Proxectos

Proxectos da Biblioteca

XOGOS OLÍMPICOS DE FIN DE CURSO!

O curso 2023-2024 chegou ao seu remate. Hoxe celebrámolo por todo o alto cos nosos particulares Xogos Olímpicos. Foi unha festa chea de emocións, acompañados polas familias do alumnado e remate do proxecto levado a cabo, ao longo do curso dende a Biblioteca do centro, sobre as Olimpíadas.

Comezou a xornada coa CERIMONIA DE APERTURA, na que todos os niveis portaron a bandeira do seu país e  asistiron ao acendido da pira.

    

    

Posteriormente deron comezo os XOGOS en diferentes espazos do colexio: Natación sincronizada, breakdance, ximnasia rítmica, baloncesto, balonmán, artes marciais e tres versións de atletismo; carreira, marcha e relevos. Tamén participaron as familias! Que divertido!

 

 

 

 

E por último a CERIMONIA DE CLAUSURA coa entrega de medallas feitas coa impresora 3D, unha por alumno.

 

Pero a xornada aínda non rematou, queda unha merendiña e a bailar cun DJ de Tikolandia!

 

BOAS VACACIÓNS!!!

 

OLYMPIC ESCORNABOT NA BIBLIOTECA

Do 27 ao 31 de maio realizouse esta actividade na que o alumnado respondeu a 5 preguntas relacionadas cun deporte olímpico.

As preguntas presentáronse nunha tarxeta e as respostas nun taboleiro realizado polo alumnado de 6º de EP nas clases de plástica.

Para contestar ás preguntas o alumnado colocaba o escornabot na saída, e dirixíao ata a imaxe correspondente.

 

Deportes Olímpicos: Skateboard

E para rematar as reportaxes sobre deportes olímpicos, o alumnado de 6º de Primaria achéganos ao skateboarding ou monopatinaxe. Este deporte debutou nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 celebrados en 2021 e repetirá en París 2024. No video cóntanvos como xurdiu este deporte, que posúe unha linguaxe propia e que hai unha deportista coruñesa que compite a nivel internacional entre outras moitas cousas. Non o perdades!

Deportes Olímpicos: Hockey Herba

O hockey sobre herba é un deporte que forma parte do programa olímpico oficial dende Londres 1908, pero houbo que agardar ata Moscú 1980 para ver unha competición feminina. Este é só un dos datos que nos relatan os alumnos/as de 5º de Primaria no seguinte video.

Deportes Olímpicos: Ciclismo

A rapazada de 4º de Primaria estivo a investigar o ciclismo, un dos cinco deportes que estivo presente en todas as edicións dos Xogos Olímpicos modernos. E aquí temos a súa reportaxe:

Deportes Olímpicos: Artes Marciais

As artes marciais son deporte olímpico dende Sydney 2000, aínda que algunhas como o taekwondo xa tiveran presencia como deporte de exhibición en Seúl 1988 e Barcelona 1992. Os nenos e nenas de 3º de Primaria fálanvos neste video destas prácticas e tradicións centenarias.

Deportes Olímpicos: Tenis

Queredes coñecer outro deporte olímpico? Pois os nenos e nenas de 2º de Primaria fálanvos neste video sobre o tenis, un deporte que se disputou de xeito esporádico ao longo da historia dos Xogos Olímpicos. Aínda que formou parte do programa da primeira olimpiada moderna en Atenas 1896, posteriormente foi retirado e non sería ata Seúl 1988 cando se volveu reincorporar definitivamente. Non perdades detalle do que nos contan os compañeiros de 2º.

Deportes Olímpicos: Ximnasia rítmica

Tralo alumnado de Infantil, tócalle o turno aos de Primaria.

Os de 1º curso, fálannos da ximnasia rítmica, un deporte que debutou no programa olímpico de Los Ángeles en 1984 na modalidade individual e, doce anos máis tarde, en Atlanta 1996 como evento grupal. 

Deportes Olímpicos: Breaking

Nesta ronda polos deportes olímpicos tócalle o turno a un recén chegado, o breaking. Aínda que xa fixo o seu debut nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Bos Aires en 2018, será este ano en París 2024 cando entre a formar parte do programa deportivo olímpico de xeito oficial xunto coa monopatinaxe, o surf e a escalada deportiva. 

E en que consiste o breaking? Pois ollade o que nos contan os alumnos/as de 5 anos...

Deportes Olímpicos: Atletismo

Agora imos falar dunha das disciplinas tradicionais dos Xogos Olímpicos que se vén realizando dende a edición inaugural en 1896. Estamos a referirnos ao atletismo, pero sabedes en que consiste? Os nenos e nenas de 4 anos sábeno moi ben e, ademais, coñecen atletas olímpicos e paralímpicos galegos.

Mirade todo o que descubriron sobre este deporte.