2019-2020

Organizador curso

Instruccións provisionais da Consellería de Educación 17 de Abril 2020

Orientacións provisionais do 17 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020
O pasado mércores, día 15 de abril, en reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o Ministerio de Educación e Formación Profesional achegou ás Comunidades Autónomas un documento base para a publicación dunha norma que regule as directrices para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020 e o inicio do curso 2020-2021.
Ata o momento de publicar o presente documento, o Ministerio de Educación non ten aínda publicada norma algunha, tal como se lle ten requirido desde a Comunidade Autónoma de Galicia, que permita aplicar, con seguridade xurídica, a toma de decisións no actual contexto, en relación con aspectos regulados en normativa básica, tales como os criterios de promoción e titulación do alumnado.
A situación sanitaria continúa obrigando ao mantemento do estado de alarma e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente da necesidade de xerar seguridade na comunidade educativa, traballa para que o dereito á educación, baseado nos principios de equidade e igualdade de oportunidades, siga vixente.
A Consellería de Educación tentará, sempre que a situación sanitaria o permita, que o noso alumnado poida volver ás aulas antes de que o curso 2019-20 se dea por rematado. Uns días que lles dean a oportunidade de volver a atoparse cos seus compañeiros e os seus docentes e recoñecer o labor destes na súa aprendizaxe.
Namentres, cada un desde as nosas responsabilidades, con lealdade e de forma coordinada, seguiremos traballando para saír xuntos desta pandemia, sen deixar a ninguén atrás.
En tanto non se publique a correspondente norma é oportuno adiantar como avance estas orientacións para os centros educativos para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020.

1. Principio fundamental
Todos os responsables das tarefas educativas, sexan docentes, equipos directivos ou membros das Administracións, extremarán o seu coidado para apoiar aos estudantes e ás súas familias, aos docentes e a todos os membros da comunidade educativa, así como para facer posible o desenvolvemento das súas tarefas respectivas en condicións que promovan o seu benestar. En consecuencia, todas as decisións da Administración educativa estarán suxeitas ás recomendacións sanitarias e velarán pola adopción das medidas recomendadas polos responsables de dita área.


2. Continuidade do calendario escolar
Durante o terceiro trimestre os centros docentes continuarán coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que permitan aos alumnos e alumnas manterse incorporados á aprendizaxe continua e suscitar o seu interese por aprender, de modo non presencial ou, de ser o caso, presencial, en función das recomendacións que diten as autoridades sanitarias. Ditas actividades estarán adaptadas á idade e características do alumnado, así como á situación excepcional que están a vivir.
As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020, sempre condicionadas polo situación sanitaria, non se estenderán más alá das datas establecidas na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, excepción feita dalgúns procesos singulares, como a celebración das probas da ABAU ou as de acceso ás diferentes ensinanzas.

3. Adaptación da actividade
As actividades lectivas que se desenvolvan durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020 deberán combinar de maneira integrada as actividades a distancia e as presenciais que puideran levarse a cabo, segundo evolucione a situación sanitaria. A tal efecto, os centros educativos:
Prestarán especial atención a identificar ao alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Os centros darán traslado de ditos plans específicos á inspección educativa .
Farán un especial esforzo para identificar ao alumnado que carece de medios de conexión dixital e, en virtude da súa autonomía organizativa e de xestión, arbitrarán as medidas necesarias e facilitarán o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado.
Intensificarán a posta a disposición do alumnado dos recursos tecnolóxicos e doutro tipo que necesiten para o desenvolvemento das súas actividades, e desenvolverán formación e ferramentas adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial.
Coa finalidade de axudar ao alumnado a organizar as súas actividades escolares, autorregular a súa aprendizaxe e manter un bo estado emocional, os centros educativos adaptarán o modelo de titorías á nova situación, e organizarán accións de orientación académica e profesional cos medios dispoñibles, especialmente para o alumnado de 4º de ESO, 2º de FP Básica, 2º de Bacharelato e 2º de FP de grado medio.
Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado. Porase, asemade, especial coidado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Os Departamentos de Orientación continuarán co desenvolvemento das actuacións, medidas e programas para a atención á diversidade establecidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade do seu centro, adaptandoas á situación de confinamento de alumnado e profesorado, e asesorando aos diferentes membros da comunidade educativa, preferentemente, para o coidado do seu benestar emocional.

4. Currículo e programacións didácticas
Os centros e o profesorado revisarán as programacións didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área, materia ou módulo, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas.
Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Na medida do posible deseñarán actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes das distintas áreas e materias nas etapas, ciclos ou ensinanzas en que sexa posible.
Os currículos, programacións e actividades que se desenvolvan durante o terceiro trimestre nos cursos que conducen a unha titulación final de etapa terán especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar en todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.
Os centros educativos reforzarán a imprescindible coordinación do profesorado á hora de adaptar as programacións, as actividades e os criterios de avaliación, co fin de evitar problemas como a sobrecarga de tarefas, a falta de acompañamento docente ou a desigualdade do apoio aos estudantes que lles poden prestar a súas familias.

5. Avaliación
Os centros e o profesorado adaptarán o sistema de avaliación do alumnado, co obxectivo prioritario de que os alumnos e as alumnas non perdan o curso e poidan continuar avanzando na súa formación, tendo en conta de maneira especial a situación do alumnado máis vulnerable.
A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, para valorar os avances realizados e os atrasos que se teñan podido producir, con obxecto de planificar as medidas de recuperación que sexan necesarias e programar o vindeiro curso.
A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.
Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes.

6. Apoio aos centros educativos
Os centros contarán cos recursos formativos e medios de apoio que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon a súa disposición para permitir que o profesorado desenvolva o seu labor docente nas mellores condicións posibles na situación actual.
Desde a Rede de Formación do Profesorado prestarase o apoio inmediato e continuo ao persoal docente, nas novas necesidades que poida xerar o proceso de ensinanza e aprendizaxe a distancia. Así mesmo poñerán a disposición dos centros educativos os seus recursos, en especial para favorecer a atención ao alumnado máis vulnerable.
Así mesmo, os Equipos de Orientación Específicos (EOE) establecerán canles de comunicación e tomarán a iniciativa cun contacto diario e permanente, para asesorar e apoiar aos departamentos de orientación, coa fin de favorecer a resposta educativa na atención á diversidade do alumnado e o seu benestar emocional .
A Inspección educativa prestará o apoio e asesoramento aos centros educativos no proceso de adaptación das súas programacións didácticas e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa ao alumnado.

EU QUEDO NA CASA

COMO A MAIORÍA DOS NENOS E NENAS

ESTAMOS A FACER ACTIVIDADES NA CASA,

AS VECES SOLOS,

E OUTRAS, ACOMPAÑADOS DE PAPÁ OU MAMÁ

             

              

TAMÉN FACEMOS DEBUXOS 

 

     

  

   

 

RECICLAMOS E CREAMOS,

  

  

 FACEMOS DEBERES,

 

 

  

E SEGUIMOS MEDRANDO!!!!!

TEMPO DE LIBRE CIRCULACIÓN

 

ESTE CURSO A REAPERTURA DA SEGUNDA AULA DE INFANTIL POSIBILITOU O ESTABLECEMENTO DE NOVAS ESTRATEXIAS DE ORGANIZACIÓN ESCOLAR.
XUNTO COS OBRADOIROS DE COCIÑA, SON BO EXEMPLO DELAS OS AMBIENTES DE APRENDIZAXE PARA AS CRIANZAS DE 3, 4 E 5 ANOS PROGRAMADOS NO TEMPO ESCOLAR DE LIBRE CIRCULACIÓN.
VELAÍ ALGUNHAS DAS SESIÓNS

RESUMO DO SEGUNDO TRIMESTRE NA AULA DE INFANTIL DE PAZO

Estimadas familias, ­

Neste mes de abril, o segundo trimestre chegou ao seu fin. Foi un final un tanto estraño debido ás circunstancias que nos está tocando vivir, e o que sen dúbida máis botamos de menos foi non poder despedirnos en persoa uns/unhas dos/as outros/as.

Sabemos que esta situación se está facendo algo longa e pesada, sen embargo cada día que pasa é un día menos para recuperar a normalidade, e a recompensa sen dúbida merecerá a pena, pois cando nos volvamos a reencontrar farémolo con máis ganas, con máis ilusión e con máis bicos e abrazos para dar.

Mentres tanto, gustaríanos compartir convosco algúns deses momentos vividos na aula ao longo do segundo trimestre, e así poder facervos partícipes deles.

Unha vez finalizadas as vacacións de nadal tocou volver á rutina diaria.

 

Así pois durante estes meses seguimos avanzando no proceso da LECTOESCRITURA e no coñecemento das LETRAS e os seus sons, sempre a partir de palabras significativas para nós. Tendo en conta esta premisa levamos a cabo actividades e xogos que nos axudan a interiorizar aspectos como a súa representación gráfica, o seu son, a lonxitude das diferentes palabras, a identificación de letras, compoñer outras palabras partindo das letras iniciais... 

 

               

 

              

 

De igual xeito, tamén continuamos progresando nos conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, experimentando a través de actividades manipulativas e traballando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, a suma... 

