2007-2008

OS RUMANOS SON OS HABITANTES DE RUMANÍA

Hai uns días, María, a profe de Cuvide colgou no portal as reflexións xurdidas a partir dos comentarios dalgúns nenos da aula sobre os rumanos.
Na escola de Cruceiro, aula de 5 e 4 anos, levamos falando todo o que vai de curso dos rumanos. Pola información que traían algúns nenos, ó principio semellaba que os rumanos son xente mala, que ata poden chegar a roubar nenos. Pero parecíanos un pouco raro e decidimos investigar.
Así, descubrimos que os rumanos son xente que naceu en Rumanía, que é un país non moi lonxano ó noso,onde hai unhas fermosas paisaxes, a xente viste roupa similar á nosa
( ata hai roupa parecida á que usamos nós para bailar, tocar a pandeireta e a gaita )e teñen unha música...!! Se escoitades algunhas das súas pezas musicais seguro que vos sentides tan alegres que vos dan ganas de bailar. Escoitade, escoitade...
Tamén lembramos que en Taragoña, en Rianxo, en Santiago, en Madrid,... hai algunha xente
" mala " ( coma a que nos roubou o ordenador da escola ), pero só unha pouca. Case todos intentamos ser agradables, compartir e axudar ós demais. En Rumanía tamén sucede así. E os rumanos non son máis que xente nacida en Rumanía.
Asinado: aula dos " maiores " e Sol.

PABLO CHEGOU Á NOSA ESCOLA

ESTA SEMANA VEU PABLO. ME ENCANTA ! IVAN 5 ANOS Chulo

ESTOU CONTENTA PORQUE VEU PABLO.  IRENE 4 ANOS Chulo

ESTOU FELIZ PORQUE VEU PABLO.    DESI 4 ANOS Burla

PABLO é un profesor en prácticas, é o segundo curso que comparte con nós e estamos todos encantados. Sol, trillentos anos Sonriente

OS NENOS E NENAS DO PAZO FOMOS AO INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

A min  gustoume  moito   e    pareceume    guai.

Paula,  7   anos,  Pazo   RianxChulo

Divertinme  moito.  Paseino  ben.

Gabriel  8  anos   Pazo   Rianxo  Riendo

Pasamolo  moi  ben 

Christian 7  anos  Pazo   Rianxo  Inocente

UNHA PEQUENA REFLEXIÓN : "DE COMO OS RUMANOS SE FAN PRESENTES NA NOSA AULA"

Hai uns días ao chegar á escola, a pechadura da porta estaba obstruída. Alguén quixo boicotear a entrada. Isto ocorreu dous luns consecutivos. O segundo, cando despois de hora e media de espera o operario do concello cambiou a pechadura, entramos na aula e xa acomodados en círculo no cortizo, ocorréuseme preguntar :

- Quen faría isto?

Comezaron a falar atropeladamente :

- Foron os malos

- Foron os ladróns

- Foron os "trasa".

Eu non entendía a que se referían con esa palabra.

- Que é iso dos "trasa"?. Non sei a quen vos referides.

-  Os "trasa"!, repetían cheos de razón.

- Explicádemo porque eu non sei quen son os "trasa".

- Sí profe, son os rumanos que fan mal e rouban.

- Por que dicides iso? . Quen os viu?.

- Sí, eu o sei porque ao meu tío, un día entráronlle no almacén  pola noite e roubáronlle as porquerías.

- Como? . A que porquerías te refires?.

- Sí, non sabes? Os gusanitos, os chicles - dicía - mirándome con cara picarona.

Deume un ataque de risa. Claro, a Educación para a saúde e a alimentación en particular, preocúpame de xeito especial e fago moito fincapé en que coman froitas e verduras e que deixen de comer "porquerías" dese tipo.

Tiven que disculparme e aclarar que as chucherías non é que foran porquerías, que era un falar para facerlles ver que non era bo comer moitas lambetadas para evitar que se nos picasen os dentes, engordáramos demasiado, etc. etc.

Volvendo ao tema pregunteilles :

- Quen son os rumanos?

- Son os ladróns

De xeito espontáneo identificaron rumanos con ladróns.

Saquei un mapa de Europa e vimos que alí había moitos países. Un deles, de cor amarelo, era Rumanía; estaba moi lonxe. Os habitantes dese país eran rumanos e rumanas como os habitantes de Galicia somos galegos e galegas.

Fomos facendo un camiño co dedo  polo mapa e observamos que para chegar aquí tiñan que facer un longo percorrido. Viñan buscando traballo porque no seu país non o atopaban.

Aquí xurdíu toda a problemática do abandono:das súas casas, dos seus amigos, dos seus xoguetes.....

O mapa suscitou moitísimo interese e armouse un pequeno alboroto porque todos querían saber os nomes daqueles cachiños de cores que eu lles dixera que eran países e cales eran as bandeiras respectivas.

Despois dun anaco de efervescencia, que me rebordaba, conseguín reconducir a situción cara o tema que motivara a aparición do mapa en escena.

