2007-2008
A HISTORIA DE PACO PACOLO
XESTACIÓN DUNHA HISTORIA DE MONECAS DE MILLO
Iniciado o curso 07-08, a aula de 5-4 anos da escola de Cruceiro empeza a recoller as aportacións que van realizando os pais e que nos van permitir manter longas conversas e lembrar e aprender tantas cousas.
Á escola van chegando uvas, castañas, ourizos, figos,... e unha boa variedade de mazarocas de millo.
Nunha das conversas mantidas en torno ó millo, lembramos o divertido xogo de levantar castelos cos carozos, que tanto nos gustou aprender dos avós o curso pasado, e volvemos falar das monecas que tamén antigamente se lles facían ós pequenos da casa aproveitando a mazaroca, as barbas e o casulo do millo.
O interese dos nenos da aula é enorme, de tal xeito que queren ter unha moneca para eles ( o curso pasado, 4-3 anos, o tema sen embargo pasara case desapercibido ). Aproveitando as barbas e o casulo dunha mazaroca, improvisamos unha moneca, arrolámola no noso colo ( “ a miña nena pequena, heina de levar á escola...” ) e comprometémonos a preguntarlle ás avoas se de pequenas elas tamén xogaban coas monecas de millo e se saberían facer unha para nós.
Ó longo de varios días sorprendémonos, rimos e xogamos con distintos tipos de monecas que nos van facendo as avoas e os papás. E todas as monecas, todas, queren que lle poñamos nome ( María, Carolina, Lucía, Juanita,...) e que as arrolemos con agarimo no colo.
Unha mañá, despois da sesión de biblioteca, pregúntolles ós nenos se queren inventar un conto coas monecas de millo. Non o dubidan, como tampouco dubidan o feito de escoller como protagonista ó único exemplar masculino das monecas : será a historia de Paco.
- Paco...que?
- Paco Papán. Di un neno.
- Non, Paco Papán é o protagonista dun conto que xa existe. Ten que ser outro Paco.
- Paco Pacolo !!
- Ben, e...que lle pasou a Paco Pacolo ?
... E vai xurdindo a historia de Paco Pacolo quen, de tódolos amigos posibles, atopou primeiro a Juanita.
- Meu pai cántame: “ Juanita banana, mexa na cama...”.
E a cantiga que o pai canta entra na historia de Paco Pacolo, como entran algúns dos xogos populares cos que tanto nos divertiamos o curso pasado, e entran a noite e a treboada que nos lembran o seguro que podemos sentirnos na nosa casa, e, como non, entran tódolos colos nos que arrolamos as nosas monecas de millo.
“ E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa ía cantando:
Paco Pacolo, vai para o colo !
Porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño ”.
Sol Beiroa.
HISTORIA DE PACO PACOLO
Érase unha vez unha mazaroca de millo que se chamaba Paco Pacolo.
Paco Pacolo quería xogar con amigos. Un día atopouse con Juanita e xogaron moito ó " pilla-pilla ", e despois foron dar un paseo. Mentras camiñaban ían cantando :
" Juanita banana,
mexa na cama "
Paseando atopáronse con Lucía, que estaba peiteada cunhas trenzas longas. Xogaron ás " escondidas " e despois foron pasear. Mentres camiñaban ían cantando :
" Lucía, Lucía,
mexa de día "
Camiñando, atopáronse con María, que estaba peiteada cunhas trenzas máis curtas. Xogaron moito ó " gato que pilla ó rato ". Despois foron pasear e ían cantando :
" María, María,
xoga de día "
Atopáronse cunha nova amiga, Carolina, e xogaron moito á " roda-roda ". Cando foron pasear ían cantando:
" Carolina, Carolina,
vai á piscina "
Atopáronse con Pepa e xogaron á " pita cega ". Pero a Pepa non lle cantaron nada porque era moi tarde e había que marchar, xa era de noite e empezaba unha treboada.
E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa cantaba:
" Paco Pacolo
vai para o colo "
...porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño.
Aula de 5 e 4 anos.
...e se este conto vos gustou non vos perdades...
" HISTORIA DE PACO PACOLO. A PELÍCULA "
PRÓXIMAMEMTE NOS MELLORES PORTAIS EDUCATIVOS
XOGO : AI MAMAÍÑA, QUE PISEI A......!
