PROXECTO VOZ NATURA:"UN BOSQUE E UN XARDÍN PARA NOSA ESCOLA"

A escola de Cuvide non viña participando do proxecto de Educación Medioambiental "Voz Na- tura" ata o curso pasado, así que entón comezamos a nosa andadura dando pequenos pasos con moitas trabas, trabas de distinta índole :
Por unha parte, o patio estaba sen pechar e os esforzos que faciamos por mantelo limpo se vían frustrados con actos de gamberrismo nas fins de semana en torno ao "botellón" cuias consecuencias revertían no estado lamentable en que os luns atopabamos o recinto, un auténtico estercoleiro. A día de hoxe está pechado aínda que non desapareceron os actos de gamberrismo.
Por outra parte os recursos económicos resultaron moi limitados; había que empezar de cero e xa sabemos o que custan asas cousas.
Este curso o presuposto é un pouquiño maior así que a ver se nos permite ir creando un fermoso xardín nun lateral do patio, así como colocar macetas colgantes na fachada da escola, humanizando así o recinto escolar e o propio edificio.
Os pasos a seguir no proxecto serían os seguintes :
En primieiro lugar, con motivo da festa do Magosto, como colofón, sementaremos castañas, noces, landras, amendoas, e a medida que vaian agromando e medrando irán suscitando o interese e a curiosidae d@s nen@s, multitude de observacións e vivencias que quedan grabadas a fogo dun xeito indeleble na memoia, espertando a sensibilidade polas árbores que irán medrando por mor dos coidados que lles procuren e posteriormente iremos plantalos ao monte mun anaquiño que a Comunidade de Montes ou o Concello nos ceda, para ir formando "O bosque da escola" no que plantaremos estas árbores nacidas das sementes que eles trouxeron e sementaron, así como outras árbores autóctonas un pouco máis grandiñas para asegurar a pervivencia do bosque co fin de que se sintan ligados afectivamente a esa labor de repoblación deste monte noso tan violentamente castigado polos terribles incendios que causaron tanta desolación o pasado verán.
Así mesmo iremos repoñendo plantas nas xardiñeiras dos peitoriles das ventás.
Colocaremos macetas colgantes na fachada da escola con flores ornamentais que coidaremos con esmero.
Crearemos un fermoso xardín no que plantaremos sementes, bulbos, plantas de temporada e arbustos e que separaremos do resto do patio cun pequeno valado de madeira.
Esforzarémonos por manter moi limpo e coidado o patio escolar así como o percorrido que fagamos ao monte, recollendo todo canto lixo atopemos polo camiño así com no propio monte.
Trataréi de implicar ás familias o máis posible para que o traballo que se fai na escola teña unha continuidade no ámbito familiar e o respecto polo medio ambiente sexa compartido e poida realmente dar os seus froitos.
Traballo neste proxecto porque creo firmement que só se valora e se quere aquilo que se coñece, aquilo no que un se implica desde a máís tenra infancia; espero e confío en que estes nenos e nenas que agora se inician nos coidados da Natureza estarán no camiño de establecer relacións cada vez máis harmoniosas tanto entre eles como respcto aos espacios naturais nos que se desenvolven e que eles mesmos contribúen a crear.
Non me cabe a menor dúbida que o traballo escolar xunto coa implicación das familias e dotros sectores ou colectivos sociais entre os que inclúo aos patrocinadores do programa "Voz Natura", orixinarán unha sinerxia que fará aflorar esa sensibilidade e respecto cara a Natureza que dará como resultado que xeracións futuras sexan totalmente alleas aos desastres que lamentablemente estamos sufrindo na actualidade.
Sei que os logros da educación vense ao longo prazo por iso non hai que perder nunca a esperanza.
Agradezo a "Voz Natura" o interese por colaborar cos centros educativos na conservación do medio ambiente. A súa axuda e inestimable. Moitas grazas e seguide apoiándonos.