Metidos de cheo na semana do SAMAÍN, que neste curso nos leva máis que nunca a lembrar costumes dos nosos ancestros, todo o colexio aparece ambientado para tal celebración e o medo comeza a facer acto de presenza.
A palabra Samaín provén do gaélico Samhain que significa fin do verán. O Samaín viña a ser o Ano Novo Celta e o comezo do inverno, da escuridade. Esta celebración da noite do 31 de outubro para o 1 de novembro ten un pasado milenario e senta as bases do popular Halloween.
Unha das lendas máis ancestrais de Galicia vencellada con esta festa é a da Santa Compaña. Unha persoa dirixe unha comitiva de defuntos / ánimas, que poden aparecer nos montes ou camiños pola noite ou de madrugada. Van caladiños e con candeas; simbolizan que unha persoa está a punto de perder a vida. A Santa Compaña evoca medo e respecto na nosa terra.
Entre as actividades levadas a cabo no centro para o Samaín, hoxe comezamos coa lectura de contos inventados polo propio alumnado, coa temática da cultura tradicional galega. Contamos con verdadeiros relatores de historias terroríficas.
O alumnado de 1º e 2º participou neste evento con debuxos inspirados na celebración. Canto traballiño e que ben feito!
Por outra banda os nenos e nenas xa comezaron a traer as cabazas decoradas con moito inxenio coa temática da Cultura de Galicia, que completarán a exposición que se poderá observar no exterior do colexio.
E que dicir das portas das aulas, están de medo!!!