Chega a primavera e en "Botamos un baile?" comezamos a ensaiar o baile das fitas. Encántanos entralazar as fitas de cores e despois volver a desfacer. Pero é moi doado trabucarse, temos que estar moi atentos!
Chega a primavera e en "Botamos un baile?" comezamos a ensaiar o baile das fitas. Encántanos entralazar as fitas de cores e despois volver a desfacer. Pero é moi doado trabucarse, temos que estar moi atentos!
Este curso recuperamos esta actividade de baile galego para os recreos dos xoves que viñamos facendo antes da pandemia. Hoxe foi o primeiro día e foron moitos os que se animaron a probar. Comezamos a valsear, picar por detrás e... ata nos animamos cun primeiro punto sinxeliño.
Xa sabedes, todos os xoves no pavillón, botamos un baile?
Estes días nos que debemos permanecer illados nas nosas casas, chégannos múltiples propostas de actividades para pasar o tempo o mellor posible. Dende Botamos un baile?, non queremos deixar pasar a ocasión sen compartir con vós a canle de youtube de Antonio Prado, un mestre de baile tradicional galego co que podedes empezar a bailar dende cero. Animádesvos?
Este curso volvemos á carga con "Botamos un baile?" e xa estamos montando unha nova "danza das fitas" para as Letras Galegas. E ti, apúntaste?
O pasado xoves, rematamos a tempada de ensaios de "Botamos un Baile". Un curso no que, a través do baile, contactamos cun colexio de Turquía e xuntos levamos a cabo o proxecto e-twinning "Dance is Life". Eles ensináronnos os bailes típicos de Turquía e, ata se atreveron a bailar algo de flamenco!
Nós, escollemos a danza das cintas, como unha mostra da nosa tradición arredor dos Maios e a chegada da primavera. Actuamos diante dos nosos compañeiros/as o pasado 16 de maio e este venres 21 volveremos actuar para as nosas familias.
A través do baile tradicional, traballamos a nosa identidade cultural e comprobamos que non somos tan diferentes a outros rapaces da outra punta do continente. É máis, hai máis puntos en común dos que nos diferencian.
Para poñer o broche final a un curso cheo de baile e tradición, cada participante recibiu un carnet de bailador.
Ata o curso que vén bailadores!!!!
O pasado 16 de maio, os alumnos/as de Botamos un Baile presentamos no pavillón a danza das cintas que levabamos preparando dende comezos de curso. Participaron alumnos dende Infantil ata 6º de Primaria. A música correu a cargo de dous gaiteiros de Lembranzas do Tambre xunto con profesorado e alumnado do centro. Mirade que ben nos quedou...
Durante toda a semana vimos conmemorando as Letras Galegas, con diversas actividades. Os alumnos de 6º de Infantil e de 4º de Primaria achegáronse a un oficio tradicional, o dos oleiros.
Tamén recibimos a visita de Xandobela. Faláronnos de Antonio Fraguas, o homenaxeado deste ano, sobre os seus estudos, os traxes tradicionais...
Non nos esquecemos doutra celebración típica deste mes como son os Maios; así que, entre todos, elaboramos un gran Maio.
E hoxe, o broche final, coa II Romaría das Letras. Primeiramente, coplas arredor do Maio. Despois tivo lugar a entrega de premios aos gañadores do Concurso das Letras Galegas organizado polo EDLG. Catro alumnos/as de 4º recitaron uns versos de Antonio Fraguas. Alumnado de música interpretou o himno galego ao violín, guitarra e piano, baixo as ordes de Begoña.
E coma en toda romaría, o baile non podía faltar. O alumnado de Botamos un Baile dende infantil ata Primaria bailou a danza das cintas que levaban ensaiando dende comezos de curso os xoves no recreo. Para a ocasión contamos coa axuda de Juan e Carlos, dous gaiteiros do grupo Lembranzas do Tambre.
Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a"Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Durante todo este mes de abril, o noso centro acolleu as prácticas de cinco alumnas do Máster de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria (DIDES) da USC. Dúas delas, Bea e Noemí, centráronse na actividade "Botamos un baile?" que levamos a cabo os xoves nos recreos, e desenvolveron un proxecto arredor do baile e a música tradicional en Infantil.
Crearon o Recuncho da Música e a Danza Tradicional Galega e alí desenvolveron obradoiros de instrumentos, baile, cantigas e... ata aturuxos! O alumnado coñeceu de primeira man instrumentos como a pandeireta, o tambor, o bombo, as cunchas, as tarrañolas, a lata de pimentón, a gaita ou o acordeón. Aprenderon picados e puntos de muiñeira e ata se atreveron cunha pequena cantiga.
Nestas semanas, tamén tivemos visitas especiais como a de Julia, unha artesá que fabrica instrumentos, ou a das pandereteiras Sara, Lorena, Roco e Candela que nos deleitaron coas súas voces e a súa mestría riscando a pandeireta.
Para rematar, nada mellor que poñer en práctica todo o aprendido nunha auténtica FOLIADA na que os nosos alumnos/as bailaron, tocaron, cantaron e tamén aturuxaron! Moitas grazas Bea e Noemí por todo o que nos ensinastes!!!
Hai pouco contabámosvos que estabamos a participar nun proxecto e-twinning cun centro educativo de Turquía. É un proxecto de música e baile tradicional, pero tamén é un proxecto de arte, cultura, deseño, creatividade... de vida! Por iso leva por título "Dance is life" (O baile é vida).
En Botamos un Baile estivemos pensando unha coreografía popular para compartir cos nosos socios turcos cara finais de curso e ocorréusenos realizar o baile das cintas ou Maios.
Os primeiros meses, ensaiamos puntos e picados. Ao mesmo tempo, deseñamos logos para o proxecto e ata fixemos unha nube de palabras relacionadas co baile. Despois tocou preparar os paos das cintas que conseguimos do pai da profe Patri e do avó de Yasmín. Xa cos paos, comezamos a bailar e trenzar os lazos... que fermoso!
Aquí un resume das actividades levadas a cabo ata o de agora. Pero aínda queda moito por facer...
Lun | Mar | Mér | Xov | Ven | Sáb | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | 2 | 3 | ||||
4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 |
11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 |
18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 |
25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 |
CEIP de Sigüeiro - Xunta de Galicia - Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, 2016 |