Actividades

GRADUACIÓN DE 4º DA ESO E ÚLTIMO DÍA DE CURSO.

ACTIVIDADE DE CONVIVENCIA

O venres 21 de xullo celebramos a graduación do grupo de 4º da ESO coa súa titora Susana Presas. Neste grupo a porcentaxe de titulación foi do 100%, polo que queremos parabenizar a todas e todos os graduados. Nese último día todos os grupos fixeron unha pequena celebración de despedida do curso. Agardámosvos o curso que vén. Boas vacacións!

Aquí tedes todas as fotos.

EXCURSIÓN DE 4º DA ESO. PRAGA

ACTIVIDADE DE CONVIVENCIA

Este ano decidimos ir de excursión de final de curso de 4º da ESO a Praga. Nada máis chegar, colleunos un bus no aeroporto de Praga e levounos ao hotel para deixar as maletas en cada habitación. Nada máis acabar xa nos botamos a andar para o centro, visitámolo e comemos algo por alí xa que estábamos mortos de fame, despois directos ao hotel a descansar.



O segundo día xa con máis enerxía volvemos a ir ao centro a visitar as zonas máis culturais de alí coma a torre do reloxo, e algunha que outra igrexa moi bonita, como non, tamén visitamos moitos museos pateamos moito, xa que pensábamos que ó día seguinte ía chover e queríamos ver todo o posible no sábado. Cando xa estábamos cansos e fartos de suplicarlle a Ana e a Xoán poder parar de andar deixáronnos libres un rato para descansar e cear antes de ir para o hotel.



O terceiro día, un pouco cansos xa de andar, botámonos a andar pero por sorte non andamos tanto por que a maioría dos museos e monumentos xa os víramos o día anterior, entón foi máis relaxado pero aínda así non paramos de andar. Collemos un barco e fomos polo río vendo os monumentos con un guía que nos narraba cousas moi interesantes, despois fomos visitar o muro de John Lennon, que estaba moi bonito e deixamos unha pequena marca nosa alí, como xa viramos todo o do centro estivemos moito tempo libre co cal fomos tomar algo e despois cear.  Mentras esperábamos a Ana e a Xoán encontrámonos un mimo moi gracioso e pasámolo moi ben con el, despois xa nos marchamos para o hotel, e no metro encontrámonos a un home que tiña un can que se enamorou de Alejandro e non paraba de xogar e acariñalo.




O cuarto día, collemos un bus de 1 hora para ir ver un campo de concentración con unha guía moi simpática e graciosa, que nos contou todo moi ben e como vivían os presos alí, o cal era unha locura e moi agobiante e infrahumano. Cando a nosa guía marchou e como tiñamos pouco tempo xa que tiñamos que coller outro bus, fomos correndo para ver o crematorio e a sala de autopsia, nese punto, xa estábamos todos moi cansos e as nosas pernas xa non respondían. Cando por fin estivemos de volta no centro, fomos dar un paseo tranquilos, a comprar recordos e finalmente a cear, e despois mentres esperábamos a Ana e a Xoán encontrámonos co xa coñecido mimo, reímonos moito por que se acordou de nós e foi moi gracioso.



O último día Ana deixounos baixar máis tarde a almorzar, o seguinte paso foi recoller as habitacións e esperar polo bus que nos ía levar para o aeroporto, despois de que o voo saíra con unha hora de retraso, collemos o avión e fomos para Madrid, e como chegou con retraso, perdemos o avión que tiñamos, e tivemos que vir en outro avión das 22:15 que tamén se retrasou, collémolo finalmente ás 23:00, cando chegamos a Coruña collemos o bus e viñémonos para o colexio chegando ás 2:00 .

 

Queremos agradecer a Ana e Xoán por vir connosco nesta viaxe.

Nestas ligazóns podedes ver todas as fotos da viaxe.

 

https://drive.google.com/file/d/1BMsAYBTcH8jwh7WgKPHuTpVU7WR9w7GE/view?usp=sharing

 

https://drive.google.com/drive/folders/17d9CY5v4nKDm8NPKGB7kAlg4Atwnwjt6?usp=sharing_eil_se_dm&ts=6669bade

 

 

SIMULACRO DE EVACUACIÓN

Hoxe, día 3 de xuño, realizamos un simulacro de evacuación no centro. Ao remate e unha vez no punto de encontro, os profes Ana Ledo e Xiao fixeron unha demostración de primeros auxilios a unha persoa que perde a consciencia

Excursión 31 de maio 1º e 2º ESO

 
 
 
 
Hoxe, despois de moito tempo escoitando as peticións do noso alumnado,fomos de excursión a Santiago a desfrutar das instalacións de NOVAJUMP. 
Portáronse moi ben, obedecendo en todo momento aos monitores e monitoras que ata nos felicitaron por elo. Así dá gusto saír con eles!
Demos un pequeno paseo por Área Central para repoñer forzas antes de voltar ao centro "
 
 
 
 
 

Excursión de sexto

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 6º EP (CURSO 2023-2024)

Durante os pasados días 6, 7 e 8 de maio o alumnado de 6º de Educación Primaria xunto co alumnado de 6º do CEIP Pumar Urdilde de  Rois desfrutamos dunha excursión de fin de etapa conxunta en terras do Eume. 

