Escola de Cuvide
AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE E ALBA ROMPE O DÍA
Frecuentemente nas aulas atopámonos con diversos problemas de audición e linguaxe para os que Mariña, a especialista, presta un gran apoio cun enfoque da problemática, na miña opinión moi axeitado e que eu comparto ao cen por cen : non existen nenos problemas senón problemas que teñen determinados nenos ou nenas aos que se lles da un tratamento lúdico do que participamos todos e todas.
Onte o xogo ía encamiñado á discriminación auditiva das distintas vogais e a súa correcta pronunciación en concreto á diferenciación do son do e e do a.
Traía un libro "Rimas con letra" de Gloria Sánchez e abríndoo pola rima do e preguntou :
- Coñededes este libro? (Risas) Siiii , ese é o embigo de Vicente.
- Home... coñecémolo de sobra dixo Anxo .
-E esta letra?
- Coñecémolas todas!, volveu dicir Anxo cuns olliños luminosos, mirada cómplice e sorriso picarón.
E claro, e que as letras preséntanse nas palabras sen permiso, todas xuntas e así ímolas coñecendo pero de cando en vez facémoslle un pequeno homenaxe a cada unha delas e entre outras cousas acudimos ao libro "Rimas con letra" para disfrutar das súas propostas, amplialas e ás veces tamén para criticar algún aspecto cun sentido rexoubeiro como cando a rima do u di :
Uú - Uú
un moucho vai en autobús.
...........................................
e a ilustración nolo presenta en moto. Rebélanse, aí non vai en autobús profe, que vai en moto. Pero que é isto?, digo eu, esta ilustradora... está un pouco despistada. E é que os nenos e nenas non pasan unha, así que ilustradores e ilustradoras poñede máis atención porque nas escolas hai unha crítica moi rigorosa.
Ben, pois despois de disfrutar coa rima e de participar no xogo, Mariña quixo contarnos un conto que falaba dunha estrela pero xa non foi posible.
Á pregunta de sabedes onde están as estrelas? sucederon unha serie de intervencións cargadas de lirismo en medio do bulicio.
- "AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE" (RAÚL)
- "SI, E ALBA ROMPE O DÍA, E CANDO O SOL VAI TRABALLAR A LÚA TENSE QUE DEITAR" (ANXO).
- "E RAÚL ABRE A NOITE" (ALBA)
Esta intervención de Alba producíu un segundo de desconcerto antes de darme conta de que o dicía porque cando xogamos cos nomes RAÚL lido ao revés di LUAR, e facíalles gracia escoitar que RAÚL tiña unha RA que croaba no LUAR e que LUAR era unha noite de LÚA , así que claro, RAÚL ABRE A NOITE.
En fin, que cando os nenos e nenas están enfariñados, rebozados e cociñados en poesía de cando en vez e cando menos o esperas deixan escorregar a súa salsa, destilan lirismo, e así acabou a hora con Mariña e nese estado tan poético e bulicioso, que ás veces van da man, dispuxémonos a seguir co regalo para O DÍA DA NAI, que non vou desvelar porque aínda non chegou o día e malia que seguramente ao saír da escola xa non aguantaran máis sen decirlle que era, naquel momento devanábanse os sesos pensando onde o ían agochar e que lles ían dicir.
CARLOTA : "Eu voulle dicir a miña nai : mamá, vas limpar estes días, antes do día 4, do domingo, do día da nai, debaixo da cama?. E se me dí que non, o deixo alí e se me di que sí o meto nun caixón ou noutro sitio onde non o vexa".
RAÚL : "Eu tamén, debaixo da cama"
ANXO: "Eu tamén, debaixo da cama"
PEDRO : "Pofe, mía, eu vouno esconde debaixo da pama".
ALBA : "Eu debaixo da almohada".
En fin, xa sabedes onde non podedes facer limpeza nin mirar estes días.
- APIs de Blogue
UN FERMOSO POEMA VISUAL
Era moi cedo hoxe cando cheguei á escola; tiña cousas pendientes que facer antes de que chegaran os nenos e nenas. Había moito silencio. Como ven sucedendo todos estes días, disfruto moito nada máis chegar observando o pequeno xardín e a fachada da escola. Está tan bonito...!
Pero hoxe sentín como unha descarga eléctrica, un intenso calafrío percorreu o meu corpo e unha profunda emoción embargoume cando subindo as escaleiras do porche vexo unha flor colocada con coidado na pechadura da porta.
Todo un fermoso poema visual; non habería mellor forma de reiniciar ese soño cargado de esperanza.
Inmediatamente agolpáronseme imaxes e sensacións : 24 de abril, case 25 de abril data moi sinalada; o 25 de abril de 1974, Portugal viviu unha revolución incruenta : "A revolución dos caraveis", onde os militares colocaron nos canóns dos seus fusiles esta flor, un feito simbólico, as flores contra a violencia fascista e o fin da dictadura.
Logo , mesturado co anterior viñéronme a mente eses versos tan significativos dun poema de Antonio Machado :
"Caminante no hay camino
se hace camino al andar.
Al andar se hace camino
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar".
Inmediatamente quixen recoller ese instante para eternizalo cunha foto e ofrecela no portal para disfrute de todos e de todas.
Subinme a unha nube e compartín a alegría coas familias, cos nenos e nenas e tamén con Tobías que achegouse á escola a media mañá.
Tiñamos tantas cousas que facer hoxe :
- Contacontos
- Representación plástica
- Unha salina,
pero este acontecemento estivo presente en todo momento. Falámolo ao principio e pregunteilles se lles parecía bonito que nos puxeran unha flor na pechadura da porta e dixeron que sí e que seguramente os que fixeran mal lerían os seus carteis. Díxenlles que sí e que ao mellor tamén visitaran a páxina que temos en Internet e alí verían o seu traballo e o das súas familias e pensarían que así estaba mellor todo, que era máis bonito respectar e coidar que destrozar.
Inviteilles a facer un cartel de agradecemento e na hora da merenda, mentres estaban sentados comendo, eu ía anotando ideas no encerado.
Ao final quedaron reducidas a tres :
- QUERÉMOSVOS MOITO POR POÑER A FLOR
NA PECHADURA DA PORTA (ALBA)
- COIDADE A NATUREZA CON NÓS (TODOS)
- INVITÁMOSVOS A NOSA ESCOLA A PLANTAR
ÁRBORES (MOTIVADA POR MIN)
A medida que ían rematando de merendar, recollían, lavaban os dentes e viñan a facer o cartel.
A media mañá chegou Tobías a facerlles unha proba de linguaxe aos máis pequenos e o cartel e os artiluxos de pintar pasaron ao porche.
Ao final fixemos unha foto de grupo con Tobías, aínda que non están todos porque algúns preferían estar xogando .
Logo Tobías sacoume outra a min co grupo
Mirade, temos unhas pequenas árbores nunhas xardiñeiras nacidas das sementes que plantaron os nenos e nenas alá por novembro e que xa están pedindo monte.
Non sei se leredes esta páxina pero se o facedes, de corazón vos invito a que nos axudedes a buscar e limpar un anaquiño de monte preto da escola e a vir con nós a plantalas.
De verdade que non hai nin odio nin rencor; hai unha inmensa alegría que nos gustaría compartir con vós.
- APIs de Blogue
SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN 2
Entre as actividades que estamos levando a cabo apoiando a Semana de Acción Mundial pola Educación onte limos o conto titulado "O HOMIÑO DE PAPEL", de Fernando Alonso; un boneco que unha nena aburrida de xogar cos xoguetes decide facer con papel de xornal. O boneco quere facela feliz a ela e aos seus amigos pero cando deixan de xogar e se poñen a falar el só sabe contar historias de guerras, catástrofes e miserias e os nenos e nenas póñense moi tristes; decide lavarse pero entón non ten nada que ofrecer así que adentrándose no campo vai empapándose de colores, sonidos e palabras novas e solidarias facendo felices aos nenos así que todas as mañás moi temprano decide regar os xornais con toda aquela alegría. É un pequeno poema á fermosura e aos valores que non aparecen nos titulares de prensa.
Para ilustrar o contido do conto e para que observaran distintas condicións de vida nos distintos lugares da terra levei recortes de prensa e un libro "Pueblos de la Tierra", onde observamos as duras condicións de vida da extracción e transporte de sal nas impresionantes salinas de Manaure na fronteira de Colombia e Venezuela.
