Diario IES

O día a día

Mantente ao tanto do que vai sucedendo nestes días. Novas relacionadas co noso insti, mais tamén decisión importantes que se están a tomar no ámbito educativo.

 

Martes, 30 de xuño

Hoxe coa realización do Claustro do profesorado e do Consello escolar do IES de Chapela, demos por rematado este curso. Grazas a todas e a todos polo voso esforzo e por seguirnos desde aquí e ata aquí neste espazo que quixemos chamar "En comunidade desde o fogar". Agardamos poder continuar o proximo curso en comunidade desde o noso centro, mais sexa como sexa, sempre unidas e unidos. Bo verán e non baixedes a garda! 

 

Xoves, 25 de xuño

Hoxe comeza o proceso de admisión para o alumnado de FP. O mesmo rematará o 8 de xullo ás 13:00. Toda a información en https://www.edu.xunta.gal/fp/admision-curso-2019-2020 e na nosa páxina, onde podes consultar os horarios de modular para o curso 20-21.

A Consellería de Educación confirma que o próximo curso o IES de Chapela impartirá o Ciclo Superior de Integración Social, na modalidade a distancia e de xeito completo.

 

Luns, 22 de xuño

Logo da realización das avaliacións xa están publicadas as cualificacións de todos os cursos que se poden consultar a través da aplicación abalarMobil. Accede a elas a través da app abalarMóbil no teu telefóno.

A Biblioteca do IES de Chapela envíanos unha proposta de lecturas recomendadas para o verán. Moitas grazas!

 

Domingo, 21 de xuño

Mañá luns 22 de xuño realizaranse as avaliacións finais de ESO e BACH. A publicación das cualificacións en abalarMobil terá lugar tan pronto como sexa posible, sen necesidade de agardar ao martes 23 de abril ás 12:00 como estaba previsto. O motivo é a recomendación dos servizos técnicos da Consellería de que se publiquen as notas canto antes ante o temor dunha sobrecarga no sistema.

 

Venres, 19 de xuño

Os carballos do insti preguntaron:... que pasou? Este ano tocou así, despedir o curso sen a vosa alegría, risas, xogos e algunha molladura na pista. Saín lembrando o mesmo día do ano pasado, con este sol fermoso, con alumnado e profesorado enchendo o noso querido IES de Chapela. Que morriñento sen vós! Feliz verán, coidádevos e desfrutade moito para vir con ilusións renovadas en setembro. Seguimos  na "nube" e sobre todo no corazón. (Olga Rey)

Despedida de curso, unha reflexión de Olalla Román Fernández, alumna do Ciclo Superior de Educación Infantil.

A falta da confirmación oficial, a Consellería de Educación publica no borrador da oferta de FP para o curso 2020-21 que o IES de Chapela ofrecerá o Ciclo Formativo de Grao Superior de Integración Social na modalidade a distancia e de xeito completo, en lugar de presencial e de xeito parcial como se impartía ata hoxe.

 

Luns, 15 de xuño

DATAS E DATOS PARA O FIN DE CURSO

19 de xuño: último día lectivo

22 de xuño: avaliacións

23 de xuño: publicación das cualificación en abalarMobil (12:00)

23-25 de xuño: reclamacións de cualificacións ata as 12:00

25 de xuño: recollida de libros e entrega Consellos orientadores 2º e 3º ESO

26 de xuño: Resolución de reclamacións ás 10:00 (ESO-Bach-FP ordinario) / 18:00 (FP modular)

26 de xuño: recollida de libros e entrega Consellos orientadores 1º e 4º ESO

26 ao 30 de xuño: matrícula ESO e Bacharelato (preferentemente telemática)

(Matrícula FP, pendente da publicación da Orde do procedemento de admisión)

 

O IES de Chapela é seleccionado na relación definitiva de centros para participar no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, un proxecto que comezará a porse en marcha en 1º ESO o próximo curso 20/21. Noraboa a todas e a todos! 

 

Mércores, 10 de xuño

Recordade que mañá é festivo no noso concello, a coca.

 

Martes, 9 de xuño

Rematada onde a avaliación de 2º Bacharelato, con excelentes resultados, o alumnado do grupo comezará mañá a preparación para as probas ABAU do día 7, 8 e 9 de xullo. Moito ánimo a todas e a todos, e parabéns!

 

Domingo, 7 de xuño

Mañá 8 de xuño publícanse as Listaxes provisionais de alumnado novo ESO-BACH, admitido e non admitido. Por normativa de protección de datos non poden publicarse na nosa web, si consultarse no taboleiro do centro. Tamén son accesibles para a cidadanía con certificado dixital, DNI electrónico ou Chave365 na web https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/, a través do menú SOLICITUDES > ADMISIÓN > RECUPERAR. As reclamacións contas as listaxes provisionais poden facerse ata o 12 de xuño. As listaxes definitivas de alumnado admitido e non admitido publicaranse antes do 26 de xuño.

O IES de Chapela é seleccionado na relación provisional de centros para participar no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, un proxecto que comezará a porse en marcha en 1º ESO o próximo curso 20/21. Noraboa a todas e a todos!

  

Sábado, 6 de xuño

Chegou a primavera, o Día das Letras Galegas, e como facemos desde hai vinte e catro anos o ensino público de Chapela saíu á rúa a celebrar o seu Maratón das Letras, o XXIV. O idioma galego non se confina, e aquí no audiovisual XXIV Maratón das Letras Galegas - Chapela están as comunidades educativas do CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Igrexa, CEIP Laredo e IES de Chapela amosando o seu orgullo. A NOSA LINGUA NUNCA QUEDOU NA CASA.

 

Mércores, 3 de xuño

O pasado 28 de maio celebrouse unha videoxuntanza do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia (CLIA) de Redondela. Na reunión participou a alumna Laura Fernández Rodríguez (1º ESO) representando ao IES de Chapela. Moitas grazas Laura por levar a nosa voz. Deixámosche un resumo con foto da videoconferencia.

Hoxe publicouse a circular que marca o procedemento a seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas en 2º BACH e os parámetros de ponderación da ABAU

 

Luns, 1 de xuño

O grupo de Educación Infantil modular inviste o primeiro premio do Entroido modular gañado este ano, nunha doazón de alimentos ao centro de menores Aldeas Infantís de Redondela. Esther, de Protección Civil de Redondela, axudou a facilitar esta doazón que desde Aldeas Infantís agradeceron ao IES de Chapela esta mañá. Grazas de parte de toda a comunidade educativa ao alumnado por este xesto.

 

Venres, 29 de maio

Publicadas as listaxes definitivas de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, sedes e instrucións para a súa realización.

Publicada a resolución para o desenvolvemento das Probas libres para a obtención de títulos FP LOE.  

 

Xoves, 28 de maio

A Consellería de Educación publica as Instrucións do 28-5-20, complementarias das do 27 de abril, onde entre outros aspectos aclara que nos centros educativos non se poderán realizar exames nin probas presenciais ao alumnado. Esta prohibición inclúe a materias pendentes, avaliacións negativas, defensa de proxectos, exames de PD...

