2021-2022
BEIRAMAR
CON EMILIO, AMIGO QUE CURSO A CURSO ALIMENTA O NOSO AMOR POLA NATUREZA,
PERCORRIMOS A BEIRAMAR CAMIÑO DA PRAIA DA TORRE.
SOUBEMOS DOS NOMES DAS PRAIAS, ROCHAS E CAMIÑOS E SAUDAMOS A HABITANTES DA TERRA E DO MAR.
- APIs de Blogue
SEGUNDO E TERCEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2021-2022
Unha vez finalizadas as vacacións de nadal volvemos de novo á rutina diaria, e coas enerxías renovadas, seguimos avanzando na adquisición de novos aprendizaxes.
Continuamos afianzando o proceso da LECTOESCRITURA e o coñecemento das LETRAS, así como tamén reforzando a CONCIENCIA FONOLÓXICA. Para iso, seguimos con actividades e xogos a través dos cales, identificamos as iniciais das palabras, contamos as letras polas que están compostas, compuxemos palabras con letras móbiles, iniciámonos na lectura de palabras... No que respecta á súa representación gráfica, os/as máis maiores seguimos coñecendo e representando de forma lúdica o trazo das letras minúsculas e a escribir palabras con dita grafía.
Nas seguintes fotos móstranse algúns exemplos de ditas actividades.
De xeito progresivo tamén seguimos afondando nos conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, mediante xogos e actividades manipulativas, repasando e afianzando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, os amigos do 10, os veciños dos números, os números pares e impares a partires de facer parellas, a suma, a descomposición dos números,...
No noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA seguimos a experimentar cos TRAZOS. Os máis pequenos seguimos representando trazos horizontais e verticais, e tamén coñecemos e discriminamos algunhas das figuras xeométricas (círculo, cadrado e triángulo). Por outra parte os máis maiores, traballamos os trazos en ondas, cruces...
Diariamente, nas rutinas do encargado/a tamén lle seguimos dedicando un espazo á representación do noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se pode observar nas nosas representacións.
Seguimos experimentado tamén coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén algunhas sesións á ROBÓTICA co noso robot DOC. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico.
Continuando co noso Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva como título “Oceanocráfico; estudo e conservación do medio mariño”., volvemos a ter a sorte de contar novamente coa participación dalgún familiar que se animou de forma voluntaria a compartir con nós os seus coñecementos. Foi o caso por exemplo da mamá de Vera e Teo, (bióloga mariña) que trouxo a aula varios tipos de peixes, así como tamén instrumentos que empregan nos laboratorios. Con ela observamos e aprendemos cales son as partes dos peixes e moitas outras cousas que nos explicou.
Na aula tamén indagamos acerca do ciclo de vida dos peixes e das súas características.
Por outra parte, a partires dun libro que elaboramos entre todas as escolas do CRA sobre os “Animais mariños en perigo de extinción” que nos gustou moito, decidimos indagar e coñecer máis a fondo curiosidades deses animais mariños en perigo de extinción, polo que cada semana dedicamos unhas horas a buscar información, ver fotos e vídeos en internet, e medirnos para simular a equivalencia da medida real do animal mariño concreto que tocara esa semana.
Os experimentos tamén tiveron cabida no noso día a día. Así pois, tivemos que formular hipóteses e posteriormente contrastalas en función dos resultados observados nos experimentos.
O que máis nos gustou foi o dos ovos mariños, pois un día sen máis apareceron na aula dous ovos grandes cunha nota na que había unha única instrución: meter en auga durante 24-48h. A nosa emoción ía cada día en aumento e as ganas de descubrir que pasaba despois desas horas eran cada vez maiores, pero mentres nos tocaba ter paciencia e agardar, decidimos apuntar as nosas hipóteses do que podía saír de dentro dos ovos: dinosauros, peixes, polbos..., e durante os días de espera fomos recompilando por escrito e graficamente os cambios producidos nos ovos.
Outro dos experimentos que elaboramos foi o do Océano nunha botella, que a posterior levamos para as casas.
Todo o investigado e aprendido durante o curso fómolo recompilando nuns LAPBOOKS personalizados que fomos creando a medida que iamos descubrindo novas aprendizaxes e contidos.
Este curso volvemos a traballar no noso HORTO. Así pois, unha vez que quitamos as malas herbas e abonamos a terra plantamos leitugas, fresas, berenxenas, tomates cherry, fabas, e encargámonos diariamente de regar para que fosen medrando.
Seguimos festexando tamén os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o RITUAL da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.
