ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO VISÍTANOS TODOS OS DÍAS

     Como xa sabedes, estamos no mes das celebracións arredor do LIBRO. Por ese motivo o sábado 19 de abril vai estar na biblioteca de Rianxo, ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, ese gran poeta que tan ben sabe arrolar e aloumiñar as palabras para que unha tras outra, coma formiguiñas que saben ben o camiño, cheguen aos nosos oídos e aos nosos corazóns redondas, sonoras, emocionantes, facéndonos partícipes da súa propia vibración como poeta ante o que ve, percibe e atesoura para máis tarde regalarnos esa riqueza interior en versos, escaleiriñas do poema.

     Aprendemos sen darnos conta que as palabras teñen un valor que vai máis alá do meramente explicativo porque consguen emocionar.

     Fago o símil dos versos como escaleiriñas do poema porque mo suscitou Carlota e o grupo en xeral coa súa actitude na escoita dun poema unha vez conseguido o silencio que non é doado conseguir no meu grupo, pero sí imprescindible porque... "para sentir a poesía aquí dentro , temos que estar en silencio", e xa saíu un versiño utilizado como recurso en momentos posteriores.

     Cando estaba recitando pequenos "Poemas do sol e a lúa", recollidos en "Trazos, trozos e retrincos", editado pola Xunta e lamentablemente esgotado, unha vez lidas as tres primeiras estrofas introductorias que axudan a crear ese clima de escoita, reciteilles o poema que fala das andoriñas.

Ao rematar, sen dicir nada, atopeime con aqueles olliños de caramelo, iluminados, e as mans suspendidas nun amago de aplauso conxelado, como sen atreverse.

Rompín o xeo :

-Gustouche?

- Sí

-Pois aplaude

-Todos aplaudiron.

Ela, e o grupo en xeral, sentiran que as escaleiriñas remataran e chegaramos ao final do poema. Alomenos esa foi a vibración que eu sentín.

Outro día animeilles a ilustrar un poema como fixeran uns alumnos que eu tivera hai uns anos noutra escola; ilustraran un poema que falaba da lúa e García Teijeiro lles fixera unha adicatoria moi bonita. Aproveitando a ocasión de que vai estar na biblioteca de Rianxo poderían levarllo e de paso coñecer ao autor deses libros que día a día van aparecendo na nosa aula como por arte de maxia e que descubrimos ao chegar : "As catro estacións", "Trazos, trozos e retrincos", "Ventos", "Lueiro de papel", "Cantos rodados", ese libro grandísimo que ten poemas musicados e Cacarabín cacarabán. De todos eles xa temos lido algún poema.

Conscientemente provoqueinos : Mirade, este escritor ten un poema cunhas palabras rarísimas e moi divertidas, queredes escoitalo?

-Síiii

-Pois escoitade :

TRÚA DÚA TRIPE TRAPO

AS ESTACIÓNS 

SONCHE CATRO.

 A gargallada foi unánime nesta, e nas sucesivas estrofas que titulamos "As catro estacións" xa que é o poema introductorio do libro do mesmo nome.

Propúxelles ilustralo e facer un libro con cinco follas unha por cada estrofa.

Para ilustrar a primeira foron dicindo elementos caracterísiticos das catro estacións e propúxelles dividir un folio en catro partes e poñer un pequeno detalle en cada un dos cadrados  alusivo a cada unha das estacións.

Ao día seguinte tocaba ilustrar:

TERA PERA SERA LERA

ESTAMOS

NA PRIMAVERA.

Polo calendario sí pero o tempo real máis ben falaba do inverno así que houbérame gustado ofrecerlles "A primavera" de Vivaldi como motivación pero parecíame descontextualizado así que optei por pechar persianas e ver o vídeo de "Árbores e flores", de Walt Disney.

Paréceme un corto excelente tanto polos aspectos que trata como pola forma de abordalos, que a groso modo, sen entrar en detalles serían :

- o acordar da primavera, o aseo das flores e árbores, a ximnasia.

-o namoramento das árbores

-os celos, a loita, a revancha, a solidaridade

- o castigo, a solución ,a volta á calma e

- A catarse : Aplausos risas e griterío Beeen!

 TAN TARANTÁN TARANTÁN 

VÉN CANTANDO

DON VERÁN.

O verán veu suxerido por dúas imaxes potentes : o sol e o mar; ésta seguramente motivada pola visita que fixemos hai uns días ao "Museo do mar" en Rianxo onde viron barcos e lles falaron de traballos relacionados co mar.

TON TORONTÓN TORONTONO

SOPRA FELIZ

DON OUTONO

A ilustración desta estrofa veu da man da propia estrofa pero tamén da lectura do conto titulado "O señor mago e a folla", un deses libros de sabor doce que nos enchen o corpo de tenrura e a mirada de caramelo.

TERNO CUTERNO TERNÓN

CHEGA ESTE INVERNO

ROUCÓN.

A ilustración veu da man de "Frederick" esa gran creación de Leo Lionni, o ratiño poeta que vai facendo acopio de "extrañas"  provisións para os longos e fríos días  de inverno: os raios do sol, as cores das flores e as palabras coas que armar versos e poemas, provisións que nos conforman como seres creativos e nos sustentan espiritualmente.

Con todo isto e moitas cousas máis pasamos o tempo recitando e ilustrando actividades que imos mesturando con outras.

Aquí podedes ver os traballos resultantes e animo ás familias a achegarse cos nenos e nenas a biblioteca  o sábado así como a mercar eses libros que vos recomendamos deste autor.

 

3º DE INFANTIL

     LIBRO DE RAÚL

                                                                                            

   

  

                                                                                                                                                 

 

      

 LIBRO DE BORJA

         

  

     

              

 

 

LIBRO DE ALBA

PORTADA

    

   

 

2º DE INFANTIL

LIBRO DE CARLOTA

PORTADA

   

  

 

LIBRO DE ANXO

    

 

   

   

 

LIBRO DE PEDRO     

  

 

 

1º DE EDUCACIÓN INFANTIL

LIBRO DE MANUEL

  

   

 

O LIBRO DE JORGE

  

 

L