 

Mércores, 27 de maio

Mañá comezarán as clases presenciais de 2º Bacharelato logo da suspensión do 13 de marzo. O alumnado que voluntariamente acuda ás aulas deberá cumprir o protocolo establecido polo centro con base nas instrucións da Consellería de Educación, que será explicado e comentado ás alumnas e alumnos ás 8:30.

 

Luns, 25 de maio

O Consello Escolar e o Claustro de profesorado do IES de Chapela aproban un texto expoñendo unha reflexión da comunidade educativa sobre a crise que vivimos, e solicitando da Consellería medidas e actuacións diferentes ás desenvolvidas ata este momento. As medidas solicitadas están a ser compartidas por máis centros de Galicia.

Novo texto de Alba Espiño en Expresa. Liberdade expresa que ser libre é unha sensación, unha capacidade, un estado que parte do noso interior. Grazas Alba por compartir. 

Actívanse as probas de acceso a ciclos medios e superiores. O día 10 de xuño terán lugar as probas de acceso a ciclos medios, o día 11 de xuño as de ciclos superiores. Máis información.

 

Domingo, 24 de maio

Comunicado da dirección do IES de Chapela dirixido ao alumnado de 2º Bacharelato, 2º FP e FP modular, en relación ao retorno voluntario á actividade lectiva presencial no centro para o día 25 de maio.

Desde o martes 26 de maio permitirase o acceso ao IES de Chapela do alumnado maior de idade ou persoas responsables de alumnado menor de idade para a recollida de material que deixasen no centro. Cumpriranse as medidas de seguridade e solicitarase cita previa a fin de evitar agrupacións de persoas.

 

Venres, 22 de maio

No día de hoxe ás 14:00 a dirección do IES de Chapela comunicou a Inspección educativa a imposibilidade de reinicio da actividade lectiva presencial para o luns 25 de maio. Esta reapertura parcial suporía o posible regreso ao noso centro de ata 444 alumnos e alumnas de 2º BACH, 2º FP e FP modular, e de 78 profesores e profesoras. O non poder cumprir coas medidas organizativas e sanitarias dunha Resolución que acaba de publicarse ás 18:00, o impiden. En tempo e forma informarase á comunidade educativa dos cambios que se vaian producindo.

 

Xoves, 21 de maio

Publicadas na nosa web as instrucións para a participación no FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO e axudas para adquisición de material escolar. 

 

Mércores, 20 de maio

Ante as confusións que está a ver coa reserva, admisión de alumnado novo de ESO e BACH e matrícula, facemos a seguinte aclaración. A reserva de praza para alumnado procedente dos colexios adscritos de primaria, e a admisión de alumnado novo de ESO e BACH para o próximo curso procedente doutros centros, están pechadas. Tan só restan a admisión de alumnado de FP e a matriculación de todo o alumnado do centro. Ambos os dous procesos prevese que teñan lugar a principios de xullo. Dos dous publicarase información na páxina web e enviarase un abalarMobil ás familias.

Hoxe realizáronse sesións ordinarias de Claustro do profesorado e Consello Escolar. Neste último foi aprobado o Plan de Igualdade, o orzamento para 2020, e realizáronse varias modificacións das NOF no tocante á xustificación das faltas do alumnado.

 

Martes, 19 de maio

A Consellería de Educación publica hoxe 19 de maio a Orde que regula a participación no FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO e pola que se convocan AXUDAS PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR destinado ao alumnado de ESO. A presentación da solicitude poderá realizarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, medio preferente, ou ben de xeito presencial no IES de Chapela. Neste último caso, e tendo en conta o momento actual, pregamos ás familias que agarden as instrucións que desde o centro se publicarán e comunicarán a próxima semana para poder realizar o procedemento con garantías sanitarias. Moitas grazas.

Xa podes consultar as adaptacións das programacións didácticas do curso 19/20, logo da suspensión do ensino presencial en marzo.

Dispós tamén neste enlace do calendario de exames para os ciclos de FP no mes de xuño.

 

Luns, 18 de maio

No espazo de Guías do menú Secretaría, ao que podes acceder directamente desde a palabra Guías da cabeceira de benvida da nosa web, podes visionar un vídeo explicativo por se tes problemas para conectarte á plataforma Cisco Webex no caso de estar invitado a unha videoconferencia. Agardamos que sexa de interese.

 

Domingo, 17 de maio

A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+, na que participa o IES de Chapela, realiza este vídeo dedicado a todo o noso alumnado LGTBIQ+. Todo nun día no que celebramos e defendemos tanto o respecto pola nosa identidade galega como pola diversidade.

A nosa alumna Noelia Lago (4º ESO B) recorda nesta imaxe o seu paso polo Maratón das Letras durante estes anos, e lembra a figura do escritor homenaxeado en 2020, Ricardo Carvalho Calero. Grazas Noelia polo teu traballo.  

 

Sábado, 16 de maio

O grupo de rap galego O son da rúa agradece ao IES de Chapela a súa vitoria no concurso Mércores con Música, organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Co seu tema Éxodo, O son da rúa venceu nunha apretada final xusto antes de que se suspendesen as clases. Alex e Hugo envíannos estes vídeo de agradecemento e invítannos a seguir falando no idioma propio de Galicia un día antes da celebración do Días das Letras Galegas. Grazas amigos!

 

Venres, 15 de maio

Hoxe tivo lugar unha reunión por videoconferencia das direccións dos centros educativos de Redondela coa alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de ensino, Olga García. Ademais de consideracións varias en relación á limpeza nos centros e ao ofrecemento do Concello de Redondela para a realización das probas ABAU, a alcaldesa comprometeuse a desinfección das zonas comúns e abertas próximas aos centros e ao seu acceso. Sobre todo agora que se anuncia a posible incorporación de alumnado o 25 de maio.

O anuncio realizado pola Consellería de Educación o xoves 14 de maio polo cal o alumnado galego do segundo curso de bacharelato poderá volver ás aulas a partir do 25 de maio, é polo de agora tan só un anuncio. Estamos a espera  da implementación dun protocolo de actuación, con tempo suficiente, que nos dote de garantías sanitarias e organizativas na nosa atención ao alumnado, tanto ao que voluntariamente decida acudir ás clases como ao que quede na casa.  Ademais, e sempre antes de calquera incorporación, realizarase unha videoconferencia co alumnado e as familias para dar a coñecer a postura do centro e aclarar todos os detalles do posible regreso ás aulas. Moito ánimo ás alumnas e alumnos de 2º BACH.

 

Xoves, 14 de maio

Consellería de Educación anunciou esta tarde que o alumnado galego dos segundos cursos de bacharelato e de ciclos medios e superiores de FP, poderá regresar ás aulas de xeito voluntario a partir do 25 de maio. No momento en que contemos con información precisa e cunha reflexión da comunidade educativa sobre este anuncio, comunicarémonos co alumnado e as familias para estudar esta decisión.

