O TERCEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2020-2021

 

 

 Estimadas familias,

O presente curso chegou ao seu fin, polo que é momento de facer balance do vivido ao longo destes meses e recordar e compartir con vós moitas das aventuras.  

Á volta das vacacións de semana santa volvemos de novo á rutina diaria, e ao igual que nos anteriores trimestres, tocou volver a reorganizar os equipos de traballo. Esta vez, resultounos xa moito máis sinxelo pois ao coñecer mellor a dinámica, escollemos os nomes máis rápido logo de dialogar e pensar cal nos gustaba máis, así como tamén as imaxes que nos gustaban para representar a cada equipo.

 

Conformados de novo os novos equipos, seguimos progresando na adquisición de novos aprendizaxes.

Continuamos afianzando o proceso da LECTOESCRITURA e o coñecemento das LETRAS, así como tamén reforzando a CONCIENCIA FONOLÓXICA. Para iso, seguimos con actividades e xogos a través dos cales, identificamos as iniciais das palabras, contamos as letras polas que están compostas, compuxemos palabras con letras móbiles, iniciámonos na lectura de palabras... No que respecta á súa representación gráfica, os/as máis maiores seguimos coñecendo e representando de forma lúdica o trazo das letras minúsculas e a escribir palabras con dita grafía.

A continuación deixámosvos algunhas fotos con algúns exemplos de ditas actividades.

 

       

        

 

         

 

         

 

 

De xeito progresivo tamén traballamos os conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, mediante xogos e actividades manipulativas, repasando e afianzando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, os amigos do 10, os veciños dos números, os números pares e impares a partires de facer parellas, a suma, a descomposición dos números,... 

 

     

 

    

 

    

 

    

 

    

 

    

 

                                                                   

 

                                                                

 

     

 

     

 

     

 

 

 No noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA seguimos a experimentar cos TRAZOS. Os máis pequenos seguimos representando trazos horizontais e verticais, e tamén coñecemos e discriminamos algunhas das figuras xeométricas (círculo, cadrado e triángulo). Por outra parte os máis maiores, traballamos os trazos en ondas e en espiral.

 

      

 

     

 

     

 

     

 

 

Diariamente, nas rutinas do encargado/a tamén lle seguimos dedicando un espazo á representación do noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se pode observar nas nosas representacións. 

 

                 

 

                                                                                                

 

                        

 

                                                                                                

 

 

Seguimos experimentado tamén coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén algunhas sesións á ROBÓTICA co noso robot DOC. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico.

 

   

 

    

 

 

Continuando co noso PDI titulado “fíos de palabras (contos impresos e de tradición oral)”, investigamos e aprendemos moitas cousas en relación aos contos, pero a medida que pasaba o curso foron aumentando as nosas ganas de elaborar un libriño no que os/as protagonistas non fosen simples personaxes descoñecidos, senón que ao abrir as páxinas de dito libriño, os/as protagonistas fósemos nós!

Así pois aproveitando a dinámica de grupo que levamos a cabo coñecida como as PÁXINAS AMARELAS, confeccionamos as nosas propias “PÁXINAS AMARELAS DA AULA”.

 

                Dita dinámica consiste en confeccionar unha especie de “Páxinas Amarelas” da aula, onde cada unha das páxinas terá de protagonista a un neno/a, e na cal se destacará: en que é experto/a (por exemplo: experto/a en compartir as cousas cos demais; en axudar aos demais; en ensinarlle algo aos seus compañeiros/as como xogos, cancións…); as súas calidades positivas; e na que dito neno/a fará un debuxo representándose a si mesmo/a. Deste xeito cando precisemos dalgún experto/a acudiremos ao libro para ver a quen debemos solicitar axuda.

 

Aquí tedes o resultado

 

                           

 

                           

 

                           

 

                             

 

                             

 

 

Este trimestre tamén puxemos a punto o noso HORTO, xa que durante o segundo trimestre colocárannos uns bancais de madeira, pero estabamos agardando a telos cheos de terra para poder comezar a plantar.

 

Así pois, unha vez que os tivemos cheos de terra, botámoslle un pouco de abono e plantamos leitugas e fresas, as cales nos encargábamos diariamente de regar para que fosen medrando, e de quitarlles as malas herbas. 

 

     

 

     

 

                                         

 

        

 

        

 

 

Durante o segundo trimestre chegaran á aula VERMIÑOS DE SEDA, polo que continuamos co seu coidado e observando e aprendendo día a día aspectos sobre as diferentes fases polas que van evolucionando ao longo do seu ciclo vital.

Seguimos lendo contos relacionados coa temática, e onde os protagonistas sofren unha metamorfose:  “A bolboreta Doreta” e “La metamorfosis de Frufrú”.

Tamén levamos a cabo hipóteses acerca de cantos vermiños tiñamos na nosa caixa, e algún/algunha que outro/a compañeira/a andou moi cerca de adiviñar a cifra. Para iso, tivemos que quitalos todos da caixa e ilos contando. Quedamos abraiados co resultado! Pois tiñamos un total de 68 vermes!

 

Pouco a pouco chegou o día no que comezaron a aparecer os primeiros casulos, e moi emocionados/as seguimos a espera de ver as primeiras bolboretas! Cando estas apareceron, foi un momento de gran emoción, pois por fin víamos completado o ciclo! Estas puxeron de novo ovos, os cales temos gardados para poder volver comezar co proceso o curso que ven. 

 

                               

 

 

                                                           

 

                                                          

 

                                                   

 

                                         

 

                                         

 

 

Durante o terceiro trimestre tamén festexamos os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o RITUAL da “celebración da vida”, ao estilo Montessori.

Esta celebración síguenos resultando moi especial e gústanos moito compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, a partir das fotos que lles ensinamos e nas que analizamos con detalle todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.  

Como non podía ser de outra forma, o momento máis desexado segue a ser o momento no que o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. É un momento que nos intriga moito e ao mesmo tempo nos fai moita ilusión!

 

 

                        

 

                                       

 

                                       

 

 Ao longo deste último trimestre continuamos tamén completando o noso PANEL do “CLUB DA FROITA”. Dito panel foi colocado na aula a comezos de curso para tratar de incentivarnos a consumir froita dado a importancia que ten na nosa alimentación, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as intentamos acompañar as nosas merendas diarias cunha peza. Así pois, día a día fomos levando a cabo un rexistro, sempre e cando comiamos a peza de froita que levabamos, e tanta foi a nosa motivación que houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo varias veces consecutivas.  Como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares e uns rotuladores que olen a froitas!

 

 

                                                        

 

 

Como xa comentamos en anteriores publicacións, este curso as xuntanzas e xornadas en conxunto co resto de escolas do CRA foron practicamente nulas, así como tamén as saídas e excursións que levabamos a cabo todos/as xuntos/as e que tanto nos gustaban.

Sen embargo, durante este último trimestre tivemos a oportunidade de conmemorar a Carreira das Letras Galegas, que xa é toda unha tradición cada ano. Para iso, as diferentes escolas fixemos unha SAÍDA na que nos repartimos en varias praias de Rianxo, dúas escolas en cada praia. No noso caso a praia asignada foi a de Tanxil, xunto coa escola de Outeiro.

Unha vez que chegamos á praia, o primeiro que fixemos foi poñer guantes e dedicamos un bo anaco a recoller restos de residuos que había pola area, para deste xeito manter a praia limpa.

A continuación chegou o momento propiamente dito da carreira. Para iso primeiro colocamos os nosos dorsais, e de seguido levamos a cabo as diferentes carreiras en función das diferentes idades. Logo das carreiras recibimos as nosas correspondentes medallas!

Como era de esperar, despois das carreiras poucos folgos nos quedaban polo que nos sentamos a merendar para a repoñer enerxías. E unha vez que rematamos de merendar gozamos dun bo tempo de xogo libre, así como tamén de algún que outro xogo cooperativo. Pasámolo en grande!

 

                          

 

                                          

 

                                         

 

Outra das actividades nas que nos víamos inmersos os últimos cursos era a do programa coñecido como Ponlle as pilas ao teu bocata, este ano renomeado Fai “clic” ao teu bocata. Dito programa foi creado pola Consellería do Mar co obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre os nenos/as da nosa comunidade e de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias.

