O alumnado do CM de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e do CS de Integración Social de modular, asistiron ao acto de entrega de diplomas aos voluntarios e voluntarias que colaboraron na primeira edición do Día do Maior, celebrada en Redondela o pasado mes de maio. Na mesma xornada tivo lugar o acto de presentación da segunda edición, na que tamén participarán os alumnos e alumnas destes ciclos. Nova en Faro de Vigo.
O IES Chapela pon nome á Biblioteca Municipal de Chapela. A proposta do grupo da biblioteca do IES Chapela de que a poeta, tradutora e profesora Xela Arias Castaño (1962-2003) dese nome á Biblioteca Municipal da parroquia, gañou o concurso organizado polo Concello de Redondela. O IES Chapela quixo lembrar con esta candidatura ademais do labor desta muller galega boa e xenerosa, o seu paso polo noso instituto como profesora no curso 2000-2001. Lembrámoste compañeira!
O día 25 de maio de 2018 celebramos na Aula de Conferencias do IES Chapela o remate de Bacharelato da nosa XXII Promoción. Foi un momento para compartir lembranzas entre o alumnado de 2º Bacharelato, nais, pais e profesorado.
No mesmo puidemos visionar un pequeno audiovisual que por problemas de copyright coa música non podemos subir a plataformas como youtube ou vimeo. Deixámosvos un enlace máis abaixo para que poidades visionalo e descargalo desde a nosa páxina.
Moita sorte a todas e a todos co que a partir de agora enfrontedes. Foi un pracer.
Hoxe, 7 de marzo de 2018, as mulleres do IES Chapela baleiraron as aulas e os seus postos de traballo ás 12:00, para visibilizar a súa presenza e berrar alto e claro que non están dispostas a esperar sentadas pola chegada da igualdade de xénero. Basta de discriminacións e marxinacións, de violencia machista, de brecha e discriminación salarial... As mulleres están convocadas mañá 8 de marzo para parar o mundo e esixir a plena igualdade de dereitos e condicións de vida. Na foto Susana Villaverde García le o manifesto da concentración.
O activo grupo de mulleres que xestiona e dinamiza a Biblioteca do IES Chapela ofrécenos no vestíbulo do centro este panel no que lembrar a tantas e tantas mulleres escritoras. Algunhas delas abriron brecha para as que viñeron despois. Aínda hoxe, no século XXI, cómpre non esquecelas.
O alumnado de 3º ESO expresa o seu rexeitamento contra a violencia de xénero a través desta mostra plástica que podes contemplar xa no vestíbulo do instituto. A mesma foi realizada na materia de Educación Plástica e Visual coa profesora Emilia Fernández.
A Asocaciación Galega San Francisco (AGASFRA) visita o IES Chapela co fin de obsequiarnos cos agasallos que elaboraron para o Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade. Moitas grazas amigas e amigos!
Os Ciclos de Infantil e APSD, en horario diúrno e modular, reivindican o 3 de decembro, Día Internacional da Diversidade Funcional, fotografándose colectivamente baixo o lema ESTAMOS CAPACITADAS/OS. Alumnado e profesorado súmase así á proposta feita pola Asociación ANDAINAde Redondela, para persoas con necesidades especiais.
O 22 de novembro de 2017 o IES de Chapela a través da alumna Carme Castro Viaño, e dos alumnos Rubén García Oliveira e Pablo Pérez Melón, participou nun pleno celebrado en Redondela, presidido polo Sr. Alcalde do Municipio, dentro do programa Cidades Amigas da Infancia. Dito programa quere contribuír a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, mediante a promoción e a implantación de políticas municipais eficaces que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.
Outros centros como o CEIP Quintela, CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEP Santa Mariña e institutos como o Illa de San Simón, participaron na xornada deste 22 de novembro. Son os primeiros pasos na elaboración dun futuro Plan da Infancia e Adolescencia que determinará as medidas prioritarias ou actuacións concretas que se porán en marcha os próximos anos.
O IES de Chapela, con Carme Castro como voceira, apostou por rexenerar espazos naturais e urbanos degradados, mellorar as instalacións deportivas e a comunicación dentro do Concello, facendo do lugar onde vivimos un espazo seguro, de convivencia, pensado para as súas cidadás e cidadáns.
Parabéns ao alumnado que nos representou e ao profesorado que apoiou a iniciativa.