Robótica

SIGmakers: mBots, ozobots e... impresión 3D!

Esta semana estanse levando a cabo as II Xornadas de programación, robótica e impresión 3D; desenvolvendo así as liñas do Contrato Programa de "Mellora da competencia matemática e ciencia e tecnoloxía".

Onte, luns, tocoulle o turno aos de 3º e 5º de Primaria, que experimentaron coas posibilidades dos mBots.

  

Hoxe, martes, obradoiros de impresión 3D con 4º e 6º de Primaria.

  

E o xoves máis sesións de programación de ozobots con 1º e 2º de Primaria.

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Robótica primaria

Visitas especiais!

O mércores tivemos unha visita moi especial no noso cole. O investigador e profesor de matemáticas na Universidade de Giessen (Alemaña), Christoff Schrieff, quixo coñecer de primeira man como traballamos as disciplinas STEAM nas nosas aulas. Pasou por Infantil e por Primaria e encantoulles o noso traballo. Cos de 4º de Primaria, atreveuse a programar un valse (dentro do programa E-twinning de programación de danzas típicas europeas no que participamos) para que bailasen os nosos mbots ao unísono. Iso si, precisou axuda dos nosos expertos programadores!

 

Muiñeira dos mBots

O alumnado de 4º participamos nun proxecto e-twinning con outros centros educativos de varios países europeos. Trátase de programar unha danza tradicional cos nosos robots. Despois, bailaremos as danzas dos outros coles participantes. 

Nós xa deseñamos a nosa "Muiñeira dos mBots". Queredes vela?

E agora, tócanos ver outras danzas típicas. Pero primeiro, coñecemos os robots dos nosos socios europeos? Cal é o noso favorito?

 
 
 

Robótica en Infantil

Alumnado da Universidade de Santiago de Compostela e unha investigadora da Universidade de La Rioja, xunto co profesorado do centro, están levando a cabo un taller de iniciación á programaciónrobótica co alumnado de Educación Infantil.

Primeiro, exploración libre, vendo as posibilidades de acción dos robots. Despois, retos dirixidos e programación, rexistrando traxectos e interpretando os dos compañeiros/as, comprobando e comparando resultados...

Seguro que en máis dunha casa xa escoitastes falar deles!

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Robótica Infantil

Programación nas Escolas

13/11/2018 21:10

Especialistas do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) achegaranse nos próximos días ao noso centro para impartir un curso de introdución ao pensamento computacional e á linguaxe de programación Scratch. Esta actividade, de carácter voluntario, está dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e terá unha duración de 10 horas repartidas en varias xornadas fóra do horario lectivo. Con ela preténdese que o alumnado adquira as habilidades que lle permitan incorporar a programación a aspectos como a creatividade ou a resolución de problemas. 

           

Code Week

 O noso centro súmase ás actividades para conmemorar a Semana do Código ou da Programación (Code Week) en Europa co proxecto STEAMSigu de iniciación á linguaxe da programación e á robótica en 4º e 6º de Primaria.

Do 6 ao 21 de outubro, levamos a cabo os primeiros talleres coa app Smile & Learn e co programa Scratch. Tamén puidemos achegarnos ao funcionamento e partes dos nosos mBots

Ao longo do curso, iremos resolvendo diferentes retos e desafíos para chegar a convertirnos en expertos programadores.

  

edudixital

A educación non pode quedar á marxe dos avances que se están producindo nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Estamos na era da dixitalización e dende o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro esforzámonos por mellorar a Competencia Dixital do noso alumnado con diversas accións:

e-Dixgal: o alumnado de 5º de Primaria utiliza a diario cadanseu portátil convertible para acceder aos contidos curriculares de todas as áreas.

Snappet: o alumnado de 6º de Primaria emprega as tablets e contidos da editorial dixital Snappet.

 

Programación e robótica: O alumnado de 4º e 6º de primaria realiza talleres mensuais de programación e robótica na aula STEAM. 

 

 

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> edudixital

Experiencias con mbots para as familias

Este martes tivo lugar a charla para familias sobre o programa "Introdución á Robótica na Educación Primaria" que se está a levar a cabo no noso centro. Ademais, o noso alumnado realizou varias prácticas de traballo cos mbots proporcionados pola Consellería. 

 

Comezaba falando do proxecto Fátima García, responsable do servizo de formación do profesorado da Consellería e nai dunha alumna do centro. Facíanos partícipes da estratexia edudixital 2020 e da necesidade de preparar ao alumnado nas disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Maths). A continuación o profesor da Universidade da Coruña e creador de robots, Fran Bellas, achegábanos as diferentes opcións do mercado na robótica educativa e dirixía as prácticas do alumnado. Tamén resolvía as dúbidas de todos os alí presentes e aportaba recursos para traballar a programación e a robótica dende a casa como a web La hora del código.

  

Nós tamén programamos...

Que temos que facer para que o noso robot se desprace cara adiante 40 cm e despois se deteña? E para que se deteña cando detecte un obstáculo a menos de 10 cm de distancia? E para que esquive ese obstáculo xirando e continúe avanzando? Estes son algúns dos retos que resolve o noso alumnado de 1º e 2º de Primaria nas sesións de robótica. Son todos uns expertos!

 

Charla de robótica para familias

08/05/2018 16:30

O vindeiro martes 8 de maio ás 16:30, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla informativa para as familias sobre a robótica na educación dos seus fillos/as. Esta, encádrase dentro do proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria", que nos foi concedido este curso. Contaremos coa presenza de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña e creador de robots e Fátima García, responsable do servizo de Formación do Profesorado na Consellería de Educación. Neste encontro, o noso alumnado levará a cabo unha práctica de traballo con robots.