3º ciclo

OBRADOIRO DA AUGA

O alumnado de 5º e 6º participou, nesta última semana de febreiro, nun obradoiro que nos achegou Augas de Galicia, no que se abordou a temática das inundacións. Reflexionouse sobre os riscos e consecuencias; efectos negativos e positivos dun fenómeno natural e necesario.

 

 

REMATAMOS O MURO DAS EMOCIÓNS!

Hoxe rematamos o noso "Muro das Emocións". Non hai cores máis importantes ca outras, igual que non hai emocións que sobresaian sobre outras. Pode prevalecer algunha emoción en certos momentos ou circunstancias, eso si.  Non hai formas nin cores máis agradables que outras, senón que todas son igual de válidas. Impresionante o mundo das cores e das formas que mesmo parece que nos falan. De seguro que cada mañá ao percorrer o muro, antes de entrar no cole, sen darnos conta, cargarémonos de enerxía positiva e comezaremos a xornada con máis ánimo e ledicia!  

 

 

VISITA Á TORRE DE HÉRCULES E AO MUNCYT

 

Este mércores o alumnado de 5º e 6º viaxou a cidade da Coruña para visitar a Torre de Hércules e o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía

(MUNCYT). Neste último puideron ver, entre outras cousas, parte do avión que trouxo o Guernica a España, o Jumbo  Lope de Vega. Para

rematar fixeron un taller de Biodiversidade e Bioluminiscencia. Foi unha mañá moi aproveitada. 

  

 

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Hoxe é un día importante para todos os galegos e sobre todo para as mulleres. Lembramos, no aniversario do seu nacemento en 1837, a unha muller grande; loitadora, precursora, pioneira; unha adiantada aos tempos. No colexio levamos a cabo múltiples actividades para recoñecer e aportar o noso graíño de area para manter viva a figura de ROSALÍA DE CASTRO e o seu labor. 

 

 

Algúns de nós saímos por Sigüeiro para ofrecer o noso marcapáxinas que recollía o código QR que nos achegaba aos videos de recitados de poemas dalgúns dos nosos nenos e nenas. Que bonita experiencia, fomos polos diferentes comercios e polas rúas. Atopamos con xente encantadora.

    

  

As nosas particulares Rosalías acompañadas da figura do emigrante pasaron polas clases para recitar algún dos seus poemas.   Adios ríos, adios fontes, adios regatos pequenos...

  

E aínda hai máis, queda pendente o plantado das camelias de Rosalía, que por mor do mal tempo tivemos que suspender no día de hoxe, así como a visita á residencia de maiores de Porto Avieira para facelos partícipes das nosas actividades sobre Rosalía.

 

A NOSA ESCRITORA!

Hoxe estivo no colexio Andrea García Martínez, autora do libro "Animais fantásticos de aldea". Fíxonos moita ilusión porque ademais de gustarnos moito o seu libro, que ela mesma ilustrou, é de Sigüeiro e de nena foi alumna do noso colexio. Explicounos que é posible conseguir o que nos propoñemos se o perseguimos con empeño, ela conseguiu que lle publicasen as súas fántasticas historias ainda sendo moi noviña. Gracias a Andrea pola súa amabilidade e a Xerais.

  

COMEZAMOS CO PINTADO DO MURO DAS EMOCIÓNS!

Despois de traballar na clase a temática das cores e das formas en relación á súa importante influencia no estado de ánimo, pasamos ao máis esperado. O inicio do pintado do "Muro das Emocións". Fantástico ver como se trasladan ao muro real do cole, as figuras e as cores sobre as que previamente estivemos reflexionando na aula. LEDICIA: CÍRCULO AMARELO, CALMA CONFIANZA: TRIÁNGULO AZUL; e se as mesturamos sae O VERDE; OPTIMISMO ou TRANQUILIDADE!

 

SAÍDA AO AUDITORIO DE GALICIA DE 5º A E 5º B DE EDUCACIÓN PRIMARIA.

Hoxe venres  2 de febreiro asistimos a Santiago, a ver e escoitar o conto `` O gato con botas ´´, coa Real Filharmonia de Galicia, e os títeres Perpoc.

MURO DAS EMOCIÓNS

Hoxe comezamos no cole cun proxecto moi emocionante. Trátase da realización do "Muro das Emocións" dentro da liña Emociona-T do Contrato Programa CP-Inclúe. Comezamos coñecendo a apaixoada autora Clara Colorines, que nos leva ao mundo das cores, das formas e do noso estado de ánimo. Quedamos abraiados descubrindo a importancia das cores do noso entorno e de canto inflúen en nós e nas nosas emocións. Con este entusiasmo fixemos nós de artistas e levamos a cabo a nosa propia obra de arte chea de cores e formas. O proxecto rematará co pintado do muro exterior dianteiro do colexio con moitas cores e formas, para que cada mañá nos trasmitan enerxía positiva e entremos ao cole con ledicia e entusiasmo.