- Pensaban que estaba ben acusar a alguén de facer algo malo sen telo visto?. Ao mesmo tempo que llelo preguntaba dábame conta de que coa miña actitude estaballe inoculando unha lección de "moralina". A miña boca dicía palabras que o meu interior rexeitaba; así non se fan as cousas -pensaba-,e  inmediatamente tratei de modificar a actitude introducindo un pequeno xogo socioafectivo coa finalidade de que poideran ter a oportunidade de vivenciar o feito de ser rexeitados e de falar de como se sentiran.

Estabamos sentados en círculo : achegueime a un neno e en voz baixa díxenlle ao oído :

- "Anxo é un ladrón, non imos xogar con el". Dillo en baixiño a Carlota. Carlota llo diría ao que tivera ao lado e así sucesivamente ata que todos tiveran esa "información", agás Anxo.

Levantándome animeinos a xogar:

- Vinde! Imos xogar a un xogo moi bonito!. Facede unha roda!

Cando Anxo trataba de incorporarse comecei a dicirlle :

- Ti non Anxo, que es un ladrón e non queremos que xogues con nós!. Animei ao resto a que se posicionaran do mesmo xeito. Así  o fixeron.

A situación durou un minuto escaso, o suficiente para que Anxo estivera a piques de chorar. Entón sentámonos e pregunteille :

- Anxo, como te sentiches?

- Mal

- Es un ladrón?

- Non!

- Claro que non.

- Daquela, como cres que se sinten os nenos rumanos cando a xente lles di que son malos e que rouban?

- Mal!

Esta resposta estaba cargada de sentido; a súa cariña así o confirmaba.

Repetimos esta pequena simulación con varios nenos en tempos moi breves pero todos acusaban o malestar que lles producía o feito de ser rexeitados.

Penso que en moitas ocasións o profesorado co afán de conquerir hábitos respectuosos entre o alumnado, dicimos e dictaminamos o que está ben e o que está mal, coa mellor intención do mundo , dámoslle feito o concepto moral do que  é bo e do que é malo sen ofrecerlles a oportunidade de ir descubrindoo. Sen embargo, cando se vivencia unha situación hostil, se sente na propia carne a través dun pequeno xogo, estamos permitindo que afloren as emocións das que logo se poderá falar, e creo que deste xeito se lles da a oportunidade de sentir e modificar comportamentos. Quizás este sexa o camiño de brindarlles a oportunidade de ir construindo unha moral cada vez máis autónoma. Todo isto require tempo, moito tempo, e non sempre estamos pola labor, apremiados en moitos casos por obter resultados aparentemente máis rendibles.

Non sei, son elucubracións mentais que eu me monto e que quero compartir con aquelas persoas que lean este texto que xa se vai facendo  algo longo.

Non obstante , o acontecido da que pensar que na nosa sociedade, dunha maneira máis ou menos implícita, existe un caldo de cultivo xenófobo, de hostilidade cara aos de fóra, pero ¡OLLO!, esa hostilidade non vai dirixida cara todos os de fóra : son os máis desfavorecidos, os pobres, os marxinados os que están no punto de mira.

É un problema que hai que combatir e que algunhas mensaxes electorais coma as que se están escoitando últimamente en nada contribúen a fomentar unha convivencia harmónica e respectuosa cara aos excluídos doutros pobos.

Que nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos, ante un incidente como o comentado fagan espontaneamente unha correspondencia  rumanos / ladróns, é algo que debería poñernos en alerta.

 

UN ENTROIDO UN POUCO PASADO POR AUGA

O día do Entroido presentouse con choiva.

Eu acordei con afonía total.

Os nenos e nenas mirábanme desconcertad@s cando me oiron "falar" daquel xeito tan raro. Por que falas así , profe? que che pasa?.

Non podiamos ir a Capela a correr o Entroido.

Había que sacar forzas de fraqueza e medrar ante a adversidade.

A voz foise engrasando e coa colaboración de Celia, a profe de Relixión, as nais, avóas, tías, irmás e demáis familia, organizamos unha gran festa na que houbo moitas cantadelas, xogos, bailes, contacontos, orellas e filloas.

Pasámolo moi ben e para que vexades unha mostra, aquí vos deixamos unha morea de debuxos dos nosos disfraces, e tamén dalgún dos moitos xogos e bailes que fixemos

OS NOSOS DISFRACES

CÉSAR JORGE

MANUEL

 

 

 

 

 

 

XOGOS :

A RODA DA PATACA

 

 

 

 

 

 

 

 

"EL PATIO DE MI CASA"

 

 

AUGA, TERRA, AIRE

 

O BAILE DA VASOIRA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BAILE DA BONECA

 

 

 

E agora unhas fotiños :

 

 

 

 

 

 

 

UN ENTROIDO DE CONTOS : O FLAUTISTA DE HAMELIN

ESCOLA DE CRUCEIRO. ENTROIDO 08

" Na escola de Cruceiro  

haiche moito artista :

fixemos vinte ratos,

un alcalde e un flautista "

...

