Xornadas, obradoiros

Contacontos Waldorf no IES

O martes 9 de abril achegáronse até o IES Andrea e Ariane, ambas as dúas, grandes coñecedoras e divulgadoras da pedagoxía Waldorf.

Xa tiveramos a sorte, hai uns meses atrás, de contar con Andrea, que nos achegou a súa sabedoría arredor de como ser, e como facer, para transmitir ás crianzas a confianza de que o mundo é bo, belo e verdadeiro, e nós, con el, temos que achegarlles, co noso exemplo, que así é.

Ariane (Cera de colores -https://www.instagram.com/ceradecolores/-) tamén nos achegou o seu entusiasmo e alegría por compartir o sentir da pedagoxía Waldorf co conto da nena do farol, que nos transportou ao momento no que se tería que contar, alá por novembro, na festividade de San Martiño, no tempo das castañas.

Ariane tamén reivindicou as texturas e o tacto dos materiais naturais, como a seda ou a la; trouxo con ela uns títeres de mesa cálidos e agarimosos feitos por ela, con moitos detalles e que atraían todas as miradas!

Contáronnos tamén que están a darlle voltas a asociarse nunha cooperativa en Vigo, polo que confiamos en que nos reencontremos en pouco tempo.

Moitas grazas ás dúas, por transmitirnos a vosa enerxía positiva e a vontade de crer que é posible educar na creatividade, coas artes, a imaxinación e a confianza. Grazas!  

Xogos Populares 2024

Hoxe, venres 22 de marzo, puidemos gozar dunha nova edición dos Xogos Populares. Nesta actividade, que se desenvolve nas instalacións do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e do noso centro, participan conxuntamente alumnado de 6º de Primaria dos colexios adscritos (CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Plurilingüe Igrexa e CEIP de Laredo) e alumnado de 2º da ESO do IES de Chapela. A través dunha divertida xornada de xogos colectivos coordinados polo noso alumnado de 1º curso do ciclo superior de Educación Infantil, buscamos crear vínculos entre o presente e o futuro alumnado do IES, así como achegar a rapazada á parte máis lúdica da cultura tradicional galega. Unha xornada para recordar... bañada polo espléndido sol que luciu toda a mañá!

Pica na foto para acceder á galería.

 

 

Xornadas "Miradas diversas na infancia"

A semana do 26 de febreiro ao 1 de marzo imos celebrar no IES de Chapela as Xornadas "Miradas diversas na infancia", organizadas polo Departamento de Servizos. Nestas xornadas levaranse a cabo distintas actividades para coñecer de primeira man experiencias de intervención e acompañamento a menores con diversidade funcional, así como para sensibilizar acerca da realidade que viven estes menores e as súas familias. Para iso contaremos con profesionais de recoñecido prestixio neste eido, procedentes de distintas entidades e centros da contorna.

Tedes o tríptico informativo aquí.

Finalización da Semana da Ciencia en Galego coa Feira Científica "Non é Maxia... É Ciencia"

Hoxe rematou a SEMANA DA CIENCIA EN GALEGO organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía e Sanitaria) do IES de Chapela co obxectivo de mostrarlle á sociedade a variedade e riqueza da investigación científica que se realiza empregando a nosa lingua. 
 
Ao longo da semana tiveron lugar 4 conferencias: 

  • "Chocolate, WiFi e buratos negros" de Felipe Gómez Cuba (UVIGO) para o alumnado de 3º ESO
  • “Reconstruíndo biomoléculas ancestrais considerando a xenética evolutiva” de Miguel Arenas Busto (UVIGO) para alumnado de Bacharelato e CM de Farmacia.
  • “Como funciona un Dron?” de Felipe Gil-Castiñeira (UVIGO) para alumnado de 1º e 2º de ESO.
  • “Matemáticas de moitas revolucións” de Carlos Mosquera Nartallo (UVIGO) para alumnado de 4º ESO.

 
Ademais, o venres 15 desenvolveuse a Feira Científica NON É MAXIA ... É CIENCIA. Nesta actividade 57 alumnas e alumnos voluntarios de diferentes cursos explicaron experiencias científicas con resultados sorprendentes relacionadas coa Física, a Química, as Matemáticas, a Tecnoloxía, a Bioloxía ou a área sanitaria. A feira estivo dirixida a todo o profesorado e alumnado do centro. Ademais, alumnado de 6º do CEIP Igrexa, CEIP Laredo e CEIP Alexandre Bóveda visitou a Feira Científica ao longo da mañá.

Pica na imaxe para acceder á galería de fotos.

 

 

 

Semana da Ciencia en Galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, e Sanitaria) do IES de Chapela propoñen unha semana chea de actividades para mostrarlle á nosa comunidade educativa diversas investigacións e resultados científicos que deixarán claro o papel da Ciencia como motor de avance da nosa sociedade. Ciencia feita e explicada na nosa lingua, que é válida como calquera outra para o traballo científico.


Mesas redondas de emprendemento para o alumnado de ciclos

O luns 29 de maio, dentro das Xornadas de Orientación, celebráronse dúas mesas redondas de emprendemento para o alumnado de ciclos.

  • Pola mañá o alumnado de 1º curso dos ciclos de FP da Familia de Sanidade (CM Farmacia e Parafarmacia, CS Dietética e CS Documentación e Administración Sanitarias) puido coñecer as interesantísimas experiencias de emprendemento profesional que nos presentaron Montse @monsetorresnutricionista e Uxía @dietaconcabeza.es e ás que lles agradecemos enormemente a súa visita e as súas achegas.
  • E pola tarde o alumnado dos ciclos de FP da Familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade (CM Atención a Persoas en Situación de Dependencia e CS Educación Infantil) tivo o luxo de contar coa presenza de tres institucións referentes no sector e da nosa contorna como son o centro de día Os Cortizos, a escola infantil As Fillotiñas e Miudiño Sociedade Cooperativa Galega, ás que novamente lles agradecemos a súa participación.
   

 

 

Xornadas de Orientación

Xa comezaron as xornadas de orientación deste curso 2022/23. Estas xornadas, organizadas polo Departamento de Orientación do IES, lévanse a cabo co fin de ofrecer toda a información e asesoramento, ao alumnado e ás familias, de cara á toma de decisións académicas para o vindeiro curso escolar. No cartel tedes máis información sobre as sesións que se van desenvolver.

Obradoiro de resolución de conflitos

 

A Escola de Familias de Chapela organiza este obradoiro sobre resolución de conflitos para nais e pais, que se desenvolverá o próximo sábado 15 de abril de 10:30 a 13:30 horas no CEIP Igrexa. As persoas interesadas poden reservar a súa praza escribindo ao enderezo: escoladefamilias@ceipdelaredo.com.

Pleno Infantil en torno á Saúde Mental - Redondela

Hoxe, 22 de novembro, tivo lugar na vila de Redondela o pleno infantil en torno á problemática da saúde mental. No encontro, ademais de destacadas e destacados membros da corporación municipal, participou alumnado de todos os centros do noso concello. Carolina Castro Rodríguez e Saúl Rodríguez Fernández (3º ESO) representaron ao IES de Chapela nunha xuntanza que resultou do máis interesante e produtiva. Grazas.

 

Meteoescolas no IES de Chapela 21-22

O venres 8 de Abril na Sala de Conferencias tivo lugar a presentación oficial do Plan Proxecta Meteoescolas, nunha actividade interdisciplinar de exposición preparada polo alumnado de 2° Bacharelato , 3° e 4° ESO, dos traballos de Arte, TIC, Cultura Clásica , Latín , Física e Química e Matemáticas . Contou como público co alumnado de 1° e 2° ESO e foi organizado en tres sesións.

Cabe recordar que a final de curso esta presentación farase ao revés, será o alumnado de 1° e 2° o que expoña os traballos realizados neste proxecto ás compañeiras e compañeiros de cursos superiores.

Agradecemos a participación e o gran traballo do alumnado que expuxo e a atención e interese do público, facendo desta xornada unha oportunidade de formación e interacción  entre todos os grupos.   

Distribuir contido