Hai pouco contabámosvos que estabamos a participar nun proxecto e-twinning cun centro educativo de Turquía. É un proxecto de música e baile tradicional, pero tamén é un proxecto de arte, cultura, deseño, creatividade... de vida! Por iso leva por título "Dance is life" (O baile é vida).
En Botamos un Baile estivemos pensando unha coreografía popular para compartir cos nosos socios turcos cara finais de curso e ocorréusenos realizar o baile das cintas ou Maios.
Os primeiros meses, ensaiamos puntos e picados. Ao mesmo tempo, deseñamos logos para o proxecto e ata fixemos unha nube de palabras relacionadas co baile. Despois tocou preparar os paos das cintas que conseguimos do pai da profe Patri e do avó de Yasmín. Xa cos paos, comezamos a bailar e trenzar os lazos... que fermoso!
Aquí un resume das actividades levadas a cabo ata o de agora. Pero aínda queda moito por facer...