Educación Relixiosa

PORTAPAPEIS SOLIDARIOS

O vindeiro 15 de maio levaremos a cabo no noso centro a conmemoracón do Día das Letras Galegas, desprazarémonos todos e todas ata o centro de Rianxo para facer diversos actos en defensa da nosa lingua. Este ano ademáis incluiremos un mercado solidario en beneficio de ACNUR.

Que é ACNUR? As súas siglas significan "Alto Comisionado das Nacións Unidas para @s Refuxiad@s". A Organización das Nacións Unidas ou ONU é una organización internacional formada por 193 países independentes, que se reúnen libremente para traballar xuntos en favor da paz e da seguridade de todos os pobos, así como para loitar contra a pobreza e a inxustiza en todo o mundo.

 

 

A ONU fundou ACNUR en 1950, esta organización internacional adícase a axudar ás persoas que teñen que fuxir dos seus fogares para salvar a vida, refuxiados por mor de guerras, persecucións ou desastres naturais.

Inicialmente fora creada ao rematar a Segunda Guerra Mundial co obxectivo de axudar aos millóns de persoas que tiveran que fuxir de Europa polo conflicto ou que perderan os seus fogares. Creouse para operar durante 3 anos. Pero pola labor tan importante que realiza, segue funcionando 73 anos despois da súa creación asistindo e protexendo a persoas refuxiadas por todos os recantos do mundo.

 

 

Cando as persoas son forzadas a fuxir, é esencial emprender accións rapidamente. Con frecuencia, as persoas refuxiadas cruzan as fronteiras traumatizadas, famentas e exhaustas, portando moi poucas pertenzas.

     

 

ACNUR esfórzase por garantir que cheguen a un lugar seguro e que non sexan devoltas a contextos nos que perigan as súas vidas ou a súa liberdade, establecéndoas en lugares seguros, lonxe dos conflictos ou de quenes buscan facerlles dano; asimesmo, distribúe rapidamente suministros e moviliza a persoal experto para brindar protección. Ademais, garante que as persoas refuxiadas e desprazadas conten con aloxamento, alimentos, auga, atención médica e axuda para atopar a familiares desaparecidos. E tamén lles axuda a buscar un fogar en países de acollida que lle den asilo e refuxio temporal coa esperanza de que poidan regresar nun futuro próximo a os seus países de orixe.

 

       

 

A súa labor é recoñecida mundialmente chegando a ser premiada en dúas ocasións co Premio Nobel da Paz en 1954 e en 1981, dende a súa creación axudou a máis de 50 millóns de persoas refuxiadas a reconstruir as súas vidas.

As nenas e nenos do CRA tamén queremos colaborar con ACNUR, polo que decidimos dende a clase de Relixión e Atención Educativa colaborar no mercado solidario creando uns portapapeis con pinzas de madeira.

Animamos a todo o mundo a colaborar no mercado solidario que levaremos a cabo na mañá do día 15 de maio na praza do concello.

O NACEMENTO DO DRAGÓN E OS SÍMBOLOS DA PAZ

Este curso para conmemorar o Día da Paz 2023 os nenos e nenas de Relixión e de Atención Educativa/Valores/Proxecto Competencial limos o conto "O Nacemento do Dragón". Nesta historia descubrimos que en China o dragón é considerado un símbolo de paz e prosperidade e decatámonos de que existen moitos símbolos da paz ao longo do mundo distintos ao que para nós é o símbolo da paz máis coñecido e familiar: a pomba. 

Consideramos que era impotante investigar sobre os símbolos da paz e entender cal é a súa orixe e o seu significado. Clicando a continuación, entraremos nun documento onde podemos ver os signos da paz máis coñecidos do mundo.

OS SÍMBOLOS DA PAZ

POR UN NADAL MÁIS SOSTIBLE

ORIXES DA ÁRBORE DE NADAL:

A orixe da árbore de Nadal remóntase á epoca dos pobos celtas do norte de Europa. Nas súas crenzas tiñan unha árbore sagrada a que lle chamaban “Divini Idrail” ou “Árbore do Universo”, creían que o universo sostíase entre ás súas pólas e as súas raíces.

           

 

Como representación desta árbore cada pobo celta escollía o carballo máis frondoso situado no medio do bosque que tivera o tronco máis groso. Cando se achegaba o solsticio de inverno decoraban esta árbore con doces e antorchas e bailban ao seu redor en honor ao deus Frey, o deus do Sol.