Hoxe tivo lugar unha reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica do IES de Chapela, ademais dos moitos temas e acordos que afectan ao centro, a xornada de coordinación deixounos esta foto que compartimos con vós.

 

Mañá comezará a entrar o público ao IES de Chapela para realizar trámites administrativos. Logo de instaladas e colocadas todas as medidas que consideramos necesarias, limpado e desinfectado a planta baixa, e activado o protocolo, comezamos unha nova etapa. Pregamos a todas as persoas usuarias que precisen achegarse ao centro para realizar trámites cumpran as seguintes normas:

- Na medida do posible tentarase realizar os trámites por teléfono, correo electrónico ou de xeito telemático... evitando a presenza no centro.

- Cumpriranse as normas e seguiranse as indicacións do persoal non docente.

- Preferiblemente acudirase con cita previa.

- Non se poderá acceder acompañado ou acompañada salvo circunstancias especiais.

- Farase uso xeneralizado de mascarilla de non poder manter a distancia de 2 metros.

- Haberá xel hidroalcohólico ao servizo do público.

- Portarase bolígrafo persoal.

- De ser preciso o uso de baños, máximo unha persoa.

- Facilitarase o envío de documentación escaneada ao correo do centro.

- Prégase limitar na medida do posible o uso do servizo de fotocopias do centro.

 

Mércores, 13 de maio

Mañá rematarase a limpeza e desinfección das zonas comúns da planta baixa do IES de Chapela, despachos directivos, administración, conserxería, baños, sala de profesorado e aula de convivencia. Colocaranse todas as medidas de seguridade necesarias e activarase o protocolo de cara a recibir a partir do venres 15 ás persoas pendentes de realizar trámites administrativos, sempre con cita previa e cumprindo as normas que publicaremos mañá nesta páxina. A traballadora da limpeza desprazada a Política Social volverá ao seus posto de traballo no instituto o luns 18. Nesta pandemia a primeira liña de defensa para os centros educativos está sendo o persoal de limpeza. Agradecemos o seu traballo e entrega nestes días difíciles.

 

Martes, 12 de maio

A escola pública de Chapela chama a toda a comunidade educativa á mobilización pola nosa lingua o día 15 de maio. Sae coa camiseta do maratón de anos anteriores, saca unha foto, súbea ás túas redes e enviánola ao IES de Chapela. Información. Para ir abrindo boca aquí deixamos os vídeos de Olga, vicedirectora do IES de Chapela, o do CEIP Alexandre Bóveda, e o de Nuria, profesora de Educación Física no IES de Chapela.

 

Luns, 11 de maio

Que, unha partida ao FORNITE? Desde a Asociación Érguete comparten con nós unha infografía para que as familias coñezan con máis detalle o videoxogo FORNITE de tanto éxito nestes momentos.

O noso exalumno e historiador Brais Ferreiro Ares, que este ano realizou o seu Mestrado de profesorado de secundaria no IES de Chapela, entrevista ao noso profesor de historia Xoán Carlos Abad Gallego na revista Mazarelos en relación á gripe de 1918 e as súas concomitancias coa pandemia actual. 

 

Domingo, 10 de maio

Mañá día 11 o IES de Chapela abrirá as súas portas para que o persoal de limpeza comece coa desinfección e limpeza do centro. A dirección continúa a reclamar a unha das traballadoras da limpeza que foi trasladada a Política Social en medio da crise e á que non se lle permite regresar ao seu posto de traballo no noso instituto. A partir de mañá comezaranse a tomar as medidas de seguridade e a establecer os protocolos precisos que permitan canto antes, e nunha primeira fase, o acceso do persoal non docente e das persoas que teñan que realizar os trámites de admisión de alumnado novo. A seguridade e a saúde da comunidade educativa por riba de todo. 

 

Sábado, 9 de maio

O día 15 de maio a XXIV Maratón das Letras Galegas agárdanos. Recorda nesta imaxe camisetas doutros anos, e colle exemplos por se non tiveses ningunha. Hai tamén quen se inventou un lema novo, pensa ti algún. Todo pola lingua. Descarga a información sobre a nosa fotomaratón.

 

Venres, 8 de maio

No día de hoxe remátaronse as obras para conseguir a adecuada separativa das augas do centro que ata hai nada cruzábanse entre pluviais e fecais. Resta só agora que AQUALIA realice o traballo de conexión no Camiño do Penisal.

 

Xoves, 7 de maio

XXIV Maratón das Letras Galegas. O 15 de maio habiamos de estar correndo todas e todos xuntos pola lingua. Este ano é imposible, mais un virus non pode confinar o noso idioma. Adaptámonos aos cambios pero mantemos a identidade, a comunidade e a lingua. No 2020 toca FOTOMARATÓN. Sae coa camiseta do maratón de anos anteriores, saca unha foto, súbea ás túas redes e enviánola ao IES de Chapela. Deixámosche aquí toda a información sobre a nosa FOTOMARATÓN. Queremos verte! Tamén tes aquí información sobre outras actividades que se van realizar nestas semanas relacionadas coa lingua.

A Comisión Económica do Consello Escolar do IES de Chapela, reunida hoxe, deu o seu visto bo ao anteproxecto de orzamento para o ano 2020. 

 

Mércores, 6 de maio

Restablecese o prazo para a presentación das SOLICITUDES DE ADMISIÓN de novo alumnado en ESO e BACH. O prazo iniciarase o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes. Publicaranse as listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido antes do 9 de xuño de 2020. O procedemento para a presentación das solicitudes pode facerse de xeito telemático seguindo as instrucións que se detallan na seguinte páxina: https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/ Tamén se poderán presentar solicitudes de xeito presencial no centro previa petición de cita a través do corre electrónico: ies.chapela@edu.xunta.gal No correo deberán indicar nome e número de teléfono para establecer contacto. A cita previa poderase concertar ademais a través do teléfono do centro (886 110 610) en horario de 10:00 a 13:00. Este será tamén o horario de entrega de documentación. Acudirá un único adulto, sen acompañamento, respectando as distancias de seguridade e os protocolos que se indiquen. Prégase que nas instalacións do centro se porte mascarilla. Estas medidas tómanse pola seguridade das traballadoras e traballadores do noso centro, e de toda a comunidade educativa. Moitas grazas.

Publícase no DOG de hoxe a resolución do 5 de maio de 2020, na que aparecen novos acordos da situación de emerxencia sanitaria no territorio galego que afectan ao ámbito educativo: a) restablecemento de admisión na Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato; b) modificación das instrucións de presenza dos equipos directivos e doutro persoal nos centros educativos; c) levantamento da suspensión da FCT.

 

Martes, 5 de maio

Temos o pracer de compartir con toda a comunidade educativa o noso Plan de Igualdade. Desde aquí podes descargalo. Logo do visto bo da Comisión de Convivencia pasará por todos os órganos de coordinación docente e de goberno do centro para ser aprobado no Consello Escolar.

