I CERTAME DE POESÍA MATEMÁTICA DO CPI EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN
Este curso, o Departamento de matemáticas, quixo conmemorar o Día das Matemáticas realizando unha actividade interdisciplinar: "Poesía Matemática". Consistiu na elaboración por parte do alumnado de Secundaria de poemas con contido matemático dos que algúns foron seleccionados e lidos para o resto do alumnado.
No ano 2000 (Ano Mundial das Matemáticas) foi instituido o día 12 de maio como Día Escolar das Matemáticas pola Federación Española de Sociedades de Profesores de España . Esta data foi elixida en honor ao profesor Pedro Puig Adam, internacionalmente coñecido no campo do ensino das Matemáticas e que tivo entre os seus alumnos ao rei emérito Juan Carlos I , ao seu pai Juan de Borbón e ao seu irmán Alfonso.
As poesías máis destacadas de cada curso foron as seguintes:
1º ESO: Manuel Pimentel, Luis Pérez e Brais Magán
2º ESO: Carolina Calvo, Iván Fuentes
3ºESO: Alejandra Clavo, María Rial, David García e Pablo Pérez
4º ESO: Xiana Collazo e Jennifer Varela
Noraboa a todos pola vosa aportación ao campo da poesía e moitas grazas!
NON PERTENCE A R
A nosa relación
carece de módulo,
dirección ou sentido.
Os días xuntos
non pertencen a R,
ó igual que as nosas promesas.
Porque aínda que ó unir as coordenadas
dos teus vértices,
as rectas perpendiculares
secantes
e cortantes
dos ángulos do teu nariz;
e dos eixes e parábolas dos teus beizos
aparezan os nosos nomes no ceo…
Coma unha raíz cadrada negativa,
ecuación continua
con cero no denominador:
é EVITABLE.
Quero ver un paralelo entre
a nosa infinita descontinuidade
e o noso amor.
Semella unha proporcionalidade indirecta:
cantos máis somos, máis baixa.
Oxalá volver ós comezos,
con menos incógnitas,
pero máis dúbidas,
desas simples de resolver de cabeza.
Das de:
dous e dous
son catro e
catro e dous:
seis.
Porque como sigamos así,
non nos vamos querer ver.
(Xiana Collazo 4º ESO)
Nos enlaces tedes unha mostra das fotos tomadas no momento da lectura e dos poemas seleccionados: