RESUMO DO SEGUNDO TRIMESTRE NA AULA DE INFANTIL DE PAZO

Estimadas familias, ­

Neste mes de abril, o segundo trimestre chegou ao seu fin. Foi un final un tanto estraño debido ás circunstancias que nos está tocando vivir, e o que sen dúbida máis botamos de menos foi non poder despedirnos en persoa uns/unhas dos/as outros/as.

Sabemos que esta situación se está facendo algo longa e pesada, sen embargo cada día que pasa é un día menos para recuperar a normalidade, e a recompensa sen dúbida merecerá a pena, pois cando nos volvamos a reencontrar farémolo con máis ganas, con máis ilusión e con máis bicos e abrazos para dar.

Mentres tanto, gustaríanos compartir convosco algúns deses momentos vividos na aula ao longo do segundo trimestre, e así poder facervos partícipes deles.

Unha vez finalizadas as vacacións de nadal tocou volver á rutina diaria.

 

Así pois durante estes meses seguimos avanzando no proceso da LECTOESCRITURA e no coñecemento das LETRAS e os seus sons, sempre a partir de palabras significativas para nós. Tendo en conta esta premisa levamos a cabo actividades e xogos que nos axudan a interiorizar aspectos como a súa representación gráfica, o seu son, a lonxitude das diferentes palabras, a identificación de letras, compoñer outras palabras partindo das letras iniciais... 

 

               

 

              

 

De igual xeito, tamén continuamos progresando nos conceptos LÓXICO-MATEMÁTICOS, experimentando a través de actividades manipulativas e traballando diariamente a serie numérica, o conteo, a correspondencia entre grafía e cantidade, as equivalencias, a suma... 

 

              

 

 

               

 

             

 

Continuamos tamén co nosos taller de grafomotricidade creativa recordando os TRAZOS horizontais e verticais que xa coñecemos durante o 1º trimestre, e descubrindo outros novos: os circulares. A partir da súa representación decatámonos tamén, que ao igual que os primeiros, son trazos que tamén están presentes en algunhas das letras que coñecemos por exemplo a O, ou nos números por exemplo o 0. Á hora de representalos empregamos diferentes soportes (lousa, papel...), e tamén diferentes materiais (pinceis, témperas, os dedos, rotuladores...).

 

         

 

         

 

        

 

        

 

 Ao par de todo isto, tamén lle dedicamos tempo ao noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se reflicte nas nosas representacións. 

 

 

                                                                       

 

 

Durante o segundo trimestre tamén seguimos experimentado coas novas tecnoloxías, e en concreto dedicámoslle tamén tempo á ROBÓTICA co noso robot DOC, regalo que nos deixaron os Reis Magos para a aula, pois cando o vimos por primeira vez na maleta de xogos viaxeiros da Biblioteca, gustounos tanto que decidimos pedirlle un na nosa carta. Así pois, xogando con el interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dun xeito lúdico. 

 

         

 

 

 

Como xa sabedes, tamén seguimos desenvolvendo o Proxecto Documental Integrado (PDI), o cal xira en torno á “gastronomía: cultura, saúde e sustentabilidade”. En relación a isto durante o segundo trimestre estivemos afondando nas receitas. Así pois, para iso comezamos mirando libros de receitas, en concreto un que nos prestou a familia de Elisa e outro a familia de Celia. Neses receitarios vimos unha gran cantidade de receitas e a partires diso, observamos que nese tipo de textos sempre se mantén unha estrutura moi similar (Título, Ingredientes, e Elaboración).  

 

Aproveitando estes exemplos decidimos elaborar un RECEITARIO VIAXEIRO, no que ir incorporando as receitas levadas a cabo na aula nos diferentes talleres de cociña que fixemos, así como tamén as receitas que cada familia decidise facer nas casas e engadila a dito receitario para compartir con todos/as. 

 

 

A primeira receita que incorporamos ao receitario viaxeiro foi a duns riquísimos boliños de pan con chocolate que elaboramos entre todos/as na aula.

 

              

 

              

 

 

 

Por outra parte, tamén reflexionamos acerca da necesidade de aportar o noso gran de area ao coidado do medio ambiente, concretamente en relación á necesidade de contribuír á redución da cantidade de plástico que xeramos diariamente. Así pois observamos que día a día, concretamente á hora das merendas cada un de nós tira diversos plásticos ao colector correspondente. A partires desta observación, falamos se sería posible darlle algún outro uso a eses plásticos, e decidimos aproveitar os botes de bebibles para poder facer con eles unhas maracas. 

 

        

 

 

Neste segundo trimestre, tampouco nos esquecemos de festexar os aniversarios. E co mesmo ritual que iniciamos no 1º trimestre ,“celebración da vida” ao estilo Montessori, fomos sendo partícipes dos cambios de cada un/unha dos/as nenos/as que cumpriron un ano máis.

 

        

        

 

 

Tamén conmemoramos datas importantes, como por exemplo o día da PAZ e o día do AMOR, a partires das cales nos recordamos a importancia de certos valores no noso día a día para vivir en harmonía e demostrándonos o importantes que somos os/as uns/unhas para aos outros/as.

 

         

 

 

            

 

 

 

Outros días que tamén o pasamos en grande foron aqueles nos que compartimos momentos co resto das escolas do CRA. 

 

Así pois, unha desas xuntanzas, foi a celebración do Entroido na escola de Capela, na que pasamos unha xornada moi animada, cantando, recorrendo a aldea, e posteriormente degustando doces típicos aportados polas familias. 

 

       

 

 

 

 E outra das xuntanzas, foi a saída que tivemos ao Auditorio de Santiago de Compostela para participar no concerto didáctico “De aquí para alá”, interpretado por Lydia Botana, no que o pasamos xenial!

 

 

         

 

 

Como podedes ver, ao longo do 2º trimestre pasamos moi bos momentos xuntos. Esperamos e desexamos retomar a normalidade canto antes para poder seguir compartindo moitos outros momentos.

 

 

Todo vai saír ben, e pronto volveremos a vernos!