Celebracións
ARCO DA VELLA
ARCO DA VELLA
AMOSATE EN PAZO
QUE OS NENOS E NENAS
DARANCHE UN ABRAZO
- APIs de Blogue
LETRAS GALEGAS : ILUSTRACIÓNS DE "POLO LARANXAL..."
POUCO A POUCO IRÁ APARECENDO O TRABALLO DE ILUSTRACIÓN DO POEMA "POLO LARANXAL..." DOS NENOS E NENAS DA ESCOLA DE CUVIDE
ALBA
BORJA
RAÚL
ANXO
PEDRO
CARLOTA
MANUEL
- APIs de Blogue
DÍA É DAS LETRAS GALEGAS : XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ : "POLO LARANXAL..."
Hoxe xogamos cun poema de Xosé María Álvarez Blázquez recollido nos libros "ROSEIRA DO TEU MENCER", da editorial Xerais, e "O QUE BEN CHE QUER", da editorial OQO, ámbolos dous adicados a súa primeira filla de alcume, "Colorín"
POLO LARANXAL
TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR.
UNHA, DÚAS, TRES,
DE PRÉSA QUE VOAN, VENSE E NON SE VEN.
POLO LARANXAL
TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR.
UNHA, DÚAS, TRES,
DE TANTO QUE CHUCHAN, BORRACHAS DE MEL.
CAÍDAS NO CHAN,
TRES AVELAÍÑAS POLO LARANXAL!
Fixemoso unha pequena dramatización, un xogo de roda e máis tarde comezamos a ilustrar o poema.
POLO LARANXAL TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR
TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR
BORRACHAS DE MEL, CAÍDAS NOS CHAN
Tamén sabemos polos poemas do seu pai que Colorín tiña moitos medos : a algúns animais, ao vento...., e hoxe Jorge contounos unhas historias do "GALO PEDRÉS", que é un galo tremendo, así que entre todos e todas, xogando cos medos e con este personaxe fixemos un poema que xa volo escribiremos no libro web titulado "O GATO CEGATO"; ademáis precisamos unha foto do galo así que mañá dareivos a máquina de fotos e a ver se lle podedes facer unhas fotiños ben xeitosas para acompañar ao poema.
- APIs de Blogue
CARREIRA POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS : AS MEDALLAS
O día 16 de maio imos participar todas as escolas do C.R.A. nunha carreira na que imos gañar todos e todas porque "MOVÉMONOS POLO DEPORTE E A CULTURA"animando co noso esforzo aos escritores e escritoras para que sigan escribindo na nosa lingua libros de contos e de poesías tan bonitos como os que temos nas nosas escolas.
As medallas facémolas nós; logo xúntanse todas e a ver cal nos toca a cada quen. Abofé que todas serán preciosas. l
Na nosa escola o motivo que elixiron para decoralas foi "COLORÍN", a filla de Xosé María Álvarez Blázquez despois de escoitar esa deliciosa introducción que fai o seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo no bonito libro titulado "O QUE BEN CHE QUER" da editorial OQO, e fermosamente ilustrado pola súa irmá Berta, que é pintora . Chamáronlle Colorín por ter o caboelo loiro, os ollos azuis e as fazulas vermellas e ademáis chegou a cabalo dun airiño soave.
Velaí as nosas medallas :
- APIs de Blogue
OS MAIOS
Colocar ramos o primeiro de maio nas portas das casas, cortes, carros e agora coches, ven de moi antigo ( segundo nos contan foi xa prohibido no Concilio de Braga no ano 570 ).
Un ano máis moitas familias de Rianxo manteñen esta antiga tradición de poñer os maios nas súas casas, nos seus coches e tamén nas escolas dos seus fillos.
Grazas por manter vivo este tesouro da nosa cultura e ... de hoxe nun ano!!
SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN 2
Entre as actividades que estamos levando a cabo apoiando a Semana de Acción Mundial pola Educación onte limos o conto titulado "O HOMIÑO DE PAPEL", de Fernando Alonso; un boneco que unha nena aburrida de xogar cos xoguetes decide facer con papel de xornal. O boneco quere facela feliz a ela e aos seus amigos pero cando deixan de xogar e se poñen a falar el só sabe contar historias de guerras, catástrofes e miserias e os nenos e nenas póñense moi tristes; decide lavarse pero entón non ten nada que ofrecer así que adentrándose no campo vai empapándose de colores, sonidos e palabras novas e solidarias facendo felices aos nenos así que todas as mañás moi temprano decide regar os xornais con toda aquela alegría. É un pequeno poema á fermosura e aos valores que non aparecen nos titulares de prensa.
Para ilustrar o contido do conto e para que observaran distintas condicións de vida nos distintos lugares da terra levei recortes de prensa e un libro "Pueblos de la Tierra", onde observamos as duras condicións de vida da extracción e transporte de sal nas impresionantes salinas de Manaure na fronteira de Colombia e Venezuela.
As salinas impactáronlles tanto que lles propuxen que trouxeran sal e faríamos unha. Hoxe Carlota trouxo sal. Mellor tería sido pedirlles auga de mar para que fora máis real; outro día lla pedirei.
Tamén vimos unha vivenda construida nun claro da selava ecuatoriana e observamos o contraste entre as casas das barriadas de Lima, onde a xente non ten traballo e as casas da xente rica, facéndolles pensar se aquilo lles parecía xusto.
Vimos tamén nenos traballando, no mercado, vendendo froita, ou no campo cun arado de tracción humana que non sabían o que era. Anxo dixo que agora se fai co tractor cando eu lles expliquei que era para facer sucos na terra e plantar millo.
Por último vimos unhas fotos dunhas vivendas pobremente construídas dos mineiros en Bolivia, o seu duro e perigoso traballo e o boneco disfrazado de demo que colocan na entrada da mina como protección.
Ao final todos e todas fixeron un boneco en papel de xornal e algúns tamén en folios ; hainos brancos, marróns e negros; témolos esperando para entrar nesa gran escola que temos pensado facer.
FIXEMOS A SALINA
- APIs de Blogue
SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN
Hoxe sumámonos a outras escolas en pedir que todos os nenos e nenas do mundo teñan unha escola de calidade, na que haxa, como dixeron eles, plantas, libros de contos, xoguetes, puzzles...., onde aprendamos a xogar, a debuxar, a falar en baixo, a non pelexar....
A través dun conto suramericano moi bonito titulado "O PEIXE QUE NON QUERÍA IR A ESCOLA" démonos conta do importante que que é ir e aprender a ler porque fixádevos, nese conto había un peixe chamado TRIS que en lugar de ir ao cole andaba a pasear por todo canto recuncho do río había, e un burro xa velliño, chamado ORELLAS, que como non podía traballar dedicábase a pescar dende unha vella ponte. Pescaba e pescaba e os peixes moi preocupado decidiron poñer un cartel no que dicía :
ATENCIÓN !
AQUÍ PESCA ORRELLAS!
NON COMADES NINGÚN VERME !
O burro Orellas non entendía porqué agora xa non pescaba nada, e é que os peixiños sabían ler e non comían o verme do anzó, pero TRIS, a piques estivo de ser pescado porque non sabía que querían dicir aquelas letras e menos mal que cando ía comer o verme do anzó a vella ponte esnaquizouse e ORELLAS foi parar ao río e comprendeu a razón de porqué non pescaba, porque ainda que burro, no seu tempo fora á escola e aprendera a ler.
Non pensedes que afogou : os peixiños decidiron axudalo e propuxéronlle que para non aburrirse fora visitalos todos os días e intercambiaríanse historias da terra e do río.
O conto gustounos moito e aquí tendes as fotos dos debuxiños que fixemos e do mural do peixe que non quería ir a escola.
