Eventos
O pasado venres 27 de abril tivo lugar no noso colexio a 3ª das charlas da Garda Civil dentro do "Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos" dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.
A temática nesta ocasión era o bullying ou acoso escolar. Coma sempre, a charla, os materiais e as actividades que nos preparou Óscar fixéronnos reflexionar moito: como se sente unha vítima, o papel importante das testemuñas, como actuar, a quen acudir...
O vindeiro 29 de maio está programada unha charla sobre este e outros temas para as familias.
O xoves 3 de maio, ás 19:00h, Gloria Mosquera (que fora mestra e directora no CEIP de Sigüeiro) estará co seu grupo Mamá Cabra presentando na Feira do Libro de Compostela, no parque da Alameda, o seu último traballo Eu cociño, ti cociñas. Este album está inspirado no proxecto impulsado polas mestras do noso cole María Salgado e Pilar Rivas sobre cociña e alimentación saudable coa colaboración do alumnado e das familias e que podedes seguir nesta web e no seu blog.
O vindeiro martes 8 de maio ás 16:30, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla informativa para as familias sobre a robótica na educación dos seus fillos/as. Esta, encádrase dentro do proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria", que nos foi concedido este curso. Contaremos coa presenza de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña e creador de robots e Fátima García, responsable do servizo de Formación do Profesorado na Consellería de Educación. Neste encontro, o noso alumnado levará a cabo unha práctica de traballo con robots.
E hoxe, na véspera da Festa da Troita de Sigüeiro, todo preparado para que o alumnado de Infantil celebre a súa VII Peque Festa da Troita con degustación de troitas e moitas actividades.
Mirade como a celebrabamos en pasadas edicións...
Festivo
O venres día 18 de maio non haberá clase por tratarse do día non lectivo escollido polo centro. Polo tanto, voltaremos ao colexio o luns 21 de maio.