O SEGUNDO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Como xa comentamos na publicación do primeiro trimestre, este curso sen dúbida unha das cousas que máis botamos de menos son as xuntanzas e as xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA, así como tamén as saídas e excursións que tanto nos gustaban.
Pero a pesar das limitacións que estamos tendo, este trimestre tamén tivemos a sorte de poder pasar unha xornada diferente na BIBLIOTECA DE DANIEL.
Dita xornada estivo dividida en dúas partes.
Durante a primeira parte estivemos na Biblioteca descubrindo cousas sobre o Camiño de Santiago a partires do conto “Bo camiño, Valentiño” que nos representou a profe Carla e que nos encantou, e tamén sobre as diferentes etapas da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. En relación a isto fixemos uns puzzles con motivos relacionados cos personaxes do Xacobeo. A continuación descubrimos que na biblioteca hai unha impresora 3D e estivemos vendo como é o seu funcionamento, e a profe Carla fíxonos entrega duns chaveiros coas nosas iniciais elaboradas na propia impresora que levamos de recordo.
Unha vez rematada a actividade da biblioteca, tivemos unha hora para merendar e para xogar libremente.
Posteriormente durante a segunda parte da xornada, o profe Mario e Javi (mestre de Taekwondo en Boiro) tíñannos preparada unha clase na que estivemos aprendendo diferentes exercicios técnicos e tamén fixemos diversos xogos onde o pasamos en grande.
Por outra parte como debido ás restricións as sesións presenciais do CLUB DE CIENCIA se viron afectadas durante unhas semanas, tomouse a decisión de recuperalas de forma excepcional con sesións dentro das aulas.
Así pois, durante unha xornada os profesionais de Arenaria desprazáronse ás escolas para levar a cabo unha sesión científica onde puidemos gozar de diversos experimentos, así como de interesantísimas explicacións acerca de especies mariñas, etc.
Durante este segundo trimestre tamén levamos a cabo algunha que outra CELEBRACIÓN e CONMEMORACIÓN.
Así pois no mes de febreiro, o Toribio apareceu na escola coas súas comandas para dar paso á celebración do ENTROIDO. Durante esa semana tiñamos que asistir vestidos/as dunha forma moi peculiar obedecendo as súas ordes. Xa para rematar, o venres de entroido pasamos unha xornada moi animada, pois asistimos disfrazados/as ao colexio, e durante a xornada levamos a cabo un taller de decorado dos nosos propios retratos, onde quedou demostrado que somos uns/unhas artistas!! E para repoñer enerxías gozamos dunha rica merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias.
Por outra parte o día 24 de febreiro tamén CONMEMORAMOS o día do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO, sen dúbida unha das escritoras máis representativas e importantes da nosa literatura.
Outro acontecemento de gran relevancia que tivo lugar na nosa aula durante este trimestre, foi a aparición dunhas mascotas moi peculiares: VERMIÑOS DE SEDA.
A comezos do mes de marzo, unha mestra doutra escola do CRA dounos ovos de vermes de seda dos cales aos días vindeiros comezaron a saír vermiños. Dende o primeiro momento nos fixo moitísima ilusión telos, e comezamos a facernos moitísimas preguntas acerca de como coidalos, que darlles de comer, a súa evolución ata converterse en bolboretas...
Rapidamente algúns/algunhas compañeiros/as tamén asociaron e lembraron que na aula temos un conto no que precisamente a protagonista é unha eiruga e quixemos volver lelo para recordar cal era a evolución do seu ciclo vital. Dito conto titúlase “Unha eiruga moi larpeira” e o seu autor é Eric Carle.
Pero a partir da lectura do conto, comezamos a ter algunha contradición e algún debate, sobre todo con respecto á alimentación das eirugas, pois a protagonista do conto tiña unha alimentación moi variada, e preguntámonos se os nosos vermiños tamén poderían comer tantos alimentos. Para resolver todas as dúbidas que nos invadían decidimos buscar en internet información acerca dos vermes de seda. Visualizamos pois diferentes vídeos en Youtube nos que explicaban con detalle o ciclo vital dos vermes, e nos cales tamén puidemos ver que o principal alimento dos vermes de seda son as follas dunha árbore chamada Moreira.
Así pois, unha vez que resolvemos todas as nosas dúbidas estamos moito máis tranquilos/as e preparados/as para coidar aos nosos pequenos vermes e sorpréndenos ver día a día o rápido que van medrando!
Durante este segundo trimestre tamén lle dedicamos especial atención ao noso BENESTAR EMOCIONAL. Así pois, incidimos moito na importancia de recoñecer as diferentes EMOCIÓNS que nos invaden en diferentes momentos e da importancia de saber XESTIONALAS e CONTROLALAS dunha forma axeitada.
Sabemos pois que hai diferentes emocións e que non todas elas nos fan sentir da mesma forma. Nas asembleas que abordamos este tema, sempre coincidimos que por exemplo cando sentimos Alegría, ou Calma, nos sentimos ben, mentres que polo contrario cando sentimos por exemplo Medo, Rabia, ou Tristeza as nosas sensacións non son tan boas. Sen embargo coincidimos en que é normal sentir calquera desas emocións e incluso beneficioso aínda que nun primeiro momento nos pareza que non, pois por exemplo cando sentimos Medo, dita emoción en determinadas ocasións estanos a protexer de posibles perigos.
Por outra parte, tamén recoñecemos que cando nos enfadamos ou nos sentimos tristes, é moi necesario e beneficioso contar e transmitir o que nos pasa, e o motivo de porqué nos sentimos así para liberar esa tensión ou angustia que nos está facendo dano.
Outro aspecto fundamental para o noso benestar emocional e que tamén o estamos traballando sempre, é o feito de pedir perdón e saber perdoar, cando por exemplo xorde algún conflito entre nós. Independentemente de que nos sintamos feridos/as ou molestos/as temos que saber dialogar e chegar a acordos para solucionar ditos conflitos, e para iso é moi importante que as partes implicadas manifesten como se senten e que nos escoitemos os uns/unhas aos outros/as e sexamos capaces de poñernos no lugar dos demais, demostrando así Empatía. A xestión de forma axeitada das nosas emocións propiciará un ambiente máis tranquilo e cálido no que todos/as nos sentiremos máis cómodos/as.
Así pois, todo isto tratámolo diariamente sobre todo a través das asembleas nas que expoñemos como nos sentimos. Pero a maiores tamén levamos a cabo algunha que outra actividade máis concreta como por exemplo a do “Reloxo das emocións” que consiste en escoller tarxetas, nas que se describen determinadas situacións que calquera de nós pode vivir no seu día a día, e tratar de identificar que emoción ou emocións nos faría sentir dita situación. (Exemplo: Raquel está xogando coa súa prima e esta pídelle que lle deixe o seu xoguete favorito, Raquel déixallo sen problema pero cando súa prima está xogando con el rómpelle. Como se sentirá Raquel?).
E xa para rematar o trimestre, durante a última xornada de cole, reunímonos cos nenos/as da aula de primaria para levar a cabo unha actividade que nos facía moita ilusión: elaborar as nosas propias BOTELLAS DA CALMA. Quedaron moi chulas!
Vémonos á volta das vacacións, coas enerxías renovadas e dispostos/as a seguir gozando dos bos momentos que nos quedan por compartir!!
- APIs de Blogue