Aquí vemos a Borja facendo o debuxo do mural do conto e logo aos nenos e nenas colorando e pegando os peixes o cartel de aviso e as palabras do título do conto
Logo saímos co mural a facernos unha foto diante do xardín e diante da fachada
Agora xa o temos nun dos taboleiros de entrada para lembrarnos do impportante que é ir á escola e aprender entre outras cousas a ler.
- APIs de Blogue
NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS
Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).
Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén nos gustan os bebés.
"DURME, MENIÑO FERMOSO
QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO
DURMETE, MEU QUERIDIÑO
PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.
DURME, LUCEIRO DA ALBA
QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.
DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.
¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!
Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.
En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.
Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos armando un poema de moita risa.
Aquí o tendes :
TRÚA DÚA TRIPE TRAPO
POLA RÚA
ANDA UN GATO.
TERA PERA SERA LERA
VAI COMENDO
UNHA PERA.
TAN TARANTÁN TARANTÁN
VAI DETRÁS
O CAPITÁN.
TON TORONTÓN TORONTONO
VAI TAMÉN
O TÍO MANOLO.
TERNO CUTERNO TERNÓN
LEVA POSTO
UN CAMISÓN (ou tamén)
UN MANDILÓN.
Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.
Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?
Pois Carlota dixo:
"EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA
O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS".
E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".
- A ver.
- Mira :
TRAS
TRES
TRIS
TROS
TRUS
AZOUTIÑAS
NOS TEUS CUS.
En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.
Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.
Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO VISÍTANOS TODOS OS DÍAS
Como xa sabedes, estamos no mes das celebracións arredor do LIBRO. Por ese motivo o sábado 19 de abril vai estar na biblioteca de Rianxo, ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, ese gran poeta que tan ben sabe arrolar e aloumiñar as palabras para que unha tras outra, coma formiguiñas que saben ben o camiño, cheguen aos nosos oídos e aos nosos corazóns redondas, sonoras, emocionantes, facéndonos partícipes da súa propia vibración como poeta ante o que ve, percibe e atesoura para máis tarde regalarnos esa riqueza interior en versos, escaleiriñas do poema.
Aprendemos sen darnos conta que as palabras teñen un valor que vai máis alá do meramente explicativo porque consguen emocionar.
Fago o símil dos versos como escaleiriñas do poema porque mo suscitou Carlota e o grupo en xeral coa súa actitude na escoita dun poema unha vez conseguido o silencio que non é doado conseguir no meu grupo, pero sí imprescindible porque... "para sentir a poesía aquí dentro , temos que estar en silencio", e xa saíu un versiño utilizado como recurso en momentos posteriores.
Cando estaba recitando pequenos "Poemas do sol e a lúa", recollidos en "Trazos, trozos e retrincos", editado pola Xunta e lamentablemente esgotado, unha vez lidas as tres primeiras estrofas introductorias que axudan a crear ese clima de escoita, reciteilles o poema que fala das andoriñas.
Ao rematar, sen dicir nada, atopeime con aqueles olliños de caramelo, iluminados, e as mans suspendidas nun amago de aplauso conxelado, como sen atreverse.
Rompín o xeo :
-Gustouche?
- Sí
-Pois aplaude
-Todos aplaudiron.
Ela, e o grupo en xeral, sentiran que as escaleiriñas remataran e chegaramos ao final do poema. Alomenos esa foi a vibración que eu sentín.
Outro día animeilles a ilustrar un poema como fixeran uns alumnos que eu tivera hai uns anos noutra escola; ilustraran un poema que falaba da lúa e García Teijeiro lles fixera unha adicatoria moi bonita. Aproveitando a ocasión de que vai estar na biblioteca de Rianxo poderían levarllo e de paso coñecer ao autor deses libros que día a día van aparecendo na nosa aula como por arte de maxia e que descubrimos ao chegar : "As catro estacións", "Trazos, trozos e retrincos", "Ventos", "Lueiro de papel", "Cantos rodados", ese libro grandísimo que ten poemas musicados e Cacarabín cacarabán. De todos eles xa temos lido algún poema.
Conscientemente provoqueinos : Mirade, este escritor ten un poema cunhas palabras rarísimas e moi divertidas, queredes escoitalo?
