O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021

Ao longo do trimestre tampouco nos esquecemos de festexar os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o ritual da “celebración da vida”, ao estilo Montessori. Para dito ritual colocamos o noso tapete no chan no cal aparece representado o sol, e os nomes dos 12 meses do ano (de diferentes cores, dependendo da estación á que pertenzan). O neno ou nena que está de aniversario colle na man o globo terráqueo, e colócase ao lado do mes no que naceu. Entón comezamos a explicar que naceu “x” día nese mes, e poñemos a primeira foto de bebé ao lado do nome do mes e o neno/a comeza a camiñar ao redor do tapete a medida que explicamos que mentres que van pasando os meses ese bebé vai medrando ata cumprir un ano (momento no que volve estar ao lado do mes no que naceu), e nese momento colocaríamos a foto de cando cumpriu o 1º ano de vida, e así sucesivamente ata chegar ao nº de anos que cumpre na actualidade. Durante ese proceso tamén explicamos que un ano, é o tempo que tarda a terra en dar a volta ao sol, e que durante ese tempo se van sucedendo as 4 estacións.

Esta celebración gústanos moito, pois fai que nos sintamos protagonistas no noso día e que poidamos compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, sendo conscientes ademais de todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.  

E posto que este ano tivemos que suprimir da celebración o ritual de soprar as velas, algo que sempre nos gustaba moito, introducimos un pequeno cambio: o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!

                              

 

                                

 

Este curso máis que nunca incidimos tamén na importancia de alimentarnos dunha forma saudable para contribuír desta forma ao benestar da nosa saúde, e para manter ao mesmo tempo as nosas defensas moi altas. Así pois, tratamos de concienciarnos da importancia que ten o consumo de froita no noso día a día, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as estamos intentando acompañar as nosas merendas diarias cunha peza de froita. En relación a isto, colocamos na aula un panel, o panel do “Club da froita” no que levamos a cabo un rexistro diario, sempre e cando comemos a peza de froita que traemos. Cada día estamos máis motivados/as, e xa houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo!! E como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares!

                                                                              

 

Este ano sen dúbida unha das cousas que máis botamos de menos foron as xuntanzas e as xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA, así como tamén as saídas e excursións que tanto nos gustaban.

Para compensalo, a nivel de escola un día fixemos unha saída aos arredores da Praia da Torre. Alí puidemos recoller follas e facer algún que outro xogo.

                                                                             

 

                                 

 

Pero a pesares disto, tivemos a gran sorte de poder participar no “PROXECTO COIDARMOS” levado a cabo pola asociación AVOAR. Así pois dende o mes de outubro, cada dúas semanas, tiñamos unha cita con eles/as na escola para levar a cabo diversas actividades nas que traballamos diversos contidos en relación aos roles de xénero, ás emocións, igualdade de xénero, formas de discriminación e de violencia...

 Durante a primeira sesión, coñecémonos a través duns xogos de presentación e logo levamos a cabo unha creación artística completando unhas siluetas humanas con diferentes elementos, dando renda solta aos nosos gustos. Como remate da sesión fixemos unha valoración da mesma.

                              

 

                               

 

Durante a segunda sesión, abordamos as diferentes emocións a partires do conto “Bágoas debaixo da cama”. Falamos de como se sentía o protagonista do conto, e tamén analizamos diversas situacións da nosa vida mesma, e as emocións que nos xeran. Por último, fixemos valoración da sesión.

                                                                          

 

Durante a terceira sesión, os mozos/as da asociación AVOAR contáronnos o conto de “Artur e Clementina”, e a partires del analizamos e reflexionamos como se sentía a protagonista, ante o maltrato e a violencia de xénero “silenciosa” recibida por parte de Artur. Así mesmo, tamén falamos da importancia de expresar aos demais en todo momento aquilo que non nos gusta, ou que non nos fai sentir ben. Despois da lectura do conto, creamos as nosas propias Clementinas con diversos materiais, as cales nos quedaron chulísimas! Posteriormente valoramos a sesión. Por outra parte, en relación a esta sesión, pasados uns días recibimos unhas postais de Clementina nas que nos agradecía o bo trato que tivemos cara a ela, e o contenta que estaba polas cousas bonitas que lle dixemos. Fíxonos moita ilusión lelas!

 

             

 

                                         

 

 

Durante a cuarta e última sesión falamos dos coidados e da violencia, tratando de diferenciar diversas situacións que nos presentaban en función de se eran coidados ou violencia. Logo a cada equipo repartíuselle unha determinada emoción, e cada un/unha de nós pintou un debuxo no que aparecía reflectida dita emoción. Para rematar valoramos a sesión e démoslle as gracias a asociación por todas as cousas que nos ensinaron e que aprendemos durante todas as sesións con eles/as. Pasámolo moi ben!!

 

            

 

                                          

 

 

Durante este primeiro trimestre tamén levamos a cabo algunha que outra CELEBRACIÓN E CONMEMORACIÓN.

Así pois a primeira delas, foi a celebración do MAGOSTO, na que pasamos unha xornada moi animada levando a cabo diversos xogos en común como por exemplo: xogos de destrezas e habilidades, os zancos, relevos con culleres... Tamén gozamos dunha merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias, así como tamén das ricas castañas asadas.

                  

 

                   

 

Outra celebración que tamén nos gustou moito, foi a do SAMAÍN. Durante esa semana levamos a cabo un taller de decorado de cabazas, e tamén nos disfrazamos de cousas terroríficas!

 

              

 

                

 

 

                   

 

                  

 

O 25 de novembro conmemoramos o Día internacional contra a violencia de xénero, e para iso fixemos unhas tarxetiñas, nas que a través de debuxos representamos aquelas cousas que podemos facer tanto homes como mulleres, nenos coma nenas, avós como avoas, etc. de forma que todos/as independentemente do xénero ao que pertenzamos nos poidamos sentir ben e felices.

 

                                  

 

 

                  

 

                  

 

 

E xa para cerrar o trimestre, durante as últimas semanas de cole, estivemos facendo algunha que outra manualidade de NADAL para decorar un pouco a escola.

 

Tamén elaboramos unha carta (postal) para os nenos/as doutra escola do CRA, pois xa que este ano non tivemos a oportunidade de poder vernos durante o trimestre, todo o CRA levamos a cabo unha actividade de correspondencia entre as diversas escolas. Así pois, a escola á que nos lle tivemos que escribir foi á de Rañó. O carteiro veu a recollernos a carta, e de alí a uns días recibimos unhas fotos nas que a puidemos ver xa en mans dos nenos/as de Rañó. Días despois o carteiro volveunos sorprender facéndonos chegar a carta (postal) que os nenos/as de Rañó escribiran para a nosa escola. Gustounos moito!!

 

              

 

 

                                                                       

 

            

 

              

 

                                             

 

 

Por outra parte tamén recibimos unha visita moi especial, pois ata a escola desprazáronse de novo os mozos/as da asociación AVOAR, pois recibiran unha carta da “Asociación de Criaturas Máxicas” na que lles encomendaban a tarefa de percorrer as escolas do CRA cun “carro máxico dos desexos” no que tiñamos que depositar as nosas cartas, nas que previamente escribiramos os nosos desexos de cara ao ano 2021.

 

                     

 

                    

 

                                                                       

 

Vémonos á volta das vacacións, pois aínda nos quedan moitas aventuras e bos momentos que compartir. Sen dúbida, xuntos é moito mellor!