 

Luns, 4 de maio

Hoxe tivo lugar por videoconferencia unha reunión ordinaria da Comisión de Convivencia. Na mesma, ademais de realizarse un informe de medidas de convivencia adoptadas durante o confinamento, presentouse o Plan de Igualdade do centro e fíxose unha análise dos resultados da enquisa de convivencia elaborada a principios de 2019 no IES de Chapela.

Comunicado da dirección do IES de Chapela ás familias e ao alumnado en relación ás instrucións para o desenvolvemento do 3º trimestre do cuso 19/20.

 

Domingo, 3 de maio

No día de onte chegaron a Galicia as dúas alumnas do IES de Chapela que dentro do programa ERASMUS + estaban a realizar unha estadía en Malta. Nun voo organizado polo goberno maltés, e logo de varios días agardando polo seu regreso, alegrámonos de que xa estean aquí.

 

Sábado, 2 de maio

A ANPA Penisal do IES de Chapela trasládanos um comunicado chamando á nosa responsabilidade estes días e agradece o comportamento sensato e solidario das moitas e moitos que están contribuíndo a saír desta crise.

Facilitamos ao alumnado do IES de Chapela as instrucións e anexos para a xestión da FCT, un módulo que nesta situación pasa necesariamente por unha adaptación ás novas circunstancias.

 

Xoves, 30 de abril

No día de hoxe reuniuse a Comisión de Coordinación Pedagóxica do IES de Chapela por videoconferencia co obxecto de coñecer a xestión da crise desde o centro ao longo destes días, e para analizar as instrucións do 28 de abril. 

A axencia de doazón de órganos e sangue ADOS agradece ao IES de Chapela as 60 doazóns de sangue que tiveron lugar o pasado martes 4 de febreiro. Desde o ano 1995 o noso centro acadou xa a cifra de 1.166 doazóns. Grazas a todas e a todos. Comunicado de agradecemento.

 

Mércores, 29 de abril

Pese a todas as novas que estes días aparecen nos medios en relación a unha posible reactivación da actividade educativa presencial, segue sendo un tema que suscita moitas dúbidas e, á espera dos acontecementos, trabállase cun escenario de finalización do curso maioritariamente lonxe das aulas.

Onte celebrouse o Día da Educación Física na casa. A profesora de Educación Física, Nuria Redondo, envíanos este espectacular vídeo amosando que no confinamento no perde a forma.

A profesora de Lingua e literatura castelá, Cristina Garabatos, foi entrevistada o pasado sábado en Faro de Vigo a propósito de como está a desenvolver o profesorado o labor docente durante o estado de alarma. 

 

Martes, 28 de abril

A Consellería de Educación publica as Instrucións para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20 nos centros docentes de Galicia. Estas instrucións serán analizadas mañá nunha videoconferencia da inspección educativa coa dirección do centro, e o xoves nunha reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica do IES de Chapela tamén por videoconferencia. O texto, entre outras cousas, volve a enfatizar o carácter continuo e formativo da avaliación, a partir das avaliacións anteriores sumadas ás actividades desenvolvidas no terceiro trimestre, sempre que estas actividades do terceiro trimestre favorezan a alumnas e alumnos. Tamén abre a porta á flexibilización dos criterios de promoción e titulación do alumnado. As alumnas e alumnos con materias pendentes poderán ser convocados a unha proba telemática, coa posibilidade de ser substituída esta pola realización de traballos ou actividades que permitan unha avaliación obxectiva. As actividades lectivas rematarán o día 19 de xuño, e a avaliación de 2º Bacharelato realizarase antes do 9 de xuño.

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) publica os novos modelos de exame para as ABAU 2020.

A Consellería de Educación avanza a Resolución do 28-4-20 pola que se modifica a Resolución do 26-2-20 en relación ás probas ABAU, apuntando os cambios nas características e deseño das probas.

 

Luns, 27 de abril

Desde o Departamento de Orientación seguen a dotarnos de recursos para organizar o estudo. En Organízate na teleformación podes atopar unha infografía de como xestionar as tarefas na teleformación, un planificador semanal de labores, un rexistro de contactos co profesorado e un calendario mensual para planificar o traballo.

 

Domingo, 26 de abril

Outra produción creativa do IES de Chapela desde o confinamento nas casas. A comunidade educativa celebra o Día do Libro cun audiovisual no que nos transmite o amor aos libros. Todas as fortos foron realizadas polo alumnado e o profesorado. 23 de abril de 2020 – Amamos os libros.

 

Sábado, 25 de abril

Instálanse no paso de peóns da Avenida de Redondela, preto da Farmacia Pereiro Álvarez, dous sinais verticais con luces escintilantes indicando a presenza do paso. Tras anos de reivindicacións veciñais nun punto negro de atropelos para a parroquia de Chapela, avánzase nunha maior seguridade na zona. O Consello Escolar do IES de Chapela fixera súa esta demanda na reunión celebrada o pasado 30 de xaneiro, solicitando a actuación do Concello de Redondela. En decembro de 2019 un alumno do horario modular sufriu un accidente ao ser atropelado por un coche neste punto. 

 

Venres, 24 de abril

Publícase no BOE a Orde pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019-20 e o inicio de curso 2020-21. Logo deste paso a Consellería de Educación deberá ofrecer as súas propias instrucións que previsiblemente seguirán esta Orde, esperamos que concretando máis algúns dos aspectos aludidos. En todo caso na Orde á que facemos referencia incídese en que o alumnado non poderá verse prexudicado polas dificultades derivadas do cambio de metodoloxía a distancia do terceiro trimestre, nin ver minoradas as cualificacións obtidas nas avaliacións dos trimestres anteriores. Faise fincapé no carácter continuo e formativo da avaliación, a partir das avaliacións anteriores sumadas ás actividades desenvolvidas no terceiro trimestre, sempre que isto favoreza a alumnas e alumnos. 

 

Xoves, 23 de abril

No día de hoxe publicouse no BOE a Orde pola que se adoptan medidas excepcionais en materia de flexibilización das ensinanzas de FP do sistema educativo e das ensinanzas de réxime especial. Estas medidas afectan especialmente á realización da Formación en Centro de Traballo, FCT. A pouco de ser publicadas a Consellería de Educación, FP e Innovación Educativa, presentou tamén a Resolución pola que se adoptan medidas excepcionais no desenvolvemento das ensinanzas de FP do sistema educativo e nas ensinanzas de réxime especial. Nesta resolución, aplicable xa, faise especial fincapé na realización da FCT e do módulo de Proxecto.

Tamén se publica hoxe no BOE a Orde pola que se modifica a anterior Orde que determinaba as características, deseño e contido da ABAU. Garántese a equidade no acceso á universidade para todo o alumnado con independencia das circunstancias nas que tivese acceso ao ensino e aprendizaxe no último trimestre e considerando que non se puidese desenvolver adecuadamente unha parte do currículo. Ademais indica que se realizará unha proba por materia na que o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas. A alumna ou alumno terá que responder, á súa elección, a un número de preguntas que determine o órgano competente.