As salinas impactáronlles tanto que lles propuxen que trouxeran sal e faríamos unha. Hoxe Carlota trouxo sal. Mellor tería sido pedirlles auga de mar para que fora máis real; outro día lla pedirei.
Tamén vimos unha vivenda construida nun claro da selava ecuatoriana e observamos o contraste entre as casas das barriadas de Lima, onde a xente non ten traballo e as casas da xente rica, facéndolles pensar se aquilo lles parecía xusto.
Vimos tamén nenos traballando, no mercado, vendendo froita, ou no campo cun arado de tracción humana que non sabían o que era. Anxo dixo que agora se fai co tractor cando eu lles expliquei que era para facer sucos na terra e plantar millo.
Por último vimos unhas fotos dunhas vivendas pobremente construídas dos mineiros en Bolivia, o seu duro e perigoso traballo e o boneco disfrazado de demo que colocan na entrada da mina como protección.
Ao final todos e todas fixeron un boneco en papel de xornal e algúns tamén en folios ; hainos brancos, marróns e negros; témolos esperando para entrar nesa gran escola que temos pensado facer.
FIXEMOS A SALINA
- APIs de Blogue
SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN
Hoxe sumámonos a outras escolas en pedir que todos os nenos e nenas do mundo teñan unha escola de calidade, na que haxa, como dixeron eles, plantas, libros de contos, xoguetes, puzzles...., onde aprendamos a xogar, a debuxar, a falar en baixo, a non pelexar....
A través dun conto suramericano moi bonito titulado "O PEIXE QUE NON QUERÍA IR A ESCOLA" démonos conta do importante que que é ir e aprender a ler porque fixádevos, nese conto había un peixe chamado TRIS que en lugar de ir ao cole andaba a pasear por todo canto recuncho do río había, e un burro xa velliño, chamado ORELLAS, que como non podía traballar dedicábase a pescar dende unha vella ponte. Pescaba e pescaba e os peixes moi preocupado decidiron poñer un cartel no que dicía :
ATENCIÓN !
AQUÍ PESCA ORRELLAS!
NON COMADES NINGÚN VERME !
O burro Orellas non entendía porqué agora xa non pescaba nada, e é que os peixiños sabían ler e non comían o verme do anzó, pero TRIS, a piques estivo de ser pescado porque non sabía que querían dicir aquelas letras e menos mal que cando ía comer o verme do anzó a vella ponte esnaquizouse e ORELLAS foi parar ao río e comprendeu a razón de porqué non pescaba, porque ainda que burro, no seu tempo fora á escola e aprendera a ler.
Non pensedes que afogou : os peixiños decidiron axudalo e propuxéronlle que para non aburrirse fora visitalos todos os días e intercambiaríanse historias da terra e do río.
O conto gustounos moito e aquí tendes as fotos dos debuxiños que fixemos e do mural do peixe que non quería ir a escola.
Aquí vemos a Borja facendo o debuxo do mural do conto e logo aos nenos e nenas colorando e pegando os peixes o cartel de aviso e as palabras do título do conto
Logo saímos co mural a facernos unha foto diante do xardín e diante da fachada
Agora xa o temos nun dos taboleiros de entrada para lembrarnos do impportante que é ir á escola e aprender entre outras cousas a ler.
- APIs de Blogue
O SÁBADO COÑECIMOS A ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
A MIN FÍXOME DÚAS ADICATORIAS: UNHA NO POEMA QUE ILUSTREI E OUTRA NO LIBRO QUE MERQUEI. ANXO
MARÍA : AS ADICATORIAS FORON MOI BONITAS?
"HOME, COMO EL É ARTÍSTICO, NON MAS VAI A FACER FEAS, VAIMAS FACER CHULAS". ANXO
A MIN ESCRIBIUME NO LIBRO. PEDRO
- APIs de Blogue
NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS
Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).
Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén nos gustan os bebés.
"DURME, MENIÑO FERMOSO
QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO
DURMETE, MEU QUERIDIÑO
PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.
DURME, LUCEIRO DA ALBA
QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.
DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.
¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!
Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.
En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.
Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos armando un poema de moita risa.
Aquí o tendes :
TRÚA DÚA TRIPE TRAPO
POLA RÚA
ANDA UN GATO.
TERA PERA SERA LERA
VAI COMENDO
UNHA PERA.
TAN TARANTÁN TARANTÁN
VAI DETRÁS
O CAPITÁN.
TON TORONTÓN TORONTONO
VAI TAMÉN
O TÍO MANOLO.
TERNO CUTERNO TERNÓN
LEVA POSTO
UN CAMISÓN (ou tamén)
UN MANDILÓN.
Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.
Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?
Pois Carlota dixo:
"EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA
O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS".
E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".
- A ver.
- Mira :
TRAS
TRES
TRIS
TROS
TRUS
AZOUTIÑAS
NOS TEUS CUS.
En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.
Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.
Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.
AS NOSAS PLANTAS ESTÁN CADA DÍA MÁIS BONITAS
As plantas do noso xardín, das macetas e xardiñeiras, malia non parar de chover, están cada día máis bonitas, agradecen o respecto do que están sendo obxecto para alegría de todos e de todas.
Hoxe os nenos fixeron algún comentario ao respecto e fíxenlles crer que seguramente as persoas que fxeran mal o pensaron mellor, leron os seus carteis e ao mellor viron todo o traballo realizado coas familias, que foi moito,na páxina web do centro, e daríanse conta de que así estaba moito máis bonito todo.
Hai uns días Anxo, seguindo o exemplo de Xaime, o protagonista dese conto titulado "Xaime e as landras" personaxe perseverante onde os haxa nas accións que considera positivas encamiñadas á consecución dun mundo máis habitable a pesar das adversidades, chegou moi cargado con dúas macetas da súa casa para repoñer as que romperan.
Onte pintáronas el e Raúl e hoxe trouxo un par de plantas, unha begonia e unha alegría , terra e cortiza para o xardín, así que aproveitamos un momentiño no que parou de chover para plantalas e regaron tamén as do porche. As do xardín xa as regan as nubes.
Como me gusta dar estas boas noticias!.
- APIs de Blogue
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO VISÍTANOS TODOS OS DÍAS
Como xa sabedes, estamos no mes das celebracións arredor do LIBRO. Por ese motivo o sábado 19 de abril vai estar na biblioteca de Rianxo, ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, ese gran poeta que tan ben sabe arrolar e aloumiñar as palabras para que unha tras outra, coma formiguiñas que saben ben o camiño, cheguen aos nosos oídos e aos nosos corazóns redondas, sonoras, emocionantes, facéndonos partícipes da súa propia vibración como poeta ante o que ve, percibe e atesoura para máis tarde regalarnos esa riqueza interior en versos, escaleiriñas do poema.
Aprendemos sen darnos conta que as palabras teñen un valor que vai máis alá do meramente explicativo porque consguen emocionar.
Fago o símil dos versos como escaleiriñas do poema porque mo suscitou Carlota e o grupo en xeral coa súa actitude na escoita dun poema unha vez conseguido o silencio que non é doado conseguir no meu grupo, pero sí imprescindible porque... "para sentir a poesía aquí dentro , temos que estar en silencio", e xa saíu un versiño utilizado como recurso en momentos posteriores.
Cando estaba recitando pequenos "Poemas do sol e a lúa", recollidos en "Trazos, trozos e retrincos", editado pola Xunta e lamentablemente esgotado, unha vez lidas as tres primeiras estrofas introductorias que axudan a crear ese clima de escoita, reciteilles o poema que fala das andoriñas.
Ao rematar, sen dicir nada, atopeime con aqueles olliños de caramelo, iluminados, e as mans suspendidas nun amago de aplauso conxelado, como sen atreverse.
Rompín o xeo :
-Gustouche?
- Sí
-Pois aplaude
-Todos aplaudiron.
Ela, e o grupo en xeral, sentiran que as escaleiriñas remataran e chegaramos ao final do poema. Alomenos esa foi a vibración que eu sentín.
Outro día animeilles a ilustrar un poema como fixeran uns alumnos que eu tivera hai uns anos noutra escola; ilustraran un poema que falaba da lúa e García Teijeiro lles fixera unha adicatoria moi bonita. Aproveitando a ocasión de que vai estar na biblioteca de Rianxo poderían levarllo e de paso coñecer ao autor deses libros que día a día van aparecendo na nosa aula como por arte de maxia e que descubrimos ao chegar : "As catro estacións", "Trazos, trozos e retrincos", "Ventos", "Lueiro de papel", "Cantos rodados", ese libro grandísimo que ten poemas musicados e Cacarabín cacarabán. De todos eles xa temos lido algún poema.