 

              

 

 

               

 

             

 

Continuamos tamén co nosos taller de grafomotricidade creativa recordando os TRAZOS horizontais e verticais que xa coñecemos durante o 1º trimestre, e descubrindo outros novos: os circulares. A partir da súa representación decatámonos tamén, que ao igual que os primeiros, son trazos que tamén están presentes en algunhas das letras que coñecemos por exemplo a O, ou nos números por exemplo o 0. Á hora de representalos empregamos diferentes soportes (lousa, papel...), e tamén diferentes materiais (pinceis, témperas, os dedos, rotuladores...).

 

         

 

         

 

        

 

        

 

 Ao par de todo isto, tamén lle dedicamos tempo ao noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se reflicte nas nosas representacións. 

 

 

                                                                       

 

 

Durante o segundo trimestre tamén seguimos experimentado coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén tempo á ROBÓTICA co noso robot DOC, regalo que nos deixaron os Reis Magos para a aula, pois cando o vimos por primeira vez na maleta de xogos viaxeiros da Biblioteca, gustounos tanto que decidimos pedirlle un na nosa carta. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico. 

 

         

 

 

 

Como xa sabedes, tamén seguimos desenvolvendo o Proxecto Documental Integrado (PDI), o cal xira en torno á “gastronomía: cultura, saúde e sustentabilidade”. En relación a isto durante o segundo trimestre estivemos afondando nas receitas. Así pois, para iso comezamos mirando libros de receitas, en concreto un que nos prestou a familia de Elisa e outro a familia de Celia. Neses receitarios vimos unha gran cantidade de receitas e a partires diso, observamos que nese tipo de textos sempre se mantén unha estrutura moi similar (Título, Ingredientes, e Elaboración).  

 

Aproveitando estes exemplos decidimos elaborar un RECEITARIO VIAXEIRO, no que ir incorporando as receitas levadas a cabo na aula nos diferentes talleres de cociña que fixemos, así como tamén as receitas que cada familia decidise facer nas casas e engadila a dito receitario para compartir con todos/as. 

 

 

A primeira receita que incorporamos ao receitario viaxeiro foi a duns riquísimos boliños de pan con chocolate que elaboramos entre todos/as na aula.

 

              

 

              

 

 

 

Por outra parte, tamén reflexionamos acerca da necesidade de aportar o noso gran de area ao coidado do medio ambiente, concretamente en relación á necesidade de contribuír á redución da cantidade de plástico que xeramos diariamente. Así pois observamos que día a día, concretamente á hora das merendas cada un de nós tira diversos plásticos ao colector correspondente. A partires desta observación, falamos se sería posible darlle algún outro uso a eses plásticos, e decidimos aproveitar os botes de bebibles para poder facer con eles unhas maracas. 

 

        

 

 

Neste segundo trimestre, tampouco nos esquecemos de festexar os aniversarios. E co mesmo ritual que iniciamos no 1º trimestre ,“celebración da vida” ao estilo Montessori, fomos sendo partícipes dos cambios de cada un/unha dos/as nenos/as que cumpriron un ano máis.

 

        

        

 

 

Tamén conmemoramos datas importantes, como por exemplo o día da PAZ e o día do AMOR, a partires das cales nos recordamos a importancia de certos valores no noso día a día para vivir en harmonía e demostrándonos o importantes que somos os/as uns/unhas para aos outros/as.

 

         

 

 

            

 

 

 

Outros días que tamén o pasamos en grande foron aqueles nos que compartimos momentos co resto das escolas do CRA. 

 

Así pois, unha desas xuntanzas, foi a celebración do Entroido na escola de Capela, na que pasamos unha xornada moi animada, cantando, recorrendo a aldea, e posteriormente degustando doces típicos aportados polas familias. 

 

       

 

 

 

 E outra das xuntanzas, foi a saída que tivemos ao Auditorio de Santiago de Compostela para participar no concerto didáctico “De aquí para alá”, interpretado por Lydia Botana, no que o pasamos xenial!

 

 

         

 

 

Como podedes ver, ao longo do 2º trimestre pasamos moi bos momentos xuntos. Esperamos e desexamos retomar a normalidade canto antes para poder seguir compartindo moitos outros momentos.

 

 

Todo vai saír ben, e pronto volveremos a vernos!

 

As nenas e nenos da Escola Rosalía de Castro pídennos que quedemos na casa

As nenas e nenos da Escola Rosalía de Castro (Cruceiro), as profes e as mamás, elaboraron este fermoso e simpático traballo.