 

Mércores, 22 de abril

O IES de Chapela formalizou hoxe a proposta de oferta de FP para o curso 2020-21 na que solicita á Consellería de Educación a oferta completa do ciclo formativo de grao superior de Integración Social en réxime de persoas adultas presencial. Ata agora este ciclo vense ofertando de xeito parcial, cun único horario que ocasiona que o alumnado non poida cursar materias pendentes dun curso a outro. Esta non dispoñibilidade provoca retrasos de cursos, e en ocasións un prazo máis amplo para titular. De non ser de xeito presencial tamén se avoga pola modalidade a distancia para completar a oferta. O Concello de Redondela, a Asociación de Empresarios de Redondela, e o Consello Escolar do IES de Chapela, xa manifestaron o seu apoio con respecto a esta petición o curso pasado. Unha vez máis solicitámolo e lembramos que somos o único centro público do sur de Galicia que ofrece o ciclo, e o único da provincia que o oferta na modalidade adultos presencial.

Xornada de portas abertas virtuais da Universidade da Coruña. A UDC abre as súas portas para que as futuras e futuros estudantes universitarios a coñezan. Poderedes interactuar coas súa persoas responsables e informarvos de titulacións, residencias, centro de linguas, cultura, deporte, cooperación e voluntariado, UDC internacional… presentados a través de videoconferencias, audiovisuais, con puntos de información xeral e consulta sobre a admisión. O Xoves 23 e o venres 24 de abril ábrese o acceso a toda a información das Xornadas, nas que figuran agrupados por ramas de coñecemento os 41 graos, 7 programas de simultaneidade e 2 graos aberto. Accede na ligazón https://www.udc.es/futuros_estudantes/portas_abertas/ ou na aplicación móvil UDC.gal para Android e para IOS.

 

Martes, 21 de abril

A comisión para a elaboración do PLAN DE IGUALDADE do IES de Chaepla ultima esta semana a confección do plan para trasladalo o venres aos órganos de goberno e coordinación docente do centro.

O 28 de abril, Día da Educación Física na Rúa, trasládase ás casas. O obxectivo é promover que nestes días de confinamento toda a comunidade educativa amose como fai actividade física, baila, xoga...  mediante orixinais fotos e pequenos vídeos. O Colexio de Licenciados de Educación Física, do que parte a iniciativa, abrirá un espazo nas redes para subir todo este material no que ver en acción a alumnado, familias, profesorado e persoal non docente. Se queres participar envía ata o 26 de abril a túa imaxe ou vídeo a efchapelaencasa2020@gmail.com, o correo no que Nuria, a profesora de Educación Física, recibirá os arquivos. Instrucións. Participa!

 

Luns, 20 de abril

Achégase o 23 de abril, Día do Libro, e desde a Biblioteca do IES de Chapela propóñennos unha maneira orixinal para celebralo. No IES de Chapela miramos o mundo a través dos libros. Envía a túa foto cun libro que che guste e recomendas ata o venres 24 de abril a ies.chapela@edu.xunta.gal  

Desde a Asociación Érguete – Prevención e Intervención de Condutas Aditivas, envíannos un decálogo para a xestión das pantallas nos fogares durante esta corentena. Dirixido ás familias, ofrece pautas claras, concretas e útiles para o día a día. Tamén en torno a este tema desde o INCIBE, Instituto Nacional de Ciberseguridade, invítannos a visitar a súa páxina coa campaña #CiberCOVID19. Paga a pena seguir as indicacións.

Hoxe comezou o préstamo de ordenadores portátiles do centro pertencentes aos Departamentos de Sanitaria e de Servizos Socioculturais e á Comunidade, entre o alumnado do IES de Chapela que non dispón dun. O reparto levarase a cabo por parte da Concellería de Educación do Concello de Redondela e a dirección do instituto durante esta semana. Máis de vinte portátiles irán parar ás casas do noso alumnado.

 

Sábado, 18 de abril

A que fora profesor de galego no IES de Chapela hai dous cursos, Olga Nogueira, convídanos a escoitar o tema Fomos namorare do grupo As efémeras. Estes seis redondeláns que forman As efémeras íanse presentar ao vivo esta fin de semana. Xa non vai poder ser. Mais desde o confinamento nos mandan esta canción con letras apegadas á terra, música para cantar e bailar, sons para que sigamos mantendo acesa a chama do amor aínda que as circunstancias nos separen ou nolo compliquen. Grazas Olga por este agasallo!

 

Venres, 17 de abril

A Consellería de Educación publica as Orientacións provisionais para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/20, á espera da publicación da normativa estatal correspondente. A administración galega, con competencias plenas en educación, argumenta no retraso da administración do Estado Español, a falta dunhas instrucións claras. De xeito xeral e con pouca concreción, as orientacións provisionais reiteran indicacións de carácter global efectuadas xa pola ministra Isabel Celaá o pasado 15 de abril. Mentres tanto alumnado e profesorado seguirán a traballar suplindo o baleiro de normas e indicacións como mellor poden e entenden.

Segundo comunica hoxe a Consellería, queda aprazado o proceso de admisión das PROBAS LIBRES para a obtención dos títulos LOE de técnico e de técnico superior de ciclos formativos de formación profesional. En función da evolución da pandemia causada por Covid-19 publicarase, con antelación suficiente, o calendario de admisión para os exames correspondentes ao curso 2019-2020.

 

Xoves, 16 de abril

Nestes días de uso intensivo de Internet, a Consellería de Educación lembra a importancia de seguir os consellos de seguridade no uso de medios e servizos dixitais e garante a seguridade dos servizos dixitais educativos que se están a empregar.

 

Mércores, 15 de abril

Hoxe tivo lugar a Conferencia Sectorial de Educación na que o Ministerio de Educación presentou ás Comunidades Autónomas unha proposta de acordo para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 19/20 e o inicio do 20/21. Na xuntanza chegouse maioritariamente a unha serie de consensos e puntos de encontro que a partir de agora cada Comunidade Autónoma deberá de concretar, formalizar e transformar nas instrucións que procedan. En comparecencia esta tarde ante os medios de comunicación, a ministra de Educación, Isabel Celaá, avanzou algunhas das ideas clave da xuntanza: o curso continúa ata xuño sexa de xeito presencial ou non presencial; o terceiro trimestre empregarase para recuperación, repaso, reforzo, ou ampliación de aprendizaxes anteriores que resulten necesarias; recoméndanse actividades globalizadoras e interdisciplinares, e promoción do traballo colaborativo; no verán poderán deseñarse actividades de reforzo e deportivas nos centros; haberá unha flexibilización do currículo e da programación; a repetición de curso será excepcional; adaptaranse as FCT reducindo horas e mesmo substituíndo en casos a formación pola realización de proxectos... Comunicado na Web do Ministerio. Falta agora por parte da Consellería de Educación, a concreción de todas estas propostas en instrucións. No portal da Consellería publícase hoxe un breve comunicado no que se lamenta a indefinición do Ministerio de Educación á hora de establecer as condicións de promoción e titulación. Agardando as instrucións, que comunicaremos e aplicaremos como Centro no momento preciso, volvemos a apelar á responsabilidade e madurez da nosa comunidade educativa, e a solicitar calma. Desde aquí seguimos acompañando, informando e transmitindo aquelas novas que entendemos como confirmadas. Todos os prazos e medidas seguen a estar marcados pola pandemia.

