Escola de Pazo
SEGUNDO E TERCEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2021-2022
Unha vez finalizadas as vacacións de nadal volvemos de novo á rutina diaria, e coas enerxías renovadas, seguimos avanzando na adquisición de novos aprendizaxes.
Continuamos afianzando o proceso da LECTOESCRITURA e o coñecemento das LETRAS, así como tamén reforzando a CONCIENCIA FONOLÓXICA. Para iso, seguimos con actividades e xogos a través dos cales, identificamos as iniciais das palabras, contamos as letras polas que están compostas, compuxemos palabras con letras móbiles, iniciámonos na lectura de palabras... No que respecta á súa representación gráfica, os/as máis maiores seguimos coñecendo e representando de forma lúdica o trazo das letras minúsculas e a escribir palabras con dita grafía.
Nas seguintes fotos móstranse algúns exemplos de ditas actividades.
De xeito progresivo tamén seguimos afondando nos conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, mediante xogos e actividades manipulativas, repasando e afianzando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, os amigos do 10, os veciños dos números, os números pares e impares a partires de facer parellas, a suma, a descomposición dos números,...
No noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA seguimos a experimentar cos TRAZOS. Os máis pequenos seguimos representando trazos horizontais e verticais, e tamén coñecemos e discriminamos algunhas das figuras xeométricas (círculo, cadrado e triángulo). Por outra parte os máis maiores, traballamos os trazos en ondas, cruces...
Diariamente, nas rutinas do encargado/a tamén lle seguimos dedicando un espazo á representación do noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se pode observar nas nosas representacións.
Seguimos experimentado tamén coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén algunhas sesións á ROBÓTICA co noso robot DOC. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico.
Continuando co noso Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva como título “Oceanocráfico; estudo e conservación do medio mariño”., volvemos a ter a sorte de contar novamente coa participación dalgún familiar que se animou de forma voluntaria a compartir con nós os seus coñecementos. Foi o caso por exemplo da mamá de Vera e Teo, (bióloga mariña) que trouxo a aula varios tipos de peixes, así como tamén instrumentos que empregan nos laboratorios. Con ela observamos e aprendemos cales son as partes dos peixes e moitas outras cousas que nos explicou.
Na aula tamén indagamos acerca do ciclo de vida dos peixes e das súas características.
Por outra parte, a partires dun libro que elaboramos entre todas as escolas do CRA sobre os “Animais mariños en perigo de extinción” que nos gustou moito, decidimos indagar e coñecer máis a fondo curiosidades deses animais mariños en perigo de extinción, polo que cada semana dedicamos unhas horas a buscar información, ver fotos e vídeos en internet, e medirnos para simular a equivalencia da medida real do animal mariño concreto que tocara esa semana.
Os experimentos tamén tiveron cabida no noso día a día. Así pois, tivemos que formular hipóteses e posteriormente contrastalas en función dos resultados observados nos experimentos.
O que máis nos gustou foi o dos ovos mariños, pois un día sen máis apareceron na aula dous ovos grandes cunha nota na que había unha única instrución: meter en auga durante 24-48h. A nosa emoción ía cada día en aumento e as ganas de descubrir que pasaba despois desas horas eran cada vez maiores, pero mentres nos tocaba ter paciencia e agardar, decidimos apuntar as nosas hipóteses do que podía saír de dentro dos ovos: dinosauros, peixes, polbos..., e durante os días de espera fomos recompilando por escrito e graficamente os cambios producidos nos ovos.
Outro dos experimentos que elaboramos foi o do Océano nunha botella, que a posterior levamos para as casas.
Todo o investigado e aprendido durante o curso fómolo recompilando nuns LAPBOOKS personalizados que fomos creando a medida que iamos descubrindo novas aprendizaxes e contidos.
Este curso volvemos a traballar no noso HORTO. Así pois, unha vez que quitamos as malas herbas e abonamos a terra plantamos leitugas, fresas, berenxenas, tomates cherry, fabas, e encargámonos diariamente de regar para que fosen medrando.
Seguimos festexando tamén os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o RITUAL da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.
Esta celebración síguenos resultando moi especial e gústanos moito compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, a partir das fotos que lles ensinamos e nas que analizamos con detalle todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
Como non podía ser de outra forma, o momento máis desexado segue a ser o momento no que o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!
Durante o segundo e o terceiro trimestre tamén CONMEMORAMOS o DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, para o cal pintamos a nosa propia Rosalía; o DÍA DA MULLER, debuxando ás mulleres máis importantes da nosa vida; e o DÍA DA FAMILIA, facendo uns carteliños cos nosos apelidos e debuxando a cada un dos membros da familia que queríamos.
E como non, tampouco podían faltar as SAÍDAS en ditos trimestres.
Así pois, como en veces anteriores, desprazámonos a Asados para pasar unha xornada na biblioteca de Daniel. Alí coa mestra de música (Itziar) aprendemos a canción popular “Pájaro pinto”. Primeiro cantámola, logo acompañamos os ritmos coas partes do corpo, e finalmente con instrumentos musicais (claves e pandeiros). Despois de merendar e de xogar un pouco, gozamos dun contacontos sobre a bióloga mariña Sylvia Earle que tiña por título “Acuanauta”, e posteriormente elaboramos unha manualidade que consistía en pintar o noso propio fondo mariño.
No mes de marzo, fomos de excursión ao polideportivo de Rianxo onde o pasamos moi ben nunha sesión de baloncesto. A continuación merendamos e xogamos no parque e logo visitamos o Museo do Mar, onde nos explicaron entre outras cousas cales son as diferentes artes de pesca; vimos maquetas de diferentes embarcacións; e nos explicaron como é a cría de mexillón e de vieiras nas bateas.
En abril, a asociación monte veciñal Mancomunidade de Araño, citounos a todas as escoliñas do CRA xunto coas familias para plantar árbores autóctonas (castiñeiros, carballos, e acebos) no monte Buía. Dita actividade, enmarcada no programa Voz Natura, tamén nos permitiu coñecer algunhas especies da nosa fauna, en concreto un exemplar de aguia rateira, procedente do Centro de Recuperación da Fauna Silvestre, que foi liberada alí mesmo ante a nosa atenta mirada. A xornada rematou cunha explicación por parte das brigadas forestais sobre como actúan ante un incendio, e tamén nos fixeron unha demostración e ata nos mollaron coas mangueiras dos camións de prevención de incendios.
No mes de maio, como xa é tradición, levamos a cabo a Carreira das Letras. Para iso desprazámonos ata a Praza do Concello de Rianxo, e comezamos a mañá gozando dun teatro ao aire libre titulado “A festa da iguana” da compaña Teatro Calavera, e que estaba organizado pola Anpa Cra Rianxo Irmáns Ínsua. Despois disto, levamos a cabo a homenaxe ao escritor ao que se lle dedicaba o día das Letras Galegas deste ano: Florencio Delgado Gurriarán. A continuación chegou o momento máis agardado por todos/as: a carreira polas rúas de Rianxo, onde o pasamos xenial. E para rematar repuxemos forzas cunha rica merenda e xogamos libremente no parque.
E como remate final ás saídas deste curso, en xuño chegou sen dúbida a máis esperada por todos/as!! A excursión ao Acuario da Coruña.
Levabamos meses falando e imaxinándonos ese día, pois ao longo do curso cada vez que traballabamos o noso PDI sobre os océanos, e as especies mariñas, aparecíannos dúbidas, curiosidades... e tiñamos moitas ganas de resolvelas e de poder ver en persoa a moitas das especies investigadas na aula. Por outra parte, outra cousa que nos facía especial ilusión era montar en tren!! Pois aínda que algúns compañeiros/as xa foran algunha vez en dito transporte, moitos/as outros/as nenos/as nunca montaran e tiñan moitas ganas!