O venres 14, último día de clase antes das vacacións de primavera pareceume interesante organizar un xogo - desde o meu punto de vista- moi rico e divertido que entroncara co que estivemos traballando últimamente : O CORPO, as súas partes, a repercusión do paso do tempo sobre nós : como eramos de bebés, como somos agora?, pesos, medidas,etc.
Se ben este trimestre foi moi curto e prácticamente estivo centrado no Entroido e nas actividades relacionadas con él, algo se traballou o tema do corpo a través dalgunha poesía actuada "A POESÍA DA XIMNASIA", contos : "XAN O DISTRAÍDO" e "AZULÍN, O CADRADO AZUL", audicións musicais acompañadas dos movementos corporais correspondentes como "CHIM PUM", xogos de distensión e sensibilización das distintas partes do corpo como "PÍCAME", todo coas súas correspondentes plasmacións plásticas mediante os debuxos; comentarios das fotos de bebés que traian da casa acompañadas dun pequeno relato escrito por algunhas nais que eu lía e lles facía moita gracia.
O xogo chámase "AI MAMAÍÑA QUE PISEI A (o nome dun neno ou dunha nena)
Exemplo :
"AI MAMAÍÑA, QUE PISEI A ALBIÑA"
- "ONDE? (Di o grupo)
- "NA PERNIÑA"
Previamente reparto follas de xornal e dobradas en forma de rectángulo escriben os seus nomes tumbdos no chan tendo cadansúa tarxeta diante.
Chamo a súa atención de que deben estar escritos en grande e con cores que destaquen porque no xogo que imos facer téñense que ver desde lonxe. Ademáis farán os carteis de xeito artístico.
Ao mesmo tempo que llo digo facemos distintas comprobacións: escribo o meu nome en letras pequenas e llo amoso separándome do grupo para que descubran se é lexible ou non.
Aínda así hai nenos que escriben en amarelo. Aproveito para coller os seus papeis e amosarllas. Danse conta e din que hai que facer as letras en negro e por dentro sí se poden colorar de amarelo porque así si que se ven.
Unha vez que cada quen ten o seu propio deseño , marchamos para a outra aula, espallamos os papeis polo chan e a ritmo de pandeiro, andan, corren e brincan por entre elas ata que a un golpe seco pisan o que teñan máis preto. (Aquí teño que intervir para vencer a inercia de algún neno de colocarse sempre no seu propio nome).
Unha vez postos sobre os papeis diríxome a un neno quen ten que mirar a quen está pisando e dependendo de se é neno ou nena dirá unha ou outra cantadela : ai mamaíña, que pisei a Albiña ! ou Ai papaíño , que pisei a Rauliño !
- Onde? di o grupo
- Na cariña ou
-No ombreiriño, depende.
Trátase de buscar a rima que de xeito xenérico, os nomes de neno rimarían con papaíño e con algunha parte do corpo tamén masculina.
(Borja ese día non veu; sería a excepción xa que sendo neno o seu nome rimaría con mamaíña e tería que buscar unha parte do corpo en feminino ).
Despois de xogar un anaquiño, sentámonos na alfombra e anímolles a enrugar o papel e facer unha pelotiña. Vemos que pesa pouco para poder xogar a un xogo de puntería e invítolles a enrugar o papel metendo dentro un anaco de plastilina desa que xa está toda mesturada de tal xeito que os nomes queden visibles, é dicir, pola parte de fora. Só un dos pequenos non foi capaz de facer o que lles estaba pedindo así que decidín axudarlle.
Unha vez feita a bola eu ía repartindo anacos de celo ancho para que foran cubrindo toda a bola. (Non é fácil para os pequenos, teñen que darse conta de que se non o estiramos ben o celo pégase antes de colocalo na bola; ademáis é difícil ir dándolle a forma. Tiven que facer varias rondas ata que todos e todas tiñan a bola ben envolta en celo. Eran eles os que me ían dicindo se tiña que facer unha ronda máis porque ainda lles quedaba un anaquiño sen cubrir. Examinaban a pelota a conciencia.