Tratase dun video realizado dende as casas a partires do conto de Ramón Domínguez Veiga e ilustrado pro Iván R. "#euquedonacasa"

Podedes visualizalo aquí:

 

 

Asociación AVOAR, Educación e cultura comunitaria para o desenvolvemento rural

A asociación AVOAR, na que está integrado o Psicólogo e  veciño de Araño David García Romero tense dirixido ao noso centro para ofertar un servizo gratuito de acompañemento psicopedagóxico.

Na comunicación David dinos:

"Escríbovos posto que como asociación puxemos en marcha a oferta gratuíta de acompañamento psicopedagóxico durante o confinamento, posto que tres de nós somos psicólogas (un psicólogo educativo e dúas psicólogas socias con experiencia no ámbito educativo) e atopamos que a nosa acción de aportación á comunidade como asociación neste tempo, ó non poder facer actividades presenciais, pode ir nesta liña."

Dende o C.R.A. de Rianxo, acollemos con agradecemento a súa oferta solidaria.

 

 

 

Avaliación 2º trimestre

Seguindo as instruccións da Consellería de Educación o profesorado do centro está a realizar as avaliacións correspondentes ao 2º trimestre deste curso.

A comunicación dos resultados das avaliacións ás familias, vai ser a través da aplicación AbalarMobil.

Tedes información neste enlace EspazoAbalar

Prevemos publicar as notas, se nos é posible venres que ven, polo que é moi importante que activides a aplicación AbalarMobil, nos vosos móbiles.

Se tedes algunha dificultades, por favor poñedevos en contacto coas vosas titoras e titores.

O equipo directivo

Rianxo a 1 de Abril de 2020

Instruccións da consellería para utilización aplicación WebEx

COMUNICACION DA CONSELLERÍA CON INSTRUCCIONS PARA USO DA WEBEX

Estimado/a docente:

Está a poñerse á disposición da comunidade educativa un novo servizo de videoconferencia para o ámbito docente.  Dito servizo está dispoñible no enderezo  https://eduxunta.webex.com

No manual, dispoñible no enderezo https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/manual_usuario_webex_2020.pdf, ten toda a información de como obter as credenciais de acceso a dito servizo, como acceder, como iniciar unha videoconferencia con máis usuarios, e como comunicarlle a ditos usuarios as distintas formas de acceso (a través de ordenador persoal ou portátil, a través de dispositivos móbiles, ou mesmo a través da liña telefónica -- só voz).

Este é un servizo de carácter temporal, suxeito as capacidades das redes de comunicación, e que se manterá mentres duren as circunstancias actuais.


Reciba un cordial saúdo,

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Instruccions avaliacion 2º Trimestre e outras

INSTRUCIÓNS DO 27 DE MARZO, DIRIXIDAS ÁS DIRECCIÓNS DOS CENTROS
EDUCATIVOS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO SOBRE A CONCRECIÓN DE MEDIDAS A
ADOPTAR EN RELACIÓN COA AVALIACIÓN DO SEGUNDO TRIMESTRE.
........
Así mesmo, o citado do Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo prevé, entre
outras, a adopción das seguintes medidas no eido educativo:

- O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios
telemáticos accesibles ao seu alumnado actividades xenéricas relacionadas cos
contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e
fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

- Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas as medidas
específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a
continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.
En virtude das disposicións anteriores dítanse as seguintes instrucións:


1. A efectos de dar continuidade no calendario escolar, os centros educativos
procederán a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre. Cada centro,
dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, disporá as medidas precisas para a
súa formalización, na medida do posible, antes do 3 de abril.
2. Non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas
polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma. En
consecuencia, aqueles centros que non teñan formalizado o peche da avaliación do
segundo trimestre procederán a formalizalo co traballo desenvolvido ata dita data.
3. No caso das ensinanzas de formación profesional de grao medio e grao superior na
avaliación parcial de módulos do segundo curso no réxime ordinario o equipo docente
tomará as decisións de acceso do alumnado á FCT e, nos ciclos de grado superior o
módulo de proxecto.

 

TEXTO COMPLETO

Biblioteca de Daniel - Espazo lector

Na nosa fermosa Aula Virtual "A Luzada" abrimos un novo espazo "A Biblioteca de Daniel".

Aquí podedes ver vídeos de contos vosos e contados por vos:

Había unha vella chamada Lucía, O señor mago e a folla, O segredo de Flora, A vacaloura, Saúdos dende Alxeria, O Grúfalo, O Pirata Metepata ...

Non deixedes de visitar na nos aula virtual o espazo "A Biblioteca de Daniel"

MOITAS GRACIAS AS FAMILIAS E ÁS PROFESORAS E PROFESORES POLO ESFORZO CREATIVO TAN GRANDE QUE ESTADES A FACER.

Sorriso Guiño Beso

 

Distribuir contido