Así pois, a xornada comezámola visitando o Acuario, onde o tempo nos pasou voando vendo e recoñecendo moitas especies, e por fin poñéndolle cara e corpo ao famoso tiburón Gastón do que tanto levabamos falado na aula. Unha vez rematada a visita, fomos ata o parque de Santa Margarida para merendar e xogar. E a continuación desprazámonos ata a estación de tren da Coruña, para facer o traxecto ata Santiago de Compostela en dito medio de transporte, e logo volvemos coller o autobús para chegar a Rianxo.
Xa para ir rematando, durante a ÚLTIMA XORNADA DE COLE, tivemos momentos moi especiais, pois recibimos uns agasalliños e rememoramos algúns dos momentos vividos máis significativos para cada un/unha ao longo do curso. De seguido reunímonos as dúas aulas (infantil e primaria) e recibimos ás familias para compartir e degustar unha merenda moi especial que nos tiñan preparada. E porteriormente comezamos uns obradoiros que tiñamos preparados para levar a cabo en compañía das familias. Ditos obradoiros eran catro: un obradoiro sensorial no que experimentamos con area máxica, boliñas de xel e espuma de afeitar; un obradoiro das herbas de San Xoán, no que coñecemos, identificamos polo seu olor e clasificamos as sete herbas de San Xoán; e un obradoiro de creación dun lenzo con elementos mariños como area, cunchas...
E como cada curso, tamén chegou a pesares do pouco que nos gusta, o momento da DESPEDIDA. Este ano, tocounos despedir aos nosos/as 5 compañeiros/as maiores de 6º de Educación Infantil, que finalizaban unha etapa na nosa aula.
Polo que non podíamos cerrar este curso sen antes expresarlles todos os nosos mellores desexos para esa nova etapa que van a comezar! Pois durante estes cursos demostrástesnos ser uns/unhas nenos/as EXTRAORDINARIOS/AS, e os/as mellores compañeiros/as que puidemos ter.
GRAZAS POR TODAS AS VOSAS ENSINANZAS, E O CARIÑO QUE NOS APORTASTES, SEN DÚBIDA GAÑÁSTESVOS UN OQUIÑO PARA SEMPRE NOS NOSOS CORAZÓNS!
QUE TEÑADES TODOS/AS UN MOI BO VERÁN, E
QUE GOCEDES MOITO DESAS MERECIDAS VACACIÓNS!
- APIs de Blogue
O MAR ÉNCHENOS DE INSPIRACIÓN: CONTOS MARIÑOS DE CREACIÓN PROPIA.
As nenas e os nenos de Primaria da escola do Pazo gozamos lendo os contos da nosa biblioteca. Algúns dos nosos favoritos son contos de temática mariña. Como nós xa somos verdadeiros expertos na materia tamén quixemos botar man da nosa imaxinación para crear as nosas propias historias sobre baleas atrapadas, cangrexos exploradores, a amizade ou océanos contaminados.
Aquí tedes os nosos contos mariñeiros!
Sara cóntanos "o cangrexo e o tiburón".
Elena cóntanos "Lara e Sabela xuntas".
Inés cóntanos "Inés, Teo e Vera".
Elisa cóntanos "Lisi e Sol investigan".
Carmen cóntanos "Lota está contenta".
Fabián cóntanos "o peixe que xoga ó futbol".
Vera cóntanos "a balea atrapada na rede".
Maikel cóntanos "Chola atrapada na basura".
https://youtu.be/-QV8XPfoPUE¬&rel=0
- APIs de Blogue
O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL: CURSO 2021-2022
Queridas familias,
Unha vez rematado o primeiro trimestre, como xa temos de costume, gustaríanos compartir con todos vós algúns dos momentos vividos na aula. Durante estes primeiros catro meses vivimos múltiples anécdotas, compartimos experiencias e aprendizaxes, pero sobre todo tamén nos botamos moitas risas.
Aínda que a día de hoxe xa nos coñecemos todos e todas, imos aproveitar para presentarnos e darvos a benvida, unha vez máis, á nosa aula, da que sen dúbida tamén formades parte indispensable.
No mes de setembro tivo lugar o reencontro entre os/as que xa compartiramos cursos os anos anteriores, pero tocounos tamén darlle a benvida a 3 novos compañeiros. Foron uns días cheos de cambios para todos/as, e de primeiras veces para outros/as.
Ao longo das primeiras xornadas levamos a cabo diferentes xogos e dinámicas de presentación, para que os nenos/as novos nos fosen coñecendo, e empezamos a interiorizar as diversas rutinas establecidas durante a xornada, así como tamén a nosa organización da aula (zonas de traballo, perchas, zonas na asemblea...).
Como podedes ver, non nos quedou ningún recuncho por descubrir.
A medida que o mes de setembro foi superado, continuamos avanzando no trimestre, e adquirindo pouco a pouco novos logros e obxectivos.
Así pois os nenos/as de 3 anos, contando sempre coa axuda dos compañeiros/as de 4 e de 5 anos fóronse achegando pouco a pouco ao coñecemento das LETRAS, non só a través da súa grafía senón tamén a través dos seus sons. Partindo sempre de palabras significativas para todos/as nós como son por exemplo o noso propio nome, e os nomes dos nosos/as compañeiros/as da escola, así como tamén os dos nosos familiares e amigos/as máis próximos; os días da semana; os carteis da aula; ou os títulos dos contos...; levamos a cabo diversas actividades: contar o número de letras, ver cal é a letra do inicio e a do final, recoñecer as letras iguais, representar a súa grafía, identificar as letras polo seu son...
Os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos progresando no proceso da LECTOESCRITURA, a través tamén de diferentes actividades lúdicas e significativas como por exemplo: os bingos de letras; discriminación auditiva clasificando pictogramas ou imaxes en función da letra correspondente pola que comece cada palabra; escribir os nomes dos compañeiros/as en tarxetas así como tamén moito outro vocabulario; composición de palabras empregando o abecedario Montessori; conteo das sílabas que conforman unha determinada palabra; conteo de vogais e consoantes diferenciando cales son unhas e outras...
Nas seguintes fotos podedes ver algunha desas actividades.
De igual xeito os nenos/as de 3 anos tamén comezamos a introducirnos nos conceptos lóxico-matemáticos a través do método ABN (Método Aberto Baseado en Números), e os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos afondando e experimentando, a través de actividades manipulativas, coa serie numérica, o conteo, a correspondencia, a asociación entre grafía e cantidade, as unidades e decenas, o tableiro do 100, os amigos do 10 etc.
Continuamos tamén co noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA. Os nenos/as de 3 anos tiveron un primeiro contacto cos TRAZOS, concretamente os verticais e horizontais, dado que son os trazos que están presentes en case todas as letras que escribimos (maiúsculas). Con eles levamos a cabo diversas actividades: construílos sobre superficies amplas con obxectos e materiais da aula, trazalos na lousa con rotulador, representalos sobre papel con diferentes elementos... Pola súa parte os nenos/as de 4 e de 5 comezaron a representar algunhas formas xeométricas, en concreto o círculo, o cadrado, e o triángulo. Tamén realizamos algunha que outra creación aproveitando elementos naturais propios do outono como por exemplo as follas das árbores.
De forma paralela a todo isto, tamén lle dedicamos tempo ao noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se reflicte nas nosas representacións.
Como xa sabedes, este ano o noso Proxecto Documental Integrado (PDI) xira en torno aos mares e océanos e leva como título “Oceanocráfico; estudo e conservación do medio mariño”.
En relación a isto, tivemos a sorte de participar nunha serie de actividades desenvoltas a cargode diversas entidades externas a partires das cales aprendemos un montón de cousas.
A primeira delas foi a actividade “Ti si que es un bo peixe”, enmarcada dentro do Plan Proxecta, no cal participa o noso centro. En dita actividade, convertémonos en maricadores/as, e aprendemos a clasificar os diversos moluscos en función do seu tamaño. Para iso tiñamos que empregar un calibre, e comprobar se tiñan a medida esixida ou non. A continuación explicáronnos en que consistía a pesca con rede, e fixemos unha representación na que tiñamos que deixar só nas redes os peixes grandes e intentar desbotar os peixes pequenos para que puidesen seguir medrando. De seguido simulamos unha subasta na lonxa, e a forma en que se procede en dita subasta. Por último, tamén nos explicaron as propiedades nutritivas tanto dos peixes como dos moluscos e a necesidade de consumilos de forma habitual, para contribuír deste xeito a unha alimentación saudable.
Outra desas actividades foi unha saída que fixemos á nosa sede en Asados, onde tivemos a gran sorte de participar nunha sesión a cargo de David de Arenaria Coordinación, S.L., o cal nos compartiu moitos dos seus coñecementos como oceanógrafo: primeiramente explicounos que é a oceanografía; ensinounos algunhas especies mariñas; un traxe de buzo; e tamén realizou algún experimento. Por outra parte, logo na biblioteca de Daniel tamén participamos nun contacontos “El mar que más quiero”, e realizamos algunhas manualidades.
Tendo en conta que Rianxo é unha localidade mariñeira, e que algunhas das familias traballan ou traballaron en algunha profesión ligada directamente ao mar, tamén tivemos a gran sorte de contar coa participación dalgún familiar ou amigo/a que de forma voluntaria se animou a vir á escola a compartir con nós os seus coñecementos, e anécdotas.
Foi o caso por exemplo de Manolo, un amigo do profe Martín, que fai uns anos traballou como mariñeiro, e que actualmente ten un posto de peixería na praza. Na súa visita, falounos das diversas artes de pesca que existen: palangre, bou, nasas, rastro, xeito...
O avó de Vera e de Teo, tamén nos visitou para contarnos as súas anécdotas como mariñeiro, e en concreto explicounos de forma moi detallada en que consistía a arte de pesca do Bou. Tamén nos trouxo e nos ensinou crías de mexillón, tal e como as colocan nas bateas para o cultivo do mexillón.
E por último, a mamá de Elena, veunos a falar de como é o traballo nunha conserveira, e que tivo de moluscos e peixes traballan.
Ao par de todas estas actividades, na aula tamén estivemos investigando e descubrindo cousas acerca dos océanos e os mares. Observamos e manipulamos un globo terráqueo, e nel estivemos marcando onde vivimos nós, así como tamén buscamos e marcamos os 5 océanos, e os 5 continentes. Posteriormente, deste traballo, na PDI abrimos un mapamundi e nel pintamos os 5 continentes e os 5 océanos.
Algo que tamén tivo moita repercusión na aula o presente curso, foi a erupción do volcán Cumbre Vieja, na illa da Palma, a cal nos sorprendeu a todos/as o 19 de setembro, e dende aquela estivemos expectantes e pendentes todos os días da súa evolución. A raíz de dita situación, tamén quixemos investigar cousas acerca dos volcáns, pois foi un tema que nos interesaba moitísimo. Aproveitando isto, levamos a cabo un experimento no que puidemos ver como é a erupción dun volcán.
- APIs de Blogue
O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2021-2022
Ao longo do trimestre tamén nos tocou festexar os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o ritual da “celebración da vida”, ao estilo Montessori. Para dito ritual colocamos o noso tapete no chan no cal aparece representado o sol, e os nomes dos 12 meses do ano (de diferentes cores, dependendo da estación á que pertenzan). O neno ou nena que está de aniversario colle na man o globo terráqueo, e colócase ao lado do mes no que naceu. Entón comezamos a explicar que naceu “x” día nese mes, e poñemos a primeira foto de bebé ao lado do nome do mes e o neno/a comeza a camiñar ao redor do tapete a medida que explicamos que mentres que van pasando os meses ese bebé vai medrando ata cumprir un ano (momento no que volve estar ao lado do mes no que naceu), e nese momento colocaríamos a foto de cando cumpriu o 1º ano de vida, e así sucesivamente ata chegar ao nº de anos que cumpre na actualidade. Durante ese proceso tamén explicamos que un ano, é o tempo que tarda a terra en dar a volta ao sol, e que durante ese tempo se van sucedendo as 4 estacións.
Esta celebración gústanos moito, pois fai que nos sintamos protagonistas no noso día e que poidamos compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, sendo conscientes ademais de todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
E posto que seguimos sen poder soprar as velas, algo que sempre nos gustaba moito, este ano tamén mantivemos o momento da sorpresa: o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. Todos/as agardamos con moita intriga dito momento e nos fai moita ilusión!
O presente curso seguimos incidindo tamén na importancia de alimentarnos dunha forma saudable para contribuír desta forma ao benestar da nosa saúde, e para manter ao mesmo tempo as nosas defensas moi altas. Así pois, tratamos de concienciarnos da importancia que ten o consumo de froita no noso día a día, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as estamos intentando acompañar as nosas merendas diarias cunha peza de froita. En relación a isto, colocamos na aula un panel, o panel do “Club da froita” no que levamos a cabo un rexistro diario, sempre e cando comemos a peza de froita que traemos. Cada día estamos máis motivados/as, e xa houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo!! E como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares!
Este curso tamén lle demos continuidade ao traballo iniciado o ano pasado cos membros da asociación AVOAR, a través do proxecto que leva por título: VIDA, LECER E AFECTO, a través do cal afondamos: nos estereotipos de xénero, no bo trato, na autonomía, o coidado persoal, o coidado social, crear un “bo patio”, como xogar ben, relacións no patio...
Durante a primeira sesión, coñecémonos a través duns xogos de presentación e logo lemos un conto, que nos levou a grandes reflexións, pois o seu protagonista, chegaba a perder a súa identidade ao tratar de compracer a todos os que o rodeaban e deixar de lado os seus gustos e necesidades. Como remate da sesión fixemos unha valoración da mesma.
Durante a segunda sesión, abordamos o coidado dos nosos patios e a contorna. Por último, fixemos valoración da sesión.
Como cada curso tamén levamos a cabo algunha que outra celebración e conmemoración.
Así pois a primeira delas, foi a celebración do Magosto, na que pasamos unha xornada moi animada levando a cabo diversos xogos en común como por exemplo: xogos de destrezas e habilidades, os zancos, relevos con culleres... Tamén gozamos dunha merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias, así como tamén das ricas castañas asadas.
Outra celebración que tamén nos gustou moito, foi a do Samaín. Durante esa semana levamos a cabo un taller de decorado de cabazas, disfrazámonos de cousas terroríficas, e levamos a cabo un conxuro para queimar e espantar os nosos medos.
As palabras que diciamos no conxuro eran as seguintes:
“cabaza cabaciña,
aquí deixo os meus medos,
para que saian da miña cabeciña”
E por outra parte os nenos/as da aula de primaria dramatizaron o conto de Corre Corre Cabaciña, o cal nos gustou un montón!
O 25 de novembro conmemoramos o Día internacional contra a violencia de xénero, e para iso a partir da lectura do conto “Os bonobos con lentes” fixemos uns debuxos nos que representamos aquelas cousas que podemos facer tanto homes como mulleres, nenos coma nenas, avós como avoas, etc. de forma que todos/as independentemente do xénero ao que pertenzamos nos poidamos sentir ben e felices.
No mes de novembro tivemos unha saída ao Auditorio de Rianxo para gozar dun Concerto Didáctico de música jazz, e pasámolo xenial cantando algunhas das cancións que coñecemos.
E xa para cerrar o trimestre, durante as últimas semanas de cole, estivemos facendo algunha que outra manualidade de NADAL para decorar un pouco a escola, tamén xogamos con algúns xogos de temática de nadal, e o último día do trimestre contamos coa visita das familias para elaborar entre todos/as algunhas manualidades e tamén nos reunimos no patio nunha gran roda para celebrar as 12 badaladas a modo de despedida.
Vémonos á volta das vacacións, coas pilas ben cargadas de novo, e con moitos momentos e aventuras novas aínda por compartir!
- APIs de Blogue
O TERCEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
O presente curso chegou ao seu fin, polo que é momento de facer balance do vivido ao longo destes meses e recordar e compartir con vós moitas das aventuras.
Á volta das vacacións de semana santa volvemos de novo á rutina diaria, e ao igual que nos anteriores trimestres, tocou volver a reorganizar os equipos de traballo. Esta vez, resultounos xa moito máis sinxelo pois ao coñecer mellor a dinámica, escollemos os nomes máis rápido logo de dialogar e pensar cal nos gustaba máis, así como tamén as imaxes que nos gustaban para representar a cada equipo.
Conformados de novo os novos equipos, seguimos progresando na adquisición de novos aprendizaxes.
Continuamos afianzando o proceso da LECTOESCRITURA e o coñecemento das LETRAS, así como tamén reforzando a CONCIENCIA FONOLÓXICA. Para iso, seguimos con actividades e xogos a través dos cales, identificamos as iniciais das palabras, contamos as letras polas que están compostas, compuxemos palabras con letras móbiles, iniciámonos na lectura de palabras... No que respecta á súa representación gráfica, os/as máis maiores seguimos coñecendo e representando de forma lúdica o trazo das letras minúsculas e a escribir palabras con dita grafía.
A continuación deixámosvos algunhas fotos con algúns exemplos de ditas actividades.
De xeito progresivo tamén traballamos os conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, mediante xogos e actividades manipulativas, repasando e afianzando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, os amigos do 10, os veciños dos números, os números pares e impares a partires de facer parellas, a suma, a descomposición dos números,...
No noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA seguimos a experimentar cos TRAZOS. Os máis pequenos seguimos representando trazos horizontais e verticais, e tamén coñecemos e discriminamos algunhas das figuras xeométricas (círculo, cadrado e triángulo). Por outra parte os máis maiores, traballamos os trazos en ondas e en espiral.
Diariamente, nas rutinas do encargado/a tamén lle seguimos dedicando un espazo á representación do noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se pode observar nas nosas representacións.
Seguimos experimentado tamén coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén algunhas sesións á ROBÓTICA co noso robot DOC. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico.
Continuando co noso PDI titulado “fíos de palabras (contos impresos e de tradición oral)”, investigamos e aprendemos moitas cousas en relación aos contos, pero a medida que pasaba o curso foron aumentando as nosas ganas de elaborar un libriño no que os/as protagonistas non fosen simples personaxes descoñecidos, senón que ao abrir as páxinas de dito libriño, os/as protagonistas fósemos nós!
Así pois aproveitando a dinámica de grupo que levamos a cabo coñecida como as PÁXINAS AMARELAS, confeccionamos as nosas propias “PÁXINAS AMARELAS DA AULA”.
Dita dinámica consiste en confeccionar unha especie de “Páxinas Amarelas” da aula, onde cada unha das páxinas terá de protagonista a un neno/a, e na cal se destacará: en que é experto/a (por exemplo: experto/a en compartir as cousas cos demais; en axudar aos demais; en ensinarlle algo aos seus compañeiros/as como xogos, cancións…); as súas calidades positivas; e na que dito neno/a fará un debuxo representándose a si mesmo/a. Deste xeito cando precisemos dalgún experto/a acudiremos ao libro para ver a quen debemos solicitar axuda.
Aquí tedes o resultado
Este trimestre tamén puxemos a punto o noso HORTO, xa que durante o segundo trimestre colocárannos uns bancais de madeira, pero estabamos agardando a telos cheos de terra para poder comezar a plantar.
Así pois, unha vez que os tivemos cheos de terra, botámoslle un pouco de abono e plantamos leitugas e fresas, as cales nos encargábamos diariamente de regar para que fosen medrando, e de quitarlles as malas herbas.
Durante o segundo trimestre chegaran á aula VERMIÑOS DE SEDA, polo que continuamos co seu coidado e observando e aprendendo día a día aspectos sobre as diferentes fases polas que van evolucionando ao longo do seu ciclo vital.
Seguimos lendo contos relacionados coa temática, e onde os protagonistas sofren unha metamorfose: “A bolboreta Doreta” e “La metamorfosis de Frufrú”.
Tamén levamos a cabo hipóteses acerca de cantos vermiños tiñamos na nosa caixa, e algún/algunha que outro/a compañeira/a andou moi cerca de adiviñar a cifra. Para iso, tivemos que quitalos todos da caixa e ilos contando. Quedamos abraiados co resultado! Pois tiñamos un total de 68 vermes!
Pouco a pouco chegou o día no que comezaron a aparecer os primeiros casulos, e moi emocionados/as seguimos a espera de ver as primeiras bolboretas! Cando estas apareceron, foi un momento de gran emoción, pois por fin víamos completado o ciclo! Estas puxeron de novo ovos, os cales temos gardados para poder volver comezar co proceso o curso que ven.
Durante o terceiro trimestre tamén festexamos os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o RITUAL da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.
Esta celebración síguenos resultando moi especial e gústanos moito compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, a partir das fotos que lles ensinamos e nas que analizamos con detalle todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
Como non podía ser de outra forma, o momento máis desexado segue a ser o momento no que o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!
Ao longo deste último trimestre continuamos tamén completando o noso PANEL do “CLUB DA FROITA”. Dito panel foi colocado na aula a comezos de curso para tratar de incentivarnos a consumir froita dado a importancia que ten na nosa alimentación, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as intentamos acompañar as nosas merendas diarias cunha peza. Así pois, día a día fomos levando a cabo un rexistro, sempre e cando comiamos a peza de froita que levabamos, e tanta foi a nosa motivación que houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo varias veces consecutivas. Como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares e uns rotuladores que olen a froitas!
Como xa comentamos en anteriores publicacións, este curso as xuntanzas e xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA foron practicamente nulas, así como tamén as saídas e excursións que levabamos a cabo todos/as xuntos/as e que tanto nos gustaban.
Sen embargo, durante este último trimestre tivemos a oportunidade de conmemorar a Carreira das Letras Galegas, que xa é toda unha tradición cada ano. Para iso, as diferentes escolas fixemos unha SAÍDA na que nos repartimos en varias praias de Rianxo, dúas escolas en cada praia. No noso caso a praia asignada foi a de Tanxil, xunto coa escola de Outeiro.
Unha vez que chegamos á praia, o primeiro que fixemos foi poñer guantes e dedicamos un bo anaco a recoller restos de residuos que había pola area, para deste xeito manter a praia limpa.
A continuación chegou o momento propiamente dito da carreira. Para iso primeiro colocamos os nosos dorsais, e de seguido levamos a cabo as diferentes carreiras en función das diferentes idades. Logo das carreiras recibimos as nosas correspondentes medallas!
Como era de esperar, despois das carreiras poucos folgos nos quedaban polo que nos sentamos a merendar para a repoñer enerxías. E unha vez que rematamos de merendar gozamos dun bo tempo de xogo libre, así como tamén de algún que outro xogo cooperativo. Pasámolo en grande!