Os primeiros cristiáns que chegaron a estas terras adoptaron esta tradición, pero en vez dun carballo escolleron un piñeiro e empezaron a decoralo con mazás e velas para celebrar o nacemento de Xesús.

  

Esta tradición foise extendendo por todo o mundo chegando a converterse no elemento navideño máis popular. Co tempo as mazás e as velas foron substituídas por bolas e luces, e outros adornos típicos da época navideña.

      

 

REARBORÍZATE

Dende fai uns anos o Concello de Pontevedra puxo en marcha a campaña “Rearborízate”, que buscar alongar a vida das árbores de Nadal que durante as festas adornan os fogares da cidade. A iniciativa partía da Concellalía de Montes que en coordenación coa Comunidade de Montes de Tomeza, dan aos veciños e veciñas a oportunidade de replantar estas árbores nunha parcela propiedade da comunidade que nos últimos anos xa se coñece como o “Bosque do Nadal”.

   

Esta campaña conseguiu replantar máis de 50 árbores, o seu obxectivo principal é sensibilizar sobre a importancia do  coidado  e protección do medio natural e das árbores,  e contribuír a un desenvolvemento sostible da cidade. A campaña tamén busca que pouco a pouco as árbores de Nadal artificiais sean substituídas por árbores naturais e contribuir á recuperación dos montes.

 

Rearborízate no CRA:

A Relixión e Atención Educativa gustounos moito esta iniciativa para levala a cabo no noso cole, polo que propoñévosvos participar en que neste Nadal nos decantemos por árbores  sostibles, ben utilizando árbores de plástico reciclados libres de VPA senón temos outra opción para reutilizalos durante moitos anos, ou se fose posible utilizando árbores naturais que logo podemos replantar nas nosas leiras e montes, deste xeito contribuiremos a acadar un Nadal máis sostible e darémoslles a moitas arboriñas a oportunidade de crecer. Tamén podemos contribuir a acadar un Nadal máis sostible utilizando ás árbores e plantas naturais que temos nas nosas casas e leiras e decoralas como elementos navideños en vez de mercar elementos decorativos artificiais. Animádevos con esta iniciativa.

Moitos bicos a  todos e todas e Bo Nadal!

 

* Observacións: Para que as árbores sexan viables para replantar, hai unha serie de recomendacións a seguir mentres o exemplar estea nos nosos fogares: afastalos de fontes de calor, que teñan luz natural, regalos a diario e manter tanto as raíces como as ramas.

 

 

AS ROMARÍAS MARIÑEIRAS

A palabra romaría provén de romeiro, nome co que designaban aos peregriños que se dirixían a Roma. Por extensión, empezou a aplicarse a calquer peregriño que se dirixira a un santuario para rendir culto a unha virxe ou a un santo. En Galicia ir de romería é unha tradición moi arraigada, actualmente son festas de carácter popular onde os romeiros se achegan ata os santuarios para pasar un día de lecer e devoción.

Entre as romarías máis importantes de Galicia temos as chamadas romerías mariñeiras que por norma xeral lle rinden culto a Virxe do Carme.

         

A virxe do Carme tamén coñecida como a "Estrela dos Mares" é considerada a patrona dos mariñeiros e mariñeiras e de toda a xente que ten un traballo vinculado co mar. É tradición sacar a virxe en procesion polo mar en agradecemento polos favores concedidos e buscando a súa protección.

Son días de desfrutar en familia con música tradicional e con desgustación de productos das nosas rías...

            

 

                                                                     

 

..... e por suposto non poden faltar os postos de churros e rosquiñas!!

        

En Rianxo existe unha romaría mariñeira que non ten como protagonista a Virxe do Carme senón á Virxe de Guadalupe. Esta romería xurde no século XIX cando Galicia é atacada por un brote de cólera que tivo moita incidencia na nosa comarca, sen embargo deixaba a Rianxo sen apenas casos. A xente interpretou este feito como un miragre de protección da virxe negra máis popular de Galicia.           

Ao culto relixioso uneuse a devoción popular e organizouse unha procesión marítima ca “Moreniña” embarcada nun veleiro e acompañada por un cento de embarcacións tradicionais, dita procesión continuou ata a actualidade sendo un dos actos centrais das festas. 

