O luns 21 de febreiro foi o Día da Lingua Materna e o alumnado de 6º quixo conmemoralo mostrando o fachendosos que nos sentimos da nosa, o galego, cos nosos socios do proxecto eTwinning "Unidos Por Nuestras Lenguas".
Para iso conectámonos por videoconferencia co CEIP Príncipe de España de Burgos e co CRA Domingo de Guzmán de Salamanca. Pero esta vez a lingua vehicular non era o inglés, se non o galego. Despois das presentacións pertinentes, mostrámoslles as nosas palabras favoritas en galego e, para que fora máis emocionante, eles tiñan que adiviñar de que se trataba cada unha delas. Aínda que ningún deles conta con lingua propia, tamén nos ensinaron localismos propios da súa zona. E como non, tamén aprendemos un montón sobre a súa cultura! Pero o máis importante, é que puxemos en valor a nosa lingua cos nosos socios de eTwinning.