Outra das actividades nas que nos víamos inmersos os últimos cursos era a do programa coñecido como Ponlle as pilas ao teu bocata, este ano renomeado Fai “clic” ao teu bocata. Dito programa foi creado pola Consellería do Mar co obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre os nenos/as da nosa comunidade e de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias.
Debido ás restricións, non foi posible xuntarnos todos/as como en cursos anteriores, polo que se impartiu de forma presencia en cada escola.
Ademais de dita saída, e da actividade dos bocatas, unha mañá sen máis tamén recibimos unha visita moi emocionante: a dos BOMBEIROS.
Para iso, saímos todos/as ao patio, e ensináronnos os camións e posto que era un día que facía unha calor abafante, ata nos refrescaron un pouco coas mangueiras! Por outra parte, tamén puxeron a funcionar as sirenas dos camións. Foi unha mañá moi divertida!
Este trimestre tamén CONMEMORAMOS o DÍA DO LIBRO e o DÍA DA FAMILIA, facendo uns marcapáxinas, e uns imáns cos nosos debuxos, empregando para iso un plástico máxico que ao metelo no forno reducía ata sete veces o seu tamaño orixinal. Encantounos ver o proceso!
Co final de curso aproximándose, e coa chegada da calor, demos paso a algunha actividade manipulativa e fresquiña que nos gustou moito!
Xa para ir rematando, durante a ÚLTIMA XORNADA DE COLE, tivemos momentos un tanto especiais, pois recibimos uns agasalliños e rememoramos algúns dos momentos vividos máis significativos para cada un/unha ao longo do curso. De seguido reunímonos cos nenos/as da aula de primaria para levar a cabo diversos xogos musicais, e tamén para degustar unha merendola moi especial que as familias nos tiñan preparada.
E como non, a pesares do pouco que nos gusta, tamén chegou o momento da DESPEDIDA. Este ano, un tanto máis emocionante, pois os nosos/as 7 compañeiros/as maiores de 6º de Educación Infantil, finalizaban unha etapa na nosa aula, e aínda que á maioría deles/as os/as seguiremos vendo todos os días e seguiremos compartindo actividades e momentos xuntos/as, sabemos que os/as imos a botar moito de menos na nosa clase.
E non podíamos despedirnos sen antes desexarlle todo o mellor para esa nova etapa que van a comezar! Pois durante estes cursos demostrástesnos ser uns/unhas nenos/as EXCEPCIONAIS, e os/as mellores compañeiros/as que puidemos ter.
GRAZAS POR TODO O QUE NOS ENSINASTES, E O QUE NOS APORTASTES, SEN DÚBIDA GAÑÁSTESVOS UN OQUIÑO PARA SEMPRE NOS NOSOS CORAZÓNS!
Neste curso tan peculiar, debido a toda a situación na que estamos inmersos dende fai xa máis dun ano, os/as máis pequenos/as sen dúbida DÉSTESNOS UNHA GRAN LECCIÓN DE RESILIENCIA, OBEDIENCIA, ADAPTACIÓN E XENEROSIDADE, e ao mesmo tempo ensinástesnos, entre moitas outras cousas, a...
* Ser valentes e non terlle medo a un virus.
* Que nunca nos debemos esquecer de sorrir aínda que sexa
detrás dunha mascarilla.
* Ver e enfrontarse á realidade sempre a través das “gafas”
da ILUSIÓN e da ALEGRÍA que tanto vos caracteriza.
* Valorar os momentos compartidos todos/as xuntos/as e o
cariño que nos transmitimos.
SODES UNS/UNHAS AUTÉNTICOS/AS CAMPEÓNS E CAMPEONAS!
QUE TEÑADES UN FELIZ VERÁN, E
QUE GOCEDES MOITO DESAS MERECIDAS VACACIÓNS!
VÉMONOS DE NOVO EN SETEMBRO PARA DAR COMEZO A UN NOVO CURSO, COAS ENERXÍAS RENOVADAS E DISPOSTOS/AS A SEGUIR GOZANDO DOS BOS MOMENTOS QUE NOS QUEDAN POR COMPARTIR!!
- APIs de Blogue
O SEGUNDO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Estimadas familias,
Neste mes de marzo, demos por rematado o SEGUNDO TRIMESTRE.
Unha vez finalizadas as vacacións de nadal volvemos de novo á rutina diaria. E un dos primeiros cambios co que nos atopamos na aula, foi unha nova organización dos equipos de traballo, polo que nos tocou escoller outra vez novos nomes para cada equipo logo de dialogar e pensar cal nos gustaba máis, e a continuación decantarnos tamén por novas imaxes para asignarlle a cada un dos equipos.
O resultado foi o seguinte:
Unha vez estruturados os novos equipos, durante estes meses seguimos avanzando na adquisición de novos aprendizaxes.
Así pois, en relación ao proceso da LECTOESCRITURA e ao coñecemento das LETRAS e a CONCIENCIA FONOLÓXICA, levamos a cabo actividades e xogos que nos axudan a interiorizar aspectos como a identificación das letras e o seu son, a lonxitude das diferentes palabras, compoñer outras palabras partindo das letras iniciais... En canto á súa representación gráfica, cabe sinalar tamén que os/as máis maiores comezamos de forma lúdica a recoñecer o trazo das letras minúsculas e a escribir palabras con dita grafía.
Nas seguintes fotos podedes ver algúns exemplos de ditas actividades.
De igual xeito, tamén progresamos nos conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, a través de xogos e de actividades manipulativas, traballando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, os amigos do 10, as familias dos números, a suma...
No que respecta ao noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA experimentamos cos TRAZOS horizontais e verticais. E ademais seguimos coa identificación e a representación das figuras xeométricas básicas (círculo, cadrado e rectángulo). Tamén fixemos mesturas de cores.
No primeiro trimestre, iniciamos as nosas investigacións en relación ao noso Proxecto Documental Integrado (PDI), que este curso como xa sabedes, xira en torno aos contos e leva como título “Fíos de palabras (contos impresos e de tradición oral)”. Así pois, neste segundo trimestre, afondamos máis no coñecemento dos libros e os contos parándonos a observar cales son as súas partes: portada, contraportada, follas...; onde está o título; quen é o autor/a do conto; personaxes...
Falamos tamén dos escritores e escritoras que son os encargados de inventar e escribir os libros e os contos, e descubrimos que antes a forma de escribir e editar ditos libros e contos era completamente diferente a como se fai na actualidade. Chamounos a atención que fai moitos anos os escritores/as escribían con plumas e con tinta. Logo pasaron a empregar máquinas de escribir. E con respecto a isto, tivemos a oportunidade, gracias a unha mestra doutra escola do CRA, de ter e de empregar durante unhas semanas unha MÁQUINA DE ESCRIBIR, coa que puidemos escribir de forma espontánea e nos gustou moito empregar.
Por outra parte, aproveitando a temática de dito proxecto tamén traballamos a LINGUAXE ORAL e a CREACIÓN DE HISTORIAS imaxinando que nos somos como eses escritores/as que inventan contos e para iso empregamos algún que outro recurso como por exemplo os STORI CUBS. Dito recurso consiste nun xogo que contén varios dados, dos cales escollemos un número determinado, (no noso caso comezamos collendo só dous dados) e lanzamos. A continuación inventamos unha pequena historia empregando as ilustracións que saíron nas caras dos dados. A partir desta actividade decatámonos de que temos unha gran capacidade de invención e de imaxinación e pasámolo moi ben dándolle renda solta!
