Recuncho da Música e Danza Tradicional Galega

Durante todo este mes de abril, o noso centro acolleu as prácticas de cinco alumnas do Máster de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria (DIDES) da USC. Dúas delas, Bea e Noemí, centráronse na actividade "Botamos un baile?" que levamos a cabo os xoves nos recreos, e desenvolveron un proxecto arredor do baile e a música tradicional en Infantil.

Crearon o Recuncho da Música e a Danza Tradicional Galega e alí desenvolveron obradoiros de instrumentos, baile, cantigas e... ata aturuxos! O alumnado coñeceu de primeira man instrumentos como a pandeireta, o tambor, o bombo, as cunchas, as tarrañolas, a lata de pimentón, a gaita ou o acordeón. Aprenderon picados e puntos de muiñeira e ata se atreveron cunha pequena cantiga.

 

 Nestas semanas, tamén tivemos visitas especiais como a de Julia, unha artesá que fabrica instrumentos, ou a das pandereteiras Sara, Lorena, Roco e Candela que nos deleitaron coas súas voces e a súa mestría riscando a pandeireta.

 

Para rematar, nada mellor que poñer en práctica todo o aprendido nunha auténtica FOLIADA na que os nosos alumnos/as bailaron, tocaron, cantaron e tamén aturuxaron! Moitas grazas Bea e Noemí por todo o que nos ensinastes!!!