GALICIA VIVA

Onte, xoves 2 de novembro, tivemos entre nós á reporteira Lucía e o cámara Fran da TVG que viñeron a gravar parte do programa GALICIA VIVA relativo ao consumo da feixoa, unha froita orixinaria do Brasil pero que se da moi ben aquí na nosa terra. 

Aquí deixámosvos unhas fotos feitas durante a gravación.

 

  

Estaremos atentos á emisión do programa!!

Non volo perdades se queredes descubrir os segredos desta froita!!

MAGOSTO E SAMAÍN 2017-2018

Celebramos o Magosto e o Samaín cunha andaiana polos montes de Dodro acompañados e guiados por Martín, entendido en temas forestais, que nos deu unha estupenda charla sobre a correcta xestión dos recursos do monte e a prevención contra incendios forestais.

 

Despois merendamos na Fonte Primeiral e os gañadores e gañadoras do certame de relatos de medo leron as súas obras e recibiron os premios......

 

..tamén houbo un profe atrevido que leu unha terrorífica historia.

Mostramos o noso sinceiro agradecemento á ANPA por aportar as castañas asadas. GRACIÑAS!!!, foi xenial!!

Aquí vos queda a GALERÍA DE FOTOS.

PERCIBIMOS O MONTE DE DODRO COS CINCO SENTIDOS

SAÍDA POLO MONTE DE DODRO

-          Percibir o monte cos cinco sentidos:

Vista: as cores do outono,… sobre todo a beleza dos ACIVROS temos moitos e están con froito.

Curiosidades: Para os celtas era unha árbore sagrada, Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, Segundo a tradición popular galega, cando un mozo quere namorar a unha moza, tiña que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres rezaba un credo de cada vez. Así, a moza á que toque con esta póla, chamada aciviño, quedará namorada del sen remedio., A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei. Lembrade que non se debe recoller por ser unha especie protexida.

Oído: os paxaros, o vento, o renxer das árbores,…

Olfato: a que nos ole o monte? Ulimos diferentes herbas, cortiza de árbores, follas, a bosta das vacas,...

Gusto: podemos probar as castañas que atopemos, os peros bravos, atoparemos outros froitos?…

 Tacto: a herba húmida, a cortiza das diferentes árbores,…

 

Falamos sobre as árbores autóctonas e alóctonas, a prevención dos incendios, as pegadas dos animais,...

 Foi un percorrido agradable coñecendo o noso monte.

E... andando, andando... chegamos a Casas do Porto, onde nos estaban agardando Josefa e Moncho para amosarnos as súas vacas:

 

 E tamén Mercedes e Diego para explicarnos curiosidades dos hórreos e amosarnos as súas cabuxas. Ata nos deron un impreso que recolle toda a información, e deixáronnos acariñar unha cabuxiña: 

  

EN DODRO TEMOS UN MONTE ESPECTACULAR. DEBEMOS COÑECELO E APRENDER A COIDALO, CONSERVALO E MANTELO LIMPO.

GALERÍA DE FOTOS

PARA AS FAMILIAS

Bo día,

  Dende a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia organizan a XIV Xornada de Nais e Pais. Educando en Igualdade: Rompendo cos estereotipos de xénero que terá lugar o sábado 4 de novembro de 2017 na EGAP, en Santiago de Compostela.

 Nos arquivos adxuntos dispoñen da información da Xornada, así como a inscripción á mesma.

  Agardando sexa do seu interese.

  Reciba un cordial saúdo.

 

 

Visita ao teatro e ao Pazo do Faramello

 

O alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO vistaron onte día 25 de outubro o Salón teatro para desfrutar da obra "Pelos na Lingua" que trata o tema dos prexuizos contra a lingua galega en clave de comedia. Tamén houbo unha parada para pasear polos espectaculares xardíns do Pazo do Faramello donde plantaron dous castiñeiros e un carballo en memoria de todas as árbores ardidas na nosa terra e visita guiada polo noso profesor de Ciencias Sociais Manuel Lamas.

No ENLACE acederedes á galería de fotos.

 

QUEIMAN A NOSA TERRA

Emprendemos novas accións relacionadas co medio ambiente, en especial co que se refire aos terribles incendios forestais que asolan o noso país ano tras ano. Pola nosa parte  a loita consiste en sensibilizar e concienciar polo que deixamos rexistro gráfico das actividades levadas a cabo sobre o tema:

Galiza non arde, quéimana

Pícanme os ollos,

e non é do fume,

é de ver a miña terra

converterse en cinza.

 

(Iván Fuentes Santos 2º de ESO)

 

MANIFESTO EN CONTRA DOS INCENDIOS FORESTAIS

Hoxe venres día 20 de outubro de 2017 quixemos mostrar a nosa repulsa lendo escritos dalgúns dos nosos alumnos e alumnas nos que se reflicten os sentimentos que afloran cando a nosa terra é atacada por irresponsables que lle prenden lume.