 

Martes, 14 de abril

A comunidade educativa volve á actividade académica logo do período vacacional. Moito ánimo e saúde! 

 

Luns, 13 de abril

Co remate do período de vacacións de semana santa a Consellería de Educación publica hoxe un comunicado no que informa da continuidade da actividade lectiva non presencial, e empraza á comunidade educativa para o 15 de abril, día no que tras a reunión das Comunidades Autónomas co Ministerio de Educación se ditarán as instrucións que procedan.

 

Martes, 7 de abril

Con motivo da alerta sanitaria, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia publica a Axenda para persoas adolescentes confinadas, que ten por obxectivo proporcionar pautas para esta etapa evolutiva. Desde a Sección de Psicoloxía Educativa, responsable da publicación en formato infografía, explican que enfrontar o confinamento partindo dunha actitude positiva e fomentar as fortalezas de mozas e mozas será necesario neste momento de espera.

 

Luns, 6 de abril

Hoxe incorporamos dous novos botóns ao noso espazo para xestionar a corentena educativa. En RÉTOTE podes acceder todos os días a unha frase para reflexionar en torno á educación, e a un quebracabezas a resolver, do que ao día seguinte atoparás sempre a solución. Tamén engadimos a icona dun compás que nos leva ao Blog do Departamento de Orientación do IES de Chapela, imprescindible para non perdermos o norte estes días.

 

Domingo, 5 de abril

A Xunta oferta un plan de formación de xuventude e voluntariado durante a emerxencia sanitaria do COVID-19. O plan estará formado por 18 cursos en liña orientado a formación básica en materia de voluntariado, e formación especializada en lingua de signos, coidado ambiental, novas tecnoloxías ou voluntariado en situacións de emerxencia. O prazo de inscrición remata o mércores 8 de abril.

O profesor de Xeografía e Historia do IES de Chapela, e Presidente do Instituto de Estudos Vigueses, Xoán Carlos Abad, analiza en Faro de Vigo as similitudes da actual pandemia do coronavirus coa chamada gripe española de 1918. No artigo “Otro azote de la historia”, Abad tira conclusións do seu libro E o outono tinguiuse de loito. A gripe de 1918 nas terras de Vigo., publicado en 2010, e invítanos a reflexionar por que esta pandemia hoxe en día nos colle desprevidos.

 

Sábado, 4 de abril

Aprázase a realización das Probas de Acceso a Ciclos Superiores previstas para o día 23 de abril.

 

Venres, 3 de abril

A segunda avaliación toca á súa fin e con ela comezan unhas vacacións para que a comunidade educativa descanse. Respectémolas polo ben de todas e todos. Desde a nosa web, desde Instagram, desde o abalarMobil e desde o correo electrónico, manterémosvos informadas e informados de calquera nova que afecte ao desenvolvemento do que aquí nos une, mais tamén a canle quedará aberta para seguir expresándose, para propoñer actividades de lecer, para expresar dúbidas nun momento de incertezas... para seguir construíndo o que demos en chamar "a comunidade desde o fogar”. Agradecemos nestes 21 días que levamos lonxe das aulas o compromiso e a implicación de todas as persoas que formamos o IES de Chapela, para manter o fío e a esperanza. Se estivésemos no insti nos despediriamos hoxe dalgún xeito especial, mais especial tamén é o vídeo do que todas e todos somos protagonistas, e que Mónica e Aldán nos prepararon para dicirnos un ata pronto. Aquí volo deixamos, dentro vídeo. Ánimo, resistencia e moita saúde!

O IES de Chapela recibiu hoxe da Consellería de Educación tres ordenadores portátiles con conexión a internet para repartir entre o alumnado que non dispoña destes medios telemáticos. Segundo directrices da Consellería terá prioridade o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen: 4º ESO, 2º Bacharelato, e 2º FP. O material facilítase como préstamo persoal ata que remate o presente curso escolar. A próxima semana procederase á súa entrega.

Publicadas hoxe as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas e as listaxes de exención para as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

 

Xoves, 2 de abril

Resposta da dirección do IES de Chapela ao escrito remitido polo alumnado do CM de Farmacia e Parafarmacia modular en relación ás medidas tomadas para formalizar a segunda avaliacion.

Faro de Vigo publica na súa edición de hoxe a nova La unión de las aulas se traslada a casa, no que se fai eco do vídeo realizado hai días polo alumnado de 2º Educación Infantil. Moitos parabéns ás alumnas e alumnos de Infantil.

A Universidade de Santiago de Compostela organiza os Encontros Virtuais, orientados a estudantes de secundaria e ás súas familias, e por extensión a toda a sociedade. Os encontros terán lugar en pleno confinamento a vindeira semana, os días 6, 7 e 8 de abril, a través dun espazo na Web da USC, que estará dispoñible desde o sábado día 4. A través desta páxina o alumnado encontrará: presentación das titulacións, obradoiros, retos, opinións do alumnado sobre a titulación, concursos, unha videoconferencia sobre cada titulación...  Haberá un enlace para interactuar por videoconferencia coas persoas responsables da titulación para aclarar dúbidas. No enlace indicaranse os horarios de cada unha das videoconferencias.

 

Mércores, 1 de abril

Olga, a vicedirectora, invítanos a entrar no MINDFULNESS para coidar a nosa cabeza estes días. Que que é? Pica en LECER, e no apartado 10, Relax, Olga preséntanolo cun vídeo ademais de recomendarnos exercicios. 

 

Martes, 31 de marzo

31 de marzo - Día Internacional da Visibilidade TRANS - A comunidade educativa está con vós! Post en Instagram.

 

Luns, 30 de marzo

Comunicado da dirección do IES de Chapela ás familias e ao alumnado sobre o formalizacion do peche da segunda avaliación.

A Consellería de Educación e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) acordaron hoxe fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. No caso da proba extraordinaria, as partes acordaron agardar para a súa fixación, tendo en conta que debería celebrarse antes do 10 de setembro. A conselleira reiterou a necesidade de que as probas deste ano garantan a igualdade de oportunidades e a equidade no acceso á Universidade. Proporase un modelo de exame similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e cunha maior opcionalidade. Acceso á nova na páxina da Consellería.