Debido ás restricións, non foi posible xuntarnos todos/as como en cursos anteriores, polo que se impartiu de forma presencia en cada escola.

                            

 

Ademais de dita saída, e da actividade dos bocatas, unha mañá sen máis tamén recibimos unha visita moi emocionante: a dos BOMBEIROS.

 

Para iso, saímos todos/as ao patio, e ensináronnos os camións e posto que era un día que facía unha calor abafante, ata nos refrescaron un pouco coas mangueiras! Por outra parte, tamén puxeron a funcionar as sirenas dos camións. Foi unha mañá moi divertida!

                                    

                                  

 

 

Este trimestre tamén CONMEMORAMOS o DÍA DO LIBRO e o DÍA DA FAMILIA, facendo uns marcapáxinas, e uns imáns cos nosos debuxos, empregando para iso un plástico máxico que ao metelo no forno reducía ata sete veces o seu tamaño orixinal. Encantounos ver o proceso! 

 

                          

 

                                           

 

                                         

 

                                            

 

Co final de curso aproximándose, e coa chegada da calor, demos paso a algunha actividade manipulativa e fresquiña que nos gustou moito!

 

     

 

    

 

 

 Xa para ir rematando, durante a ÚLTIMA XORNADA DE COLE, tivemos momentos un tanto especiais, pois recibimos uns agasalliños e rememoramos algúns dos momentos vividos máis significativos para cada un/unha ao longo do curso. De seguido reunímonos cos nenos/as da aula de primaria para levar a cabo diversos xogos musicais, e tamén para degustar unha merendola moi especial que as familias nos tiñan preparada.   

 

 

      

 

                                            

 

                                             

 

                                              

 

E como non, a pesares do pouco que nos gusta, tamén chegou o momento da DESPEDIDA. Este ano, un tanto máis emocionante, pois os nosos/as 7 compañeiros/as maiores de 6º de Educación Infantil, finalizaban unha etapa na nosa aula, e aínda que á maioría deles/as os/as seguiremos vendo todos os días e seguiremos compartindo actividades e momentos xuntos/as, sabemos que os/as imos a botar moito de menos na nosa clase.

E non podíamos despedirnos sen antes desexarlle todo o mellor para esa nova etapa que van a comezar! Pois durante estes cursos demostrástesnos ser uns/unhas nenos/as EXCEPCIONAIS, e os/as mellores compañeiros/as que puidemos ter.

 

GRAZAS POR TODO O QUE NOS ENSINASTES, E O QUE NOS APORTASTES, SEN DÚBIDA GAÑÁSTESVOS UN OQUIÑO PARA SEMPRE NOS NOSOS CORAZÓNS! 

 

 

 

 

Neste curso tan peculiar, debido a toda a situación na que estamos inmersos dende fai xa máis dun ano, os/as máis pequenos/as sen dúbida DÉSTESNOS UNHA GRAN LECCIÓN DE RESILIENCIA, OBEDIENCIA, ADAPTACIÓN E XENEROSIDADE, e ao mesmo tempo ensinástesnos, entre moitas outras cousas, a...

 

* Ser valentes e non terlle medo a un virus.

* Que nunca nos debemos esquecer de sorrir aínda que sexa

detrás dunha mascarilla.

* Ver e enfrontarse á realidade sempre a través das “gafas”

da ILUSIÓN e da ALEGRÍA que tanto vos caracteriza.

* Valorar os momentos compartidos todos/as xuntos/as e o

 cariño que nos transmitimos.

 

 

 SODES UNS/UNHAS AUTÉNTICOS/AS CAMPEÓNS E CAMPEONAS!

 

 

 

 

QUE TEÑADES UN FELIZ VERÁN, E

QUE GOCEDES MOITO DESAS MERECIDAS VACACIÓNS!

 

VÉMONOS DE NOVO EN SETEMBRO PARA DAR COMEZO A UN NOVO CURSO, COAS ENERXÍAS RENOVADAS E DISPOSTOS/AS A SEGUIR GOZANDO DOS BOS MOMENTOS QUE NOS QUEDAN POR COMPARTIR!!