Conscientemente provoqueinos : Mirade, este escritor ten un poema cunhas palabras rarísimas e moi divertidas, queredes escoitalo?
-Síiii
-Pois escoitade :
TRÚA DÚA TRIPE TRAPO
AS ESTACIÓNS
SONCHE CATRO.
A gargallada foi unánime nesta, e nas sucesivas estrofas que titulamos "As catro estacións" xa que é o poema introductorio do libro do mesmo nome.
Propúxelles ilustralo e facer un libro con cinco follas unha por cada estrofa.
Para ilustrar a primeira foron dicindo elementos caracterísiticos das catro estacións e propúxelles dividir un folio en catro partes e poñer un pequeno detalle en cada un dos cadrados alusivo a cada unha das estacións.
Ao día seguinte tocaba ilustrar:
TERA PERA SERA LERA
ESTAMOS
NA PRIMAVERA.
Polo calendario sí pero o tempo real máis ben falaba do inverno así que houbérame gustado ofrecerlles "A primavera" de Vivaldi como motivación pero parecíame descontextualizado así que optei por pechar persianas e ver o vídeo de "Árbores e flores", de Walt Disney.
Paréceme un corto excelente tanto polos aspectos que trata como pola forma de abordalos, que a groso modo, sen entrar en detalles serían :
- o acordar da primavera, o aseo das flores e árbores, a ximnasia.
-o namoramento das árbores
-os celos, a loita, a revancha, a solidaridade
- o castigo, a solución ,a volta á calma e
- A catarse : Aplausos risas e griterío Beeen!
TAN TARANTÁN TARANTÁN
VÉN CANTANDO
DON VERÁN.
O verán veu suxerido por dúas imaxes potentes : o sol e o mar; ésta seguramente motivada pola visita que fixemos hai uns días ao "Museo do mar" en Rianxo onde viron barcos e lles falaron de traballos relacionados co mar.
TON TORONTÓN TORONTONO
SOPRA FELIZ
DON OUTONO
A ilustración desta estrofa veu da man da propia estrofa pero tamén da lectura do conto titulado "O señor mago e a folla", un deses libros de sabor doce que nos enchen o corpo de tenrura e a mirada de caramelo.
TERNO CUTERNO TERNÓN
CHEGA ESTE INVERNO
ROUCÓN.
A ilustración veu da man de "Frederick" esa gran creación de Leo Lionni, o ratiño poeta que vai facendo acopio de "extrañas" provisións para os longos e fríos días de inverno: os raios do sol, as cores das flores e as palabras coas que armar versos e poemas, provisións que nos conforman como seres creativos e nos sustentan espiritualmente.
Con todo isto e moitas cousas máis pasamos o tempo recitando e ilustrando actividades que imos mesturando con outras.
Aquí podedes ver os traballos resultantes e animo ás familias a achegarse cos nenos e nenas a biblioteca o sábado así como a mercar eses libros que vos recomendamos deste autor.
3º DE INFANTIL
LIBRO DE RAÚL
LIBRO DE BORJA
LIBRO DE ALBA
PORTADA
2º DE INFANTIL
LIBRO DE CARLOTA
PORTADA
LIBRO DE ANXO
LIBRO DE PEDRO
1º DE EDUCACIÓN INFANTIL
LIBRO DE MANUEL
O LIBRO DE JORGE
L
- APIs de Blogue
NOVA AGRESIÓN Á ESCOLA DE CUVIDE
Desolación, rabia, impotencia..., xa non atopo palabras para describir o sentimento que produce o chegar o luns á escola e atoparse con que todo o traballo de plantación que fixemos dentro do proxecto de educación medioambiental "Voz Natura" está esnaquizado por culpa duns desaprensivos; as plantas do xardin levantadas, algunhas rotas;
dúas macetas de barro colgantes e outras dúas das decoradas polos nenos e nenas, rotas
as xardiñeiras envorcadas. Unha veciña xa metera a terra e as plantas de novo nalgunha e mostraba indignación cando me contaba o que acontecera.
as canastas de baloncesto, con pintadas obscenas : "puta", "polla" con ilustracións tan interesantes como un par de penes en erección cos seus respectivos testículos dos que non vou a poñer imaxes, porque esta páxina tamén vai ser visionada polo alumnado, pero sí quero que conste este feito; un barrote dun columbio astillado onde me fixen dano ao comprobar a perigosidade que podía ter de cara aos nenos,
e a pechadura da porta obstruída cunha madeira que meteron dentro co que ao non poder entrar obrigou a determinadas familias a levar aos nenos para casa dado que tiñan que ir traballar para que máis tarde os trouxesen os avós ou avóas : hora e vinte de espera co frío que hoxe facía.