Unha vez rematadas anuncieilles que ía pasar un camión a recollelas, no volquete mesturaríanse e terían que identificar cada un a súa. Inmediantamente Raúl que ao momento soubo identificar a dificultade que entrañaría e buscou unha estratexia, pegou un anaquiño pequeno de plastilina por fora para recoñecela e así saír airoso.
Foi interesantísimo observar as estratexias que utilizaban para identificar non só as súas propias senón tamén as dos compañeiros, establecéndose un diálogo cheo de argumentos onde se rebatían e chegaban a acordos a cerca da autoría de cada unha das bolas de tal xeito que conseguiron identificar todas correctamente.
Ao final organizamos un xogo de puntería onde cada un tiraba con nove bolas e algúns ían anotando os puntos obtidos.
É unha actividade divertida e rica mediante a cal trabállanse moitísimos contidos :
-
Aprendizaxe dos nomes das distintas partes do corpo
-
Xogar coas rimas
-
Identificar os nomes
-
Escritura dos nomes
-
Aceptación de que cada un os fai dun xeito persoal
-
Deseño persoal dos carteis.
-
Observación de cores e tamaños
-
Adaptación dos mesmos ao fin que se persigue.
-
Ritmo e movemento
-
Vencer inercias
-
Diálogo e consenso
-
Puntería ; factores que inflúen e a súa coordinación para lograr o fin perseguido :
- posición
- intensidade da forza empregada
- direccionalidade da tirada
- distancia
-
Anotación da partida
- Contar
- Identificación de número e cantidade
Ademáis de todo iso
PASALO MOI BEN !
- APIs de Blogue
OBRADOIRO DE EDUCACIÓN MEDIOAMBIENTAL
O luns 10 de marzo tivemos na escola un obradoiro de Educación Medioambiental impartido por dúas monitoras do Concello : Loli e Eva.
Explicáronos moi ben o significado desas tres palabras que empezan por R e que se as aprendemos ben e facemos o que significan estaremos contribuíndo a coidar a Natureza :
-
REDUCIR : Se por exemplo temos que comprar auga embotellada, é mellor comprar un envase grande que moitos pequenos; así reduciremos o lixo que tiramos.
- REUTILIZAR : En lugar de tirar todos os envases dos iogures ou doutra cousa podemos reutilizalos facendo xoguetes ou obxectos útiles.
Loli e Eva amosáronos un xoieiro, feito cunha caixa de queixos; un peto moi ben decoradiño feito cun
Canto podemos aforrar! Que ben o podemos pasar! e canto ben podémoslle facer ao medioambiente!.
Tivemos un problema coa tecnoloxía : ían proxectar un conto co canón pero fallou o ordenador e non puido ser pero contáronos outro valéndose dun pequeno teatriño improvisado na aula, chulísimo, titulado : "MARUXUA E OS CONTEDORES BARRIGÓNS"
Aqueles personaxes eran moi comellóns pero non lles gustaba todo; cada un comía aquilo que lle sentaba ben :
O AMARELO : envases de plástico, latas e briks.
O AZUL : papel e cartón
O VERDE : botellas, frascos e tarros, todos de vidro.
O GRIS : restos de comidas e tamén cueiros con restos de cacas de bebés, e panos de papel con mocos.
O VERMELLO : Só pilas. Pero é moito mellor xogar con xoguetes que non necesiten pilas.
Nos utensilios nos que sexan necesarias é mellor utilizar as recargables. As pilas son moi contaminantes e non se poden tirar en calquera sitio.
Ocorreu un día que os contedores puxéronse enfermos, doíalles a barriga e choraban e choraban porque o señor Manolo, que non sabía o que había de botar en cada un deles deulles de comer cousas diferentes ás que podían comer así que Maruxa, unha nena moi ben aprendida, foi falar con él e explicoulle como tiña que facer.
Nós, que estabamos escoitando moi atentos e moi atentas tamén aprendimos e cando Loli e Eva nos diron distintos tipos de materiais : vidro, papel, tonas...., soubemos botar cada un no contedor correspondente. Quedaron moi contentos con nós.
REUTILIZAR : Desta palabra coñeciamos algo porque xa fixeramos bonecas e maracas con botellas e caixas.
