O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021
Estimadas familias,
O primeiro trimestre chegou ao seu fin. Que rápido pasou!! Tiñamos moitas ganas de volvernos reencontrar despois de tantos meses nas casas. E aínda que dende comezos de setembro sabiamos que ía ser un curso un tanto diferente debido á nova realidade que nos está tocando vivir, as nosas ilusións e ganas de volver a compartir momentos xuntos/as eran se cabe máis grandes que ningunha outra vez.
Volver á escola supuxo para todos/as en parte volver un pouco á “normalidade” que tanto botabamos de menos, e aínda que houbo moitos cambios en comparación ao curso pasado, de novo, quedou demostrado, que somos uns auténticos/as campións e campioas pois superamos con creces os novos retos que nos tocou afrontar e fomos capaces de adaptarnos a eles sen case ningún tipo de dificultade!
Foron uns meses moi intensos repletos de moitas anécdotas, experiencias, aprendizaxes, e sobre todos moitas risas, e bos momentos.
Unha vez máis, para facervos partícipes do que vivimos, gustaríanos compartir convosco algúns deses momentos, e así achegarvos, un pouquiño máis, ao día a día da nosa aula.
Aínda que a día de hoxe xa nos coñecemos todos e todas, imos aproveitar para presentarnos e darvos a benvida, unha vez máis, á nosa aula, da que tamén formades parte indispensable.
No mes de setembro tivo lugar o reencontro que tantos meses levabamos esperando. Foron uns días cheos de cambios para todos/as, e de primeiras veces para outros/as. A maior parte de nós xa nos coñecíamos, e démoslle a benvida aos nenos/as de 3 anos, intentando dende o primeiro día que se sentisen moi a gusto no cole.
Un dos cambios máis significativos co que nos atopamos na aula, en comparación ao ano pasado, foi que dende o primeiro día a distribución da mesma estaba organizada en 4 equipos diferentes. E cada equipo estaba conformado por un número determinado de nenos/as. Do mesmo xeito, a distribución dos materiais tamén estaba cambiada, e cada equipo tiña asignado na aula un espazo determinado para os seus materiais. Ante estes novos cambios, para facilitar a organización do día a día, decatámonos de que cada equipo precisaba ter un nome e unha imaxe asignada, e esa foi unha das nosas primeiras tarefas: os membros de cada equipo pensaron e dialogaron acerca de posibles nomes que lles gustaban e seguidamente escolleron unha foto para asignarlle ao seu equipo.
O resultado foi o seguinte:
Ao longo das primeiras xornadas levamos a cabo diferentes xogos e dinámicas de presentación, para que os nenos/as de 3 anos nos fosen coñecendo, e empezamos a interiorizar as diversas rutinas establecidas durante a xornada, e as novas formas de organizarnos (espazos establecidos para cada equipo: zonas de traballo, perchas, zonas na asemblea...).
Como podedes ver, tanto na aula coma no patio, non non quedou ningún recuncho por descubrir.
Unha vez superado o mes de setembro, e con el o período de adaptación que supuxo para todos/as debido aos cambios establecidos, seguimos avanzando no trimestre, e adquirindo pouco a pouco novos logros e obxectivos.
Así pois os nenos/as de 3 anos, coa axuda dos compañeiros/as de 4 e de 5 anos iniciámonos pouco a pouco no coñecemento das LETRAS, as cales se foron presentando non só pola súa grafía, senón tamén polo seu son. Partindo pois, de palabras significativas para todos/as nós como son por exemplo o noso propio nome, e os nomes dos nosos/as compañeiros/as da escola, así como tamén os dos nosos familiares e amigos/as máis próximos; os días da semana; os carteis da aula; ou os títulos dos contos...; levamos a cabo numerosas actividades: contar o número de letras, ver cal é a letra do inicio e a do final, recoñecer as letras iguais, representar a súa grafía, identificar as letras polo seu son...
De igual xeito, os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos avanzando no proceso da LECTOESCRITURA, a través tamén de diferentes actividades lúdicas e significativas como por exemplo: os bingos de letras; discriminación auditiva clasificando pictogramas ou imaxes en función da letra correspondente pola que comece cada palabra; composición de palabras; conteo das sílabas que conforman unha determinada palabra; conteo de vogais e consoantes diferenciando cales son unhas e outras...
Nas seguintes fotos podedes ver algunha desas actividades.
- APIs de Blogue