ANPA

ENAPA ACOSO ESCOLAR: ACOSADORES/AS E ACOSADOS/AS

21/01/2020 18:00

O vindeiro MARTES, 21 DE XANEIRO, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla para as familias, sobre ACOSO ESCOLAR. Será ás 18:00 horas e estará impartida por RAMÓN MOLINA GÓMEZ. Está promovida pola ANPA en colaboración co Centro Autonómico de formación do profesorado (CAFI).

 

ENAPA Violencia de xénero

25/11/2019 17:00

O vindeiro luns, 25 de novembro, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla para as familias, sobre Violencia de xénero. Será ás 17:00 horas. Está promovida pola ANPA en colaboración co Centro Autonómico de formación do profesorado (CAFI).

 

Día Internacional da Muller

08/03/2019 13:00

Hoxe, 8 de marzo, sumámonos ao berro conxunto que propuxo a Mancomunidade de Ordes ás comunidades educativas para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Pero antes, os nenos e nenas de E. Infantil, 1º e 2º de Primaria asistiron no salón de actos do cole ao espectáculo "Maxia pola Igualdade" organizado polo Concello, no que tamén nos acompañou o alumnado e profesorado do CRA de Oroso. Tamén houbo representación de contos polo alumnado de 6ºB para o alumnado do CRA na biblioteca.

 

Despois, todos/as xuntos/as, saímos ao patio e mostramos mensaxes de rexeitamento á desigualdade e/ou a prol da igualdade entre homes e mulleres mentres soaba a canción "Non son fada" do álbum Admirando a Condición de Sés.

A ANPA promoveu, como cada ano, unha exposición arredor da figura da muller. Nesta ocasión as homenaxeadas son as distintas xeracións das familias do noso alumnado.

  

 Premede na imaxe para ver máis fotos. 

Magosto 2018

Por fin chegou o día. Que emoción! Este mércores 31 de outubro, celebramos o Samaín e o Magosto no noso cole. A xornada comezou coa lectura dos contos premiados no concurso de Samaín polas aulas e a entrega de premios aos autores dos debuxos e contos gañadores. Tamén ás aulas que decoraron as súas portas da forma máis orixinal.

Mentres tanto, as nais e pais da ANPA xa estaban preparando o lume para asar as castañas.

Ás 11:30, os nenos e nenas de Infantil foron os primeiros en degustar as saborosas castañas asadas. Máis tarde, pasarían por orde o resto de cursos. Que ricas estaban! Polo patio atopábaste bruxas, demos, monstros, esqueletes, pantasmas... Aaaah que susto!!! 

  

Como o patio estaba mollado, non puidemos realizar os xogos que tiñamos previstos. Así que trasladámonos ao Salón de Actos, á biblioteca e á aula de Psicomotricidade para visualizar unha peli. 

Grazas papás e mamás da ANPA por axudarnos tanto e por facer esas castañas tan ricas. Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Magosto 2018

Muller: Historia e mito

Para conmemorar o Día da Muller e seguindo a temática do Proxecto Documental Integrado do centro arredor da mitoloxía, a ANPA convidounos a investigar sobre o papel de diferentes mulleres na historia.

Mentres son innúmeros os homes que destacaron nas artes, nas ciencias, nas letras, na política..., a presenza feminina nestes campos é moi minoritaria. Malia iso, algunhas mulleres conseguiron permanecer na memoria colectiva grazas a ditos e frases feitas, nomes de rúas, prazas, centros educativos, bibliotecas, centros de saúde, locais comerciais, premios literarios, poemas, novelas, películas...

Para recuperar e poñer en valor estas figuras do esquecemento, e con todas as nosas investigacións, montaron unha exposición que xa se pode visitar no corredor da planta baixa do edificio de Primaria.

Elas forman parte da nosa historia! Elas son os nosos mitos!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Muller: Historia e mito

Recepción de Melgasar

Chegou o día. Por fin lle poderiamos entregar as nosas cartas en man a Melgasar, o carteiro real das súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente. Saímos ao patio e fixemos un corredor para recibilo e saudalo. Cando por fin vimos chegar o coche que traía a Melgasar, a emoción invadiunos por completo. Despois de darnos a man e saudarnos, convidámolo a entrar ao noso cole. Encantoulle a decoración de Hogwarts e a nosa árbore de Harry Potter. En fila e por orde démoslle as nosas cartas e el preguntounos se nos portaramos ben este ano. "Claro que si!" dixemos. Díxonos que, entón teriamos algún agasallo. Despois sacamos algunha foto con el.

 Actualizadas as fotos do album:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Recepción Melgasar 2017

Magosto 2017

Este martes 31 de outubro, celebramos o Samaín e o Magosto no noso cole. A xornada comezou coa lectura dos contos premiados no concurso de Samaín polas aulas. 

        

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Mentres tanto, as nais e pais da ANPA xa estaban preparando o lume para asar as castañas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

Ás 11:30, os nenos e nenas de Infantil foron os primeiros en degustar as saborosas castañas asadas. Máis tarde, pasarían por orde o resto de cursos. Entrementres, as cámaras da TVG gravaban e retransmitían dous directos do evento para o programa "A Revista". Podedes velos no seguinte enlace http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/a-revista nos minutos 20:10 e 1:10:50.

Ás 13:00, fíxose a entrega de premios aos autores dos debuxos e contos de Samaín. Tamén ás aulas que decoraron as súas portas da forma máis orixinal.

  

Ás 13:30 comezarían os xogos do Magosto nos tres patios: comecastañas, carreiras de sacos, relevos con culler, transporte de cabazas, paracaídas... Foi moi divertido!

  

 Máis fotos na galería de imaxes.

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "MULLERES POLO MUNDO"

Hoxe, 10 de marzo, tivo lugar no centro a inauguración da exposición fotográfica "Mulleres polo mundo". Organizada pola ANPA "A nosa escola" en colaboración coa asociación Troula e coa biblioteca do centro, forma parte dos nosos corredores dende o día 8, Día Internacional da Muller.Todo un éxito de participación do alumnado, que co apoio das súas familias, nos trouxeron multitude de fotos ou debuxos de mulleres nacidas fóra de España e que viven en Sigüeiro ou teñen algunha vinculación coa nosa vila. Unha destas mulleres estivo presente para contarnos a súa experiencia, e entre outras cousas agradeceu a boa acollida da xente galega cos estranxeiros/as.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER coa TVG

Hoxe, 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, levamos a cabo no centro varias actividades, todas elas encamiñadas a tomar conciencia de que as mulleres poden igual que os homes e reflexionar sobre a situación destas na sociedade. Os nosos corredores albergaron a exposición que organizaron a ANPA, a asociación Troula e a biblioteca  "Mulleres polo mundo" coa súa caravana de mulleres.