Gustounos facer unha maraca co botellín de auga que levaramos á escola.
Foi moi divertido e agora, para non esquecer o aprendido, queremos que na casa sigamos traballando con estas tres palabras tan importantes. Axudádenos a coidar o medioambiente.
Para o ano que ven podemos incluilas no proxecto de Voz Natura.
Abofé que se as traballamos entre todos, quedarán ben aprendidas e non se nos esquecerán.
Dámoslle as grazas a Loli, a Eva e ao Concello por organizar esta actividade tan bonita e importante.
- APIs de Blogue
NOVO ACTO DE GAMBERRISMO NA ESCOLA DE CUVIDE
Xa non esperaron á fin de semana para actuar. Hoxe venres nada máis chegar, despois de aparcar o coche, un veciño comentoume que onte estivera unha pandilla golpeando e rompendo o tellado do tren do patio. Chamoulles a atención pero non lle fixeron caso. O Concello debería de actuar e poñer as medidas necesarias para que día tras día non teñamos que vivir con estes altercados que en nada axudan á formación dos nenos e nenas. Sei que non é doado, pero o que é desexable e necesario, por forza ten que ser posible, e se non o é e porque non facemos o suficiente. Ao entrar na aula pregunteilles aos nenos que poderíamos facer nós para que estas persoas tan incívicas e tan irrespectuosas deixaran de facer tanto mal. - Podemos facer carteis, dixeron. - E que lles dicimos?
PEDRO : "Poñer unha cabaza na ventá para asustalos".
BORJA : "Facer un cartel de prohibido pasar".
ANXO : "Facer un cartel que diga que coidaran as plantas e o patio".
RAÚL : "Que non nos rompan as plantas"
CARLOTA : "Por favor, non nos destruades o noso colexio ".
MANUEL : "Que non nos rompan as plantas e que non nos caguen os cans no areeiro". ALBA : "Que coiden a Natureza".
JORGE : "Poñer unha cabaza con dentes e con lume para que asuste aos nenos malos" Estes foron os seus comentarios e quedamos en facer uns carteis despois da sesión de contacontos que tiñamos hoxe . Por certo, o conto que saíu votado para ser narrado foi "Nadarín" ese fantástico conto de Leo Lionni que é un canto á intelixencia,á necesidade do silencio para poder pensar con tino, á apreciación da beleza, ao traballo en equipo para fortalecer o valor , superar a adversidade e vivir con alegría, atrevéndose a a descubrir toda a fermosura que hai no mundo aínda que haxa que enfrontarse con perigos ENOOOORMES. Os carteis fixéronos na hora do recreo: sacamos unha mesa ao porche e alí por quendas fóronos facendo. Só deu tempo de rematar dous e colocalos no cristal da porta de entrada. Nas fotos podemos observar, en primeiro lugar, os destrozos do tren e en segundo lugar, como se axudan á hora de elaborar os carteis : decorar e colorar, como se poñen de acordo á hora de decidir como se escriben as palabras e como tratan de ler o que escribiron.
- APIs de Blogue
AS FIGURAS XEOMÉTRICAS : O CADRADO. CONTO : "AZULÍN, O CADRADO AZUL"
O prometido é débeda. Para crear o conto de "AZULÍN, O CADRADO AZUL", apoieime en distintos recursos : a observación das actividades dos nenos e nenas no patio, o conto "Xan o distraído" de Giani Rodari, o xogo "unha zapatillas por detrás, tris tras", e algunha expresiòn empregada na aula en relación ao vento do outono.
Quen só queira escoitar o conto non ten máis que clicar en arquivo adxunto e deixar de ler toda esta leria.
Quen teña interese por saber como se me foron ocurrindo as ideas que dan corpo ao conto, que siga lendo.