O Departamento de Tecnoloxía do IES de Chapela doou hoxe nove bobinas de filamento para impresión en 3D ao proxecto Coronavirus Makers, creadores de esperanzas. Fotos en Instagram. O grupo de makers de Galicia uniuse á iniciativa estatal para imprimir material de protección utilizando os seus propios recursos como impresoras 3D, ordenadores, filamento... Un material que salva vidas e que poderán empregar persoas que traballan en hospitais, corpos de seguridade ou farmacias. Para colaborar facendo doazóns de filamento ou outros materiais, ou mesmo para imprimir desde a casa, visita a súa web: coronavirusmakersgalicia.org

 

Sábado, 28 de marzo

Dispoñible un novo apartado no portal espazoAbalar no que se recollen os principais servizos dixitais educativos que están a disposición da comunidade educativa para organizar o seu traballo. A partir da vindeira semana iranse incluíndo neste espazo videotitoriais que expliquen o uso destas ferramentas. Salienta un novo servizo de videoconferencia para o ámbito docente cun manual con instrucións para o seu funcionamento.

 

Venres, 27 de marzo

Logo de dúas semanas de confinamento e lonxe das aulas, somos conscientes do traballo que está a supoñer continuar coas clases e coa orientación do alumnado a distancia, das dificultades de coordinación e comunicación, do esforzo que se fai por manter o ánimo en medio da traxedia, da implicación das familias, alumnado e profesorado trasladando iniciativas, realizando tarefas para toda a comunidade educativa ou expresándose na nosa páxina. A todas e a todos moitas grazas, moito ánimo, moita saúde e moita resistencia.

O grupo de 2º CS Educación Infantil grava o seu particular Quédate en casa. No vídeo cóntannos o que están facendo e montan un espectacular baile para levantarnos o ánimo. Son o orgullo da nosa comunidade educativa e dunha educación pública que resiste!

O IES de Chapela articula un calendario en rede por cursos dirixido ao profesorado no que se poderán colgar as tarefas que se encomendan ao alumnado de cara á racionalización do traballo telemático.

A Consellería de Educación enviou hoxe instrucións dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción de medidas a adoptar en relación coa avaliación do segundo trimestre. As mesmas están a ser analizadas.

 

Xoves, 26 de marzo

Non nos cansaremos dicilo: CALMA, PACIENCIA e ANTE TODO MOITA CALMA. Sabemos que moitas e moitos de vós estades preocupados pola evolución do curso, a realización das FCT, das ABAU, das probas de acceso a ciclos, das oposicións ao ensino... Sabemos que circulan todo tipo de informacións, escritos, comentarios... Sabemos que onte mesmo unha representación das direccións dos centros de Galicia mantivo unha reunión coa Conselleira de Educación na que se puxeron sobre a mesa varias propostas e medidas que finalmente se filtraron a todo o profesorado. Ningunha delas é válida mentres non sexan comunicadas pola propia Administración e se fagan oficiais. De nada vale adiantarse aos acontecementos. Temos que vivir o día a día e atender ao máis urxente. Lamentablemente todos os prazos e medidas vainos marcar unha pandemia que está acabando por converterse nunha traxedia para a nosa xente. Desde aquí tentaremos seguir acompañando, informando, e dándovos aquelas novas que entendemos como confirmadas. De nada serve poñer o carro diante dos bois. Apelamos á responsabilidade e a madurez da nosa comunidade educativa. Coidádevos e ánimo!

O IES de Chapela entregou hoxe máis material con fin sanitario á Consellería de Educación para tratar de paliar a situación de emerxencia que estamos a vivir: unha caixa de batas, alcohol, lixivia, trinta gafas de seguridade e catro caixas de luvas, doadas polo Departamento de Física e Química, Servizos Socioculturais e á Comunidade e Sanitaria. Grazas!

Nestes momentos de estreito contacto familiar no confinamento en casa, o Departamento de Orientación invítanos a consultar recursos e consellos prácticos para as familias co fin de coidar a convivencia e previr conflitos. É material que pon a nosa disposición a Fundación Amigó, fundación que impartiu no noso centro os obradoiros de resolución de conflitos e educación emocional a alumnado de 1º e 2º ESO. Consultar no blog do Departamento de Orientación.

 

Mércores, 25 de marzo

Hoxe o Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Ministerio de Universidades acordaron, xunto coas Comunidades Autónomas, diferentes medidas das que a continuación extractamos o máis importante. (Consultar nota de prensa). É importante, aínda que difícil, manter a paciencia e ser conscientes de que os prazos e as medidas que se tomen van vir marcadas pola evolución da pandemia e non por acordos da administración. Tamén é preciso non facer caso aos bulos nin as falsas predicións e guiarse só por fontes oficiais. No caso do noso alumnado e as súas familias, este é o medio para vos transmitir todo o que vai acontecendo, xunto ao contacto coas persoas titoras. Ánimo, especialmente ao alumnado de 2º Bacharelato e a aquel que agarda pola realización da FCT.

  • A ABAU realizarase entre o 22 de xuño e o 10 de xullo na convocatoria ordinaria, e antes do 10 de setembro na convocatoria extraordinaria. É moi probable que se modifique o modelo e o contido das probas co obxectivo de non prexudicar o alumnado. Aínda que as datas propostas dependerán da evolución da pandemia, establécese que as cualificacións se publiquen antes do 17 de xullo para a convocatoria ordinaria, e antes do 18 de setembro no caso da extraordinaria. A asignación definitiva das prazas non se poderá realizar antes do 25 de setembro.
  • Cancélanse as probas de avaliación diagnóstica en 4º ESO, a famosa reválida da LOMCE.
  • Modificaranse os contidos e competencias básicas para o terceiro trimestre.
  • Acórdase flexibilizar as FCT para superar o curso, ampliando o período establecido no calendario escolar. Esta medida deberá coordinarse coas datas de celebración da ABAU para permitir que todos e todas as estudantes que así o desexen poidan presentarse a estas probas. A duración da FCT limitarase de maneira excepcional ás horas mínimas recollidas na normativa, 220 horas. Integrarase de forma excepcional o módulo de FCT co módulo de Proxecto para que se poidan abordar os obxectivos asociados ao contorno laboral, medida que afectará tanto ao grao medio como ao superior e a FP básica.
  • As probas de acceso á FP de grao medio e superior pospoñeranse o que sexa necesario, chegando mesmo á primeira quincena de xullo.
  • O Ministerio crea unha páxina web para canalizar todos os materiais de ensino a distancia e online a disposición das familias e alumnado.
  • As oposicións ao ensino serán abordadas nunha xuntanza específica a próxima semana.

 

Activamos outras ferramenta máis de comunicación na Aula Virtualconversa. Trátase dun chat grupal que permite a todas as persoas participantes do curso enviarse mensaxes. Neste manual, explícase o seu funcionamento. 

 

Martes, 24 de marzo

A profesora de Educación Física Nuria Redondo grava e publica en Lecer, tres vídeos nos que nos invita a bailar e a desfrutar co xoguete de moda, o rolo de papel hixiénico. Moitas grazas Nuria!