Esta celebración síguenos resultando moi especial e gústanos moito compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, a partir das fotos que lles ensinamos e nas que analizamos con detalle todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.
Como non podía ser de outra forma, o momento máis desexado segue a ser o momento no que o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!
Durante o segundo e o terceiro trimestre tamén CONMEMORAMOS o DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, para o cal pintamos a nosa propia Rosalía; o DÍA DA MULLER, debuxando ás mulleres máis importantes da nosa vida; e o DÍA DA FAMILIA, facendo uns carteliños cos nosos apelidos e debuxando a cada un dos membros da familia que queríamos.
E como non, tampouco podían faltar as SAÍDAS en ditos trimestres.
Así pois, como en veces anteriores, desprazámonos a Asados para pasar unha xornada na biblioteca de Daniel. Alí coa mestra de música (Itziar) aprendemos a canción popular “Pájaro pinto”. Primeiro cantámola, logo acompañamos os ritmos coas partes do corpo, e finalmente con instrumentos musicais (claves e pandeiros). Despois de merendar e de xogar un pouco, gozamos dun contacontos sobre a bióloga mariña Sylvia Earle que tiña por título “Acuanauta”, e posteriormente elaboramos unha manualidade que consistía en pintar o noso propio fondo mariño.
No mes de marzo, fomos de excursión ao polideportivo de Rianxo onde o pasamos moi ben nunha sesión de baloncesto. A continuación merendamos e xogamos no parque e logo visitamos o Museo do Mar, onde nos explicaron entre outras cousas cales son as diferentes artes de pesca; vimos maquetas de diferentes embarcacións; e nos explicaron como é a cría de mexillón e de vieiras nas bateas.
En abril, a asociación monte veciñal Mancomunidade de Araño, citounos a todas as escoliñas do CRA xunto coas familias para plantar árbores autóctonas (castiñeiros, carballos, e acebos) no monte Buía. Dita actividade, enmarcada no programa Voz Natura, tamén nos permitiu coñecer algunhas especies da nosa fauna, en concreto un exemplar de aguia rateira, procedente do Centro de Recuperación da Fauna Silvestre, que foi liberada alí mesmo ante a nosa atenta mirada. A xornada rematou cunha explicación por parte das brigadas forestais sobre como actúan ante un incendio, e tamén nos fixeron unha demostración e ata nos mollaron coas mangueiras dos camións de prevención de incendios.
No mes de maio, como xa é tradición, levamos a cabo a Carreira das Letras. Para iso desprazámonos ata a Praza do Concello de Rianxo, e comezamos a mañá gozando dun teatro ao aire libre titulado “A festa da iguana” da compaña Teatro Calavera, e que estaba organizado pola Anpa Cra Rianxo Irmáns Ínsua. Despois disto, levamos a cabo a homenaxe ao escritor ao que se lle dedicaba o día das Letras Galegas deste ano: Florencio Delgado Gurriarán. A continuación chegou o momento máis agardado por todos/as: a carreira polas rúas de Rianxo, onde o pasamos xenial. E para rematar repuxemos forzas cunha rica merenda e xogamos libremente no parque.
E como remate final ás saídas deste curso, en xuño chegou sen dúbida a máis esperada por todos/as!! A excursión ao Acuario da Coruña.
Levabamos meses falando e imaxinándonos ese día, pois ao longo do curso cada vez que traballabamos o noso PDI sobre os océanos, e as especies mariñas, aparecíannos dúbidas, curiosidades... e tiñamos moitas ganas de resolvelas e de poder ver en persoa a moitas das especies investigadas na aula. Por outra parte, outra cousa que nos facía especial ilusión era montar en tren!! Pois aínda que algúns compañeiros/as xa foran algunha vez en dito transporte, moitos/as outros/as nenos/as nunca montaran e tiñan moitas ganas!
Así pois, a xornada comezámola visitando o Acuario, onde o tempo nos pasou voando vendo e recoñecendo moitas especies, e por fin poñéndolle cara e corpo ao famoso tiburón Gastón do que tanto levabamos falado na aula. Unha vez rematada a visita, fomos ata o parque de Santa Margarida para merendar e xogar. E a continuación desprazámonos ata a estación de tren da Coruña, para facer o traxecto ata Santiago de Compostela en dito medio de transporte, e logo volvemos coller o autobús para chegar a Rianxo.