Na escola de Buía, o patio de recreo, se é que se podía chamar así a aquela especie de galiñeiro cuia construcción custou tantos esforzos e sufrimento, era tan reducido e tan estreito que non podía albergar ningún tipo de mobiliario de xogo agás un pequeno cabalo de madeira balancín e unha pequena pasarela, tamén de madeira. Alí, a imaxinación suplía as carencias e coas cordas de cores de sicomotricidade, nenos e nenas facían os seus columbios atando os extremos as varandas da pasarela. Os cordóns dos zapatos non saberían atalos pero aqueles nós cuia seguridade verificaban con tino, sentándose coidadosamete ata ter a firmeza de que resistirían os seus pesos, non se desfacían nin de broma. Comprobaban que se poñían unha sóa corda, era incómodo , cortáballes o cuíño ao sentarse, mais se colocaban varias xuntas o acomodo era mellor. Tamén comprobaban as distintas alturas e se ao sentarse baixaba moito a corda, entón en lugar do cú o que acomodaban eran os pés e comezaban a randearse agarrándose as varandas para darse pulo.
A pesares de ter aquel exiguo patio, Fina, a miña compañeira, a quen boto tantísimo de menos e eu, organizabamos moitísimos xogos para que aquel cotroso lugar se convertira nun aula aberta de socialización onde o alumnado de Infantil e Primaria o facían da mellor forma posible, aprendendo innumerables xogos que as persoas que xa imos tendo unha idade gardamos na memoria como auténticos tesouros : cantadelas de botar a sortes, de formar equipos, xogos de roda, de corda, de goma, de chapas, de mariolas, de relevos, etc. etc., mesmo adaptabamos pequenos poemas para saltar á corda. Quen diría que todo isto e máis, se facía naquel "patio" pero facíase porque poñíamoslle entusiasmo e disfrutabamos facéndoo ainda que acabáramos rendidas.
Ai, a riqueza de manter as escolas rurais abertas con dúas aulas, Infantil e Primaria!. Se a Consellería de Educación tivera a máis mínima idea da riqueza que poden xerar, non pensarían nelas en termos de rendibilidade económica e non as pecharían aínda que entre as dúas aulas non computaran máis que doce ou trece nenos, pero os despachos son os espacios dos números, e están moi lonxe das boas vibracións que poden xurdir nas escolas, non só no patio de recreo , que non deixa de ser unha aula máis, senón tamén nas interiores. Cantas clases conxuntas se poden levar a cabo cun aproveitamento excelente para ambos ciclos. Coma sempre que empezo a tirar do fío das lembranzas "enrróllome" coma unha persiana. Podería seguir pero xa se vai facendo algo longo.
Sinteticemos . "CADRADIÑO AZUL" bebe de :
- Os debuxos atopados na vivenda da escola.
- Das observacións dos xogos do alumnado no patio.
- Do conto "Xan o distraído" de Giani Rodari.
- Do xogo "Unha zapatilla por detrás, tris tras".
- Dunha cantadela do vento toleión, titulada "xaac, Xaac, xaac" e do entusiamo con que traballabamos.
Vai por ti Fina e por todos os momentos tan bos que compartimos. Un biquiño, María
- APIs de Blogue
GAMBERRISMO NA ESCOLA DE CUVIDE
Hoxe, como ven sendo frecuente os luns, ao chegar á escola atopeime cun novo acto de gamberrismo : as xardiñeiras con flores estaban tiradas no chan, envorcadas. Algunhas desapareceran dos peitoriles das ventás. Pensei que as roubaran pero atopáronas as familias nun lateral da escola. O chan cheo de cabichas. É moi difícil levar a cabo o proxecto de Voz Natura nestas circunstancias. Ademáis non hai dereito a que os nenos e nenas da escola teñan que limpar a porquería que algúns desaprensivos deixan nas fins de semana no recinto escolar. Creo que alguén tería que tomar cartas no asunto e impedir que luns tras luns nos atopemos con espectáculos tan desagradables como incívicos que en nada favorecen esa educación para a cidadanía que tanta falta nos está a facer.
