Proxecto de vida activa e saudable

Tenis de mesa

Nos primeiros días de cole, durante as clases de Educación Física, cada grupo tivo unha sesión de tenis de mesa dirixida polos compeñiros e compañeiras do Club Oroso TM. Foron unhas xornadas distintas, dinámicas e divertidas que nos achegaron á práctica dun deporte que para algúns xa era coñecido pero que para outros era novidoso.

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Tenis de mesa.

Na cultura e no deporte, as nosas rapazas

E se hai poucos días unha alumna de 6º curso do noso centro, Carla Veiga, se facía merecedora do Recoñecemento Especial á Promesa no eido cultural pola súa habilidade tocando o violín, hoxe tócalle a outra alumna do noso colexio por destacar en varias disciplinas deportivas. Estamos a falar da alumna de 5º curso Laura Ruíz, finalista na fase provincial das carreiras de campo a través do programa Xogade e que practica futbol e hóckey entre outros deportes. Non podemos estar máis orgullosos de que dúas alumnas do noso centro destaquen en ámbalas dúas disciplinas. Parabéns!

 

 

Andamos un tramo do Camiño Inglés

O pasado venres, alumnado e profesorado de 5º e 6º de Primaria do noso centro e tamén do CEIP do Camiño Inglés, propuxémonos percorrer o trazado do Camiño Real ou Inglés polo noso concello. Contamos coa presenza de Manuel Pazos, historiador e responsable da biblioteca pública municipal. Desprazámonos en bus ata Carrás, na localidade de Montaos nos límites do veciño concello de Ordes. Dende alí, comezamos a camiñata pola Baxoia cara Deixebre. Tras achegarnos á antiga reitoral para observar o reloxo de sol, paramos a descansar e merendar na milagreira Fonte da Santiña, sempre atentos/as ás explicacións de Manolo. Despois continuamos por Oroso, onde paramos a visitar o Castro de Vilalbarro, un dos mellor conservados do concello coa súa croa e o seu foso. Continuariamos por Oroso Pequeno, e atravesando o Parque do Carboeiro entrariamos en Sigüeiro. A última parada sería a Ponte Medieval de Sigüeiro, que delimita Oroso e Santiago. Baixamos a observar os seus arcos e voltamos ao colexio.

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Tramo do Camiño Inglés

Campionato Provincial de Campo a Través

O pasado 3 de febreiro a alumna Laura García Ruíz de 5º de primaria participou no Campionato Provincial de Campo a Través celebrado en Culleredo (A Coruña).

A proba tiña unha distancia duns 1200m. aproximadamente e Laura executouna de maneira moi intelixente dosificando as súas forzas a pesar da dureza do terreo e das inclemencias do tempo, rematando cun final magnífico onde recuperou moitos postos finalizando nun meritorio 11º posto.

Noraboa Laura!! E noraboa tamén a todos os/as paticipantes das fases anteriores.

Verémonos en próximos encontros.

 

Fase zonal das carreiras de campo a través

O pasado sábado participamos na fase zonal das carreiras de campo a através celebradas no parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela.

A pesar de ser unha xornada algo fría e húmida pasámolo moi ben correndo nas diferentes probas e animando ás compañeiras e compañeiros. Esforzámonos moito, cansámonos un pouco pero pagou a pena vivir esta experiencia e agardamos con ilusión unha nova ocasión para compartir outro día coma este.

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Xogade: Campo a Través

Participamos no "Programa de Leite e Froita na Escola"

O CEIP de Sigüeiro, no seu afán de fomentar os hábitos de vida saudables e unha alimentación axeitada nos nosos nenos e nenas, adheriuse este curso 2017/2018 ao “PROGRAMA ESCOLAR DE CONSUMO DE FROITAS E LEITE” pertencente á Unión Europea.

Dende hoxe luns 22 de xaneiro e durante varias semanas, ao sair ao recreo ademais da froita habitual entregarase a cada neno/a un brick de leite de 200ml. para que merenden.

     

Participamos na carreira de campo a través

Este venres tivo lugar a fase local do campo a través na Área Recreativa da Magdalena en Castrofeito (O Pino). Alí fomos os alumnos/as do CEIP de Sigüeiro que, xunto con alumnado doutros centros, competiamos por categorías.

  

Malia a chuvia e o frío, pasámolo moi ben e os nosos alumnos/as obtiveron moi bos resultados. Todos os que conseguiron clasificarse, volverán correr na fase zonal o 20 de xaneiro en Santiago.

Aínda así, o máis importante foi participar e gozar dunha xornada practicando deporte cos nosos/as amigos en plena natureza. 

Máis fotos no seguinte álbum.

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Xogade: Campo a Través

Semana de Xogos Tradicionais

Esta semana do 13 de febreiro, grazas á chegada dun baúl con material que solicitamos para o Proxecto Deportivo de Centro, dentro do Plan Proxecta, os nenos e nenas do centro realizaron diferentes xogos tradicionais da cultura galega. Aros, chaves, trompos, cordas...

Hai moitas e moitos artistas no CEIP de Sigüeiro!

Aquí todas as fotos!

PROXECTO DEPORTIVO DE CENTRO

Desde o CEIP de Sigüeiro decidimos neste curso 2016-2017 participar no Plan Proxecta, en concreto no Proxecto Deportivo de Centro. A idea principal é a de fomentar a actividade física e saudable entre os nenos e nenas do colexio, creando así uns hábitos que perduren no tempo.

Centrarémonos principalmente, sempre que sexa posible, en dinamizar os tempos de lecer propoñendo diferentes deportes, xogos e actividades. Ademais traballaremos desde diferentes áreas e non só desde a Educación Física.

Comezaremos cos nenos e nenas de 5º e 6º curso que realizaron uns traballos dunha serie de xogos reais ou inventados para logo aplicar durante os recreos. Logo, os nenos e nenas dos diferentes niveis de primaria participarán nas diferentes actividades mencionadas así como outras que se propoñan como xogos tradicionais, danzas e bailes, ligas deportivas... Todo isto relacionado con diferentes hábitos saudables como o exercicio físico, a alimentación e a nutrición así como diferentes aspectos de actitude como o respecto polos compañeiros e compañeiras, as normas, os espazos e os materiais.

Para levar un seguimento de todo o realizado, creamos un blogue que chamamos "LECER LÚDICO" onde se poden seguir e consultar as actividades que se van realizando no marco deste Proxecto Deportivo de Centro. Podes entrar picando aquí: entra no blogue!

http://lecerludico.webblog.es

 

POLO SAN MARTIÑO...

Polo San Martiño... ademais de comezar o tempo da matanza "mata o teu porquiño", entramos no tempo de xogar a un dos xogos máis antigos, case tanto coma a humanidade. POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO. Trompos, buxainas, peonzas... pezas xeralmente de madeira, feitas para ser bailadas sobre todo no tempo de outono. Así nolo recorda o refraneiro, xógase entre novembro ata febreiro: “Polo San Martiño (11 de novembro), peóns ao camiño; Polo San Amaro (15 de xaneiro), peóns ao faiado". ÁNIMO NENOS E NENAS A XOGAR COAS BUXAINAS!