O presente curso, todas as escolas do CRA volvemos a ser partícipes no PROXECTO VOZ NATURA, como en anos anteriores. Dito proxecto este ano céntrase en fomentar actividades de protección e recuperación do entorno natural do Camiño de Santiago. Así pois, a partir do conto “Bo camiño Valentiño”, cada aula abordamos as distintas etapas da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, centrándonos a investigar os seus espazos naturais e zonas de interese. No noso caso, tocounos afondar nos concellos de Ribeira e a Pobra do Caramiñal, centrándonos concretamente en tres dos espazos naturais máis importantes das zonas: o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, e o Faro de Corrubedo (en Ribeira); e as Pozas do río Pedras (na Pobra do Caramiñal). Logo de buscar información e imaxes en internet, descubrimos que moitos de nós xa coñecíamos eses sitios, pois estivemos de visita en algunha ocasión coas nosas familias.
Ao longo do trimestre tampouco nos esquecemos de festexar os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o RITUAL da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.
Esta celebración síguenos resultando moi especial e gústanos moito compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, a partir das fotos que lles ensinamos e nas que analizamos con detalle todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
Neste día tan especial o momento máis desexado segue a ser o momento no que o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!
Outro aspecto co que estamos moi orgullosos/as na aula e que seguiu tendo moi bos resultados durante este segundo trimestre, é co noso PANEL do “CLUB DA FROITA”. Dito panel foi colocado na aula a comezos de curso para tratar de concienciarnos da importancia que ten o consumo de froita no noso día a día, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as estamos intentando acompañar as nosas merendas diarias cunha peza. Cada día levamos a cabo un rexistro, sempre e cando comemos a peza de froita que traemos, e tanta é a nosa motivación que xa houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo xa non só unha primeira vez, senón que xa van pola segunda vez, e con ganas de chegar a unha terceira. Como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares e uns rotuladores que olen a froitas!
- APIs de Blogue
O SEGUNDO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Como xa comentamos na publicación do primeiro trimestre, este curso sen dúbida unha das cousas que máis botamos de menos son as xuntanzas e as xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA, así como tamén as saídas e excursións que tanto nos gustaban.
Pero a pesar das limitacións que estamos tendo, este trimestre tamén tivemos a sorte de poder pasar unha xornada diferente na BIBLIOTECA DE DANIEL.
Dita xornada estivo dividida en dúas partes.
Durante a primeira parte estivemos na Biblioteca descubrindo cousas sobre o Camiño de Santiago a partires do conto “Bo camiño, Valentiño” que nos representou a profe Carla e que nos encantou, e tamén sobre as diferentes etapas da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. En relación a isto fixemos uns puzzles con motivos relacionados cos personaxes do Xacobeo. A continuación descubrimos que na biblioteca hai unha impresora 3D e estivemos vendo como é o seu funcionamento, e a profe Carla fíxonos entrega duns chaveiros coas nosas iniciais elaboradas na propia impresora que levamos de recordo.
Unha vez rematada a actividade da biblioteca, tivemos unha hora para merendar e para xogar libremente.
Posteriormente durante a segunda parte da xornada, o profe Mario e Javi (mestre de Taekwondo en Boiro) tíñannos preparada unha clase na que estivemos aprendendo diferentes exercicios técnicos e tamén fixemos diversos xogos onde o pasamos en grande.
Por outra parte como debido ás restricións as sesións presenciais do CLUB DE CIENCIA se viron afectadas durante unhas semanas, tomouse a decisión de recuperalas de forma excepcional con sesións dentro das aulas.
Así pois, durante unha xornada os profesionais de Arenaria desprazáronse ás escolas para levar a cabo unha sesión científica onde puidemos gozar de diversos experimentos, así como de interesantísimas explicacións acerca de especies mariñas, etc.
Durante este segundo trimestre tamén levamos a cabo algunha que outra CELEBRACIÓN e CONMEMORACIÓN.
Así pois no mes de febreiro, o Toribio apareceu na escola coas súas comandas para dar paso á celebración do ENTROIDO. Durante esa semana tiñamos que asistir vestidos/as dunha forma moi peculiar obedecendo as súas ordes. Xa para rematar, o venres de entroido pasamos unha xornada moi animada, pois asistimos disfrazados/as ao colexio, e durante a xornada levamos a cabo un taller de decorado dos nosos propios retratos, onde quedou demostrado que somos uns/unhas artistas!! E para repoñer enerxías gozamos dunha rica merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias.
Por outra parte o día 24 de febreiro tamén CONMEMORAMOS o día do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO, sen dúbida unha das escritoras máis representativas e importantes da nosa literatura.
Outro acontecemento de gran relevancia que tivo lugar na nosa aula durante este trimestre, foi a aparición dunhas mascotas moi peculiares: VERMIÑOS DE SEDA.
A comezos do mes de marzo, unha mestra doutra escola do CRA dounos ovos de vermes de seda dos cales aos días vindeiros comezaron a saír vermiños. Dende o primeiro momento nos fixo moitísima ilusión telos, e comezamos a facernos moitísimas preguntas acerca de como coidalos, que darlles de comer, a súa evolución ata converterse en bolboretas...
Rapidamente algúns/algunhas compañeiros/as tamén asociaron e lembraron que na aula temos un conto no que precisamente a protagonista é unha eiruga e quixemos volver lelo para recordar cal era a evolución do seu ciclo vital. Dito conto titúlase “Unha eiruga moi larpeira” e o seu autor é Eric Carle.
Pero a partir da lectura do conto, comezamos a ter algunha contradición e algún debate, sobre todo con respecto á alimentación das eirugas, pois a protagonista do conto tiña unha alimentación moi variada, e preguntámonos se os nosos vermiños tamén poderían comer tantos alimentos. Para resolver todas as dúbidas que nos invadían decidimos buscar en internet información acerca dos vermes de seda. Visualizamos pois diferentes vídeos en Youtube nos que explicaban con detalle o ciclo vital dos vermes, e nos cales tamén puidemos ver que o principal alimento dos vermes de seda son as follas dunha árbore chamada Moreira.
Así pois, unha vez que resolvemos todas as nosas dúbidas estamos moito máis tranquilos/as e preparados/as para coidar aos nosos pequenos vermes e sorpréndenos ver día a día o rápido que van medrando!
Durante este segundo trimestre tamén lle dedicamos especial atención ao noso BENESTAR EMOCIONAL. Así pois, incidimos moito na importancia de recoñecer as diferentes EMOCIÓNS que nos invaden en diferentes momentos e da importancia de saber XESTIONALAS e CONTROLALAS dunha forma axeitada.
Sabemos pois que hai diferentes emocións e que non todas elas nos fan sentir da mesma forma. Nas asembleas que abordamos este tema, sempre coincidimos que por exemplo cando sentimos Alegría, ou Calma, nos sentimos ben, mentres que polo contrario cando sentimos por exemplo Medo, Rabia, ou Tristeza as nosas sensacións non son tan boas. Sen embargo coincidimos en que é normal sentir calquera desas emocións e incluso beneficioso aínda que nun primeiro momento nos pareza que non, pois por exemplo cando sentimos Medo, dita emoción en determinadas ocasións estanos a protexer de posibles perigos.
Por outra parte, tamén recoñecemos que cando nos enfadamos ou nos sentimos tristes, é moi necesario e beneficioso contar e transmitir o que nos pasa, e o motivo de porqué nos sentimos así para liberar esa tensión ou angustia que nos está facendo dano.
Outro aspecto fundamental para o noso benestar emocional e que tamén o estamos traballando sempre, é o feito de pedir perdón e saber perdoar, cando por exemplo xorde algún conflito entre nós. Independentemente de que nos sintamos feridos/as ou molestos/as temos que saber dialogar e chegar a acordos para solucionar ditos conflitos, e para iso é moi importante que as partes implicadas manifesten como se senten e que nos escoitemos os uns/unhas aos outros/as e sexamos capaces de poñernos no lugar dos demais, demostrando así Empatía. A xestión de forma axeitada das nosas emocións propiciará un ambiente máis tranquilo e cálido no que todos/as nos sentiremos máis cómodos/as.
