Novas Música

Concerto Dúas e Exire - Santiago de Compostela

     
 
Os días 25 e 26 de xaneiro, arredor de 100 alumnas e alumnos de 2º ESO e 3º ESO, asistiron ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto Todo é percusión, interpretado polo dúo de percusión Dúas acompañado de dúas bailarinas de arte contemporánea, Exire. Dúas e Exire ofrecéronos unha selección de temas nos que xuntaron danza e percusión nunha perfecta simbiose que pretendía amosar os ritmos vitais que nos acompañan día e día. Deixámosvos un enlace onde podedes ver íntegro o espectáculo Todo é percusión. O Departamento de Música agradece o apoio da ANPA e o do propio IES Chapela para costear o transporte ata Santiago, ademais da participación na saída das profesoras Carolina e Ana Belén.   

Concerto The Lollipops - Santiago de Compostela

 

Hoxe, 24 de xaneiro, o alumnado de música de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato, asistiu ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto A Música Vocal, interpretado polo trío vocal As Lollipops, acompañadas do pianista Cristian Leggiero. As Lollipops está formado por tres voces femininas que interpretaron temas relacionados co swing, pop, rock and roll, gospel, soul, jive, R&B e mesmo rock alternativo. Deixámosvos un enlace da súa interpretación do tema Creep, de Radiohead.

Concerto Dúas e Exire - Santiago de Compostela, 25 e 26 de xaneiro

Os días 25 e 26 de xaneiro o alumnado de 2º e 3º ESO, asistirá ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto Todo é percusión, interpretado polo dúo de percusión Dúas, e dúas bailarinas de arte contemporánea que se identifican co nome de Exire. O obxectivo é amosarnos que a vida pode reducirse en esencia ao ritmo, que comezamos a considerar musica cando tomamos conciencia do mesmo. Nunha combinación de música, danza e teatro, van recrear a vida cotiá de catro rapazas, compañeiras de piso, desde que remata a xornada laboral nunha fábrica, pasando por diversos episodios do día a día, como a realización das tarefas domésticas, a preparación do almorzo...

No espectáculo empregarán cinco obras musicais:

1. Casey Cangelosi: Theatric Nº1

2. Ed Argenziano: Stinking Garbage

3. John Cage: Living Room Music

4. Steve Reich: Clapping music

5. Steve Reich: Music for pieces of Wood 

 

   

 

Concerto As Lollipops - Santiago de Compostela, 24 de xaneiro

O día 24 de xaneiro o alumnado de música de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato, asistirá ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto A Música Vocal, interpretado polo trío vocal As Lollipops, acompañadas do pianista Cristian Leggiero. As Lollipops está formado por tres voces femininas: Paula Romeu, Marian Ledesma e Paty Lesta. Interpretarán sete temas dos que máis abaixo tes enlace para escoitar en distintas versións. Tamén che deixamos unha mostra do trío vocal que imos escoitar, interpretando Creep, canción orixinal de Radiohead.

1. Lollipop. 2. Creep. 3. I want you to be my baby. 4. You got a hold on me. 5. In a mellow tone. 6. Hit that jive. 7. Down by the riverside.

   

  

A Música no VIII Día da Ciencia en Galego

O Departamento de Música participou por primeira vez no VIII Día da Ciencia en Galego con dúas experiencias.

A primeira en torno á Propagación e percepción do son. A segunda en relación ao Son holofónico(Podes descargar as fichas de ambas as dúas experiencias nos enlaces respectivos.)

O equipo formado por Aitor Cabaleiro, Aitor Fernández, Paula González, Susana Villaverde e Lidia Martínez, traballou arreo durante as xornadas do día 8 e 9 de novembro de 2017.

Moitas grazas! 

Paseo sonoro - 2017

O pasado 26 de outubro de 2017 o alumnado de Música de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que acotío ligamos con sons desagradables de altos decibelios provenientes da circulación na autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e o das obras que se están levando a cabo na Avenida de Vigo para ampliar as beirarrúas.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Concello en novembro de 2013 e que o consistorio de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB. A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o noso Centro educativo.

Xenxo Ortega - Gañador III Concurso Música Tradicional "Fogo Fatuo"

O noso alumno Xenxo Ortega Rolán (2º Bacharelato) gaña co cuarteto Chispas Nejras o III Concurso de Música Tradicional "Fogo Fatuo" en Rianxo.

Aquí vos deixamos o momento da súa participación, na que tocaron Algo pasou na coitivada e Baixando para Francón, composicións de Pablo Fernández Rial.

A desfrutar delas! Este Xenxo vai dar moitas alegrías á música galega.

 

Paseo Sonoro - 2016

O pasado 21 de outubro de 2016 o alumnado de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que estes días ligamos con sons desagradables de altos decibelios polas obras da autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e por suposto as obras próximas ao instituto.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Alcalde Javier Bas en novembro de 2013 e que o Concello de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB.

A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o Centro as obras de ampliación da AP9 impedindo o normal desenvolvemento das clases.

A taladradora

Nova en ANTENA 3 TV

Nova en Faro de Vigo

Martes, 25 de outubro de 2016, 10:30 da mañá. Sala de Conferencias do IES Chapela, fachada leste do edificio. Comeza a clase. Fóra da aula, a uns 15 metros, na autoestrada, o ruído producido polas obras de ampliación é enxordecedor. O propio edificio treme. O sonómetro supera na nosa medición os 100 dB. A Organización Mundial da Saúde (OMS) cifra en 65 dB o límite de tolerancia ou aceptabilidade do oído humano ao son ambiental, aínda que caiba destacar que a partir de 60 dB as persoas expertas xa falan de “incomodidade acústica”.

Imposible desenvolver unha práctica educativa normal e adecuada este trimestre. 800 alumnas e alumnos, e máis de 70 traballadoras e traballadores do ensino e persoal non docente, soportando horas e horas de tortura acústica. Deberiamos dar un aprobado xeral e tomarnos unhas vacacións nalgún balneario con tratamento anti-estrés, sendo subvencionados por AUDASA, a Xunta de Galicia e o Concello de Redondela?

O noso alumno Adrián, coa gravadora en man, recolle como un profesional o son da taladradora afinada en Rrrrrrrrrre bemol. Aquí queda a súa foto e o audio capturado, para dicirvos que isto non é un chiste.

 

Distribuir contido