Xa para ir rematando, durante a ÚLTIMA XORNADA DE COLE, tivemos momentos moi especiais, pois recibimos uns agasalliños e rememoramos algúns dos momentos vividos máis significativos para cada un/unha ao longo do curso. De seguido reunímonos as dúas aulas (infantil e primaria) e recibimos ás familias para compartir e degustar unha merenda moi especial que nos tiñan preparada. E porteriormente comezamos uns obradoiros que tiñamos preparados para levar a cabo en compañía das familias. Ditos obradoiros eran catro: un obradoiro sensorial no que experimentamos con area máxica, boliñas de xel e espuma de afeitar; un obradoiro das herbas de San Xoán, no que coñecemos, identificamos polo seu olor e clasificamos as sete herbas de San Xoán; e un obradoiro de creación dun lenzo con elementos mariños como area, cunchas...
E como cada curso, tamén chegou a pesares do pouco que nos gusta, o momento da DESPEDIDA. Este ano, tocounos despedir aos nosos/as 5 compañeiros/as maiores de 6º de Educación Infantil, que finalizaban unha etapa na nosa aula.
Polo que non podíamos cerrar este curso sen antes expresarlles todos os nosos mellores desexos para esa nova etapa que van a comezar! Pois durante estes cursos demostrástesnos ser uns/unhas nenos/as EXTRAORDINARIOS/AS, e os/as mellores compañeiros/as que puidemos ter.
GRAZAS POR TODAS AS VOSAS ENSINANZAS, E O CARIÑO QUE NOS APORTASTES, SEN DÚBIDA GAÑÁSTESVOS UN OQUIÑO PARA SEMPRE NOS NOSOS CORAZÓNS!
QUE TEÑADES TODOS/AS UN MOI BO VERÁN, E
QUE GOCEDES MOITO DESAS MERECIDAS VACACIÓNS!
- APIs de Blogue
TRÁMITES E CONSULTAS URXENTES EN AGOSTO
Seguimos de vacacións de verán; mais ás veces xorden trámites ou consultas urxentes que non poden agardar. Se isto acontece chámanos ao 629650523 para intentar amañar.
Horario: de luns a venres de 11:00 a 13:00 horas.
Se non vémonos á volta do verán en setembro.
Un saúdo
O equipo directivo
- APIs de Blogue
SABOR A MAR
DESPOIS DE TEREN FEITO O SEU TRABALLO, OS PAIS DE MANUEL DEIXAN AS SÚAS CAPTURAS NA LONXA.
A PARTIR DESE MOMENTO COMEZA A QUENDA DE TRABALLO DA AVOA.
CO SEU VEHÍCULO ACHEGA Á PORTA DA VECIÑANZA PESCADAS, CHOPOS, RAIAS, FANECAS ...
DO MAR DA AROUSA Á LONXA. DA LONXA AO NOSO PRATO. MANXARES CON SABOR A MAR
- APIs de Blogue
REVISTA ESCOLAR "COUSIÑAS DO NOSO CRA 2022"
Para dar por rematado este curso, alumnado e profesorado do CRA de Rianxo elaboramos unha nova edición da nosa tradicional revista escolar "cousiñas do noso CRA" onde amosamos algunhas das nosas vivencias e aprendizaxes ó londo deste curso tan proveitoso. Desexamos que sexa do voso agrado e que teñades unhas fantásticas vacacións de verán!
- APIs de Blogue
PROCESO DE FORMALIZACIÓN DE MATRÍCULA PARA O CURSO 2022-2023
O vindeiro luns 20 de xuño iníciase o proceso de formalización de matrícula para todo o alumnado de novo ingreso que foi admitido no noso centro.
Prazo de presentación:
Do 20 ao 30 de xuño de 2022 na sede do centro en Atalaia- Asados.
Horario: luns 20 de xuño de 9:30 h- 11:00 h e de 13:00-14:00 h
martes 21 de xuño de 12:30 h- 14:00 h.
do 23 ao 30 de xuño de luns a venres laborais de 10:00 h- 13:30 h
Deberedes presentar debidamente cumprimentado o ANEXO III-1 Documento de formalización de matrícula educación infantil e primaria.
Na sede do CRA en Asados temos dispoñibles copias impresas do ANEXO III -1 para quen as precise, tamén podedes descargalo no seguinte enlace:
*Rogamos que vos poñades en contacto co centro antes de vir recoller ou entregar o impreso para asegurarvos de que a sede esté aberta. Durante o mércores 22 de xuño permanecerá pechada xa que todo o profesorado estará repartido polas distintas escolas para a celebración de fin de curso.
Teféfonos de contacto: 981 86 33 05 // 629 65 05 23
Un saúdo, ante calquera dúbida estamos a vosa disposición
O Equipo Directivo do centro.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
anexoiii_1_infantil_primaria.pdf | 427.8 KB |
- APIs de Blogue