XOGO : AI MAMAÍÑA, QUE PISEI A......!

O venres 14, último día de clase antes das vacacións de primavera pareceume interesante organizar un xogo - desde o meu punto de vista- moi rico e divertido que entroncara co que estivemos traballando últimamente : O CORPO, as súas partes, a repercusión do paso do tempo sobre nós : como eramos de bebés, como somos agora?, pesos, medidas,etc.

Se ben este trimestre foi moi curto e prácticamente estivo centrado no Entroido e nas actividades relacionadas con él, algo se traballou o tema do corpo a través dalgunha poesía actuada "A POESÍA DA XIMNASIA", contos : "XAN O DISTRAÍDO" e "AZULÍN, O CADRADO AZUL", audicións musicais acompañadas dos movementos corporais correspondentes como "CHIM PUM", xogos de distensión e sensibilización das distintas partes do corpo como "PÍCAME", todo coas súas correspondentes plasmacións plásticas mediante os debuxos; comentarios das fotos de bebés que traian da casa acompañadas dun pequeno relato escrito por algunhas nais que eu lía e lles facía moita gracia.

O xogo chámase "AI MAMAÍÑA QUE PISEI A (o nome dun neno ou dunha nena)

Exemplo :

"AI MAMAÍÑA, QUE PISEI A ALBIÑA"

- "ONDE? (Di o grupo)

- "NA PERNIÑA"

Previamente reparto follas de xornal e dobradas en forma de rectángulo escriben os seus nomes tumbdos no chan tendo cadansúa tarxeta diante.

Chamo a súa atención de que deben estar escritos en grande e con cores que destaquen porque no xogo que imos facer téñense que ver desde lonxe. Ademáis farán os carteis de xeito artístico.

Ao mesmo tempo que llo digo facemos distintas comprobacións: escribo o meu nome en letras pequenas e llo amoso separándome do grupo para que descubran se é lexible ou non.

Aínda así hai nenos que escriben en amarelo. Aproveito para coller os seus papeis e amosarllas. Danse conta e din que hai que facer as letras en negro e por dentro sí se poden colorar de amarelo porque así si que se ven.

Unha vez que cada quen ten o seu propio deseño , marchamos para a outra aula, espallamos os papeis polo chan e a ritmo de pandeiro, andan, corren e brincan por entre elas ata que a un golpe seco pisan o que teñan máis preto. (Aquí teño que intervir para vencer a inercia de algún neno de colocarse sempre no seu propio nome).

Unha vez postos sobre os papeis diríxome a un neno quen ten que mirar a quen está pisando e dependendo de se é neno ou nena dirá unha ou outra cantadela : ai mamaíña, que pisei a Albiña ! ou Ai papaíño , que pisei a Rauliño !

- Onde? di o grupo

- Na cariña ou

-No ombreiriño, depende.

Trátase de buscar a rima que de xeito xenérico, os nomes de neno rimarían con papaíño e con algunha parte do corpo tamén masculina.

(Borja ese día non veu; sería a excepción xa que sendo neno o seu nome rimaría con mamaíña e tería que buscar unha parte do corpo en feminino ).

Despois de xogar un anaquiño, sentámonos na alfombra e anímolles a enrugar o papel e facer unha pelotiña. Vemos que pesa pouco para poder xogar a un xogo de puntería e invítolles a enrugar o papel metendo dentro un anaco de plastilina desa que xa está toda mesturada de tal xeito que os nomes queden visibles, é dicir, pola parte de fora. Só un dos pequenos non foi capaz de facer o que lles estaba pedindo así que decidín axudarlle.

Unha vez feita a bola eu ía repartindo anacos de celo ancho para que foran cubrindo toda a bola. (Non é fácil para os pequenos, teñen que darse conta de que se non o estiramos ben o celo pégase antes de colocalo na bola; ademáis é difícil ir dándolle a forma. Tiven que facer varias rondas ata que todos e todas tiñan a bola ben envolta en celo. Eran eles os que me ían dicindo se tiña que facer unha ronda máis porque ainda lles quedaba un anaquiño sen cubrir. Examinaban a pelota a conciencia.

Unha vez rematadas anuncieilles que ía pasar un camión a recollelas, no volquete mesturaríanse e terían que identificar cada un a súa. Inmediantamente Raúl que ao momento soubo identificar a dificultade que entrañaría e buscou unha estratexia, pegou un anaquiño pequeno de plastilina por fora para recoñecela e así saír airoso.

Foi interesantísimo observar as estratexias que utilizaban para identificar non só as súas propias senón tamén as dos compañeiros, establecéndose un diálogo cheo de argumentos onde se rebatían e chegaban a acordos a cerca da autoría de cada unha das bolas de tal xeito que conseguiron identificar todas correctamente.

Ao final organizamos un xogo de puntería onde cada un tiraba con nove bolas e algúns ían anotando os puntos obtidos.

É unha actividade divertida e rica mediante a cal trabállanse moitísimos contidos :

  • Aprendizaxe dos nomes das distintas partes do corpo
  • Xogar coas rimas
  • Identificar os nomes
  • Escritura dos nomes
  • Aceptación de que cada un os fai dun xeito persoal
  • Deseño persoal dos carteis.
  • Observación de cores e tamaños
  • Adaptación dos mesmos ao fin que se persigue.
  • Ritmo e movemento
  • Vencer inercias
  • Diálogo e consenso
  • Puntería ; factores que inflúen e a súa coordinación para lograr o fin perseguido :

- posición

- intensidade da forza empregada

- direccionalidade da tirada

- distancia

  • Anotación da partida

- Contar

- Identificación de número e cantidade

Ademáis de todo iso

PASALO MOI BEN !