O 16 de maio celebramos o noso tradicional Maratón das Letras Galegas, unha carreira que nesta edición cumpriu 26 anos e que mantén intacta a finalidade coa que naceu en 1997: reivindicar e visibilizar a importancia do uso da lingua galega entre a comunidade educativa e na nosa sociedade.
A tradicional carreira que alumnado, persoal non docente e profesorado realizamos por Chapela percorre distintos barrios da parroquia. Nesta ocasión, tamén houbo xogos populares e actividades paralelas para ambientar a xornada festiva, organizados polas profesoras, alumnos e alumnas de Educación Infantil e APSD e polo profesorado do EDLG. Todas as corredoras e corredores levaban unha camiseta co lema “Déixate envolver polos brazos do galego" creado pola profesora Tamara Rial e co deseño dos alumnos de 1º BACH Juan Rotea, Aketza e Aarón.