      

Protectora das xentes do mar de Rianxo, a imaxe da Virxe de Guadalupe sae cada mes de setembro do seu santuario para subir a unha embarcación engalanada que a espera no peirao. A continuación iníciase a procesión polo mar, na que centos de embarcacións de todo tipo acompañan ao barco da Virxe. Cando chega á altura do Paseo da Ribeira o público comtempla "A Moreniña" semellante a unha regateira de Rianxo camiñando descalza pola area, como as que introduciron as xoubas nos mercados máis importantes de Galicia. Entón todos e todas entonan ao unísono a popular canción “A Rianxeira”, copla que naceu a mediados do século XX da morriña pola terra dos rianxeiros emigrados e exiliados en Bos Aires.

Ao longo dos días de festa adoitase escoitar esta canción polas rúas de Rianxo, e o último día, xa entrada a madrugada, protagoniza un emocionante peche festivo, cando a multitude concentrada na verbena da praza de Castelao volve cantala, coa música de varias orquestras e con luces de bengalas.

 

PASCUA 2022: AS ORIXES DOS OVOS E OS COELLIÑOS DE PASCUA.

A vindeira semana iniciamos as vacacións de Semana Santa. A Semana Santa é xunto co Nadal unha das celebracións máis antigas e importantes para os cristiáns. Nestes días lembramos os acontecementos dos últimos días da vida de Xesús que culminan no Domingo de Pascua e Resurrección onde celebramos o paso da morte á vida do noso amigo Xesús, de feito resurrección significa renacemento.

Este día de festa e gran alegría é celebrado por máis de 1.000 millóns de persoas en todo o mundo, e é un dos días do ano que máis chocolate se consume, sabedes por que? Porque existe a tradición de agasallar a familiares e amigos con ovos de Pascua:

Dende as orixes da humanidade o ovo foi considerado como sinónimo de fertilidade, esperanza e renacemento; na Idade Media era costume  durante as celebracións agasallar aos nenos con ovos de galiña ou de pato. Pénsase que os cristiáns adoptaron esta tradición a partires do século IX cando se decretou que non se podía comer ovos durante a Coresma. Os ovos gardábanse durante días e reservábanse ata o Domingo de Pascua onde se entregaban decorados e adornados como agasallo de amor e amizade. E aínda que as prácticas de xaxún durante o tempo de Coresma fóronse suavizando co tempo, esta tradición de agasallar ovos pola Pascua perdurou ata os nosos días.

 A principios do século XIX en Europa os pasteleiros alemáns, italianos e franceses empezaron a facer ovos de Pascua de chocolate que contiñan agasallos agochados no seu interior. Foi todo un éxito comercial que se extendeu rápidamente polo mundo enteiro. Pronto se deixou de agasallar con ovos decorados para agasallar con ovos de chocolate.

En Galicia esta costume de agasallar con ovos de chocolate é bastante moderna, a tradición nos dí que o Domingo de Resurección é o día en que os padriños e madriñas agasallan aos seus afillados e afilladas. O agasalllo típico da nosa terra era a rosca ou o roscón de Pascua. Actualmente aínda segue viva esta tradición, pero cada vez son máis os que agasallan con ovos de chocolate.

    

E tamén existe a tradición de agasallar con coelliños de Pascua tanto de peluche como de chocolate. Polo que empezamos a preguntarnos de onde ven esta tradición? Por qué se regalan coellos de chocolate pola Pascua?

Pois ben, contan as lendas cristiás que no sepulcro* onde foi depositado o corpo de Xesús, unha familia de coellos tiña instalada alí a súa tobeira, e cando Xesús resucitou, os coelliños alí presentes convertíronse nas primeiras testemuñas da Resurrección. De ahí xorde a figura do coello de Pascua. 

*Os sepulcros son construcións funerarias normalmente feitas en pedra que se levantaban do chan creando unha cámara semellante a unha cova. Tiñan unha porta de acceso e eran enterramentos comunitarios onde se enterraban a todos os defuntos dunha mesma familia.

 

 E por iso na Pascua tamén é costume agasallar con coellos de chocolate:

         

Este ano para celebrar a Pascua os nenos e nenas de Reli imos elaborar uns títeres de Coelliño de Pascua para compartir coas nosas familias. Estes son os modelos:

         

A LENDA DO NARVAL

 

 

 

Clicando no seguinte enlace podedes ver un pdf sobre a Lenda do Narval, unha lenda sobre a historia da Arca de Noé que levamos traballando na aula de Reli estas últimas semanas.

