Actos, Día de |
Chegou o outono e, como todos os anos, o IES de Chapela celebrou a súa tradicional festa de Magosto-Samaín. Castañas, música, bailes, xogos e disfraces encheron de diversión a xornada, onde tampouco faltaron os sustos e os arrepíos da man de experiencias paranormais como as vividas no túnel do terror! Pica na imaxe para acceder á galería de fotos e aquí para ver as fotos do noso photocall.
|
|||
O venres 31 de maio o IES de Chapela celebrou a XXVIII edición do seu Maratón polas Letras Galegas coa colaboración dos CEIP de Laredo, Igrexa e Alexandre Bóveda. A actividade contou coa participación entusiasta de alumnado, profesorado, persoal non docente, e nais e pais do alumnado dos distintos centros. A carreira tivo lugar nas inmediacións do CEIP de Laredo e a praia de Arealonga e incluíu unha diversidade de categorías e premios, desde infantil ata os maiores de secundaria. Como nas edicións anteriores do maratón, o obxectivo desta xornada foi, ademais de gozar dun día de deporte e convivencia, visibilizar e reivindicar o uso da lingua galega. Ademais, este ano o maratón honrou a figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024. Pincha aquí aquí para ver a clasificación e fotos das premiadas e premiados.
|
|||||
Este 15 de maio, día da Nakba, docentes do IES de Chapela sacan a kufiya en solidariedade co pobo palestino.
|
|||
Un curso máis, a nosa Brigada Violeta participou no Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, que este ano celebrou a súa terceira edición no Museo Verbum (Vigo) o día 26 de abril. Foi unha xornada chea de momentos inesquecibles onde o alumnado puido compartir experiencias e impresións arredor do tema da igualdade e das moitas desigualdades que aínda persisten. Ademais puidemos gozar da actuación musical de Su Garrido Pombo, elaborar un mural colectivo entre todas e todos, asistir a distintas charlas e obradoiros formativos e participar en actividades creativas como o modelado con barro, a realización de chapas ou a introdución á papiroflexia. Moitas grazas ao alumnado e profesorado dos centros organizadores (IES Álvaro Cunqueiro e IES Primeiro de Marzo) e longa vida aos comandos!
|
|||||||
O IES de Chapela sumouse hoxe, 12 de abril, ás concentracións convocadas no ensino co lema “Paremos o masacre en Palestina”. Xunto con outros moitos centros, hoxe alumnado, profesorado e persoal non docente do IES de Chapela alzamos a nosa voz para denunciar o xenocidio do pobo palestino e esixir o cese da violencia. No acto limos o manifesto conxunto subscrito polos centros que apoiamos a iniciativa e un poema sobre Palestina de Luísa Villalta (autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas). Paz e xustiza para Palestina! Podedes ver o vídeo do acto de diúrno aquí.
|
|||||||
Desde o IES de Chapela queremos recordar neste 2 de abril, Día mundial de concienciación sobre o autismo, o noso compromiso por mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista e por avanzar cara á construción dunha sociedade inclusiva. Aproveitamos tamén esta data para compartir convosco un recurso que coidamos que pode ser do voso interese, a nova web de Aspanaes: www.aspanaes.org.
|
|||
Un 8M máis, seguimos reivindicando a igualdade real e efectiva. E dende o IES de Chapela facémolo coeducando. Dende un ensino público e laico, asumimos o compromiso de ofrecer ao noso alumnado e a toda a comunidade educativa experiencias, formación, orientación e unha educación en valores libre de estereotipos de xénero para contribuír á construción dunha sociedade feminista e xusta. Hoxe e todos os días son 8M, día de defender e loitar polos dereitos de todas as mulleres. Velaquí vos deixamos unhas fotos dos actos de conmemoroación do 8M no centro, así como da nova pancarta que loce a fachada do edificio nestes días e do acto institucional do Concello de Redondela no que participou unha representación do alumnado e profesorado do IES.
|
|||||||
O 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, visitounos pola mañá a mesmísima Rosalía. Comprobamos que se atopa máis viva ca nunca. Preme aquí para ver o vídeo.
|
|||||
Hoxe, venres 16 de febreiro, a climatoloxía permitiunos pechar a festa de Entroido por todo o alto cos tradicionais desfiles e coreografías do noso alumnado na pista deportiva. Moitas grazas a todas as persoas participantes no baile de disfraces pola vosa enerxía e atrevemento! Pola súa banda, as nosas compañeiras e compañeiros de nocturno gozaron tamén da súa particular festa de Entroido a semana pasada co seu enterro de modular, en recordo dos ciclos presenciais perdidos, que agardamos que poidan resucitar. Podedes picar na imaxe para acceder á galería de fotos.
|
|||
O 31 de outubro celebramos o noso Magosto / Samaín, nunha xornada chea de castañas, doces, bailes, xogos e sustos. Deixámosvos aquí algunhas fotos e este vídeo do túnel do terror organizado polo grupo de 1º de Educación Infantil.
|
|||