen a vosa axuda, todo iso non sería posible.

 

 

VISITA DE 1º E 2º AO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

Os días 6 e 7 deste mes o alumnado do 1º ciclo de primaria fixo unha visita guiada ao Museo de Historia Natural da USC. Alí puideron coñecer máis sobre os animais e o seu hábitat así como algunha curiosidade que lles chamou a atención. Por exemplo, sabiades que a curuxa caza pola noite porque o seu voo é silencioso debido a que o vento non penetra entre as fibras das plumas? Ou que o cuco é un paxaro moi listo que pon os ovos no niño doutro para que llos coide? Ou que as píntegas, que viven en lugares húmidos, se andan pola zona é un bo indicador de que a auga está limpa?

 

 

 

Sen dúbida a visita foi do máis interesante porque, ademais, puideron ver diferentes minerais e ata observar varias pedras preciosas adentrándose nunha grande caixa forte!

QUE BEN O PASAMOS CON MAMÁ CABRA!

Chegou o día! Pola nosa biblioteca pasou Gloria e Tomi "Mamá Cabra". Interpretaron temas do seu libro CD "A fraga do meu avó", ademais dalgún outro, como o tan coñecido "Glu glu glu plas plas plas navegando polo mar", do que nos contou que naceu nunha aula de Infantil do noso cole. Divertímonos un montón e soubemos que as fragas están cheas de vida e de moitas curiosidades. Falounos do peto, da pega marza, da píntega, das augas dos ríos ou das fontes, das prantas que curan... E para rematar agasallámolas cunha árbore autóctona para que levasen á súa fraga, unha faia. Queremos que medre moito e que cando a miren lembren ao CEIP de Sigüeiro. GRAZAS por visitarnos!

 

 

 

Mamá Cabra na nosa biblio

28/01/2020 15:07

Xa temos nova data para a visita de MAMÁ CABRA ao noso cole. Será o vindeiro martes 28 de xaneiro a partir das 17.00 h na biblioteca. Presentarán "A fraga do meu avó", un libro CD con contos, lendas e cancións relacionadas cos bosques e co noso proxecto documental integrado.

 

Visita dos bombeiros

Este martes e mércores, días 21 e 22 de xaneiro, visitaron o cole un grupo de bombeiros do Distrito Forestal de Ordes. Con eles puidemos ver o funcionamento de varios dos seus aparellos de traballo entre os que se atopaba o seu camión!

Tamén nos deron a coñecer moita información interesante sobre o coidado dos nosos montes.

 

  

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO: OS NOSOS BOSQUES

Cada día imos coñecendo máis os nosos bosques, sobre todo os que temos máis preto. Grazas a este libro podemos identificar as árbores e animais que habitan nas nosas fragas, na devesa, na carballeira e no souto.

Todo se aprende mellor cunha exposición divertida e amena. Ademais aprendemos algo moi importante:

"Non se pode defender o que non se ama

e non se pode amar o que non se coñece"

 

CANCELACIÓN DO CONCERTO DE MAMÁ CABRA

NOVO AVISO:

Queda cancelado o concerto de Mamá Cabra na nosa biblioteca por indisposición dun  membro do grupo ata novo aviso. Disculpade polos trastornos que puideran ocasionar.

MAMÁ CABRA EN CEIP PLURILINGÜE DE SIGÜEIRO

Temos una nova moi importante!: MAMÁ CABRA visitará a nosa escola o vindeiro martes 19 de novembro a partir das 17.00 h.

O noso alumnado está inmerso no proxecto de "Os bosques" e que mellor forma de aprender que facelo a través da música e da cultura galega.

Así, Tomi e Gloria, de Mamá Cabra, veñen presentar "A fraga do meu avó", un libro C. D. con contos, lendas e cancións relacionadas cos bosques.

Xa sabedes, anotade esta importante cita nas vosas axendas e vide disfrutar con nós á biblioteca da nosa escola. Que non falte ninguén!!