VISITA DO CRA

O luns, 2 de novembro, as nenas e nenos do C.R.A., xunto as súas mestras, visitaron a nosa biblioteca e fixeron varias actividades. Esperamos que o pasaran estupendamente e queden con ganas de volver.



 

VIDA ACTIVA

Ao longo destas dúas semanas sacamos tempo para saír a correr por fóra, cada quen ao seu ritmo, uns andando e outro correndo. Aquí nos vedes preparados para o inicio.

 

E aquí unha captura do percorrido realizado

  

 

Grazas a todo o alumnado e profesorado de Primaria por estas xornadas deportivas.

6º DE PRIMARIA EN IGUALDADE

 

O alumnado de 6º de primaria realizou un estupendo traballo para conmemorar o 25 N e lembrar a necesidade de loitar contra a violencia de xénero. Aquí queda unha mostra...

TÍRALLE DA LINGUA

O xoves 28 de novembro, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia celebrouse o XVIII certame de relato oral "TÍRALLE DA LINGUA". E quen actuou? Pois as mozas e mozos de 3°ESO, que nos contaron unha historia orixinal, pseudo-auto-biográfica e tráxico-cómica a un tempo, titulada "BIG BANG". Porque se o marabilloso mundo que habitamos naceu do caos e dunha colosal explosión, por que non había ser a caótica clase de 3°ESO a mellor clase do mundo? Historia sensacional, chea de humor do bo e con banda sonora e todo, que nos demostrou que este grupo é un gran grupo que sabe TRABALLAR EN EQUIPO. GHAAAAAS! 
PARABÉNS!

25 DE NOVEMBRO

CANDO UNHA MULLER MORRE VÍTIMA DA VIOLENCIA MACHISTA, COMO SOCIEDADE MORREMOS TO@S.
 
Esta foi a mensaxe e a reflexión que o alumnado e o profesorado de Secundaria quixo trasladar para conmemorar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero. Unha reflexión que tentamos plasmar nun proceso creativo: a construción dunha silueta de muller conformada coas nosas imaxes. Porque no momento en que unha muller é asasinada fracasamos como sociedade e un pouco de nós morre canda ela.
 
 
No Eusebio Lorenzo Baleirón condenamos a violencia e volvemos abrir a porta violeta da Igualdade, que atravesaron tanto o alumnado como o profesorado novos, xunto con algúns /has representantes do Concello; e lemos poemas escritos polo alumnado de 2° ESO sobre o que é vivir "Nunha casa en Igualdade"; e escoitamos as reflexións dos pequechos e pequechas de Primaria sobre a Igualdade que nos deixaron, para que as teñamos ben presentes, colgadiñas no tendal violeta de Rosalía. Tamén escoitamos a Declaración institucional do Concello e todo isto na compaña dos anciáns e anciás do Centro de Día e mais da veciñanza que por aquí se achegou.


 
O 25 de novembro estivemos todos e todas. Agora toca seguirmos TRABALLANDO cada xornada, clase a clase, proxecto a proxecto, TODOS OS DÍAS.

12 NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

Hoxe 12 de novembro día mundial contra a obesidade, tivemos connosco a Óscar e a Jose, director e técnico deportivo da piscina municipal de Rianxo. O alumnado de ESO, 5º e 6º de Primaria asistiu a unha interesante charla sobre hábitos de vida saudables e aspectos como: diferencias entre nutrición e alimentación, concepto de dieta, pautas de alimentación segundo as actividades a desenvolver,  a necesidade de hidratarse, a relación entre nutrición e actividade física, ... conceptos que xa nos soan das clases de CCNN e de E. Física pero que sempre convén lembrar. Tamén nos adiantaron que para a semana que vén levaremos á práctica un circuito saudable diario. Xa nos está tardando!

Mágoa que as dificultades técnicas nos impediran visualizar a presentación que traían preparada, pero o bo facer destes compañeiros deron como resultado unha charla amena e produtiva.

 

A continuación, todo o alumnado do CPI participou nunha actividade organizada polos mesmos monitores dentro do programa MOVE-T:HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES. Os maiores fixemos un circuito que nos fixo reflexionar sobre os contidos da charla e os máis pequenos participamos nunha sesión de movemento con música dirixidos por Carmen.

Velaquí nos tendes en distintos momentos da xornada.

 

 

Agradecemos á piscina municipal de Rianxo a  oferta desta actividade. Estaremos pendentes de novas propostas!

SAÍDA DIDÁCTICA DE 3º E 4º DE PRIMARIA

 

Onte o alumnado de 3 e 4 de Primaria asistimos  Auditorio de Abanca en Santiago a ver GAIA.  Un espectáculo onde a voz e a danza nos achegaron ós coñecementos do medio ambiente dende unha óptica imaxinativa.


DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

O vindeiro martes 12 de novembro lembraremos o día mundial contra a obesidade, unha lacra dos nosos tempos. Por este motivo imos organizar unha actividade saudable en colaboración coa piscina municipal de Rianxo. Lembrade traer roupa e calzado deportivos.

Déixovos un enlace informativo. Tomade nota dos consellos. 

 

UXÍO ABUIN. CONSTANCIA, ESFORZO E SACRIFICIO

Hoxe gozamos coa presenza no noso cole dun dos deportistas máis recoñecidos do noso Concello: o triatleta Uxío Abuin, que ademáis de contarnos a súa traxectoria  e as súas experiencias por todo o mundo falounos tamén dos beneficios da práctica deportiva e animounos a correr, nadar e andar en bici TODOS OS DÍAS!

 

 

Deixámosvos o enlace á súa web onde podedes ver o  palmarés, fotos, videos,... do noso atleta internacional, que leva a Dodro por todo o mundo.

Moitas grazas, Uxío, por acompañarnos e animarnos a practicar deporte.

SAMAGOSTO 2019-2020

 

O martes 29 de outubro celebramos o Samagosto no noso centro. Houbo diversas actividades...

...decoración con cabazos e decoración do patio e ata pócimas realizadas polo profesorado e alumnado de primaria


Tamén desfrutamos da actuación de Raquel Queizás " O Eco das Pedras" coa que algúns alumnos e alumnas quedaron abraiados..

A continuación o alumnado de secundaria participou no desfile concurso "EU PENO QUE NON DOU PENA" no que actuaron como xurado tres das nosas terroríficas profes..

 

 

Os agraciados recibiron un chulísimo agasallo pola súa creatividade á hora de expresar por que penan como almas sen sosego. Foron Álex Seco de 2º B e Naira Ferreirós de 1º

NORABOA AOS DOUS!!

 Unha vez rematado o desfile, pasamos ao patio exterior para degustar castañas que a ANPA se encargou de asar (GRAZAS MIL) e divertirnos cos xogos organizados dende os departamentos de Educación Física de primaria e secundaria

 

E tamén o equipo de biblioteca do centro chiscoulle un ollo ao Samaín  coas súas actividades durante os tempos de lecer.


 GALERÍAS DE FOTOS:

CABAZOS E DECORACIÓN

ACTUACIÓN RAQUEL QUEIZÁS

DESFILE CONCURSO

CASTAÑAS E XOGOS

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet