O IES de Chapela obtivo a mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023 da Consellería de Educación que se outorgaron o pasado 28 de novembro no Congreso Internacional de Inclusión Educativa celebrado en Santiago de Compostela. Outros sete centro educativos galegos foron tamén premiados entre a categoría A (destinada a educación infantil e primaria) e a categoría B (destinada a ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial). A iniciativa premiada no IES de Chapela é o proxecto “Xanela”, un proxecto de teatro inclusivo e comunitario desenvolvido no curso 2022/2023 e baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Nel participaron máis de corenta persoas de tres entidades: alumnado e profesorado do IES de Chapela (concretamente, dos ciclos de FP de Atención a persoas en situación de dependencia, Integración social e Educación infantil do réxime de persoas adultas), persoas usuarias e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión de persoas con diagnósticos de saúde mental, e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg). Baixo a dirección de Roi Vidal, o proxecto culminou coa estrea o pasado 2 de xuño da obra “Disparos de luz” no multiúsos de Chapela, obtendo unha moi boa acollida por parte do público. Con este galardón, a Consellería de Educación recoñece agora o valor deste proxecto na construción dun contorno educativo inclusivo para acadar unha sociedade máis respectuosa e máis democrática.
|
|||