Sesé na nosa memoria

Graffiti no Muro de Berlín

A Sesé, a quen lle gustaban “estas cousas”.

 

 

 

 

Chapela está sumida na tristeza e indignación por ser lugar dun novo crime machista. A morte de Sesé, nai dunha exalumna e dun exalumno do IES Chapela, muller comprometida no seu tempo coa actividade do noso Centro, deixou sen palabras ao alumnado, profesorado, persoal non docente e a calquera persoa que se dea de fronte coa nova aparecida hoxe en todos os xornais. A súa perda deixa unha pegada fonda entre os seus familiares, os seus amigos e amigas e entre toda a comunidade educativa do instituto, quen quixo renderlle no día de hoxe, 21 de febreiro de 2017, a máis sentida homenaxe cun minuto de silencio. As mostras de agarimo do alumnado coas persoas achegadas á vítima que están a estudar no Centro, son un apoio emocional nestes momentos difíciles. Sesé é outra muller máis que engrosa unha xa longa lista de vítimas por violencia machista que non deixa de crecer. Aínda sen palabras, por tocarnos moi de preto estes feitos, alzamos a nosa voz contra a violencia de xénero, unha loita que só imos gañar co compromiso real de toda a sociedade. Paremos as agresións e estaremos no camiño de lograr a igualdade. Contigo na memoria, Sesé.

 

Julián Jario Santos

Esther Mato Méndez

 

21 de febreiro de 2017