Así pois, todo isto tratámolo diariamente sobre todo a través das asembleas nas que expoñemos como nos sentimos. Pero a maiores tamén levamos a cabo algunha que outra actividade máis concreta como por exemplo a do “Reloxo das emocións” que consiste en escoller tarxetas, nas que se describen determinadas situacións que calquera de nós pode vivir no seu día a día, e tratar de identificar que emoción ou emocións nos faría sentir dita situación. (Exemplo: Raquel está xogando coa súa prima e esta pídelle que lle deixe o seu xoguete favorito, Raquel déixallo sen problema pero cando súa prima está xogando con el rómpelle. Como se sentirá Raquel?).
E xa para rematar o trimestre, durante a última xornada de cole, reunímonos cos nenos/as da aula de primaria para levar a cabo unha actividade que nos facía moita ilusión: elaborar as nosas propias BOTELLAS DA CALMA. Quedaron moi chulas!
Vémonos á volta das vacacións, coas enerxías renovadas e dispostos/as a seguir gozando dos bos momentos que nos quedan por compartir!!
- APIs de Blogue
O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Estimadas familias,
O primeiro trimestre chegou ao seu fin. Que rápido pasou!! Tiñamos moitas ganas de volvernos reencontrar despois de tantos meses nas casas. E aínda que dende comezos de setembro sabiamos que ía ser un curso un tanto diferente debido á nova realidade que nos está tocando vivir, as nosas ilusións e ganas de volver a compartir momentos xuntos/as eran se cabe máis grandes que ningunha outra vez.
Volver á escola supuxo para todos/as en parte volver un pouco á “normalidade” que tanto botabamos de menos, e aínda que houbo moitos cambios en comparación ao curso pasado, de novo, quedou demostrado, que somos uns auténticos/as campións e campioas pois superamos con creces os novos retos que nos tocou afrontar e fomos capaces de adaptarnos a eles sen case ningún tipo de dificultade!
Foron uns meses moi intensos repletos de moitas anécdotas, experiencias, aprendizaxes, e sobre todos moitas risas, e bos momentos.
Unha vez máis, para facervos partícipes do que vivimos, gustaríanos compartir convosco algúns deses momentos, e así achegarvos, un pouquiño máis, ao día a día da nosa aula.
Aínda que a día de hoxe xa nos coñecemos todos e todas, imos aproveitar para presentarnos e darvos a benvida, unha vez máis, á nosa aula, da que tamén formades parte indispensable.
No mes de setembro tivo lugar o reencontro que tantos meses levabamos esperando. Foron uns días cheos de cambios para todos/as, e de primeiras veces para outros/as. A maior parte de nós xa nos coñecíamos, e démoslle a benvida aos nenos/as de 3 anos, intentando dende o primeiro día que se sentisen moi a gusto no cole.
Un dos cambios máis significativos co que nos atopamos na aula, en comparación ao ano pasado, foi que dende o primeiro día a distribución da mesma estaba organizada en 4 equipos diferentes. E cada equipo estaba conformado por un número determinado de nenos/as. Do mesmo xeito, a distribución dos materiais tamén estaba cambiada, e cada equipo tiña asignado na aula un espazo determinado para os seus materiais. Ante estes novos cambios, para facilitar a organización do día a día, decatámonos de que cada equipo precisaba ter un nome e unha imaxe asignada, e esa foi unha das nosas primeiras tarefas: os membros de cada equipo pensaron e dialogaron acerca de posibles nomes que lles gustaban e seguidamente escolleron unha foto para asignarlle ao seu equipo.
O resultado foi o seguinte:
Ao longo das primeiras xornadas levamos a cabo diferentes xogos e dinámicas de presentación, para que os nenos/as de 3 anos nos fosen coñecendo, e empezamos a interiorizar as diversas rutinas establecidas durante a xornada, e as novas formas de organizarnos (espazos establecidos para cada equipo: zonas de traballo, perchas, zonas na asemblea...).
Como podedes ver, tanto na aula coma no patio, non non quedou ningún recuncho por descubrir.
Unha vez superado o mes de setembro, e con el o período de adaptación que supuxo para todos/as debido aos cambios establecidos, seguimos avanzando no trimestre, e adquirindo pouco a pouco novos logros e obxectivos.
Así pois os nenos/as de 3 anos, coa axuda dos compañeiros/as de 4 e de 5 anos iniciámonos pouco a pouco no coñecemento das LETRAS, as cales se foron presentando non só pola súa grafía, senón tamén polo seu son. Partindo pois, de palabras significativas para todos/as nós como son por exemplo o noso propio nome, e os nomes dos nosos/as compañeiros/as da escola, así como tamén os dos nosos familiares e amigos/as máis próximos; os días da semana; os carteis da aula; ou os títulos dos contos...; levamos a cabo numerosas actividades: contar o número de letras, ver cal é a letra do inicio e a do final, recoñecer as letras iguais, representar a súa grafía, identificar as letras polo seu son...
De igual xeito, os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos avanzando no proceso da LECTOESCRITURA, a través tamén de diferentes actividades lúdicas e significativas como por exemplo: os bingos de letras; discriminación auditiva clasificando pictogramas ou imaxes en función da letra correspondente pola que comece cada palabra; composición de palabras; conteo das sílabas que conforman unha determinada palabra; conteo de vogais e consoantes diferenciando cales son unhas e outras...
Nas seguintes fotos podedes ver algunha desas actividades.
- APIs de Blogue
O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
A través do método ABN (Método Aberto Baseado en Números), os nenos/as de 3 comezamos a introducirnos nos CONCEPTOS LÓXICO-MATEMÁTICOS, e os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos avanzando e experimentando, a través de actividades manipulativas, coa serie numérica, o conteo, a correspondencia, a asociación entre grafía e cantidade, as unidades e decenas, o tableiro do 100, os amigos do 10 etc. Outras actividades significativas levadas a cabo foron as de pesarnos, medirnos e mirar o nº do noso calzado.
Ao par de todo isto, tamén lle dedicamos tempo ao noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se reflicte nas nosas representacións.
O presente curso tamén lle demos continuidade ao TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA que iniciamos o ano pasado. Os nenos/as de 3 anos iniciáronse nos trazos, concretamente os verticais e horizontais, dado que son os trazos que están presentes en case todas as letras que escribimos (maiúsculas). Con eles levamos a cabo diversas actividades: construílos sobre superficies amplas con obxectos e materiais da aula, trazalos na lousa con rotulador, representalos sobre papel con diferentes elementos... Pola súa parte os nenos/as de 4 e de 5 comezaron a representar algunhas formas xeométricas, en concreto o cadrado. Tamén realizamos algunha que outra creación aproveitando elementos naturais propios do outono como por exemplo as follas das árbores.
Cantas cousas!
Como xa sabedes, este ano o noso PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO (PDI) xira en torno aos contos e leva como título “Fíos de palabras (contos impresos e de tradición oral)”. Así pois, partindo desta temática comezamos a analizar máis detidamente os contos que temos na aula cada vez que lemos algún, parándonos a mirar e observar cales son as súas partes: portada, contraportada, follas...; onde está o título; quen é o autor/a do conto; personaxes...
