UN ENTROIDO DE CONTOS : "O RELOXO DOS SETE CABRITOS"
¡Ola familias! ¡Escoitade con atención! : TIC, TOC, TIC, TOC, TIC, TOC ...É o tempo do Entroido; chegou cedo, xa o temos aquí e este ano ímolo marcar nós xa que logo converterémonos en eloxos que co seu latexar darán conta dese tempo de tolería, bromas e fartura, tempo de ledicia que levaremos á Capela xunto coas escolas de Pazo, Outeiro e Cruceiro.
Xa que estamos inmersos nese proceso de animación á lectura do que xa falamos con vós, este ano decidiuse que despois de saborear conto tras conto nas nosas aulas, estaría ben que cada escola elixira un deses contos celebrados polos nenos e nenas para disfrazarse dos seus personaxes ou obxectos relevantes e disfrutar con eles no pasarrúas que se levará a cabo pola aldea de Capela o vindeiro 1 de febreiro se o tempo o permite. De non ser así fariámolo na aula, e se houbera unha escampadiña, sairíamos pola aldea de Cuvide como fixemos o ano pasado.
O conto escollido na nosa escola é "OS SETE CABRITOS", un conto entre acedo e picante; acedo porque o lobo sempre é o lobo e impón un pouco de respecto e picante, porque iso de vencer ao lobo sempre é divertido e fai coxeguiñas na barriga ¿non si?. E...como o reloxo de parede tivo moito que ver no desenlace do conto, decidimos disfrazarnos dese obxecto tan importante.
O título da nosa comparsa será :
"O RELOXO DOS SETE CABRITOS"
e a cantadela é a seguinte :
A escola de Cuvide
imos á Capela
a correr o Entroido
cunha cantadela .
Tran la lera, lerá, lerá la lera
Tran la lera, lerá, lerá la la
O cabuxo pequeniño
nun reloxo se agachou
nun reloxo se agachou
e do lobo se librou.
A mamá cabra con tanta preocupación, esqueceuse de dar corda ao reloxo e o reloxo moi enfadado, protestou :
TIC, TOC, TIC, TOC
EU SON UN "RELÓ"
DASME CORDA
E NON ME PARO
SE TE ESQUECES
¡EU ME ENFADO!
TIC, TOC, TIC, TOC
EU SON UN "RELÓ"
O cabuxo pequeniño
nun reloxo se agachou,
nun reloxo se agachou ,
e do lobo se librou.
Familias : TIC, TOC, TIC, TOC...¡que non se paren os vosos reloxos! .Dádelles corda co voso entusiasmo e participación sendo con nós os reloxos do Entroido.
Avisade das persoas interesadas en vir para comprar o material con que facer os disfraces e darvos unha fotocopia coas cancións de tódolos anos a aquelas persoas que por calquera circunstancia non as teñan.
Un saúdo,
María
- APIs de Blogue
Unha imaxe para a nova
Insertar imaxes nas noticias é moi doado. Para adornar un pouco a túa nova sobre o entroido e sobre as actividades de animación á lectura aí vai unha fotografía recollida de internet
imaxe dun reloxo que alguén envía
Non sei quen me envía unha imaxe dun reloxo sacado de internet para acompañar a carta de invitación ás familias; agradézollo pero este non é o reloxo vencellado á actividade da aula. Cando saiba, insertarei un debuxo dun disfrace feito polos nenos e nenas da aula para que sí teña significatividade. De tódolos xeitos moitas gracias.