... E o día de correr o entroido a escola encheuse de  mamás, papás, avoas e amigos que non podían ser outros que os habitantes da fermosa cidade de Hamelin.  ... E  con tódolos personaxes do conto reunidos  pasou o que tiña que pasar: unha vez máis a historia cobrou vida e todos nós poidemos escoitar: a voz do narrador; a alegría ,os lamentos e o enfado  das xentes da vila; a avaricia do alcalde; o son da flauta máxica...      A representación foi un éxito ! ... E a festa que disque houbo en Hamelin despois de recuperar ós seus meniños foi pouca cousa se a comparamos coa que houbo na escola : música, xogos, cantigas, baile, foguetes. E filloas e orellas , que xa o dí a cantadela :

" Os ratos e o flautista 

saen  a  pasear.

O flautista vai de diante

e os ratiños van detrás.

O flautista vai tocando

Fla,fla,fla, fla,fla, fla

e os ratos van bailando  l

lara, lara, lara, la.

O avaro do alcalde

non  quere pagar.

Se non lle da os cartos,

o flautista vaise enfadar.

Os nenos desta vila

todos  han de marchar

e a historia do flautista

vai axiña rematar.

Os contos, meus amigos,

alimentan o corazón,

pero hai que acompañalos

de filloas e lacón.

Rosquillas e orellas

tampouco veñen mal

que estamos no entroido,

outros din o carnaval."

.

Información aos pais sobre os servizos cos que conta o C.R.A. de Rianxo para atención á diversidade

Na reunión do Departamento de Orientación celebrada o pasado venres día 15 de Febreiro de 2008 acordouse:

  1. Informar aos pais e nais dos servizos e recursos cos que conta o Centro para a atención á diversidade: orientador, profesora de Pedagoxía Terapéutica, profesora de Audición e Linguaxe
  2. Pedir aos titores e titoras que nas reunións que teñan de titoría prevexan facilitar a comunicación dos profesores/as de apoio especialista coas familias. Suxírese pois avisar ás profesoras de Audíción e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, cando se prevexa algúnha reunión, coas familias de alumnos con NEAE.

Rianxo a 18 de Febreiro de 2.008

Incorporación de Alumnos en Prácticas

Tense incorporado ao Departamento como alumno en prácticas Eliseo. Eliseo é profesor en Abadín, que está matriculado en Pedagoxía pola UNED. Incorporase ao Departamento para realizar o Prácticum 2.

Esta semana adicaremola a coñecer o C.R.A. de Rianxo: organización e recursos do Departamento, Plan Xeral de Orientación, Escolas e Profesorado.

Benvido Eliseo ao C.R.A. de Rianxo

UN ENTROIDO DE CONTOS : "O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

¡Ola familias! ¡Escoitade con atención! : TIC, TOC, TIC, TOC, TIC, TOC ...É o tempo do Entroido; chegou cedo, xa o temos aquí e este ano ímolo marcar nós xa que logo converterémonos en eloxos que co seu latexar darán conta dese tempo de tolería, bromas e fartura, tempo de ledicia que levaremos á Capela xunto coas escolas de Pazo, Outeiro e Cruceiro.

Xa que estamos inmersos nese proceso de animación á lectura do que xa falamos con vós, este ano decidiuse que despois de saborear conto tras conto nas nosas aulas, estaría ben que cada escola elixira un deses contos celebrados polos nenos e nenas para disfrazarse dos seus personaxes ou obxectos relevantes e disfrutar con eles no pasarrúas que se levará a cabo pola aldea de Capela o vindeiro 1 de febreiro se o tempo o permite. De non ser así fariámolo na aula, e se houbera unha escampadiña, sairíamos pola aldea de Cuvide como fixemos o ano pasado.

 O conto escollido na nosa escola é "OS SETE CABRITOS", un conto entre acedo e picante; acedo porque o lobo sempre é o lobo e impón un pouco de respecto e picante, porque iso de vencer ao lobo sempre é divertido e fai coxeguiñas na barriga ¿non si?. E...como o reloxo de parede tivo moito que ver no desenlace do conto, decidimos disfrazarnos dese obxecto tan importante.

O título da nosa comparsa será :

"O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

e a cantadela é a seguinte :

A escola de Cuvide

imos á Capela

a correr o Entroido

cunha cantadela .

Tran la lera, lerá, lerá la lera

Tran la lera, lerá, lerá la la

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou

nun reloxo se agachou

e do lobo se librou.

A mamá cabra con tanta preocupación, esqueceuse de dar corda ao reloxo e o reloxo moi enfadado, protestou :

TIC, TOC, TIC, TOC

EU SON UN "RELÓ"

DASME CORDA

E NON ME PARO

SE TE ESQUECES

 ¡EU ME ENFADO!

TIC, TOC, TIC, TOC

 EU SON UN "RELÓ"

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou,

nun reloxo se agachou ,

e do lobo se librou.

Familias : TIC, TOC, TIC, TOC...¡que non se paren os vosos reloxos! .Dádelles corda co voso entusiasmo e participación sendo con nós os reloxos do Entroido.

 Avisade das persoas interesadas en vir para comprar o material con que facer os disfraces e darvos unha fotocopia coas cancións de tódolos anos a aquelas persoas que por calquera circunstancia non as teñan.

Un saúdo,

                 María

Distribuir contido