Aproveitando isto levamos a cabo unha actividade que o ano pasado xa nos gustara moito, e que quixemos repetir pero este ano modificando en parte o contido da mesma. Dita actividade é a dinámica da “Maleta”. Cada un de nós levou dita maleta á súa casa e despois de ler as instrucións que ían dentro coa familia, ao día seguinte levámola á aula con 3 cousas nosas que nos gustaban ou nos identificaban (por exemplo unha foto da nosa familia, o noso xoguete favorito, algún obxecto de cando eramos bebés...).
Este ano tratamos de relacionar dita dinámica co PDI, de tal xeito que unha das 3 cousas que tiñan que ir na “maleta” era o noso conto favorito para lerllo aos nosos compañeiros/as. Con dita actividade descubrimos moitas cousas acerca dos gustos e intereses de cada un/a, así como experiencias persoais e recordos, o que permitiu que nos coñezamos máis e que crearamos un maior vínculo de amizade.
- APIs de Blogue
O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Ao longo do trimestre tampouco nos esquecemos de festexar os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o ritual da “celebración da vida”, ao estilo Montessori. Para dito ritual colocamos o noso tapete no chan no cal aparece representado o sol, e os nomes dos 12 meses do ano (de diferentes cores, dependendo da estación á que pertenzan). O neno ou nena que está de aniversario colle na man o globo terráqueo, e colócase ao lado do mes no que naceu. Entón comezamos a explicar que naceu “x” día nese mes, e poñemos a primeira foto de bebé ao lado do nome do mes e o neno/a comeza a camiñar ao redor do tapete a medida que explicamos que mentres que van pasando os meses ese bebé vai medrando ata cumprir un ano (momento no que volve estar ao lado do mes no que naceu), e nese momento colocaríamos a foto de cando cumpriu o 1º ano de vida, e así sucesivamente ata chegar ao nº de anos que cumpre na actualidade. Durante ese proceso tamén explicamos que un ano, é o tempo que tarda a terra en dar a volta ao sol, e que durante ese tempo se van sucedendo as 4 estacións.
Esta celebración gústanos moito, pois fai que nos sintamos protagonistas no noso día e que poidamos compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, sendo conscientes ademais de todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
E posto que este ano tivemos que suprimir da celebración o ritual de soprar as velas, algo que sempre nos gustaba moito, introducimos un pequeno cambio: o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!
Este curso máis que nunca incidimos tamén na importancia de alimentarnos dunha forma saudable para contribuír desta forma ao benestar da nosa saúde, e para manter ao mesmo tempo as nosas defensas moi altas. Así pois, tratamos de concienciarnos da importancia que ten o consumo de froita no noso día a día, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as estamos intentando acompañar as nosas merendas diarias cunha peza de froita. En relación a isto, colocamos na aula un panel, o panel do “Club da froita” no que levamos a cabo un rexistro diario, sempre e cando comemos a peza de froita que traemos. Cada día estamos máis motivados/as, e xa houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo!! E como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares!
Este ano sen dúbida unha das cousas que máis botamos de menos foron as xuntanzas e as xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA, así como tamén as saídas e excursións que tanto nos gustaban.
Para compensalo, a nivel de escola un día fixemos unha saída aos arredores da Praia da Torre. Alí puidemos recoller follas e facer algún que outro xogo.
Pero a pesares disto, tivemos a gran sorte de poder participar no “PROXECTO COIDARMOS” levado a cabo pola asociación AVOAR. Así pois dende o mes de outubro, cada dúas semanas, tiñamos unha cita con eles/as na escola para levar a cabo diversas actividades nas que traballamos diversos contidos en relación aos roles de xénero, ás emocións, igualdade de xénero, formas de discriminación e de violencia...
Durante a primeira sesión, coñecémonos a través duns xogos de presentación e logo levamos a cabo unha creación artística completando unhas siluetas humanas con diferentes elementos, dando renda solta aos nosos gustos. Como remate da sesión fixemos unha valoración da mesma.
Durante a segunda sesión, abordamos as diferentes emocións a partires do conto “Bágoas debaixo da cama”. Falamos de como se sentía o protagonista do conto, e tamén analizamos diversas situacións da nosa vida mesma, e as emocións que nos xeran. Por último, fixemos valoración da sesión.
Durante a terceira sesión, os mozos/as da asociación AVOAR contáronnos o conto de “Artur e Clementina”, e a partires del analizamos e reflexionamos como se sentía a protagonista, ante o maltrato e a violencia de xénero “silenciosa” recibida por parte de Artur. Así mesmo, tamén falamos da importancia de expresar aos demais en todo momento aquilo que non nos gusta, ou que non nos fai sentir ben. Despois da lectura do conto, creamos as nosas propias Clementinas con diversos materiais, as cales nos quedaron chulísimas! Posteriormente valoramos a sesión. Por outra parte, en relación a esta sesión, pasados uns días recibimos unhas postais de Clementina nas que nos agradecía o bo trato que tivemos cara a ela, e o contenta que estaba polas cousas bonitas que lle dixemos. Fíxonos moita ilusión lelas!
Durante a cuarta e última sesión falamos dos coidados e da violencia, tratando de diferenciar diversas situacións que nos presentaban en función de se eran coidados ou violencia. Logo a cada equipo repartíuselle unha determinada emoción, e cada un/unha de nós pintou un debuxo no que aparecía reflectida dita emoción. Para rematar valoramos a sesión e démoslle as gracias a asociación por todas as cousas que nos ensinaron e que aprendemos durante todas as sesións con eles/as. Pasámolo moi ben!!
Durante este primeiro trimestre tamén levamos a cabo algunha que outra CELEBRACIÓN E CONMEMORACIÓN.
Así pois a primeira delas, foi a celebración do MAGOSTO, na que pasamos unha xornada moi animada levando a cabo diversos xogos en común como por exemplo: xogos de destrezas e habilidades, os zancos, relevos con culleres... Tamén gozamos dunha merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias, así como tamén das ricas castañas asadas.
Outra celebración que tamén nos gustou moito, foi a do SAMAÍN. Durante esa semana levamos a cabo un taller de decorado de cabazas, e tamén nos disfrazamos de cousas terroríficas!
O 25 de novembro conmemoramos o Día internacional contra a violencia de xénero, e para iso fixemos unhas tarxetiñas, nas que a través de debuxos representamos aquelas cousas que podemos facer tanto homes como mulleres, nenos coma nenas, avós como avoas, etc. de forma que todos/as independentemente do xénero ao que pertenzamos nos poidamos sentir ben e felices.
E xa para cerrar o trimestre, durante as últimas semanas de cole, estivemos facendo algunha que outra manualidade de NADAL para decorar un pouco a escola.
Tamén elaboramos unha carta (postal) para os nenos/as doutra escola do CRA, pois xa que este ano non tivemos a oportunidade de poder vernos durante o trimestre, todo o CRA levamos a cabo unha actividade de correspondencia entre as diversas escolas. Así pois, a escola á que nos lle tivemos que escribir foi á de Rañó. O carteiro veu a recollernos a carta, e de alí a uns días recibimos unhas fotos nas que a puidemos ver xa en mans dos nenos/as de Rañó. Días despois o carteiro volveunos sorprender facéndonos chegar a carta (postal) que os nenos/as de Rañó escribiran para a nosa escola. Gustounos moito!!
Por outra parte tamén recibimos unha visita moi especial, pois ata a escola desprazáronse de novo os mozos/as da asociación AVOAR, pois recibiran unha carta da “Asociación de Criaturas Máxicas” na que lles encomendaban a tarefa de percorrer as escolas do CRA cun “carro máxico dos desexos” no que tiñamos que depositar as nosas cartas, nas que previamente escribiramos os nosos desexos de cara ao ano 2021.
Vémonos á volta das vacacións, pois aínda nos quedan moitas aventuras e bos momentos que compartir. Sen dúbida, xuntos é moito mellor!
- APIs de Blogue