E todo ten un fin! Que pronto pasou o tempo! Valeu a pena tanto traballo, agora a recompensa final... Alá imos, á Coruña a presentar a nosa miniempresa, HORTOCOL SIGU. O acto de clausura do proxecto MINIEMPRESAS CORUÑA, tivo lugar no CIFP Ánxel Casal - Monte Alto.
Pola mañá ben cediño a coller os produtos da nosa horta: repolo, coliflor, romanescu, acelgas, espinacas, kale, leituga, remolacha, cebolas, allos, cenorias, amorodos, chícharos, pementos...
Despois a cargar todo no autobús, que non era tarefa sinxela. O carro que nos prestou a ANPA case non nos cabía no maletero e os canalóns que utilizaramos para plantar leitugas e amorodos tiveron que viaxar no corredor do bus, entre os asientos.
Ao chegar comprobamos que había doce estands e nós eramos o nº 10. Que ilusión!
Había que empezar a colocar todo e poñelo o máis bonito que poideramos. E mans á obra... quedou impresionante! Chamaba a atención dos visitantes.
Todo listo, agora dispoñiamos dun tempo para ver os demais proxectos, eran super interesantes, ademais tanto os alumnos/as como os profesores/as eran moi amables con nós. Ata nos agasallaron cunha camiseta estampada co noso nome! Había un galo e unha galiña dun proxecto de recuperación da galiña piñeira, un de construción de minicarabanas, un dunha aplicación para o móbil para localizar niños de avespa velutina, un de cremas e xabróns elaborados con plantas do Camiño de Santiago...
E case sen darnos conta..., chegaron as primeiras visitas. Ao principio apenas falabamos, pero despois xa eramos todos uns expertos. Explicabámoslle en que consistía a nosa miniempresa, dabámoslle un catálogo dos nosos produtos e respostabámoslle ás preguntas que nos facían. Que nervios! Dixéronnos que ían pasar unhas persoas algo importantes; o Xefe Territorial, o Presidente da Fundación Alcoa, a Directora do periódico La Opinión, a coordinadora deste proxecto... E chegaron...; explicámoslle todo, démoslle un catálogo, e ata lle demos os nosos allos a ulir para que comprobasen a diferencia cos que mercamos na tenda; fixéronnos preguntas e sorprendéronse de que tiveramos tanta variedade de produtos. Felicitáronnos polo bo traballo.
E para rematar, a entrega de premios; nós non acadamos ningún pero o noso premio máis grande é a satisfacción de ter creado unha miniempresa co traballo conxunto de todo o alumnado do colexio, que xa empeza a dar beneficios. Unha experiencia fantástica!!!