A alumna de 4º ESO B Lidia Bastos representou este martes 15 de marzo ao IES de Chapela no Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela, centrado nesta ocasión na exposición de propostas para remozar tres espazos públicos: a zona deportiva e de lecer no campo de San Pedro, en Cesantes; o espazo deportivo coñecido como “O Campito”, en Chapela; e a zona deportiva anexa á Senda Verde, tamén en Chapela. E xunto ás valiosas achegas do alumnado do resto de centros de Primaria e Secundaria de Redondela, Lidia ofreceu un relatorio de algo máis de cinco minutos recollendo as inquedanzas dos seus compañeiros e compañeiras.
Así, en relación á zona deportiva e de lecer de San Pedro, en Cesantes, propuxo a construción dun parque canino, un escenario para concertos e un parque infantil cunha zona de céspede. No referente á zona deportiva de "O Campito", en Chapela, formulou a petición de instalar un muro para arte urbana, ben para uso da rapazada do Concello ou ben para a elaboración dun mural a cargo do artista Diego As, galardoado co premio ao mellor mural do mundo pola súa obra coa imaxe do emperador Xulio César en Lugo; tamén propuxo a instalación de mesas e asentos con cargadores para dispositivos electrónicos e taboleiros de xadrez para o uso de persoas de todas as idades; e por último, reclamou a instalación de fontes de auga e a presenza de árbores para facer máis agradable e natural ese espazo. Finalmente, respecto da zona anexa á Senda Verde, tamén en Chapela, avogou igualmente por colocar árbores e sombra abondo ao longo da senda, así como fontes de auga e bancos; indicacións de distancia para as persoas que utilicen esta zona para facer deporte; carteis informativos sobre lugares de interese en Chapela e a contorna, poñendo en valor espazos concretos como a mámoa do Rei; e barras para facer calistenia como outro modo de fomentar o deporte.
Despois da intervención dos representantes dos distintos centros, tomaron a palabra a das ANPAS e o da Asociación de Veciños de Redondela, seguidos dos concelleiros e concelleiras dos grupos da oposición e o equipo de goberno do Concello, coincidindo todos eles no interese e valor de todas as propostas e louvando o esforzo e compromiso da mocidade redondelá coa mellora da súa vila.
Parabéns a Lidia e ao resto do noso alumnado polas súas achegas!
|