 

Luns, 23 de marzo

A petición da Consellería de Educación o IES de Chapela pon a disposición da Administración autonómica todo o material sanitario do que dispón para atender á emerxencia que vivimos: gafas, batas, luvas, alcol... 

Queda activada a mensaxería interna na Aula Virtual, así as persoas usuarias dun curso poderán enviarse mensaxe entre elas e resolver dúbidas ou manter o contacto. Para usala hai que ir a participantes, na barre de menús esquerda do curso, seleccionando logo as persoas ás que queremos enviar a mensaxe e escribir. Tamén se pode enviar mensaxes desde o bloque de usuarios conectados, na barra esquerda.

QUEDAR NA CASA NON ESTÁ NADA MAL! A profesora Mónica Puga proponnos a seguinte tarefa para todas as persoas que formamos parte da comunidade do IES Chapela e para a veciñanza de Chapela. Envía ao correo do centro (ies.chapela@edu.xunta.es) unha foto en horizontal, acompañada dun carteliño que diga: quedar na casa non está nada mal! na que saias facendo algo que che gusta: bailando, tecendo, durmindo, lendo, construíndo, adestrando, acariñando, vagueando, xogando a play, pintando, coidando, sementando, xogando, soa ou acompañada, animando... sendo persoas positivas! Logo xuntarémolas todas nunha montaxe audiovisual que subiremos á web. Un xeito de facernos compaña e ver como estamos, realizando cousas que nos gustan e que podemos facer por estar illadas. Veña, bule, que tes de prazo ate o xoves!

A Presidenta da ANPA Penisal do IES de Chapela comparte con nós o vídeo realizado pola Asociacion Galega San Francisco, amiga e colaboradora do IES de Chapela en tantos encontros. Moitas grazas Nuria!! Ánimo e forza!! 

 

Domingo, 22 de marzo

A administración autonómica publica hoxe domingo novas instrucións en canto á presenza das direccións nos centros educativos. A partir do luns só unha persoa do equipo directivo permanecerá no centro o tempo que considere preciso co fin de atender ao alumnado e as familias, así como para verificar o funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo. 

 

Sábado, 21 de marzo

O profesor de Matemáticas Aldán Santamarina grava e publica en YouTube o vídeo Ten sentido facer o test do coronavirus se non temos síntomas? No mesmo utilízase o cálculo de probabilidades para dar resposta á pregunta. Un xeito de achegar as matemáticas á nosa realidade actual. 

 

Venres, 20 de marzo

Logo dunha semana fóra das nosas aulas físicas, informamos do bo traballo do alumnado e profesorado, conectados de xeito telemático principalmente a través da Aula Virtual e da páxina Web. Hoxe mesmo no apartado de recursos da web subiuse unha guía rápida da Aula Virtual para o alumnado que ten algunha dificultade coa súa xestión. Tamén a través dos correos electrónicos e redes sociais como Instagram estase mantendo un fío que agardamos forneza a cadea para manter o vencello académico e emocional da nosa comunidade educativa. Moitas grazas a todas e a todos polo esforzo que estades a realizar. Moito ánimo!

  

Xoves, 19 de marzo

O IES de Chapela presenta vía telemática a solicitude para a súa incorporación ao proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2020-21. De ser seleccionado o noso centro, o próximo curso o alumnado de 1º ESO comezaría a traballar con ordenadores portátiles nas materias de Lingua Galega, Xeografía e Historia, Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Francés, Valores Éticos e Relixión. O claustro de profesorado amparou a decisión co 87% dos votos a favor e un 13% de abstención. O Consello Escolar foi unánime no apoio a un proxecto elaborado pola coordinadora TIC, Begoña Fernández Calvar.

 

Mércores, 18 de marzo

Comunicado da ANPA Penisal do IES de Chapela chamando á concienciación no problema que estamos a vivir.

Regresan dúas alumnas nosas de Erasmus que se encontraban en Malta, alá quedan outras dúas agardando a volta. Tamén está de volta outra alumna que desenvolvía o programa en Portugal. Todas ben.

O Departamento de Sanitaria do IES de Chapela doa 25 caixas de luvas ao Centro de Saúde de Chapela.

Estreamos o novo espazo na nosa web onde centralizar toda a información do que acontece nesta corentena.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca o Certame Literario Xela Arias. Descarga aquí as bases.

 

Martes, 17 de marzo

O Ministerio de Educación e FP, de acordo coas comunidade autónomas entre elas Galicia, decidiu hoxe que as probas ABAU se realizarán este curso pero non nas datas inicialmente previstas. En consonancia con esta medida tamén se adaptará o calendario de matrícula univesitaria en función da proba. Todas as institucións comprométense a buscar novas datas para a convocatoria ordinaria e extraordinaria, mais a día de hoxe non hai nada decidido.

O Ministerio, de acordo coas comunidades, decidiu tamén flexibilizar as práctica de FP (FCT) e adaptar o calendario e prazos de matrícula das probas de acceso a Ciclos medios e superiores.

 

Luns, 16 de marzo

Interrómpese o prazo dos procesos de admisión nos centros educativos.

O Departamento de Orientación do IES de Chapela publica a súa guia Pautas educativas para alumnado e familias na corentena, traballo realizado polo profesorado e persoal non docente.

A actividade académica na Aula Virtual do centro comeza. Ata 123 cursos nos que profesorado e alumnado principian o seu traballo telemático. As entradas na Web e os e-mails ao correo electrónico do centro acrecentaron o seu uso, como en moitos centros de Galicia, colapsando o servidor da Xunta a determinadas horas.

Inspección educativa felicita ao IES de Chapela pola publicación do seu vídeo e pola mensaxe de unidade que transmite.

Por iniciativa do Departamento de Sanitaria, ofrécese material sanitario do Departamento, luvas principalmente, ao Centro de Saúde de Chapela.

 

Domingo, 15 de marzo

O IES de Chapela sube á rede o seu vídeo O IES de Chapela queda na casa, traballo realizado polo profesorado e persoal non docente.

Publícase na nosa páxina web o texto de Olga Rey, Unha oportunidade para escoitar, aprender e compartir, que recibe no seu primeiro día 1000 visitas. 

 

Venres, 13 de marzo

Suspéndese a actividade lectiva a partir do 16 de marzo.

Suspéndense as prácticas de Formación Profesional (FCT)

Suspéndense todo tipo de saídas e excursións programadas, incluída a viaxe á neve en Andorra para 4º ESO e 1º BACH

O IES de Chapela suspende a 2ª Avaliación en ESO, BACH, 1º FP e FP modular

O IES de Chapela prepárase para continuar o curso de maneira telemática a través da Aula Virtual e co correo e a web como elemento de comunicación da comunidade educativa. Recoméndase seguir as medidas preventivas e ser conscientes de que estamos nunha corentena, non nunhas vacacións.

Distribuir contido