Todo comezaba en Alvarella Ecoturismo https://www.alvarella.com, situado no concello de Vilarmaior, moi preto de Pontedeume, onde nos aloxamos. Alí tamén realizamos parte das actividades e xogos durante eses tres intensos días.

LUNS 6 DE MAIO DE 2024

Oluns 6 comezou cunha viaxe en autobús ata Alvarella, cunha parada en Urdilde para recoller ós nosos compañeiros/as de viaxe. Nada máis chegar, collimos as bolsas do xantar e emprendimos o camiño ata as Fragas do Eume. Alí puidemos coñecer parte dos tesouros escondidos neste Parque Natural galego. Realizamos parte do percorrido polas rutas do “Camiño da Ventureira” e dos “Camiños dos Encomendeiros”. Descubrimos a antiga central hidroeléctrica da Ventureira, a central hidroeléctrica do Parrote, onde paramos para xantar e atopamos un pequeno estanque con tritóns. 

Cos estómagos cheos continuamos a ruta polas Fragas e chegamos ás ruínas do Muiño Sesín e o Mosteiro de Caaveiro. 

Despois dunhas horas camiñando, regresamos ao autobús para dirixirnos á vila de Pontedeume. Nela realizamos un xogo de preguntas por equipos que tivemos que respostar grazas á axuda dos eumeses/as que iamos atopando pola rúa. Ademais, tamén aproveitamos para facer as compras dos recordos e algunha que outra lambonada nas tendas locais. 

Algo cansos logo desta xornada intensa, regresamos a Alvarella. Trala organización e distribución das habitacións e dun chisco de tempo libre dirixímonos ó comedor para gozar da cea. Finalmente rematamos a xornada cunha velada, composta de actividades de presentación e o xogo de “Atrapa a bandeira”. 

MARTES 7 DE MAIO DE 2024

Comezamos a xornada almorzando todos xuntos/as no comedor e cun pouco de tempo libre antes das actividades dirixidas. Algunhas persoas aproveitaron para xogar no parque ou ao fútbol e outras adicaron o tempo a construír cabanas con troncos e follas que atopaban polo bosque. 

Nesta ocasión, a primeira actividade foi un obradoiro de estampación de camisetas. Para realizalo tivemos que recoller previamente diversidade de follas polo bosque e logo pintalas.  Saíron deseños moi orixinais!

Ademais, antes do xantar realizamos un xogo de orientación polo bosque de Alvarella e pola tarde unha actividade de orienta-aventura polos seus arredores. Durante a actividade da tarde tivemos que atopar unhas pistas, que se atopaban moi ben agochadas, grazas á axuda dun mapa. Cada unha desas pistas permitíanos afrontar  a unha serie de probas e retos cos que iamos sumando puntos para o equipo. 

Unha vez rematada a actividade regresamos a Alvarella. Coma sempre tivemos un chisco de tempo libre e outro para organizar habitacións, maletas e a xestión das duchas en cada unha das habitacións. Nesta ocasión despois da cea xogamos ó escondite ó revés e sardiñas en lata. 

MÉRCORES 8 DE MAIO DE 2024

Chegou o último día, a verdade é que pasou voando! Nesta ocasión deixamos as habitacións ben recollidas e os sacos gardados e almorzamos xuntos/as no comedor. Despois, subimos ao bus para dirixirnos á vila de Pontedeume a gozar dunha mañá de piragüismo polo río Eume.  Organizámonos en parellas e baixamos ó río, alí fixemos diversos xogos e carreiras e chegamos ata a praia de Cabanas. Foi unha mañá intensa de remo! Despois, preparámonos de novo para coller o autobús e regresar a Alvarella onde tiñamos o xantar antes de emprender a viaxe de regreso ós colexios de orixe. Nesta ocasión deixamos ó alumnado de Urdilde no seu colexio e continuamos ata Dodro. 