 

 

# Queiman Galiza

......Con respecto ao que pasou o luns, sentín incluso medo, pensar que en calquera momento alguén lle podería prender lume ao monte da miña aldea e eu verme afectado.

Nunca pensei que as persoas poderían chegar a prenderlle lume ao noso monte fose pola cauas que fose, nin que podese morrer xente.

Con esto tamén sabemos que todo o pobo galego está unido e axudámonos entre todos, e que tamén hai moita xente que manda apoio desde lonxe e desde cerca.

(Iago Abuín Pérez 3º de ESO)

Queiman a nosa terra

Malditos os que prenden lume no monte

Malditos os que queren queimar a nosa terra

Malditos os que queiman as persoas e animais

Malditos os queimadores do noso fogar

Malditos os que nos intoxican e fan dano

Malditos os que queiman e non son castigados

Malditos os que pagan e cobran por arder

Malditos os que matan sen saber

Malditos os que convirten o verde en cinza

Pedimos que se faga xustiza!

Malditos os que queiman os pulmóns do mundo

Oxalá se pudran no inferno máis profundo!

(Alumnado de 6º de primaria)

O lume

Os nenos e nenas de 1º sentímonos tristes e con medo. Os incendios destrúen as casas dos animais, o noso fogar e toda a natureza.

As persoas que fan o lume non lle queren ao mundo enteiro. Queremos que se porten ben.

Debemos coidar o noso planeta porque é a nosa vida.

(Alumnado de 1º de primaria)

Incendios

Cando saín fóra, pola noite, estaba todo cheo de fume, caía cinza e cheiraba a queimado. Tiña medo porque pensaba que ía chegar ás brañas, e amiña casa está pegada a elas.......

.....Este é un problema moi grave, están matando a vexetación e  a fauna.

Galiza destaca polo seu verde pero agora, ese verde, convertiuse en negro.

Non chove, Galiza está chorando.

(Nerea Romero Casal 3º de ESO)

.....Non encontro a gracia que lle pode facer a algunhas persoas destruir o sistio onde nós vivimos. Faime sentir que non teño fogar porque...se nós non queremos e coidamos Galiza, quen o vai facer?

(Zaida Rodríguez Rey 3º de ESO)

Estes días, co gran anticiclón, a unhas persoas déuselles por queimar o monte. Aproveitárono todo: a calor, o furacán Ofelia, que xa non había tantos gardabosques.....

.......e queimaron media galicia. É unha pena moi grande; a nosa terra, queimada.

Eu opino que foi unha tremenda loucura, un atentado contra nós e contra toda a flora e a fauna galega.

(Marta Seco Conde 3º de ESO)

Queiman Galicia

Sentín mil cousas fai dous días cando mirei pola ventá e vin as lapas quiemando medio monte. Tristeza, medo, rabia....

..........e sobre todo moita pena por todas as árbores e todos os animais que morreron por culpa duns inconscientes, tanto os que o fixeron como os que o permitiron.

(Borja Dios Vila 3º de ESO)

Galicia arde

Galicia arde

non, non arde

quéimana.

Non pensan en nada

nin en ninguén.

Animais, persoas

morren.

Galicia arde

non, non arde

quéimana.

(Xulia Tarrío Bugallo 4º de ESO)

 

 

 

 

 

 

PLANTANDO

Este ano o Proxecto de Centro leva por título "Estamos a Monte" e, como é lóxico, baséase na temática do monte. Unha das primeiras actividades realizadas foi unha plantación de landras, castañas e sementes de carballo americano e de castiñeiro de indias (estas últimas como curiosidade e para plantación ornamental). Tamén sementamos algunhas avelás.A plantación foi levada a cabo por alumnado de todos os cursos de primaria, de 1º de ESO e algúns de 4º de ESO. Outros alumnos de secundaria participaron na recolección de landras, enormes por certo, que tamén foron sementadas.

Todas estas árbores  cederanse nun futuro para repoboar zonas de monte daqueles concellos afectados polos incendios que así o precisen.

Aquí tedes unhas fotos da plantación realizada por 6º de primaria  e1º de ESO.

 

 

 

 

 

ACTIVIDADES DA BIBLIOTECA

O pasado xoves o alumnado de 1º de Primaria participou na actividade "Descubrindo a biblioteca", na que coñeceron o espazo, os libros e demais materiais, recibiron os seus carnés de lectores e escoitaron un conto relatado pola profesora Susana. Esperamos velos moito pola biblioteca disfrutando dos seus recursos!

 

Saída extraescolar de 3º e 4º de ESO

O pasado 6 de outubro, o alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu ao Festival Internacional de Cine "Curtocircuito" no Auditorio Galego de Arte Contemporáneo de Santiago. O tema deste ano foi "Olloboi en Canteiras". Tamén participaron no programa de radio "El séptimo vicio" de Radio 3.

Proximamente publicaremos fotos da actividade.

Powered by Drupal - Design by artinet