NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS
Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).
Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén nos gustan os bebés.
"DURME, MENIÑO FERMOSO
QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO
DURMETE, MEU QUERIDIÑO
PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.
DURME, LUCEIRO DA ALBA
QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.
DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.
¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!
Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.
En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.
Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos armando un poema de moita risa.
Aquí o tendes :
TRÚA DÚA TRIPE TRAPO
POLA RÚA
ANDA UN GATO.
TERA PERA SERA LERA
VAI COMENDO
UNHA PERA.
TAN TARANTÁN TARANTÁN
VAI DETRÁS
O CAPITÁN.
TON TORONTÓN TORONTONO
VAI TAMÉN
O TÍO MANOLO.
TERNO CUTERNO TERNÓN
LEVA POSTO
UN CAMISÓN (ou tamén)
UN MANDILÓN.
Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.
Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?
Pois Carlota dixo:
"EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA
O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS".
E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".
- A ver.
- Mira :
TRAS
TRES
TRIS
TROS
TRUS
AZOUTIÑAS
NOS TEUS CUS.
En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.
Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.
Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.
- APIs de Blogue
OLA AMIGOS.
OLA AMIGOS. GUSTARONNOS MOITO OS VOSOS POEMAS . ESTAMOS FEITOS UNS POETAS.Laura e todos nos. Escola do Cruceiro