Letras Galegas 2018: Romaría das Letras

A véspera do Día das Letras Galegas celebrámola ao grande con exposicións e obradoiros de traxe galego e instrumentos da música tradicional galega e cunha romaría final na que non faltou de nada, sen esquecernos iso sí da homenaxeada desta edición Mª Victoria Moreno.

Ás 10h comezaban as visitas ás exposicións e obradoiros. Asun, explicábanos no salón de actos as diferentes prendas que conforman o traxe tradicional galego de muller e de home, dende a cabeza ata os pés. Que saias tan fermosas, que mantelos, que zocos...! Algúns ata se atreveron a probar algunha prenda!

  

No patio 2, coñeciamos a catro grandes músicos do noso concello: Miguel, Laura, Carlos e David que tocan no grupo "Néboas no Cumio". Eles mostráronnos un montón de instrumentos da música tradicional galega dende o bombo, o tambor ou a pandeireta ata o clarinete, o acordeón ou a gaita. Aprendemos un montón de cousas sobre eles, escoitamos como soaban e ata puidemos tocar e bailar con eles. Que ben tocan e bailan estes rapaces!

  

Ao mesmo tempo, na biblioteca proxectábanse videos sobre a nosa lingua e tamén sobre Mª Victoria Moreno e a súa obra. 

Tralo recreo, comezaba a romaría. E coma en toda romaría, a música e o baile non podían faltar. O alumnado, dende 4º de infantil ata 6º de Primaria bailou a muiñeira "Buxos Verdes" que levaban ensaiando semanas antes nas clases de E.F. con Andrea e Marcos e tamén con Asun en Infantil. A continuación, soou o himno galego ao violín, guitarra e piano interpretado por alumnado do centro baixo as ordes de Begoña. Despois tería lugar a entrega de premios do concurso das Letras Galegas 2018 organizado polo EDLG. Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a "Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten. Pero a festa non rematou aí, pois os músicos de Néboas, mestres e alumnado continuariamos tocando e bailando para celebrar a saúde das nosas letras.

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

(Mª Victoria Moreno)

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Letras Galegas 2018: Obradoiros e Romaría