Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela - Lidia Bastos


A alumna de 4º ESO B Lidia Bastos representou o pasado xoves 18 de novembro ao IES de Chapela no Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela, centrado nesta ocasión no coidado do medio ambiente e no que alumnado dos distintos centros educativos do municipio achegaron as súas propostas para que Redondela sexa un concello máis sostible.

Lidia, que ofreceu un relatorio de arredor de cinco minutos, achegou e desenvolveu propostas acordadas no noso centro como facer saídas mensuais a praias e espazos naturais para facer recollidas de lixo; reforestar a contorna con árbores autóctonas; a instalación de máquinas en diversos puntos do concello que recompense a reciclaxe, como xa acontece en países nórdicos e centroeuropeos; fomentar a iniciativa Residuos Cero, reducindo ou eliminando o emprego de alimentos envasados; a instalación de composteiros e hortos urbanos; a colocación de contedores de cabichas e dispensadores de bolsas para os excrementos dos cans en distintos puntos; a creación dun xardín botánico; promover o uso de transporte público e reducir o emprego de vehículos a motor, para o que propuxo a creación de carrís bici e máis zonas peatonais; o fomento de obradoiros e charlas de concienciación sobre a necesidade de coidar o medio ambiente impartidas polos propios alumnos e alumnas; ou o fomento de mercados de segunda man para darlle unha segunda vida a infinidade de produtos.

O equipo de goberno do Concello e os representantes da oposición atenderon a estas e outras propostas con grande interese, e comprometéronse a estudar boa parte delas e a poñer en marcha as máis viables. E, sobre todo, animaron á nosa representante e ao resto de participantes a seguir achegando proposicións como as anteriores para construír unha Redondela mellor.

Parabéns a Lidia e ao resto do noso alumnado polas súas achegas!