Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, dende o IES Chapela levamos a cabo a iniciativa “25N – tirando no fío”, un acto coordinado polo Equipo de Igualdade do centro, “Brigada Violeta”. Este ano quixemos darlle visibilidade a diferentes manifestacións de violencias contra a muller no mundo: o feminicidio, a mutilación xenital feminina, o matrimonio infantil concertado, a trata de mulleres, as agresións sexuais e o control por parte dos mozos nas relacións adolescentes. Para isto, dende as diferentes zonas do patio, o alumnado da Brigada Violeta destapou unhas caixas previamente cubertas cunha tea. Cada unha destas caixas –que conteñen imaxes, textos e outros datos– está centrada nun destas violencia. A exposición pode verse no vestíbulo do centro durante toda a semana próxima.
Ademais na xornada da tarde co alumnado de FP modular completouse cun acto de denuncia e reivindicación no que se cantou o tema “Hymne des femmes” do grupo Habelas Hainas, un recital poético dun poema de Sesé Mateo así como se reproduciu un poema colectivo realizado polo alumnado de APSD modular (H2).
Ademais, ao longo deste mes, en colaboración co Concello e outras entidades, estanse a realizar no centro diversos obradoiros e actividades para a sensibilización e prevención da violencia machista na mocidade.
As actividades do noso centro foron obxecto de seguimento en medios de comunicación como RadioVigo, que entrevistou a nosa orientadora e profesora da materia Igualdade de Xénero, Tamara Bermúdez Garea.
A alumna de 4º ESO B Lidia Bastos representou o pasado xoves 18 de novembro ao IES de Chapela no Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela, centrado nesta ocasión no coidado do medio ambiente e no que alumnado dos distintos centros educativos do municipio achegaron as súas propostas para que Redondela sexa un concello máis sostible.
Lidia, que ofreceu un relatorio de arredor de cinco minutos, achegou e desenvolveu propostas acordadas no noso centro como facer saídas mensuais a praias e espazos naturais para facer recollidas de lixo; reforestar a contorna con árbores autóctonas; a instalación de máquinas en diversos puntos do concello que recompense a reciclaxe, como xa acontece en países nórdicos e centroeuropeos; fomentar a iniciativa Residuos Cero, reducindo ou eliminando o emprego de alimentos envasados; a instalación de composteiros e hortos urbanos; a colocación de contedores de cabichas e dispensadores de bolsas para os excrementos dos cans en distintos puntos; a creación dun xardín botánico; promover o uso de transporte público e reducir o emprego de vehículos a motor, para o que propuxo a creación de carrís bici e máis zonas peatonais; o fomento de obradoiros e charlas de concienciación sobre a necesidade de coidar o medio ambiente impartidas polos propios alumnos e alumnas; ou o fomento de mercados de segunda man para darlle unha segunda vida a infinidade de produtos.
O equipo de goberno do Concello e os representantes da oposición atenderon a estas e outras propostas con grande interese, e comprometéronse a estudar boa parte delas e a poñer en marcha as máis viables. E, sobre todo, animaron á nosa representante e ao resto de participantes a seguir achegando proposicións como as anteriores para construír unha Redondela mellor.
Parabéns a Lidia e ao resto do noso alumnado polas súas achegas!
Esta pasada semana despedimos ás profesoras do Departamento de Sanitaria Asunción Gómez e Concepción Bandín. As dúas desenvolveron unha boa parte da súa carreira profesional no IES de Chapela. Aquí deixaron Asun e Chiti parte dos seus folgos e ilusións para construír o centro que hoxe en días somos, e ser xa, memoria compartida das nosas aulas. Longa vida compañeiras!
Hoxe despediuse do IES de Chapela o noso compañeiro e profesor de Xeografía e Historia, Xoán Carlos Abad Gallego. Logo de moitos anos dedicados á docencia, dos que vinte e oito o foron no IES de Chapela, cruzou a porta coa súa mascarilla e a cabeza ben alta. Alta pola súa talla, e polo labor desenvolvido no centro durante tantos anos. Recordamos a Xoán Carlos transitar polos corredores do instituto portando mapas que semellaban lanzas e que facían que a súa alta e delgada figura semellase á dun Don Quixote da docencia. Marchou como o coñecemos, tranquilo, sorrinte e afable, seguro que disposto a seguir investigando sen tregua sobre a nosa historia que coñece coma ninguén. As nosas portas sempre estarán abertas. Botarémoste de menos, compañeiro.
O pasado 28 de maio celebrouse unha videoxuntanza do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia (CLIA) de Redondela. Na reunión participou a alumna Laura Fernández Rodríguez (1º ESO) representando ao IES de Chapela. Moitas grazas Laura por levar a nosa voz. Deixámosche un resumo con foto da videoconferencia.
Vídeo realizado polo alumnado e profesorado de 2º de Educación Infantil do IES Chapela, para o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha interpretación da canción "Sólo quiero bailar" realizada por Miguel Ángel Maroto Negrete xunto co alumnado do IES Maestro Juan de Ávila.
O 25 de novembro a comunidade educativa do IES Chapela volveu manifestar o seu rexeitamento á violencia de xénero. O alumnado de 1º ESO C leu un manifesto no que explicou o motivo polo que se identifica a cor morada coa violencia de xénero e no que que expresaron a súa opinión sobre o tema, deixando claro o que queren e o que non. Dun xeito simbólico o alumnado construíu o seu camiño sen violencia, expresando con carteis aqueles comportamentos que rexeitan e substituíndoos despois por outros que si aproban.
FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO SÓ CABE UNHA RESPOSTA.