A LENDA DO NARVAL

 

                   

Este proxecto será o traballo que presentaremos este curso para a memoria de Voz Natura. Partindo dos textos bíblicos da Arca de Noé levamos a cabo unha serie de actividades que teñen como obxectivo desenvolver no noso alumnado a conciencia ecolóxica.

Ditas actividades están relacionadas tamén co PDI de centro "OcéanoCRAfico: estudo e conservación do medio mariño". Dende Reli tamén queremos aportar para que as nosas crianzas comprendan o importante que é coidar dos nosos océaos e dos animais que os habitan. O narval que inspira esta lenda, aínda que a día de hoxe non é un animal en perigo de extinción, si que é unha especie ameazada polo cambio climático, xa que unha subida brusca da temperatura da auga podería ser fatal para eles debido à súa pouca capacidade de adaptación. Dende a aula de Reli animamos e concienciamos aos nosos alumnos e alumnas do importante que é respetar o medio, un aspecto crucial de cara ao noso futuro. 

CANDELORIA 2022

 

 

 

 

A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. É a festa da luz, consiste  na bendición  das candeas que despois serán utilizadas na celebración da Semana Santa. Neste día, o crego vendí as candeas que a xente mantén acesas durante a misa e que logo levan para a casa, o nome de Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa coas candeas bendicidas.

 

É unha celebración moi especial que se entremezcla coas tradicións populares. En Galiza  a Candeloria significaba o final do inverno e o comezo do ano agrícola. De modo que a candea que se acendía en cada lar para conmemorar esta data simbolizaba o regreso da luz. O seu significado propiciatorio foi recoñecido en toda a Cristiandade Occidental, e as candeas que os devotos levaban á igrexa para que as bendecira o sacerdote na misa dese día, considerábase que adquirían poderes sobrenaturais para afastar aos malos espíritos, ás treboadas e tamén para axudar a calquera nun trance difícil.

 

Por todos este motivos a linguaxe popular galega ten moitos ditos e refráns relacionados coa festa da Virxe da Candeloria, como por exemplo:

 

Algúns referidos á climatoloxía:

 

“Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”.  

 

 

Algúns referidos ao comezo da primavera, como o día en que se casan os paxariños:

 

 “A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.

 

E algúns referidos ao encantamento das cobras, xa que nalgunhas comarcas se cría que invocando o poder da Virxe podíase manter lonxe dos campos calquera tipo de serpe:

 

“Santa Candeloria me ampare esta cobra”

 

De todo isto falamos na clase de Reli onde nos gusta aprender sobre as nosas crenzas e tradicións. E fixemos estes traballiños:

 

   

 

Feliz día da Candeloria 2022. 

DÍA DA PAZ 2022: ORIXES DA POMBA COMO SÍMBOLO DA PAZ

A POMBA, SÍMBOLO DA PAZ

O concepto de Paz  é un tema fundamental dentro dos valores cristiáns, é un dos máis importantes. Según nos contan os Evanxeos é un concepto que utilizaba Xesús constantemente incluso cando saudaba ou se despedía adoitaba decir: "Que a paz sexa convosco". Na Declaración dos Dereitos Humanos aparece recollido como un dereito fundamental , todas as persoas teñen o dereito a vivir en paz.

A pomba foi considerada dende moi antigo como un símbolo de paz e entendemento entre as persoas. No século XX despois das guerras mundiais que sufriu o mundo difundiuse o debuxo da pomba branca como Símbolo Universal da Paz.

No ano 1949 o xenial pintor español Pablo Picasso debuxou unha pomba para o Congreso Internacional da Paz celebrado en París. Posteriormente Picasso creou unha colección da grabados con este símbolo, que provocou que outros artistas o  popularizaran e se convertera nun símbolo da paz a nivel mundial:

        

                                                                                                   PABLO PICASSO                                              POMBA DA PAZ, CONGRESO DE PARÍS 1949

A continuación mostramos algúns dos grabados  da Pomba da Paz máis populares de Picasso:

                              

Pero cal é a orixe deste símbolo?