 Aquí podedes ver todas as fotos.  

https://drive.google.com/drive/folders/18t2-W6P-P5f34yjkZJQ7KmEWpqT90bIj?usp=sharing

 

Proxecto de Pedagoxía

As alumnas de 3o de Pedagoxía da USC tivemos o pracer de colaborar co CPI Eusebio Lourenzo Baleirón para desenvolver un proxecto educativo elaborado por nós mesmas dende a materia de Técnicas de Educación e Formación en Grupo, enfocado ao grupo de 4o da ESO. A temática na que se basea dito proxecto é “A fin da etapa ou fin do ciclo”, pois é alumnado que logo de moitos anos compartindo clase deben tomar rumbos diferentes.

Primeiramente acudimos o día 26 de abril para facer unha análise de necesidades. Realizámoslle unha enquisa á titora do curso (Susana) e ao xefe de estudos (Xiao). Ademais, o alumnado respostou un cuestionario de forma anónima e unhas

preguntas para un sociograma. Log o de tratar os datos obtidos en profundidade deseñamos a técnica máis idónea para o grupo e acudimos o venres seguinte para a súa implementación (3 de maio). Neste día leváronse a cabo tres dinámicas. A primeira delas consistía en pegar un folio nas costas e que cada compañeiro/a lle escribise algo positivo a todas as persoas da aula. Posteriormente, cada quen sacaría o folio da espalda e podería ler detidamente o que cada compañeiro/a lles puxo e compartir sensacións sobre a dinámica. Logo, colocáronse doce cadeiras en círculo que actuarían como mesa. Os estudantes sentáronse no chan diante de cadansúa cadeira co seu respectivo folio enriba. Con isto, cada un tería 15 segundos para comezar un debuxo que iría rotando ao compañeiro/a da dereita ata pasar por toda a clase, de tal xeito que cada persoa tivsese o debuxo que el/ela comezou e que foi rematado polo resto de compañeiros/as. 

Finalmente, tras a realización desta dinámica tivo lugar un fondo debate sobre diversas cuestións tales como: o conflito e os seus condicionantes, as emocións, as diferentes perspectivas e roles dentro do grupo, etc. 

Pola nosa banda comentar que estamos profundamente satisfeitas cos resultados. O alumnado atopouse moi colaborativo e fixo aportes moi interesantes que evitaron o estancamento ou aburrimento. Especialmente para nós era moi importante que eles

tivesen voz, pois sabemos que Susana conversa moito con eles/as e era un aspecto que non queriamos perder. En sensacións xerais, semella que o alumnado quedou contento tras a realización da nosa proposta e que non lles disgustou malia eles mesmos comentar que “é raro falar así tan abertamente en grupo”.

Aquí podedes ver todas as fotos da actividade.

Visita a Lousame

O alumnado da materia Proxecto Competencial de 1º, 2º e 3º de ESO, seguindo o proxecto de centro QUE ANIMALADA, realizou unha visita programada ao museo da mina de San Fins e ás ruínas das papeleiras de Fontán e Brandia no concello de Lousame. Alí, nas dependencias da sala de compresores e talleres escoitaron parte da historia da extracción de estaño e wolframio da mina. Xunto ao paraxe natural entre ríos e montes foron pola senda da primeira e máis antiga empresa papeleira galega.

 
 
Aquí podedes ver todas as fotos
 

Saída primeiro e segundo de ESO

O día 12 de marzo o alumnado de 2º e 1º de ESO estiveron en Compostela. Parte dos alumnos foron ver o MUSEO DE HISTORIA NATURAL coa profesora de Bioloxía, e outros asistiron á representación teatral de LE MALADE IMAGINAIRE de Molière. Despois da actividade deron un pequeno paseo por Santiago de Compostela.

 

Saída a Santiago de Compostela

 

O martes día 12 de marzo, o alumnado de 2º e 1º de ESO estiveron en Compostela facendo unha saída didáctica. Uns foron ver o MUSEO DE HISTORIA NATURAL para a materia de Bioloxía na que o alumnado tivo que realizar unha "gincana" biolóxica polas instalacións do museo.  O alumnado de francés asistiu á representación teatral de LE MALADE IMAGINAIRE de Molière, organizada polo departamento de Francés.

Despois das actividades demos un pequeno paseo por Santiago de Compostela.

Aquí tedes todas as fotos. 

 

8 de marzo. Día da muller traballadora

Este 8 de marzo foi ben chulo no Eusebio. Tivemos a sorte de contar coa visita de dúas mulleres traballadoras, profesionais vinculadas ao mundo animal do noso Proxecto Interdisciplinar, aínda que en facetas moi diferentes, á vez que complementarias e necesarias. Mar, gandeira, e Ana, inspectora veterinaria, amosáronnos, de maneira ben didáctica e ilustrativa, xenerosa, o seu día a día nos seus respectivos oficios.

 

Aquí tedes a ligazón ao Facebook con todas as fotos

Powered by Drupal - Design by artinet