- APIs de Blogue
AS IFIGURAS XEOMÉTRICAS : O CÍRCULO . CONTO "CIRCULIÑO NA NEVE"
Hai uns anos eu estaba como profe na escola de Buía, hoxe pechada por falta de matrícula. Nas horas de especialistas e da comida, subía á vivenda. Un día facendo un pouco de limpeza, atopei dous grupos de debuxos secuenciados; un aludía ao CÍRCULO, outro ao CADRADO. Senteime, e no silencio daquela vivenda destartalada,collín os do círculo, quedei mirando para eles e pensando que esas figuras xeométricas cuia aprendizaxe forma parte do curriculum da Educación Infantil, acadarían unha maior calidez e motivación se personificadas como estaban, entraban a formar parte de pequenas historias, de pequenos contos . Fóronseme ocurrindo ideas para cada unha das viñetas e pouco a pouco foi tomando corpo un pequeno conto que tiña como personaxe principal a CIRCULIÑO. Fixen unha marioneta a semellanza do debuxo. Coa introducción das novas tecnoloxías, quen mo diría?, aprendín a escanear e a facer presentacións en Power Point. Gravei o conto para que os nenos e nenas que quixeran, poideran escoitalo en momentos determinados do día, unha vez presentado o personaxe (o móvil) e narrado o conto co apoio das sucesivas viñetas que ampliei , colorei, peguei en cartón e plastifiquei coa conseguinte avaría da plastificadora, pois non admitía o grosor do cartón. Mea culpa !; a tecnoloxía non é o meu. O resultado, a presentación en Power Point do conto, tratarei de envialo en arquivo adxunto. Unha vez contada a historieta, suxírolles que busquen pola aula obxectos coa forma de círculo co fin de facer a marioneta deste personaxe, e levalo para súas casas. Prodúcese un "bule-bule" tremendo, comezan a desprazarse pola aula e atopan moitos obxectos : pratos, potas, tapas, tarros con base circular... e tamén "pelotas". É unha experiencia rica da que aprendemos moito. É necesario buscar dous tamaños de círculo; un maior, para a cabeza e outro menor para as mans e os pés. Cos xoguetes atopados sentan nos seus sitios e comezan as dificultades e os infortunios, dos que se aprende, cando colocan os obxectos sobre os folios e tratan de facer as respectivas siluetas : - Descubrimos que a pelota non se deixa perfilar; roda, e ademáis, por grande que sexa, nos sae un debuxo pequeniño pois o rotulador métese por debaixo. Non debe ser exactamente un círculo, será outra cousa parecida; chamarémoslle "esfera". - A pota, coas asas, non deixa que saia o círculo como é debido. O rotulador tropeza e se desvía. Ademáis, cando intentan facelo eles sós suxeitando cunha man o prato - poñamos por caso -, e coa outra facer o perfil, non o conseguen, non é doado, o prato móvese. Esixe un exercicio de coordinación superior ao que poden ter nestas idades. - Sós non, pero con AXUDA, pódese conseguir. Non teño documentos fotográficos que poñan de relevo o que expoño, porque "cascou" o ordenador e ao formatealo, perdéronse as fotos nas que se vían os esforzos por conseguir siluetear os obxectos co fin de facer a circuliño. Facede un exercicio de imaxinación e veredes situacións do máis divertidas. Dende eiquí quero dar as grazas ao autor ou autora deses debuxos que atopei na vivenda da escola e que me diron pé para facer estes contos que soen gustarlles bastante aos nenos e que dan tanto xogo. Outro día contaréi que recursos utilicei para a elaboración dos contos referidos ao cadrado e ao triángulo. Deste último, como non atopei debuxos, primeiro invento a historia e despois busco imaxes nos libros que podan servir para ilustrar o texto. De todos fago unha presentación para que poda ser escoitada en momentos concretos. Por hoxe nada máis Un saúdo, María
- APIs de Blogue
UN XARDÍN PARA A NOSA ESCOLA
Hoxe, cando estabamos no recreo, achegábase un pequeno comión bolquete do Concello pola estrada. Levaba terra, e nada máis dar a curva escoito unha algarabía : Profe! profe!xa nos traen a terra para o xardín.
Contentísimos abriron a cancela para que poidera entrar o camión. Non se lles pasou pola cabeza que esa terra fora para a casa do lado por exemplo.
Todo o proceso de descarga, de manexo do guindastre coa pá , a apertura do bolquete, a súa inclinación espertou unha enorme curiosidade. Xa sabemos o que encandilan as máquinas aos nenos.
Cando o camión marchou puxéronse mans a obra a cargar carretillas con pedras e levalas para fóra, espallar a terra cos rastrillos.
Había unha efervescencia agotadora pero entusiasta.
Mañá seguiremos coa faena.