A pomba é Símbolo de Paz dende os tempos da "Arca de Noé", a historia do diluvio universal recóllese en moitas culturas antigas. Na tradición xudeu-cristiá aparece nos primeiros relatos da Biblia que contan que despois do gran diluvio, Noé mandou unha pomba para que, a través dela, se puidera coñecer en que condicións estaba a Terra despois do terrible suceso que os obrigara a encerrarse na Arca. A pomba regresou portando unha ramiña de oliveira no piteiro, signo de que as augas se estaban retirando e de que xa había árbores que non estaban cubertas pola auga, polo tanto podían abandonar a Arca para voltar a vivir en terra firme. A pomba anunciaba que o perigo desaparecera e que Deus voltaba a estar en paz coa humanidade. E moi común ver o símbolo da Pomba da Paz nas ilustracións dos relatos da  Arca de Noé como a que vemos a continuación:

Picaso inspirouse nestas historias para crear a Pomba da Paz como símbolo, na actualidade vai máis alá de calquera cultura, raza ou relixión, e ven sendo o símbolo da paz máis coñecido universalmente.

Como cada ano, o 30 de xaneiro celebramos o Día mundial da Paz ,os nenos e nenas de Relixón do CRA para conmemorar este día decidimos, ao igual que Pablo Picasso, facer as nosas pombas da paz.

       

 

Aviso familias Relixión

Estades todos e todas invitados e invitadas a participar da google classroom "Imos a Reli". Só precisades ter aberta unha conta de gmail para apuntar as vosas crianzas. Ao entrar na aplicación en "apuntarse a una clase" introducides os seguinte código s7k5abz e listo. É unha aplicación que tamén serve para móviles e tabletas. Animádevos a participar. Un bico a profe Celia.

A Festa do Santísimo

 

 

Ola a todos e a todas os nenos e nenas de Reli do CRA estamos rematando o noso percorrido a través das festas relixiosas tradiconais. E chegado o mes de xuño non podíamos rematar o curso sen adicarlle un ratiño a coñecer a tradicional "Festa do Corpus Christi" popularmente coñecida como "O Día do Santísimo".

A través dunha presentación de imaxes en power-point descubrimos que sempre se celebra no mes de xuño despois do día de Pentecoste, e que é unha festa adicada ao sacramanto da Comunión, de ahí o nome tan raro que recibe (jajaja) "Corpus Christi" está en latín e significa "Corpo de Cristo". E tamén descubrimos que o elemento máis característico deste día é a tracicional "procesión das alfombras"

 

 

Coñecimos para que se fan, como se fan, cando se fan, que materiais se utilizan na súa elaboración....

 

 

Tamén aprendimos que admiten gran cantidade de motivos nos debuxos que se representan, tanto relixiosos como florais, elementos do entorno....

 

 

E tamén aprendimos que é neste día cando nas parroquias se celebran as Primeiras Comunións e que despois os nenos e nenas poden desfilar na procesión acompañando ao Santísimo:

 

 

Tamén aprendimos que esta festa tradicionalmente se celebraba en xoves, ata o ano 1989 que foi trasladada ao domingo. Aínda que en moitas localidades tanto dentro como fóra de Galiza séguese celebrando en xoves como festivo local. Esta festa é moi popular e está moi arraigada na nosa cultura, en case todos os pobos fanse as tradicionais alfombras, e aquí en Galiza temos o pobo de Ponteareas onde se dí que se fan as alfombras máis fermosas do mundo, foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional, e cada ano ven xente de todas as partes do mundo para contemplar as alfombras consideradas obras de arte efímero. En relación con todo isto tamén aprendimos un refrán popular que fai referencia a estas festas relixiosas celebradas en xoves:

Tres xoves hai no ano

que relucen máis que o Sol

Xoves Santo, Corpus Christ¡

e o Día da Ascensión

 

Para rematar coloreamos uns debuxos sobre a actividade. Os máis pequeniños fixemos este:

 

Os nenos e nenas de 4 e 5 anos fixemos este:

 

E os nenos e nenas de Primaria coloreamos este:

 

E andando, andando... rematamos a actividade e con ela o curso, só nos restaba eleborar uns cartafois onde gardar os nosos traballos para levalos á casa e compartilos coas nosas familias. Este foi o resultado:

 

 

Os nenos e nenas de 2º de Primaria ademáis levaron uns sobres onde recolleron os seus traballos sobre o Ciclo Litúrxico:

 

Con estas actividades rematamos o curso 2013-2014, un curso marabilloso cheo de descubrimentos e emocións. Esperamos que gozásedes dos nosos traballos que nos encanta compartir con todos vós a través do noso portal. De parte de todos os nenos e nenas de Relixión do CRA (e tamén da profe Celia) moitísimos bicos a todos e a todas e felices vacacións! Vémonos en setembro!

Distribuir contido