SAÚDE BUCODENTAL

O venres 13 de decembro  Vanessa e Eva, traballadoras da clínica dental Mares en Taragoña, viñeron ao cole para explicar ao alumnado de 1º e 2º  de Primaria como se realiza unha boa hixiene bucodental. Ademáis diso faláronnos sobre as partes do dente e contáronnos moitas curiosidades relacionadas coa boca, por exemplo: o peixe gato ten 9280 dentes, o tiburón balea ten máis de 4500, canto traballiño para o ratiño Pérez!

Sabías que o mosquito tamén ten dentes?

 

 

Para facer a práctica agasalláronnos cun estoxo cos útiles de aseo diario.

Moitísimas grazas á clínica dental Mares por este labor de difusión da hixiene e a saúde. 

VISITA DO CRA

O luns, 2 de novembro, as nenas e nenos do C.R.A., xunto as súas mestras, visitaron a nosa biblioteca e fixeron varias actividades. Esperamos que o pasaran estupendamente e queden con ganas de volver.



 

VIDA ACTIVA

Ao longo destas dúas semanas sacamos tempo para saír a correr por fóra, cada quen ao seu ritmo, uns andando e outro correndo. Aquí nos vedes preparados para o inicio.

 

E aquí unha captura do percorrido realizado

  

 

Grazas a todo o alumnado e profesorado de Primaria por estas xornadas deportivas.

6º DE PRIMARIA EN IGUALDADE

 

O alumnado de 6º de primaria realizou un estupendo traballo para conmemorar o 25 N e lembrar a necesidade de loitar contra a violencia de xénero. Aquí queda unha mostra...

TÍRALLE DA LINGUA

O xoves 28 de novembro, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia celebrouse o XVIII certame de relato oral "TÍRALLE DA LINGUA". E quen actuou? Pois as mozas e mozos de 3°ESO, que nos contaron unha historia orixinal, pseudo-auto-biográfica e tráxico-cómica a un tempo, titulada "BIG BANG". Porque se o marabilloso mundo que habitamos naceu do caos e dunha colosal explosión, por que non había ser a caótica clase de 3°ESO a mellor clase do mundo? Historia sensacional, chea de humor do bo e con banda sonora e todo, que nos demostrou que este grupo é un gran grupo que sabe TRABALLAR EN EQUIPO. GHAAAAAS! 
PARABÉNS!

25 DE NOVEMBRO

CANDO UNHA MULLER MORRE VÍTIMA DA VIOLENCIA MACHISTA, COMO SOCIEDADE MORREMOS TO@S.
 
Esta foi a mensaxe e a reflexión que o alumnado e o profesorado de Secundaria quixo trasladar para conmemorar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero. Unha reflexión que tentamos plasmar nun proceso creativo: a construción dunha silueta de muller conformada coas nosas imaxes. Porque no momento en que unha muller é asasinada fracasamos como sociedade e un pouco de nós morre canda ela.
 
 
No Eusebio Lorenzo Baleirón condenamos a violencia e volvemos abrir a porta violeta da Igualdade, que atravesaron tanto o alumnado como o profesorado novos, xunto con algúns /has representantes do Concello; e lemos poemas escritos polo alumnado de 2° ESO sobre o que é vivir "Nunha casa en Igualdade"; e escoitamos as reflexións dos pequechos e pequechas de Primaria sobre a Igualdade que nos deixaron, para que as teñamos ben presentes, colgadiñas no tendal violeta de Rosalía. Tamén escoitamos a Declaración institucional do Concello e todo isto na compaña dos anciáns e anciás do Centro de Día e mais da veciñanza que por aquí se achegou.


 
O 25 de novembro estivemos todos e todas. Agora toca seguirmos TRABALLANDO cada xornada, clase a clase, proxecto a proxecto, TODOS OS DÍAS.

12 NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

Hoxe 12 de novembro día mundial contra a obesidade, tivemos connosco a Óscar e a Jose, director e técnico deportivo da piscina municipal de Rianxo. O alumnado de ESO, 5º e 6º de Primaria asistiu a unha interesante charla sobre hábitos de vida saudables e aspectos como: diferencias entre nutrición e alimentación, concepto de dieta, pautas de alimentación segundo as actividades a desenvolver,  a necesidade de hidratarse, a relación entre nutrición e actividade física, ... conceptos que xa nos soan das clases de CCNN e de E. Física pero que sempre convén lembrar. Tamén nos adiantaron que para a semana que vén levaremos á práctica un circuito saudable diario. Xa nos está tardando!

Mágoa que as dificultades técnicas nos impediran visualizar a presentación que traían preparada, pero o bo facer destes compañeiros deron como resultado unha charla amena e produtiva.

 

A continuación, todo o alumnado do CPI participou nunha actividade organizada polos mesmos monitores dentro do programa MOVE-T:HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES. Os maiores fixemos un circuito que nos fixo reflexionar sobre os contidos da charla e os máis pequenos participamos nunha sesión de movemento con música dirixidos por Carmen.

Velaquí nos tendes en distintos momentos da xornada.

 

 

Agradecemos á piscina municipal de Rianxo a  oferta desta actividade. Estaremos pendentes de novas propostas!

SAÍDA DIDÁCTICA DE 3º E 4º DE PRIMARIA

 

Onte o alumnado de 3 e 4 de Primaria asistimos  Auditorio de Abanca en Santiago a ver GAIA.  Un espectáculo onde a voz e a danza nos achegaron ós coñecementos do medio ambiente dende unha óptica imaxinativa.


DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

O vindeiro martes 12 de novembro lembraremos o día mundial contra a obesidade, unha lacra dos nosos tempos. Por este motivo imos organizar unha actividade saudable en colaboración coa piscina municipal de Rianxo. Lembrade traer roupa e calzado deportivos.

Déixovos un enlace informativo. Tomade nota dos consellos. 

 

UXÍO ABUIN. CONSTANCIA, ESFORZO E SACRIFICIO

Hoxe gozamos coa presenza no noso cole dun dos deportistas máis recoñecidos do noso Concello: o triatleta Uxío Abuin, que ademáis de contarnos a súa traxectoria  e as súas experiencias por todo o mundo falounos tamén dos beneficios da práctica deportiva e animounos a correr, nadar e andar en bici TODOS OS DÍAS!

 

 

Deixámosvos o enlace á súa web onde podedes ver o  palmarés, fotos, videos,... do noso atleta internacional, que leva a Dodro por todo o mundo.

Moitas grazas, Uxío, por acompañarnos e animarnos a practicar deporte.

Powered by Drupal - Design by artinet