Hai uns días presentamos un escrito de denuncia ante o Concello e a Garda Civil porque baleiraran unhas xardiñeiras diante da porta colocando un preservativo no medio. A raíz dese comunicado - denuncia a concellala correspondente, aproveitando unha visita que fixemos á Biblioteca de Rianxo, púxose en contacto conmigo e comentou que había que facer algo para impedir que estas situacións continuaran. Pero eu non vexo que se faga nada pois chamei á directora para manifestar o meu desexo de que se personara a garda civil na escola. Comentoume que do Concello ían mandar un municipal pero non foi así, ninguén se presentou para tomar nota dos danos que en gran medida non son cuantificables porque como se mide a frustración!
Mentres os nenos e nenas estaban en clase de Inglés, dediqueime a plantar de novo todas as plantas no xardín e nas xardiñeiras.
Só apareceu un operario do Concello para arranxar a pechadura; parece que ao Concello únicamente lle interesa solucionar os problemas meramente funcionais : que o alumnado entre na escola e punto.
"GUIADA DA MAN DUN SOÑO A PRIMAVERA CHEGOU" (Manuel María)
A primeira hora da mañá, ás nove, a furgoneta cargada de plantas, arbustos, terra e cortiza chegou a nosa escola; non dabamos feito en colocar todo no porche para unha vez alí organizar todo o traballo; era moita a efervescencia : querían saber os nomes de tantas ducias de plantas como alí había : petunias, pensamentos, begonias, azaleas, dimorfotecas, margaridas, iberis, xeraneos, rododendros, cinerarias, surfinias, caraveis chineses, xazmíns, taxetes.....
Comezamos por plantar unha petunia, begonia ou pensamento- a elixir-, nas macetas que nos trouxeron os Reis Magos e que tan ben decoradiñas deixamos pintándoas con pincel e pinturiñas desas que secan axiña.
E entón, menos mal, chegaron dúas nais, unha avóa e unha tía, que axudáronos moito. (Tamén chegou Lorena, esa profe que sabe tanto de ordenadores, con dous señores aos que non puidemos atender porque andambamos moi liados, pero agradecémoslle que viñeran a poñernos o canón, a ver se aprendemos a traballar con el).
Logo os nenos e nenas cargaban as carretillas de terra para botar nas xardiñeiras e nas macetas colgantes para que unha vez que tiveran as plantas, decoraran os peitoriles das ventás e a fachada da escola.
Máis tarde pasamos ao deseño do xardín, pero antes rastrillaron; mesmo o feito de ter un braciño roto e escaiolado non foi obstáculo para que Anxo traballara arreo desde as nove ata as dúas cun pequeno descanso para merendar, facer un debuxo do traballo realizado e enviarlle un comentario por internet aos nenos e nenas de Cruceiro polo bonito conto que fixeron titulado "Paco Pacolo". Tamén Pedro e Raúl enviaron un comentario. Non deu tempo a que o escribiran todos os nenos e nenas; farano outro día.
As familias deseñaron o xardín colocando as plantas que os nenos levaban sen sacalas da maceta.
Os nenos miraban moi atentos para ver onde tiñan que sachar para facer os coviños.
Regaron, sacharon, cargaron carretillas con pedrolos que sacaban ao sachar, algúns incriblemente grandes; carrexaron cortiza, espallárona e contemplaron o bonito que estaba todo.
Anxo dicía : "Quen me dera poñer flores por todo o patio, está tan bonito...."
Dicía Antonio Machado "La primavera ha venido
nadie sabe como ha sido".
Na escola de Cuvide sí sabemos como chegou; chegou con esforzo, tesón, ilusión..., guiada da man dun soño do que non queremos espeertar cun mal pesadelo.
E agora unhas fotiños do grupo, dalgún momento do traballo da representación plástica e dos espacios que hoxe coidamos e seguiremos coidando.
- APIs de Blogue
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »