Informamos que xa está aberto o prazo para solicitar axudas para material (todos os niveis de primaria), adquisición de libros (1º e 2ºEP) e para participar no fondo solidario de libros (3º, 4º, 5º e 6ºEP).
Pódese presentar a solicitude de xeito telemático, na aplicación fondolibros da Xunta ou de xeito presencial. Pódense obter os impresos descargando e imprimindo o arquivo adxunto. En caso de ter dificultade para isto, poderán recollelos na secretaría do centro. Deberán ser entregados no centro antes do 21 de xuño, en horario, de 9:15 a 10:30 no mes de maio e no mes de xuño de 10:15 a 11:30. De non poder entregalos neste horario debe poñerse en contacto co centro no seguinte teléfono: 881880647.
Segundo a Orde do 7 de maio de 2024 as condicións son as seguintes:
Asignación de libros e contía das axudas
A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP que estean dispoñibles no fondo solidario do centro, efectuarase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
Unha vez esgotados os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro docente adquirirá os libros de texto complementarios que sexan necesarios para garantir:
a) Ao alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: seis (6) libros de texto.
b) Ao alumnado con renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: catro (4) libros de texto.
c) Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %: seis (6) libros con independencia da renda.
As contías das axudas para adquirir libros de texto será:
As contías das axudas para adquirir libros de texto será:
a) Para o alumnado de 1º e 2º de EP:
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €.
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000 €:160 €.
c) Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso en que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
Contía de axuda para adquirir material escolar
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75 €.
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60 €.
O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda por importe de 75 € con independencia da renda.
Renda per cápita da unidade familiar
Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2022 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.
A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2022, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (certificado de imputacións).
Membros computables da unidade familiar
Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:
a) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, as persoas titoras do alumnado.
b) Os/as fillos/as menores de idade, con excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar ou preadoptivo legalmente constituído.
c) Os/as fillos/as maiores de idade, discapacitados cando teñan modificada xudicialmente a súa capacidade xurídica mediante a constitución de curatela representativa ou cando estean suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.
d) Os/as fillos/as solteiros menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.
e) As persoas proxenitoras separadas legalmente ou divorciadas con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñen en común.
f) A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación de afectividade análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/a alumno/a, agás nos casos de custodia compartida.
2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior.
3. Non terá a consideración de membro computable:
a) A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación legal ou divorcio, agás no caso de custodia compartida.
b) O agresor nos casos de violencia de xénero.
4. En todo caso, terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar en 31 de decembro de 2022, agás cando unha sentenza de separación ou divorcio posterior a esa data atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, nos casos de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica, e nos casos de falecemento dalgunha das persoas proxenitoras.
Presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED330B-anexos I e II), accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación a presentar
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar.
En caso de separación ou divorcio, ademais, deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
Excepcionalmente, cando a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde ou non sexa posible acreditar a súa composición polos medios anteriores, poderase xustificar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
1º. Certificado ou volante de convivencia.
2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.
d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.
e) Resolución xudicial constitutiva da curatela representativa ou resolución xudicial que estableza a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.
f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.
h) Outra documentación.
Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:
1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2023/24.
A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2024/25.
2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2024/25 e devolvelos ao rematar este.
3. Destinar o vale para libros, única e exclusivamente, a adquirir os libros de texto que teña establecido o centro para o alumnado beneficiario.
4. Destinar o importe do vale para material, única e exclusivamente, a adquirir o material escolar que necesite.
5. Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.