-Síiii
-Pois escoitade :
TRÚA DÚA TRIPE TRAPO
AS ESTACIÓNS
SONCHE CATRO.
A gargallada foi unánime nesta, e nas sucesivas estrofas que titulamos "As catro estacións" xa que é o poema introductorio do libro do mesmo nome.
Propúxelles ilustralo e facer un libro con cinco follas unha por cada estrofa.
Para ilustrar a primeira foron dicindo elementos caracterísiticos das catro estacións e propúxelles dividir un folio en catro partes e poñer un pequeno detalle en cada un dos cadrados alusivo a cada unha das estacións.
Ao día seguinte tocaba ilustrar:
TERA PERA SERA LERA
ESTAMOS
NA PRIMAVERA.
Polo calendario sí pero o tempo real máis ben falaba do inverno así que houbérame gustado ofrecerlles "A primavera" de Vivaldi como motivación pero parecíame descontextualizado así que optei por pechar persianas e ver o vídeo de "Árbores e flores", de Walt Disney.
Paréceme un corto excelente tanto polos aspectos que trata como pola forma de abordalos, que a groso modo, sen entrar en detalles serían :
- o acordar da primavera, o aseo das flores e árbores, a ximnasia.
-o namoramento das árbores
-os celos, a loita, a revancha, a solidaridade
- o castigo, a solución ,a volta á calma e
- A catarse : Aplausos risas e griterío Beeen!
TAN TARANTÁN TARANTÁN
VÉN CANTANDO
DON VERÁN.
O verán veu suxerido por dúas imaxes potentes : o sol e o mar; ésta seguramente motivada pola visita que fixemos hai uns días ao "Museo do mar" en Rianxo onde viron barcos e lles falaron de traballos relacionados co mar.
TON TORONTÓN TORONTONO
SOPRA FELIZ
DON OUTONO
A ilustración desta estrofa veu da man da propia estrofa pero tamén da lectura do conto titulado "O señor mago e a folla", un deses libros de sabor doce que nos enchen o corpo de tenrura e a mirada de caramelo.
TERNO CUTERNO TERNÓN
CHEGA ESTE INVERNO
ROUCÓN.
A ilustración veu da man de "Frederick" esa gran creación de Leo Lionni, o ratiño poeta que vai facendo acopio de "extrañas" provisións para os longos e fríos días de inverno: os raios do sol, as cores das flores e as palabras coas que armar versos e poemas, provisións que nos conforman como seres creativos e nos sustentan espiritualmente.
Con todo isto e moitas cousas máis pasamos o tempo recitando e ilustrando actividades que imos mesturando con outras.
Aquí podedes ver os traballos resultantes e animo ás familias a achegarse cos nenos e nenas a biblioteca o sábado así como a mercar eses libros que vos recomendamos deste autor.
3º DE INFANTIL
LIBRO DE RAÚL
LIBRO DE BORJA
LIBRO DE ALBA
PORTADA
2º DE INFANTIL
LIBRO DE CARLOTA
PORTADA
LIBRO DE ANXO
LIBRO DE PEDRO
1º DE EDUCACIÓN INFANTIL
LIBRO DE MANUEL
O LIBRO DE JORGE
L
- APIs de Blogue
INVASIÓN DE RATOS EN HAMELÍN
O ALCALDE DA FAMOSA CIDADE DE HAMELÍN APROVEITA MENTRES NON CHEGA O "ENCANTADOR " FLAUTISTA PARA FACERSE AMIGO DUNS SIMPÁTICOS RATIÑOS QUE INVADIRON A SÚA CASA.
ÚLTIMAS NOTICIAS: ESCOITANSE XA ÁS AFORAS DA VILA OS SONS DUNHA FLAUTA. PARECE QUE SE ACERCA O FLAUTISTA SEGUIDO POR UN NÚMERO INDETERMINADO DE RATOS. SEGUIREMOS INFORMANDO
- APIs de Blogue
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- seguinte ›
- última »