Quero dar as grazas ao Concello por regalarnos e traernos a terra.
- APIs de Blogue
PROXECTO VOZ NATURA:"UN BOSQUE E UN XARDÍN PARA NOSA ESCOLA"
A escola de Cuvide non viña participando do proxecto de Educación Medioambiental "Voz Na- tura" ata o curso pasado, así que entón comezamos a nosa andadura dando pequenos pasos con moitas trabas, trabas de distinta índole :
Por unha parte, o patio estaba sen pechar e os esforzos que faciamos por mantelo limpo se vían frustrados con actos de gamberrismo nas fins de semana en torno ao "botellón" cuias consecuencias revertían no estado lamentable en que os luns atopabamos o recinto, un auténtico estercoleiro. A día de hoxe está pechado aínda que non desapareceron os actos de gamberrismo.
Por outra parte os recursos económicos resultaron moi limitados; había que empezar de cero e xa sabemos o que custan asas cousas.
Este curso o presuposto é un pouquiño maior así que a ver se nos permite ir creando un fermoso xardín nun lateral do patio, así como colocar macetas colgantes na fachada da escola, humanizando así o recinto escolar e o propio edificio.
Os pasos a seguir no proxecto serían os seguintes :
En primieiro lugar, con motivo da festa do Magosto, como colofón, sementaremos castañas, noces, landras, amendoas, e a medida que vaian agromando e medrando irán suscitando o interese e a curiosidae d@s nen@s, multitude de observacións e vivencias que quedan grabadas a fogo dun xeito indeleble na memoia, espertando a sensibilidade polas árbores que irán medrando por mor dos coidados que lles procuren e posteriormente iremos plantalos ao monte mun anaquiño que a Comunidade de Montes ou o Concello nos ceda, para ir formando "O bosque da escola" no que plantaremos estas árbores nacidas das sementes que eles trouxeron e sementaron, así como outras árbores autóctonas un pouco máis grandiñas para asegurar a pervivencia do bosque co fin de que se sintan ligados afectivamente a esa labor de repoblación deste monte noso tan violentamente castigado polos terribles incendios que causaron tanta desolación o pasado verán.
Así mesmo iremos repoñendo plantas nas xardiñeiras dos peitoriles das ventás.
Colocaremos macetas colgantes na fachada da escola con flores ornamentais que coidaremos con esmero.
Crearemos un fermoso xardín no que plantaremos sementes, bulbos, plantas de temporada e arbustos e que separaremos do resto do patio cun pequeno valado de madeira.
Esforzarémonos por manter moi limpo e coidado o patio escolar así como o percorrido que fagamos ao monte, recollendo todo canto lixo atopemos polo camiño así com no propio monte.
Trataréi de implicar ás familias o máis posible para que o traballo que se fai na escola teña unha continuidade no ámbito familiar e o respecto polo medio ambiente sexa compartido e poida realmente dar os seus froitos.
Traballo neste proxecto porque creo firmement que só se valora e se quere aquilo que se coñece, aquilo no que un se implica desde a máís tenra infancia; espero e confío en que estes nenos e nenas que agora se inician nos coidados da Natureza estarán no camiño de establecer relacións cada vez máis harmoniosas tanto entre eles como respcto aos espacios naturais nos que se desenvolven e que eles mesmos contribúen a crear.
Non me cabe a menor dúbida que o traballo escolar xunto coa implicación das familias e dotros sectores ou colectivos sociais entre os que inclúo aos patrocinadores do programa "Voz Natura", orixinarán unha sinerxia que fará aflorar esa sensibilidade e respecto cara a Natureza que dará como resultado que xeracións futuras sexan totalmente alleas aos desastres que lamentablemente estamos sufrindo na actualidade.
Sei que os logros da educación vense ao longo prazo por iso non hai que perder nunca a esperanza.
Agradezo a "Voz Natura" o interese por colaborar cos centros educativos na conservación do medio ambiente. A súa axuda e inestimable. Moitas grazas e seguide apoiándonos.
- APIs de Blogue
Reunión de Orientadores
Hoxe no C.E.I.P. Ana María Dieguez, reunironse os orientadores dos colexios de primaria e educación infantil do Concello
- APIs de Blogue
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »